Onte 722: A millonada de Bale

Rin un pedazo coa páxina de The Guardian na que se pregunta como se podería gastar en España a millonada (85 millóns de libras, cen millóns de euros) que pagou Florentino por Gareth Bale. Utilizando diversas comparacións, o texto facilita a comprensión do que a todas luces semella un caprichoso disparate en termos económicos e sociais do fachendoso empresario do grupo ACS. Cen millóns de euros equivalentes a 25 millóns de tapas de patacas bravas, todo un referente para os millóns de turistas británicos que nos visitan. Máis tamén, unha millonada que supón o salario mínimo anual de once mil traballadores dun estado con seis millóns de persoas desempregadas; un 0,1% da cantidade do rescate público dos bancos e caixas españois ou o equivalente a cantidade que en 2011 o Goberno de Zapatero destinou para axudas «a cultura, lecer e relixión (imaxino que nesta cifra non computa as entregadas á igrexa católica)».

As irónicas comparacións do xornal «laborista», unhas máis afortunadas e documentadas ca outras, expresan entre liñas a necesidade de reconversión do sector do fútbol profesional español. Un formidable tinglado sostido con respiración asistida pola burbulla dos dereitos televisivos e pola tolerancia infinita da Axencia Tributaria e da Seguridade Social coas que os clubes manteñen unha débeda de 524 millóns de euros, na que non se contabiliza a daqueles catro (entre eles o Madrid e o Barcelona) que non se converteron en Sociedades Anónimas Deportivas, de cuxas cifras a administración do estado non ofrece información. Unha millonada á que habería que engadir os case 900 millóns de euros de débeda que os clubes manteñen coas entidades de crédito, algunhas hoxe en mans públicas como Bankia ou Novagalicia. Estas empresas futbolísticas privadas teñen a fortuna de recibir tanto dos bancos como do Goberno un trato extraordinariamente comprensivo e deferente, o que como todos sabemos non sucede con outros sectores industriais e dos servizos nestes tempos de grandes sacrificios, a maior parte a costa da clase traballadora. E se dubidamos deste trato de favor que recibe o fútbol profesional, abonda con ler un artigo moi esclarecedor do economista da Universidade de Vigo Santiago Lago no que se estima que a débeda dos clubes de fútbol só co Estado (eses máis de 500 millóns) é equivalente aos recortes que no ano 2012 se realizaron nas políticas públicas de I+D. Aí queda outra comparación para reflexionar.

O fútbol profesional español precisa un saneamento total. Urxe desatoar as cloacas dos amaños de partidos (outra das formas da corrupción), mais tamén obrigar a todos os clubes a respectar idénticas regras societarias, desde o cumprimento das súas obrigas tributarias, pasando polo establecemento de topes salariais á fiscalización das súas contas. Medidas que, non hai outro remedio, levarían ao severo enmagrecemento que xa padecen os clubes en concurso de acredores (pasoulle primeiro ao Celta durante o seu calvario, sucédelle agora co seu ao Deportivo). Mais serían medidas que a longo prazo redundarían en facer a competición (sobre todo a da primeira división) máis igualada, equitativa e emocionante para as afeccións. Coa ostentosa fichaxe do dianteiro galés, só se incrementa a velocidade dunha carreira cara ningures. Cantas tapas de patacas bravas custará cada un dos goles futuros de Bale?  A cantos postos de traballo con salario mínimo equivalerán cada unha das súas asistencias a Cristiano Ronaldo? Cantos libros se poderían mercar para as bibliotecas públicas con cada unha das súas veloces galopadas?

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 721: Carta de Tolkien ao editor Waldman

Agustín Fernández Paz chiounos onte os corenta anos do pasamento de J.R.R.Tolkien. Un xeito de salientar a vixencia dun autor xenial e duha obra fulcral na literatura do século XX, capaz de superar as fronteiras do xénero da fantasía na que inicialmente foi adscrita. Entre as referencias que lin na rede con motivo deste aniversario, gustei da publicada por L’Express que recolle un fragmento da carta que Tolkien escribiu en 1951 ao editor Milton Waldman, tres anos antes de iniciar a publicación d’ O señor dos aneis. Unha carta esencial na que o autor presenta ao editor un resume do mundo que desenvolverá na triloxía, ao que con ironía se refire como «quizais todo o que necesita ou para o cal ten tempo ou dispoñibilidade» (ben sabía Tolkien o apretados que andamos os editores nas cuestións de lectura). Un texto, ademais, no que presenta a súa poética, sobre todo no que atinxe ás relacións entre o conto, mito e a lenda heroica. Como tampouco esquece relatar ao editor o proceso de xestación do conxunto do texto. Nesta carta é onde aparece a famosa referencia ao Hobbit (1937): «ten en si mesmo moito máis vida esencial, foi concibido de forma independente; non sabía cando empecei, que pertencía ao conxunto fundamental». Só por ler esta carta ao editor, ben paga a pena este aniversario.

Arde Galicia

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a vaga recente de incendios forestais e a súa saída política.

Dos Ancares ao Baixo Miño, de Monterrei ao Barbanza, do concello de Navia de Suarna ao do Rosal, de Ourense a Compostela, de Xinzo a Cotobade, de Cualedro a Boiro, de Lousame ás Neves, de Nogueira de Ramuín a Ribeira, do río Miño ao Xallas, do Sil ao Tambre, da Galicia da montaña á da beiramar, da atlántica á cantábrica, outra volta arde Galicia.

Durante as últimas semanas de agosto, coincidindo coas temperaturas por riba dos 30 graos, a humidade por baixo do 30% e soprando o vento do nordés a máis de 30 km/h repetiuse o temible “triángulo dos 30” que provocara aqueloutra vaga de incendios forestais de 2006 que arrasara segundo datos do CSIC case 92.000 hectáreas. As lapas con inusitada violencia volveron invadir os nosos montes. O lume arruinou outra parte do noso patrimonio natural e histórico, ademais de provocar considerables perdas económicas para as comunidades de montes que os padeceron. Os datos non poden ser máis esclarecedores. En apenas dez días o lume arrasou 6.000 hectáreas (o 75% da superficie perdida ao longo dun ano iniciado cun inverno e unha primavera húmidos) en sete incendios declarados de nivel 1, os de máximo perigo pola súa proximidade a zonas habitadas ou semiurbanas, como os que afectaron a Velle e A Lonia, na proximidade de Ourense ou o rexistrado no polígono industrial do Xarás de Ribeira. Lumes devastadores como os de Oia (1.850 hectáreas calcinadas) ou Cualedro (máis de dúas mil), que afectaron a terreos forestais, mais tamén a eidos agrícolas e a espazos patrimoniais, como a emblemática rota dos muíños do Folón das parroquias de Martín e Fornelos, ou ao petróglifo das Portaxes, no Monte Tetón en Tomiño, que garda o gravado rupestre de círculos concéntricos máis grande de Europa. Lumes que obrigaron a centos de persoas a desaloxar as súas casas e eidos e as veciñanzas a axudar a combater o lume o mellor que puideron en interminables noites coa alma nun fío. Lumes que puxeron a proba durante moitas horas aos cadros de persoal dos dispositivos de extinción, mais tamén que supuxeron a factura elevadísima que conleva o despregue dos seus medios aéreos e terrestres de extinción. Aínda que semelle melindroso repetilo, cando arde o monte perdemos todos e moito.

Diante da impotencia provocada por semellante lacra, arrastrada dende hai décadas, cómpre atopar as razóns que expliquen que non exista aínda unha estratexia compartida por toda a sociedade galega para erradicala de vez, asumida dende as súas elites políticas até a veciñanza de cada unha das parroquias e recantos do país. Cómpre preguntarse se é  inevitable que, ano tras ano, arda o monte en Galicia con semellante fereza? É posible rebelarse contra ese fatalismo paralizante que asume que cada certo tempo os galegos padeceremos unha cota máis de “catástrofe” (en forma de nova marea negra ou incendiaria) até a destrución total do país de noso?

Non son só “tolos pirómanos” e o temible “triángulo dos 30 (temperatura, humidade e nordés)” os únicos responsables desta nova vaga de incendios. As políticas forestais e agrarias, a actual despoboación do medio rural, así como os modelos de prevención e extinción utilizados, teñen tamén o seu peso e importancia nesta desfeita. Máis en concreto, as mudanzas establecidas este ano pola Consellaría de Medio Rural no seu Plan de defensa contra os incendios forestais, que recupera o papel das brigadas municipais (desprofesionalizadas e reclutadas con discrecionalidade polos concellos) e pon en marcha os grupos de emerxencia supramunicipais, semella que están provocando múltiples problemas de descoordinación e fragmentación no dispositivo, denunciados polos sindicatos. Como tampouco axudou moito nas tarefas de combate co lume a diminución drástica do cadro de persoal de Seaga, a empresa pública de servizos agrarios, afectada tamén polos recurtes.

A existencia dun trama incendiaria organizada debe ser desbotada, a pesar de ser citada decote tanto polo actual delegado do Goberno como polo presidente Feijóo, a quen é inevitable lembrar en 2006 fotografado coa mangueira de xardín na man empregando os incendios como parte da súa mercadotecnia electoral. As investigacións independentes amosan que nun 90% a orixe dos lumes radica na acción humana, arraizada na cultura forestal do sistema agrario tradicional de Galicia. Un problema moi complexo, con profundas raíces sociais, que non admite simplificacións nin solucións milagreiras. Razón pola que o monte (como todo o o medio rural por extensión) necesita respostas políticas a longo prazo, que vaian máis alá dos custosos programas de extinción (cen millóns de euros por ano), que comezan a estar xa en mans privadas. Incidir cada vez máis nas medidas orientadas á prevención e á sostibilidade das actividades agrarias semella o camiño imprescindible para evitar que Galicia continúe ardendo.

Onte 720: A canella siria

Obama gañou un pouco máis de tempo solicitando aprobación do Congreso para o lanzamento de mísiles contra a Siria. Porén, o presidente estadounidense esta parado nunha canella sen aparente saída xa que, como sinala atinadamente Yashmina Shawki, sabe que esta intervención correctiva non derrocaría nin enfeblecería realmente ao réxime de Bachar, nin axudaría aos rebeldes, «só agravaría a situación da poboación civil». Hai indicios que amosan que Obama preferiría non facela, xa que comprende que se decide atacar sería anticipar «o final da súa carreira política». Ademais, as chamadas vías diplomáticas e a intermediación da ONU, polo momento, semellan ser ineficaces para procurar unha saída pola vía da negociación. En definitiva, para evitar a guerra, e as súas imprevisibles consecuencias, todo parece depender nestas horas da consistencia psicolóxica do actual presidente estadounidense para aguantar as presións belicistas do que algún analista islámico denominou como a «burocracia internacional» vinculada ao FMI. Hai realmente algunha oportunidade para a paz como solicita Francisco? Sendo así de difíciles as cousas, que esperanzas poden ter os millóns de refuxiados sirios para saír da súa canella?

Onte 719: Revistas en papel

Ademais das publicacións dixitais, leo cada vez máis máis revistas en papel. Ademais das publicadas en galego (Sermos Galiza, Tempos novos, Grial, A Trabe de Ouro e Festa da palabra silenciada) e das vinculadas coa miña actividade profesional (Trama y texturas, Cuadernos de Pedagogía, Revista galega de educación, Clij e Que leer) das que son suscritor, sigo no quiosco co maior interese Panenka (para min a mellor das de fútbol que coñezo), Jot down, Tinta libre e mesmo en contadas ocasións Mongolia ou algunhas das publicacións de cine. Neste proceso de tránsito da comunicación cultural a hibridación (a convivencia dos produtos presentados en diversos formatos e soportes) tamén afecta ás publicacións periódicas (como á prensa diaria e á edición de libros). Non e casual que o agromar destas revistas sempre estea vinculado ao coidado do deseño visual e tipográfico, así como á escolla duns contidos concibidos para unha lectura reflexiva e acougada. Non descarto que a crise das grandes empresas de comunicación ofrecesen unha oportunidade, un oquiño para estes produtos de lectura perdurable que reivindican o xornalismo especializado e de calidade. Neste contexto renace o ilusionante proxecto mensual de Luzes de Galiza que, polo que puidemos comprobar pola lectura demorada do seu magnífico borrador do número cero, comparte idéntica vontade de anovación xornalística e de hibridación comunicacional, ofrecendo os contidos tanto en formato papel como dixital para taboíñas e diversos dispositivos móbiles de lectura. A pesar das profecías sempre interesadas dos gurús dixitais, a comunicación actual caracterízase por esta hibridación dos soportes e formatos, a que cualificamos outras vces como «edición estendida». No espazo comunicacional galego, onde conviven soportes impresos e electrónicos, hai un espazo para a edición e a lectura de revistas en papel. Convén non esquecelo.

Campo do Fragoso CXL

CELTA NOVO

Tras os tres primeiros partidos, o equipo de Luis Enrique superou as mellores expectativas tanto no que atinxe á puntuación acadada como á calidade do seu xogo. A pesar de que non conseguiu aínda unha vitoria como local, continúa invicto e cunha clasificación temperada (5 puntos de 9 posibles), un balance positivo e esperanzador. En Balaídos, tanto na lameira como nas bancadas, vívese a ledicia dun Celta novo, tras unha anovación tanto do cadro de xogadores, cunha media de idade por baixo dos vinte e tres anos, como da propia afección, onde colleu un peso decisivo a nova mocidade celtista que sabe ben como facerse notar. A aposta pola canteira nosa, reforzada por varias promesas foráneas e un par de veteranos solventes, constitúe a fórmula coa que o Celta pretende manter a categoría con menos agobios ca tempada anterior.

Destes tres partidos, o que máis me gustou foi o de onte fronte ao Granada. A sanción de Oubiña obrigou a Luis Enrique a amosar o xogo do fútbol vintage no que cre, un fútbol setenteiro. Velocidade, compromiso físico, saída ordenada do balón e unha forte disciplina táctica nun esquema xenuinamente atacante. Arriscou o asturiano, amosando que non se vai casar con ninguén, deixando no banco a Krohn e a Cabral. Mudou toda a medula de centrais e medios, facendo debutar a David Costas e a Jon Aurtenetxe, colocando a Fontás entre eles dous, como eixo. Apostou por concederlle a Rafinha unha hora de xogo como un 10 clásico (esa rara estirpe de Zidanes, Riquelemes ou Iniestas), ese tipo de xogador de fantasía único, ás veces intermitente, discontinuo mais capaz de decidir os encontros, levando ao equipo onde el quere e ao balón ao ritmo que el decide. Apostou tamén Luis Enrique por ofrecer maior liberdade e espazos para o outro interior, Álex López, onte o mellor xogador sobre a lameira, ferrolán tamén como o mítico Juan dos setenta, capaz de xutar, canear, recuperar, distribuír e participar nas axudas. Como arriscou o adestrador teimando na súa aposta pola reconversión de Toni nun lateral, case un extremo, o que lle dá unha gran profundidade a toda a banda esquerda. E polo visto na lameira, as apostas do adestrador foron certeiras e, a pesar da fraxilidade defensiva, teñen futuro de seu.

Fixo o Celta unha excelente primeira hora, na que puido (e mereceu) liquidar o partido cun marcador avultado. A superioridade foi nalgúns momentos asoballante. Rafinha marcou a media hora de xogo, tras unha boa acción de conxunto, froito dunha recuperación na área pequena sobre a banda dereita, dende alí un pase da morte de Augusto e un remate a porta baleira do interior brasilego. Catro minutos despois un pexegazo de Álex foi á base do pau, tras unha gran contra levada por Charles e xerada nunha anticipación de Rafinha. No primeiro cuarto de hora da reanudación, Charles dispuxo de até tres oportunidades, mais non era este un serán goleiro para o brasileiro. Tampouco tivo sorte Álex cando volveu intentalo dende a frontal enviando o seu cacheirón ao longueiro. Infelizmente, como é adoito nestes casos, o Granada empatou. Como sucedera na primeira xornada co Espanyol, os andaluces aproveitaron a febleza celeste pola banda esquerda e Piti rematou un grande centro do colombiano Ángulo. Con media hora por diante, o Celta procurou a vitoria, mais non soubo recompoñer o debuxo, perdera a fluidez e a facilidade asombrosa coa que os xogadores se atopaban nos primeiros minutos. Nin sequera a entrada de Krohn facilitou atopar algunha fenda na muralla que dispuxo Lucas Alcaraz. O empate resultou así escaso para os merecementos dunha hora de excelente fútbol. Onte faltou a fortuna que abondou fronte a Betis.