Onte 960: Tobaruela e os heterónimos

BmZ59IzIMAA2g2_

Presentamos no serán de onte na Feira do Libro de Compostela Vapor, a novela coa que Pere Tobaruela desvela o seu heterónimo feminino de Lea Tobery. Un xogo literario, iniciado coa publicación da novela Resurrección, de quen a presentadora, a escritora Ledicia Costas, definiu con ironía como «un mentireiro divertido, que gusta de engaiolar ao público, un ousado e un farsante, que xoga coa literatura para seducir aos seus lectores e lectoras».

A coidada construción do heterónimo de Lea Tobery obrigou a Tobaruela a dotalo tanto de personalidade (unha xove escritora estadounidense casada cun axente literario, contadora de fenómenos paranormais e lectora letraferida) como de singularidade literaria e estilística, especializándoa en novelas xuvenís románticas, relatos onde se poñen en xogo moitas emocións, viaxes cara a fronteira existente entre o real e o irreal. O propio Tobaruela confesou na presentación que quixo que a farsa fose auténtica e que, como fixera Fernando Pessoa cos seus heterónominos, cando escribía como Lea Tobery pretendía afastarse estilisticamente o máis posible de cando escribía como Pere Tobaruela en novelas como Poñente ou O códice do Santo Lugar.

Na actualidade dous dos casos máis salientables de utilización do xogo do heterónimo literario son o do escritor irlándés John Banville, que asina as súas novelas de xénero negro como Benjamin Black, e o do arxelino Mohammed Moulessehoul, que despois de publicar seis novelas co seu nome real decidiu refuxirase no heterónimo feminino Yasmina Khadra (xazmín verde). Na literatura galega son ben coñecidos os heterónimos de Ferrín (Dosinda Areses, Heriberto Bens), Paco del Riego (Salvador de Lorenzana) ou Celso Emilio Ferreiro (Arístides Silveira), por só citar algúns.

Onte 959: Máis sobre a Xeración da Esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.

Reimprímete

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de hibridación do sector do libro, ao fío da celebración do foro Reimprímete.

Con motivo do Día do Libro, o pasado 23 de abril vinte organizacións empresariais e profesionais relacionadas co sector do libro e do produto gráfico celebraron en Compostela o foro Reimprímete. Editores, libreiros, impresores, escritores, xornalistas, ilustradores, tradutores, deseñadores, críticos literarios, publicitarios, marquetinianos, papeleiros, bibliotecarios pertencentes a 500 empresas ou representando a 1.300 profesionais independentes reclamaron con espírito mancomunado a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro e do produto gráfico en Galicia, tal como aparece recollido na vixente Lei do libro e da lectura de Galicia de 27 de decembro de 2006. Como salientou a escritora Rosa Aneiros, autora do manifesto “Se non hai vento, vogar”, un chamamento apoiado por todos os participantes no foro, “no actual proceso de hibridación da comunicación as pantallas convertéronse nun recurso importante, porén o libro impreso continúa sendo garante do acceso á educación e á cultura, ademais dun elemento fundamental da economía da nosa cultura”.

En diversas intervencións no foro púxose de manifesto que a esta altura da hibridación a cultura dixital nin pode nin debe substituír á impresa. Os produtos impresos e dixitais deben convivir no mercado de distribución cultural, asumindo que este é un proceso de mudanza, polo tanto caracterizado pola incerteza e a fraxilidade, onde vai ser tan necesaria a intensa visibilización social do libro e dos produtos impresos coma unha ampla alfabetización informacional cidadá dirixida a todos os sectores xeracionais. En ambos os dous casos será esencial o papel das políticas públicas de lectura sexan as desenvolvidos no sistema educativo e na rede bibliotecaria pública coma as dirixidas ao sector empresarial do libro, garantindo así a equidade, pluralidade e permanencia no acceso de toda a cidadanía aos produtos culturais impresos e dixitais. Evitaríanse así ás situacións de exclusión dixital e a desaparición en Galicia do sector empresarial do libro e do produto gráfico que, a pesar dunha perda brutal do 40 % do emprego nos últimos cinco anos, mantén milleiros de postos de traballos cualificados.

Xaora, unha das maiores preocupacións nas intervencións dos participantes do foro foi a relativa a como afectará o proceso de hibridación no eido do libro de texto, unha actividade que en Galicia supón case a metade dos exemplares fabricados e da facturación do sector. É un feito indiscutible, madia leva!, que ningún dos profesionais do sector do libro educativo puxo en cuestión a necesidade de utilización nas aulas de recursos (encerados dixitais, computadoras, taboíñas ou e-readers) e contidos de aprendizaxe dixitais nin da existencia de entornos virtuais de aprendizaxe nin da importancia do desenvolvemento da competencia dixital con carácter transversal en todas as etapas e áreas educativas. Os editores son conscientes da súa utilidade e da axuda que achegan ao profesorado e alumnado no traballo de aula.

Outra cousa ben diferente é a pretensión do actual Goberno Galego de experimentar un plan de educación dixital completa, no que se prescinde dos libros impresos, anunciado para o vindeiro curso escolar con alardes preelectorais polo presidente da Xunta de Galicia. Un modelo didáctico sen libros impresos, que obrigará ao alumnado de quinto de primaria a utilizar durante toda a xornada escolar un ultraportátil cunha pantalla de 10´1 pulgadas e ao profesorado un contido dixital redistribuído e aloxado nos servidores do seu centro. Un modelo sen precedentes en sistema educativo ningún do noso entorno, baseado na falacia de identificar a innovación e calidade educativas coa utilización exclusiva das tecnoloxías dixitais (e do inglés como lingua vehicular).

Mais por moito que o Goberno Galego pretenda intervir no eido dos materiais curriculares, cuxa elección é unha competencia do profesorado ao abeiro da súa liberdade de cátedra, os recursos didácticos dixitais nin son máis económicos ca os impresos nin da noite para a mañán van contar con idéntica calidade, diversidade e axeitamento ao currículum propio nin o seu emprego vai supoñer a redución das taxas de fracaso e abandono. A este teor –preguntábase Rosa Aneiros no seu chamamento– se sería posible amar a lectura, se os libros impresos fican ausentes da nosa aprendizaxe escolar? Seremos os galegos os que atopemos a chave das noces da educación híbrida actual sendo os primeiros en expulsar os libros impresos das nosas aulas e escolas, cando sistemas educativos moito máis eficientes e inclusivos ca o noso, como é o caso do de Finlandia, manteñen na hibridación a preeminencia dos recursos didácticos impresos? Non merecería isto un trasacordo?

Onte 958: Detrás de PISA

colegio-de-finlandiaGrazas a un chío do profesor Xosé Antonio Fraga lin onte unha reportaxe sobre o informe PISA, unha desas pezas xornalísticas que non deben pasar desapercibidas. É clarificador como se relata o proceso que levou a unhas probas nacidas en 2000 como ferramenta para diagnosticar fortalezas e feblezas dos sistemas educativos da OCDE a converterse nun importante negocio xestionado polo grupo Pearson, responsable de confeccionalas e do deseño da súa plataforma dixital, coa intención de integrar a educación no chamado «big data».

Tras PISA emerxe a industria dos exames e das probas externas que clasificarán a centros educativos e países en diversas ligas educativas. Abonda con reparar na LOMCE, esa lei que agora nin os seus responsables queren poñer en marcha, para comprobar como nas reválidas reside a cerna que permitirá recentralizar o sistema e homoxeneizar os currículums de aula. En definitiva, unha obsesión xerarquizadora convertida en negocio. Recomendo a lectura atenta deste artigo que axuda a relativizar a importancia desproporcionada que seu deu a PISA para xustificar algúns dos contidos máis regresivos da LOMCE.

Onte 957: Máis libros do ano

Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!

Onte 956: «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha»

XG001541_o_gabinete_das_marabillas_CUB.inddMemorable foi a presentación de onte na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo d’ O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte, o libro de Irene e Rodrigo Pérez Pintos. Cento e moitas persoas seguiron as intervencións de Pablo Carrera, Pilar Barreiro e os autores sobre un libro tan singular na edición galega coma fermoso e atractivo.

Pablo Carrera disertou sobre os gabinetes de curiosidades e o papel do coleccionismo privado de láminas, gravados, bestiarios, obxectos exóticos e raros, marabillas que derón pé ao asombro da xente, sendo en moitos casos a orixe dalgúns dos grandes museos do século XX. Pilar Barreiro relatou con moito pulo narrativo como atopou información sobre Arxentino da Rocha, o protagonista do libro, cando na súa viaxe a Iquitos no Perú procuraba datos sobre a estancia alí do seu avó emigrante Wenceslao Barreiro.

Por último, Irene Pérez Pintos presentou os contidos do libro, no que identificou catro partes: a incrible biografía de Arxentino, o ensaio sobre o gabinete de curiosidades, o inventario de 622 do gabinete argallado por Arxentino e as fichas catalográficas máis destacadas do inventario, nas que hai unha forte presenza visual. Rematamos a presentación cantando o «Grándola» e curioseando entre as vitrinas e mesas nas que até o vindeiro martes se expoñen unha boa parte das pezas e obxectos imposibles catalogadas no  libro.

Sen dúbida este libro marabilla e sorpresa –ilustrado por Ramón Trigo e polo fotógrafo Manuel Vicente, mimado na edición por Ramón Domínguez– está chamado a converterse nun referente do noso catálogo e das bibliotecas públicas, escolares e familiares. Como dixo Irene Pérez Pintos «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte é un libro para ler e para ir lendo, para mirar os santos e a letra». Aventuro que será un deses títulos polos que o tempo non vai pasar por eles, un libro arca, chamado a perdurar.

Onte 955: «A viaxe de Gagarin»

XG00201101Chegaron onte os primeiros exemplares d’ A viaxe de Gagarin, a nova novela de Agustín Fernández Paz que publicamos en Xerais Narrativa. Xaora, Agustín abriu o Blog Gagarin coa intención de compartir cos lectores e lectoras da novela a rica e amplísima documentación (textual e audiovisual) utilizada na súa escrita. Sen dúbida, este blog constituirá un interesantísimo espazo de edición estendida, como ben se pode comprobar coa primeira das súas entradas dedicadas ao inicio da carreira espacial, no que quedará reflectido o campo sociohistórico sobre o que se sitúa a novela.

A viaxe de Gagarin é unha novela de formación que retrata o proceso de transición dun adolescente, fillo dunha familia antifranquista vencellada co mundo do libro (o seu pai é impresor, a súa nai libreira), no contexto da sociedade galega dos sesenta, anos aínda da ditadura de Franco, de represión e loita das liberdades, mais tamén de comezo da era espacial e da modernización das tecnoloxías domésticas, onde se produciron e xeraron cambios decisivos. Unha novela tamén da memoria na que se homenaxea a toda unha xeración de militantes antifranquista, que sufriron a persecución e a tortura da Brigada Política Social, enfróntándose aos procesos do TOP.

Sei que A viaxe de Gagarin é outra obra lograda, memorable e emocionante, dun mestre indiscutible da nosa narrativa. Non podo agochar a miña ledicia en podermos acompañar dende a editorial a Agustín neste novidoso, cremos tamén que inédito vieiro, do lanzamento dunha novela coa escrita dun blog no que se debulla e comparte a documentación do contexto e da ambientación. Pura edición estendida e compartida cos lectores e lectoras, xenuina narrativa 2.0.

 

Onte 954: Se non hai vento, vogar

Constitucion Foro Reimprimete

Excelente resultou a iniciativa do Fóro Reimprímete, coa que onte vinte organizacións empresariais e profesionais relacionados co sector do libro e a cultura gráfica celebramos en Compostela o Día do Libro. Con espírito mancomunado e corresponsable reclamamos no actual proceso de hibridación da comunicación cultural e educativa a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro e do produto gráfico en Galicia. Foi o magnifico manifesto «Se non hai vento, vogar», escrito pola escritora Rosa Aneiros, o texto que acrisola o espírito proactivo dunha plataforma con vontade de consolidarse que representa a 500 empresas e a 1.300 profesionais independentes. A pesar das dificultades inevitables do proceso de mudanza e de poderosos obstáculos, o sector do libro e do produto gráfico en Galicia ten futuro.

Onte 953: Día da Terra

100145_159379

Éche unha coincidencia para pensar moito sobre ela, que antes do Día do libro celebrásemos onte o «Día da Terra», unha oportunidade para alertar e tomar conciencia sobre a crítica situación medioambiental do Planeta. Abraioume unha anotación do blog de Greenpeace España sobre o proceso de mudanza (por agora inevitable) da península ibérica cara un clima extremo, exemplificado por medio de varias fotografías simuladas, como esa espectacular da praia da Concha asolagando a cidade. Impresiona que a casa do concello, o bulevar, o barrio vello ou o Kursaal quedasen entre as augas, transformando a bela Donostia nunha decadente Venecia cantábrica. Segundo Greenpeace este sería apenas un efecto do cambio climático e do desxeo do Ártico; un fenómeno moi inquedante, que podería provocar que o mar invadise até 700 metros da nosa beiramar, xa que segundo estimacións dos seus expertos cada aumento dun centímetro do nivel do mar equivale á perda dun metro de praia. Unha desas profecías terribles, desacougantes para nós, máis que serían fatais para os nosos netos ou bisnetos (de os houber). É moi difícil quedar indiferentes.

Onte 952: Xeración da esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Na excelente críticaOs santos nunca dormen, a primeira novela en Xerais Narrativa de Teresa González Costa, o incansable Manuel Rodríguez Alonso adscribe á autora do Grove no que denomina »Xeración do novo século». Máis alá da inevitable polémica xeracional, o de MAR paréceme un sintagma axeitado para chamar a atención sobre un gran grupo de narradoras e narradores que petan con moita forza nos catálogos da literatura galega actual, chamado a enlazar coa «Xeración dos noventa», aquela encabezada por Manuel Rivas e Suso de Toro, entre outros.

A esta »Xeración do novo século» pertencerían narradoras como Teresa González Costa, Ledicia Costas, Iolanda Zúñiga, María LorenzoBerta Dávila, Andrea Maceiras, María Reimóndez, Rosa Aneiros, Iria López Teixeiro, Sabela González, María Canosa ou Inma López Silva; como tamén Pedro Feijoo, Mario Regueira, Alberto Ramos, Diego Ameixeiras, Santiago LopoRoque Cameselle, Samuel Solleiro, Alberto Lema, David Pobra, Antonio Fraga, Alberto Momán, Xosé Díaz, entre outros.

Autoras e autores menores de corenta anos, nacidos a finais da década dos setenta e ao longo da dos oitenta, alfabetizados en galego xa dende o berce da escola primaria, que dende diversas opcións estilísticas e subxéneros abordan a narrativa galega dende unha óptica normalizada e en diálogo co seu tempo. Eis a nosa «Xeración da esperanza».