Onte 337: «Con el agua al cuello»

Aproveito os días de descanso para me mergullar nas páxinas de Con el agua al cuello, a entrega máis recente da serie do policía Kostas Jaritos creada polo escritor grego Petros Márkaris. Unha obra que reitera a idea de que a novela negra é a novela realista do noso tempo, a que achega unha ollada máis próxima e verdadeira sobre a realidade. Escrita a comezos de 2011, en plena crise do rescate grego, esta novela de Márkaris expón con claridade meridiana o proceso brutal de emprobrecemento da sociedade grega e a situación crítica que vive a súa cidadanía. Os suicidios, as constantes manifestacións e folga, a paralización da vida cidadá, a fractura social, o caos da sanidade e da educación pública, a miserización do funcionariado, a corrupción de banqueiros e políticos son algúns dos temas abordados nesta obra de lectura engaiolante. Temo que o que está sucedendo e o que nos poida aocntecer no futuro é moi semellante ao aquí relatado. Con el agua la cuello sobarda con moito o interese dunha lectura de entretemento na que o entrañable Jaritos investiga varios asasinatos de responsables de importantes bancos. Recomendo a novela e outras da serie protagonizada por este policía ateniense de carne e óso.

[Xabier DoCampo na presentación da novela «O país adormentado», Feira do Libro da Coruña, 09-08-2012]

Ler é procurar no libro o que din de min (do lector) e do meu tempo e mesmo do meu lugar. A literatura necesitámola para que fale de nós.

Onte 336: O país adormentado

Resultou satisfactoria a experiencia de facer tres actos de presentación na Feira do Libro da Coruña nun mesmo serán. Onte pechamos a terceira destas sesións coas novelas de DoCampo, Manuel Lourenzo González e un concerto de seis das pezas d’ O meu primeiro Celso Emilio. Os tres actos pagaron moito a pena. Xabier presentou O país adormentado como un libro que «fala do que nos está pasando agora. Fala dun medo que nos meteron no corpo. O medo é o instrumento mellor que ten o poder para deixarnos indefensos. Diso trata a miña novela». Citou logo a Lovecraft, lembrando que «todas as sensacións a máis forte é a do medo, e o medo maior é ao descoñecido, e o máis descoñecido é a morte», para situar o medo como o centro da novela, xa que no país de Glearim co medo a morrer dos seus habitantes conseguen que non vivan. Para Docampo outro dos temas principais d’ O pais adormentado é o do destino: «escribino en primeira persoa na voz de Aurora (alba, amencer), unha adolescente que colle o destino nas súas mans e vai na procura de Val (un trasunto do príncipe valente), que xa tomara antes esa mesma decisión». Rematou Xabier o seu parlamento insistindo na idea de que a novela é unha metáfora do que nos está sucedendo agora e reivindicando o papel esencial da literatura: «Ler é procurar no libro o que din de min (do lector) e do meu tempo e mesmo do meu lugar. A literatura necesitámola para que fale de nós».

Grazas a Pablo Sánchez Mato polas fotos.

Onte 335: Distanciamento e diálogo

A información de Daniel Salgado en El País sobre o distanciamento entre os dous polos escindidos do BNG agoira dificultades para o proceso de unidade nacionalista. Semella que Compromiso por Galicia pretende xogar a súa estratexia a longo prazo. De cara as súas primeiras Autonómicas conformaríase con alicerzar un espazo de centro galeguista, aglutinando nun único partido a todas as formacións deste carácter, e acuñar novas formas de acción política galeguista. Unha aposta cuxo éxito dependerá, en moi boa medida, da capacidade de consolidar un liderado sólido na sociedade, aínda non configurado. Pola súa banda, Anova aposta por un proxecto de nova esquerda nacionalista e deberá decidir despois do verán sobre a proposta de coalición anticapitalista realizada por Esquerda Unida, unha opción aparentemente incompatible coa súa converxencia con outras forzas nacionalistas. Non vai ser doado nin para CxG nin para Anova resolver unha situación tan dilemática de distanciamento e, ao mesmo tempo, de inevitable diálogo, na que percibo certas semellanzas á que hai vinte anos enfrontamos os membros do PSG-EG na derradeira etapa da nosa andaina. Temo que a barreira do 5% e a redución do número de escanos penalizará de forma severa a actual fragmentación do nacionalismo galego. Dificilmente haberá posibilidades de representación no Hórreo para todas as forzas nacionalistas, unha crúa realidade.

Onte 334: Medalla galega

A primeira medalla galega provocou un comprensible estourido de entusiasmo. A prata olímpica de Xavier Gómez Noya nunha das disciplinas máis duras destes xogos é froito da fortaleza, do tesón e do sufrimento, ao longo dunha década de adestramentos e competicións, dun atleta espectacular, mesmo capaz de superar unha doenza cardiaca ao comezo da súa andaina. Un grande éxito que culmina o camiño aberto no triatlón galego a finais dos noventa polo seu compañeiro Iván Raña. Ademais non podo agochar a simpatía por este nacho cando fala con tanto criterio sobre a súa relación co galego e coa súa utilidade nos entornos internacionais ou cando cruzou coa bandeira galega a meta dunha das Copas do Mundo que gañou. Marabilloume a foto que vin retuiteada por Xabier Cid do saúdo entre Xavier e o gañador, o inglés de Yorkshire Alistair Brownlee, ambos os dous esgotados. Unha demostración emocionante de «fair play» e afouteza, dous dos valores que máis admiro nos deportistas. Beizóns!

Onte 333: Viñetas desde o Atlántico

Antes da sesión de presentacións e da asinatura de Agustín na Feira do Libro, visitamos a animadísima  feira de «Viñetas desde o Atlántico». Un fervedoiro de xente, unha marabilla! Tras quince de anos, o evento coruñés de promoción da banda deseñada, dirixido por Miguelanxo Prado, a pesar dos ventos da crise, está plenamento consolidado. Funciona a fórmula de convidar a figuras internacionais e darlle, tamén, visibilidade aos talentos galegos. Como funciona a coexistencia de actividades para profesionais coas de promoción para un público interxeracional. Neste momento de tránsito entre os paradigmas impreso e electrónico, a banda deseñada, a novela gráfica e o libro ilustrado viven un apoxeo, tamén en Galicia e tamén en galego. Semella que a banda deseñada optou polo modelo de edición expandida, onde coexisten con naturalidade os soportes analóxicos e dixitais. Parabéns aos organizadores e longa vida paro cómic galego.

Magñífico o cartel de Kim.

Onte 332: Serán na casa

Dediquei a tarde na que Vigo quedou ocupado a gozar do atletismo e da lectura dun orixinal engaiolante. A procesión do Cristo  é unha mobilización popular potente que non é doado interpretar. Os sectores conservadores e neoconservadores utilízana como unha manifestación do seu respaldo social. Despois de cinco décadas, preferimos non cabrearnos, coma nos sucede todos os anos, e quedar sen a nosa camiñada ao solpor. Outro domingo será!

Consumo responsable en galego

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño o consumo reesponsable en galego e a utilización do noso idioma como parte da Responsabilidade Socialda Empresa.

Cando merco un produto ou escollo un servizo, ademais de ter en conta o prezo e valorar as condicións de calidade, gosto de coñecer tamén a súa trazabilidade, esa información imprescindible para saber da súa orixe e do itinerario do seu proceso de comercialización. Utilizando estes criterios de consumo responsable non teño vergonza ningunha en confesar que a miña preferencia primeira está a prol dos produtos alimentarios que teñan a súa orixe en Galicia. Unha opción que nada ten que ver cun chovinismo visceral e si, pola contra, co seu excelente nivel de calidade e co apoio que precisan os seus produtores para facerse un oco nas canles de comercialización cada vez máis pechadas polos intereses do mercado maiorista. Por ventura hai moitos e excelentes produtos galegos, a prezos moi competitivos, onde cadaquén pode escoller en función dos seus gustos.

Consumo leite, queixo, iogures e outros produtos lácteos galegos. Prefiro a tenreira galega e o porco celta. Merco ovos de galiñas ceibes de explotacións galegas. Aposto polo peixe fresco do día, pola enorme variedade das nosas conservas e conxelados das peixarías galegas. Gosto das patacas da Limia e de Coristanco, dos pementos de Herbón e Arnoia, así como da leituga e tomates “país” e dos produtos de tempada da nosa horta tan rica e variada. Devezo polo mel galego e polos nosos viños, tanto os brancos coma os tintos, que hai ben de escoller entre as cinco denominacións de orixe. Prefiro a cervexa producida e embotellada en Galicia e sempre escollo entre a variedade das nosas augas minerais (consideradas entre as mellores da península). Adoito facer a compra nos establecementos populares do barrio de Casablanca, onde teño todo o que precisamos, dende as mellores patatillas (produto cen por cen vigués) a un sabedeiro pan de confección artesanal.

Coñecer a trazabilidade dun produto ou servizo (unha información achegada pola etiquetaxe e a sinalética no punto de venda, complementada coa publicidade e información web), permite ao consumidor valorar tamén a actitude social e ambiental da empresa subministradora, dúas cuestións moi a ter en conta no actual consumo responsable. Hoxe a responsabilidade social empresarial (RSE), asentada na sostibilidade como primeiro valor de desempeño, obriga a que todas as empresas que ofrecen produtos e servizos ademais de manter a súa rendibilidade de forma continuada asuman os impactos e repercusións sociais e ambientais da súa actividade. Hoxe (máis aínda nestes tempos tan difíciles de crise) as empresas son valoradas polos consumidores e polos seus competidores tamén pola súa capacidade proactiva para innovar, polo súa dispoñibilidade para facilitar a conciliación, formación do seu persoal e unhas condicións de traballo dignas, polo seu compromiso para reciclar os seus residuos e diminuír o impacto ambiental da súa actividade, para mellorar a comunicación coa súa clientela e mesmo para promover a súa participación por medio das redes sociais ou para contribuír ao desenvolvemento da comunidade á que pertence nos eidos deportivos, culturais ou educativos. Hoxe as empresas, tanto as grandes corporacións como as pemes, están obrigadas a ser rendibles e socialmente comprometidas.

Asumindo a responsabilidade social empresarial, estou convencido de que aquelas pemes que utilizan o idioma galego na etiquetaxe e na publicidade dos seus produtos e servizos resultan máis atractivas e fidelizan moito mellor coa súa clientela. Como consumidor responsable simpatizo abertamente con esta estratexia que, como está máis que comprobado, a estas empresas non lles vai nin diminuír a súa capacidade exportadora nin provocar resistencias no mercado interior español. Ese é o camiño de responsabilidade social asumido de forma moi intelixente pola Irmandade Galega de Adegueiros, que agrupa a 197 marcas e 400 empresas, o 47% do sector vitivinícola galego, que etiquetan en galego as súas botellas, achegándolles un valor engadido. Ese é o vieiro alentado pola campaña “ConsumoGustos etiquetados en galego”, promovida polo Foro Enrique Peinador coa intención de contribuír a galeguización do sector agrogandeiro. Ese é o obxectivo da iniciativa da plataforma ProLingua “Aquí tamén atendemos en galego” destinada a incentivar o emprego do galego nos bares e comercios. Esa é, tamén, a razón de ser do certificado Abertos ao Galego, xestionado pola Mesa pola Normalización Lingüística, un distintivo para empresas que adopten e desenvolvan compromisos co galego. Iniciativas destinadas a recoñecer o compromiso destas empresas de incluír a utilización do galego e o respecto aos dereitos lingüisticos da cidadanía dentro do seu programa de Responsabilidade Social Empresarial. Merecen as maiores beizóns.