Onte 739: Un privilexio real

El-Rei será operado na clínica privada Quirón polo doutor Miguel Cabanela, eminencia galega en cirurxía de cadeira que virá expresamente dos Estados Unidos. Unha vez máis Juan Carlos renuncia a utilizar o sistema sanitario público, o que volve constituír un comportamento pouco solidario co resto da cidadanía usuaria deste servizo público esencial, alén da escasa consideración que implicitamente supón dos profesionais da sanidade española. Imaxino que, polo menos, iso conlevará que será o propio monarca quen se faga cargo da factura da intervención e dos gastos de hospitalización e rehabilitación posteriores. Un máis ca exixible exercicio de transparencia. Non obstante, esta intervención privada constitúe un privilexio real que para así quixeran os pensionistas da súa idade que non teñen outra opción que agardar meses e meses para ser operados nos hospitais públicos dun xeonllo ou dunha cadeira. Non é novidade ningunha afirmar que hai tempo que Juan Carlos de Borbón e a súa familia perderon a simpatía da opìnión pública, esa aura que os facía intocables e incuestionables. Como sinalou con certa retranca a súa amante «El Rei é un anciano cabaleiro que loita pola súa saúde», un eufemismo elegante para expresar a súa situación difícil. Todos os datos sinalan que a fin do seu reinado está próximo. Sabemos se a troika decide tamén sobre estas cousas?

Onte 738: Premios da Crítica Galicia 2013

Anunciamos onte a composición dos xurados dos Premios da Crítica Galicia 2013 cuxo ditame se dará a coñecer o 19 de outubro no decurso dun xantar en Vigo. Os membros da Fundación escollemos un fermoso verso rosaliano de Cantares Gallegos, «Auga limpa en fresca fonte», para facer un chamamento á participación neste evento anual que dende a sociedade civil pretende recoñecer a excelencia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos eidos da creación cultural e da investigación en Galicia. Síntome orgulloso de colaborar nesta plataforma plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a creación cultural contemporánea na tradición galega.

Onte 737: Reimprímete

Recupero a escrita no blog, tras tres días tolos de traballo en Madrid e na xornada Reimprímete, un foro de debate organizado polo Clúster do Produto Gráfico coa colaboración da Asociación Galega de Editores.

Deste primeiro «Reimprímete» entusiasmoume a conferencia pronunciada por Juan Cruz, tanto polo seu espectacular fulgor narrativo relatando os seus inicios na escritura coma pola reflexión arredor da tinta, metáfora para el da lentitude e «patrón invisible« da escritura. Un texto que pagará a pena ler devagariño cando o publique. Brillante e entusiasta foi Juan Cruz tamén participando nos debates moi vivos suscitados polas ponencias de Teodoro Sancristán, presentando éxito da última Feira do Libro de Madrid  (con 3.600 actos de firma e 60 casetas de librarías con fondo especializado), de Alberto Pérez Abreu, que expuso o exitoso modelo de silo único de distribucións Arnoia, e de Ana Prado, a responsable de contidos de Netex, que presentou o modelo de dixitalización educativa desta empresa de Oleiros, hoxe referente internacional nas cuestións de edición educativa dixital. Debates que, ben é certo, acougaron na sesión da tarde, nas presentacións de Xosé Ballesteros do proxecto de edición especializada de Kalandraka e de Ángeles Montecelo do proxecto de servizos gráficos de Tórculo.

A primeira conclusión deste «Reimprímete» foi que o sector das Artes Gráficas e da Edición asume o proceso actual de hibridación da súa actividade, na que coexisten os soportes e os formatos textuais e hipertextuais. Hai espazo para impresión en papel, mais é imprescindible para editores e empresas de artes gráficas participar no proceso de dixitalización. Sen dúbida que é hoxe o libro impreso o que mantén a actual cadea de valor do sector do libro e da propia edición dixital, como tamén o é que esta carece en Europa dun modelo de negocio sostible, fóra da distribución que destes contidos dixitais realizan as tres multinacionais estadounidenses (Amazon, Apple e Google). No «Reimprímete» diagnosticouse o carácter sistémico dunha crise que, dende 2008, coincidindo coa «crise económica», fixo diminuír as vendas da edición impresa entre un 20 e un 30 por cento. Tampouco se esqueceu a cuestión dos dereitos e da retribución dos autores, como das posibilidades ca Impresión Baixa Demanda pode achegar para manter un catálogo cultural de referencia. Con todo, o compromiso de manter un foro de interlocución aberto e permanente entre todos os diferentes compoñentes do sector do libro e do produto gráfico (Edición, Impresión, Libraría, Creación e Mediación) foi o resultado máis esperanzador desta longa xornada de traballo, que agardamos teña continuidade o vindeiro ano.

Onte 736: Sociofobia

«Ningunha tecnoloxía vainos librar da vertixe de poñérmonos de acordo.» Esta é unha das afirmacións ben atinadas da entrevista de Paula Corroto que publicaba onte Eldiario.es con César Rendueles a raíz da aparición do seu libro Sociofobia. El cambio político en la era de la utopia digital publicado por Capitán Swing. As opinións deste profesor de Socioloxía da Complutense sobre o pánico actual á deliberación en común, así como a incapacidade de xestionar os conflitos poden parecer aparentemente contraditorias coa ciberutopía na que cremos vivir, na que permancemos sempre (inter)conectados polas redes sociais. Porén, a súa diferenciación sutil entre individualismo ético e fragmentación social (esa incapacidade de darlle sentido e cohesión ás nosas vidas) serve para explicar a paradóxica dificultade actual de acometer grandes proxectos colectivos. Vivimos as vinte e catro horas conectados por Twitter ou Fb a milleiros de persoas que descoñecemos, mais continúa sendo imprescindibles para as nosas vidas o abrazo das persoas queridas e o agarimo dos nosos veciños ou compañeiros de traballo. Ben interesante son tamén as afirmacións de Rendueles sobre os debates arredor da propiedade intelectual, a súa proposta de recuperación das editoras públicas, a súa convicción de «que non hai xeito de financiar a produción dos bens dixitais a través do mercado» ou a súa profecía de que «a industria do libro é a próxima industria discográfica». Unha entrevista moi suxestiva que convida a comprar un libro que semella útil para reflexionar de forma desprexuizada sobre o proceso de tránsito e desconcerto social que vivimos.

Onte 735: Unha historia literaria de referencia

Para os editores sempre é motivo de fachenda e satisfacción a chegada ás librarías de obras que consideramos de referencia, as chamadas a perdurar e a gañar importancia co paso do tempo, eses títulos que engalanan o noso catálogo durante anos e anos. Obras arriscadas para autores e editores neste tempo de tránsito da edición, onde a fraxilidade do dixital envellece o soporte escrito no momento da súa publicación. Esa mesma fachenda e convicción foi a que sentimos onte coa chegada do primeiro volume (dos catro previstos) da Historia da Literatura galega de Xosé Ramón Pena, máis de catrocentas páxinas nas que se reconstrúe con detalle o relato da produción literaria galega dende a Idade Media até os inicios do Rexuridmento, coincidindo coa publicación d’ A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos. Sei que  cómpre agardar a publicación dos tres volumes restantes, prevista a un ritmo dun por ano, mais creo non equivocarme considerando que as achegas metodolóxicas, historiográficas e bibliográficas do proxecto de Moncho Pena están á altura das grandes (tamén escasas) historias literarias de noso, como a do seu mestre Ricardo Carballo Calero. Foi e continuando sendo o de Pena un esforzo individual enorme, teimoso, constante, diario, propio dun gran maratoniano da nosa investigación literaria. Unha actitude que merece a nosa maior gratitude como editores. Tanto polo seu enfoque comunicativo e polo novidoso de moitas das súas interpretacións e lecturas (onde creo está a cerna da obra) como pola importancia concedida ao estudo das circunstancias políticas e sociais sobre o feito literario e sobre o devir da lingua galega, esta obra de Xosé Ramon Pena posúe ese carácter perdurable, dunha historia literaria de referencia, por riba de soportes impresos e dixitais. Agardamos con expectación a recepción deste primeiro volume por parte da comunidade académica e polo conxunto do noso sistema literario.

As coleccións das caixas

No artigo da semana en Faro de Vigo apoio a declaración das coleccións de arte das caixas galegas como Ben de Interese Cultural.

Ás portas da inminente privatización de Novagalicia Banco, que probablemente será adquirido polo catalán CaixaBank ou polo fondo de capital risco estadounidense Guggenheim (a opción favorita de José María Castellano, o actual presidente de NGB, xa que entende facilitaría preservar a sede social e fiscal do novo banco), non hai certeza sobre cal será o futuro que lle agarda ás coleccións de arte do que foron Caixanova e Caixa Galicia. Dúas coleccións que no proceso frustrado de fusión de ambas as dúas entidades correron unha sorte dispar. Mentres a propiedade da colección da entidade viguesa quedou en mans da Fundación Novacaixagalicia, xa que as obras foron adquiridas a cargo da Obra Social, primeiro de Caixavigo e logo de Caixanova, a colección de Caixa Galicia acabou sendo transferida a Novagalicia Banco, xa que a entidade dirixida por José Luis Méndez a contabilizou como investimento do seu negocio financeiro. Dous modelos de xestión dun patrimonio artístico acumulado durante décadas que evidencian tamén dúas formas moi distintas de xestionar o negocio e de asumir a responsabilidade social e cultural destas entidades de aforro popular.

Máis alá da complexa cuestión do futuro da súa propiedade, ninguén pon en dúbida o valor destes fondos. As 5.596 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas da colección de Caixanova constitúen a máis grande pinacoteca galega contemporánea existente no mundo, tanto polas súas catro mil pezas de artistas galegos como pola súa calidade. A colección Caixanova ofrece un percorrido pola pintura galega que abrangue dende “O bebedor”, o famoso cadro do ourensán Antonio de Puga (século XVII), até as paisaxes románticas do vigués Serafín Avendaño e Ovidio Murguía, fillo de Rosalía de Castro; que continúa polos óleos e debuxos de Castelao e Laxeiro até as pezas dos membros da xeración Atlántica como Antón Patiño ou Menchu Lamas. Outrosí sucede coas 1.350 pezas da colección de Caixa Galicia, na que se inclúen obras asinadas por artistas como Picasso, Dalí, Joán Miró ou Chagall, xunto a figuras galegas como Maruja Mallo, Eugenio Granell, Urbano Lugrís, Tino Grandío, Isaac Díaz Pardo ou Francisco Leiro. Ao coidado hoxe da Fundación Novacaixagalicia, as pezas das dúas coleccións continúan ubicadas en diversas oficinas e sedes do banco, así como expostas na rede de centros sociais e culturais que mantén a Fundación, cunha presenza moi destacada na sede do Centro Social da rúa Policarpo Sanz de Vigo, onde no denominado “Espazo Caixanova” se expón dende 2003 unha antoloxía da colección, que se foi renovando e actualizando cada dous anos. Tanto as obras propiedade da Fundación Novacaixagalicia como as de Novagalicia Banco, tanto as que están nas instalacións do banco como as conservadas nas da Fundación, todas forman parte do patrimonio galego, xa que foron adquiridas co esforzo dos aforradores das entidades, e todas deberían ser preservadas no seu conxunto.

Tras a poxa de NGB, prevista polo FROB para finais de outubro, a ninguén se lle pode agochar a posibilidade real de que os novos propietarios da entidade, sexan norteamericanos ou cataláns, decidan vender a totalidade ou parte da colección de arte e levala fóra de Galicia. Como tampouco se pode negar o futuro moi incerto da propia Fundación Novacaixagalicia para xestionar os fondos da súa colección de arte como da rede dos seus centros sociais, culturais e de maiores, ao carecer dos fondos achegados cada ano polo negocio financeiro. Razóns abondas que xustifican a necesidade de intervención pública na catalogación das dúas coleccións e da súa blindaxe conxunta como patrimonio galego. Unha decisión que obrigaría a traballar na súa conservación e a procurar as fórmulas máis axeitadas para poñer os seus fondos a disposición de toda a cidadanía galega, como xa dende hai dous anos ven propoñendo no Hórreo a deputada do BNG Ana Pontón. Unha saída que pasa, agora, pola súa urxente declaración como Ben de Interese Cultural como, por fin, asumíu esta semana o presidente Feijóo.

Unha alternativa que debería supoñer, ademais, a potenciación do Centro Social da Fundación Caixanova de Vigo como sede principal da colección de arte galega, iniciada na nosa cidade hai cincuenta anos pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Desta forma sería posible volver recuperar a idea da milla do Sireno, un espazo de dinamización para a arte galega, artellado arredor da porta do Sol viguesa, cuxos límites estarían por unha banda no Casco Vello, no inicio da rúa da Ferrería coa Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e na rúa do Chao co futuro Centro de Fotografía de Galicia, e por outra, na rúa Policarpo Sanz, onde se ubicaría a colección permanente de arte galega das caixas e a sala de exposicións temporais da Fundación Barrié.

Onte 734: Gómez Noya, gran campión!

Javier Gómez Noya gañou onte no Hyde Park londinese o seu terceiro campionato do mundo de Triatlón. Outra proeza heroica do triatleta ferrolán afincado en Pontevedra. Despois de recuperar na bicicleta os segundos perdidos no lago Serpentine, Javi correu durante case dez quilómetros con Jonathan Brownlee, xunto co seu irmán Alistair, un dos seus eternos e nobles rivais, a quen superou nos derradeiros metros nun esprint incrible. Gómez Noya é un dos mellores deportistas galegos da historia, tanto polo seu palmarés coma pola súa actitude deportiva e cívica. Javi é un auténtico home de aceiro con corazón xeneroso, un traballador extraordinario con grande fortaleza psicolóxicaun modelo de esforzo, superación e confianza nas propias posibilidades, un gran campión. Merece os maiores recoñecementos. Beizóns.

Onte 733: Ryanair e os libros

Chamoume moito a atención este chío publicado onte por Mario Beramendi no que recuperaba unha noticia curiosa publicada en novembro do pasado ano por La Voz de Galicia. Unha muller foi obrigada no aeroporto de Manises a abandonar un avión de Ryanair, que ía iniciar o voo entre Valencia e Santiago, a causa de levar unha bolsiña cun libro e un póster, obxectos considerados como pezas de equipaxe polos que debía pagar unha taxa de 50 euros. O feito de considerar estes produtos impresos á mesma altura ca unha maleta ou cun bolso amosa unha moi escasa consideración coa cultura do libro e co afán da lectura por parte dos responsables da compañía irlandesa, como non agocha o seu voraz afán recadatorio. O máis chocante do caso é que esta prepotente compañía, denunciada en numerosas ocasións por este tipo de abusos e irregularidades, recibe importantes axudas públicas en España, entre as que cómpre salientar as subvencións da Xunta de Galicia para manter as súas liñas con Lavacolla. Ben sería que fose obrigada polas autoridades tanto a respectar a normativa da seguridade aeroportuaria como o dereito dos cidadáns a non desprenderse dos seus obxectos persoais, sexa un libro, teléfono ou lector portátil. Mágoa que nestes voos de Ryanair, subvencionados con fondos públicos, se defenda máis o xogo da lotaría ca a posibilidade da lectura.

Onte 732: Do Pindo ao Ézaro

Esta noite as lapas saltaron o río Xallas e se achegan á fervenza e ás casas do Ézaro. Continúa así un incendio voraz que leva calcinadas dúas mil oitocentas hectáreas, transformando nun volcán o que puido ser un parque natural. Desolador. Xa en 1995 o mestre Xaquín Marín adiantara a solución que para estes casos ten preparada a Consellaría de Incendios. Unha sáida que, como amosa a viñeta do xenial Bichero en Faro, non perdeu nin unha faragulla de actualidade. Mentres escribo esta notiña indignada zoan os hidroavións sobre a ría de Vigo, camiño do incendio de Vincios, onde xa van doce horas de loita contra o lume. Ademais de participar no mitin no Milladoiro, terá previsto Feijóo presentarse este sábado nalgunha das zonas cero onde a veciñanza chora polos seus eidos?

Onte 731: Catástrofe no Monte Pindo

Tremenda catástrofe no Monte Pindo. O incendio declarado o mércores en Cima de Arca arrasou 160 hectáreas, a práctica totalidade do macizo granítico do Olimpo Celta e parte das marismas de Carnota. Así o denuncia a Asociación Monte PIndo Parque Natural que atribúe o desastre tanto as adversas condicións meteorolóxicas como «á carencia máis absoluta de medidas de prevención». Mágoa que a Xunta de Galicia nunca atendese a teimosa reclamación cidadá de declaración de parque natural sobre un espazo patrimonial no que se teñen identificado até 630 especies e endemismos como o «carballo enano, alén da importancia do seu carácter mitolóxico no noso patrimonio inmaterial. Vendo as imaxes de semellante desfeita, é difícil esquecer as secuencias de Costa da Morte, a película de Lois Patiño, gravadas no Pindo, que quedarán como testemuñas do fracaso da actual política forestal e da neglixente xestión dos espazos naturais protexidos. Diante deste fatídico mes de setembro, no que arde Galicia, continúa o presidente Feijóo considerando a actual «campaña de lumes como extraordinariamente positiva»?