Onte 44: TSQ

Coñecín a nova terminal e aparcamento do aeroporto de Santiago, outra mostra da moderna arquitectura aeroportuaria peninsular, ao xeito dunha versión galega da T4 ou da portuense do Sa Carneiro. Gustoume a amplitude dos espazos e lamentei a precariedade da información ou que os elevadores parlantes non falasen galego. Engulido no ventre da enorme balea compostelana, lembrei a nova  Terminal 2G do Charles de Gaulle que utilizara a pasada semana, de dimensións moito máis reducidas, mais con seiscentos sillonciños nunha única sala, concibida coa intención de facilitar a comodidade e a acollida dos viaxeiros durante o par de horas nos que poidan agardar alí. Non será esta TSQ outra mostra de economía farturenta? Non semella contraditorio que Fomento investise 230 millóns de euros na TSQ (unha cantidade impresionante), mentres privatizará os servizos de AENA de Barajas e o Prat? Se a nova TSQ está chamada a se converter no eixo do modelo aeroportuario galego, como é posible que estean en marcha as novas terminais de Peinador e Alvedro? Tras os efectos da CDC, agora chegarán os da TSQ? Pobre de nós!!!

Onte 43: Construír a paz

Cando coñecín a noticia veume a cabeza decontado o sorriso de Suso Jares, alguén para quen estas serían unhas horas de esperanza. O anuncio de ETA do cese definitivo da súa actividade armada abre unha oportunidade para construír a convivencia no País Vasco dende a cultura de paz. Eis o grande reto que deben saber xestionar con prudencia e afouteza o  goberno tras as eleccións do 20-N como todos os partidos vascos, xa sen excepcións de clase ningunha. Esta é a hora da cultura da paz, este é o momento do protagonismo do diálogo e da mediación como accións transversais capaces de chegar a todos os espazos da sociedade de Euskalherría, con especial incidencia aos educativos, institucionais e, sobre todo, aos políticos. No entanto sabemos que non vai ser doada nin a reparación da dor das vítimas nin o proceso político que leve á disolución da organización terrorista, cuestións que en Irlanda custaron máis dunha década de esforzos ser superadas. Nin tampouco o será a necesaria reconciliación, baseada na construción dun relato común sobre o acontecido nestas décadas, de xeito que atenda á memoria das vítimas e sexa capaz de erradicar tanto sufrimento encistado en moitas familias vascas. Como non será doado superar as interferencias provocadas pola intolerancia dos sectores (sabemos que minoritarios, mais influíntes) produtores de odio, incapaces de asumir as consecuencias da irreversibilidade deste proceso. Este é, como acuñou Suso Jares, o momento de construír a paz dende a cultura da paz.

Onte 42: O embigo do mundo

Coa presentación en Compostela de Extramunde, a novela de Xavier Queipo gañadora do Premio Xerais 2011, iniciamos a nosa tempada de Nadal. “O embigo do mundo” é un espectáculo artístico, unha presentación literaria de formato innovador, onde se mestura o teatro da man de Quico Cadaval e Anabel Lago, a danza contemporánea de Olga Cameselle e a música e a palabra do colectivo Río Lagares (Mister Choco e Xavier Queipo) para convidar e incitar aos lectores a participar do espazo e da aventura de Extramunde. Un acto, ademais, que pretende recoñecer a traxectoria dun dos escritores que posúen unha das obras (non só narrativa, tamén ensaística e poética) máis sólidas e orixinais das dúas últimas décadas. A metáfora do embigo do mundo acuñada por Queipo, como a dos círculos e dos ollos de grafiti de Ce Tomé, o autor da magnífica cuberta de Extramunde,  nos centos de fotografías proxectadas na derradeira parte do espectáculo, lonxe de calquera intención narcisista dos seus autores, ten que ver coa exaltación colectiva do valor da diversidade e da construción dun mundo creativo propio dende a identidade galega, alí onde residen as células nais da nosa lingua e dende onde se continúa a nosa cadea de transmisión cultural. “O embigo do mundo” é a afirmación da nosa centralidade creativa, fronte a calquera condición periférica que pretenda rebaixar o noso horizonte. O de Queipo é un espectáculo moi interesante que repetiremos o serán do venres no Museo do Mar de Vigo. Aconsello non perdelo.

Onte 41: 2,81

Con motivo da intervención que realicei no foro Conexões estimei, a partir dos estudos de Comercio Interior do Libro e da Panorámica da Edición,  que en 2010 se venderon en Galicia 7.696.102 libros (si, máis de sete millóns), o que supón que a cada habitante do país noso lle corresponde 2,81. Esta porcentaxe de libros vendidos por habitante é un dos indicadores que se utiliza decote para comparar o esforzo en lectura realizado por cada sociedade. Seguindo por ese fío e sabendo que no Brasil esa taxa foi en 2009 de 2,21, estimei que no caso galego a cifra baixa a 1,68, se non computamos os libros de texto (que supuxeron en 2010 o 40% do mercado) e no brasileiro o 1,21. Quizais esas dúas cifras (2,81 e 1,68) non digan moito, se non as comparamos con outras dos noso entorno. Así, a taxa en Cataluña de libros vendidos por habitante é de 4,14 e en Euskadi do 4,00. Aí nesa diferenza estatística, apenas máis dun libro por habitante (máis de tres millóns de exemplares), nese déficit de lectura, quizais radique a desavantaxe competitiva que vimos arrastrando con cataláns e vascos. Non o esquezamos, a lectura e a compra de libros son un factor de competitividade.

Nota: Brasil vende 450 millóns de libros anos; Cataluña: 30; Euskadi: 8,5 e Galicia 7,6.

Onte 40: Galicia queimada

As noitiñas dos luns estou afeito a debater coa serenidade posible na tertulia conservadora da Radio Galega. Onte fun o único participante que defendeu a necesidade de traballar pola construción da paz e da convivencia en Euskalerría ou por non asumir con resignación a política do teito de gasto que recurta as prestacións e a calidade dos servizos públicos básicos achegados pola Xunta de Galicia. No entanto, non puiden evitar amosar a indignación que me produce o conformismo irritante do Goberno Galego na cuestión dos incendios da provincia de Ourense, tras desmantelar o pasado mes de setembro a maior parte das brigadas de loita contra o lume. Dende comezos deste sufocante outubro, a lacra incendiaria arrasou 10.000 hectáreas do Macizo central ourensán, da serra de Avión ou dos parques naturais do Invernadoiro e do Xurés. Unha desfeita ecolóxica de importantes proporcións. Neste ano internacional dos bosques, Galicia perderá unha parte deste seu patrimonio natural, mentres envía ao paro aos que se ocupaban das tarefas de limpeza e vixilancia do monte en aras de contribuír ás políticas de austeridade. Recuperando aquela foto da mangueiriña dos incendios de 2006, verán no que se queimaron 77.000 hectáreas en todo o país, é inevitable preguntarse se non estaremos diante dunha austeridade temeraria que ameaza con deixarnos sen país?

Onte 39: Mala saúde de ferro

Ocupei boa parte da tarde en traballar os datos da edición en Galicia no ano 2010, a partir do informe do ISBN. Como amosei na anotación que preparei onte e naqueloutra da pasada semana sobre o Comercio Interior do Libro, a edición en galego, no difícil entorno das crises e dos tránsitos, goza dunha mala sáude de ferro. Non hai dúbida que constitúe un feito alarmante a perda de facturación, rendabilidade e emprego do sector o pasado ano, en boa medida por mor dos efectos durísimo do Decreto de Plurilingüismo que reduce o mercado do libro de texto en galego, un subsector vital para a nosa actividade. Mais tamén é certo, aí están os datos, que continuamos editando con pulo, mesmo máis títulos, e comezamos un tránsito decidido cara a edición dixital. Como continúa sendo moi esperanzador o apoio que reciben os libros en galego en eidos tan difíciles como a Narrativa para persoas adultas, a non ficción e os libros de divulgación, como o Gastronomía, sometidos a durísima competencia no mercado cos seus homólogos en castelán. E isto sen contar case sen axudas públicas ningunhas, fóra da adquisición de novidades para bibliotecas da Consellaría de Cultura e Turismo e as insuficientes axudas para a tradución, agora de carácter trienal. Sabemos que o noso futuro inmediato pasa por conter esa hemorraxia do libro de texto, aumentar o perímetro da nosa sociedade lectora e incorporar ao sector ao proceso sistemático de dixitalización de cada un dos seus fondos. Moita faena, si señor.

Enlaza Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño, ao fío do asasinato de Cristina González, a participación na marcha Enlaza Vigo que se celebrará o 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero.

Cristina González Sacau, unha muller de 39 anos con dous fillos xemelgos de oito, foi asasinada na súa casa do Vao a mans de quen até hai poucos meses fora o seu home, Francisco Rafael Álvarez Martínez. Este é o segundo crime de violencia machista no que vai de ano en Galicia e o número 49 nesa lista negra de mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas durante 2011 en España. Apenas unhas horas máis tarde, nunha semana terrible de violencia contra as mulleres, foron asasinadas outras dúas, unha en Lanzarote e outra en Avilés, que engrosan a lista de 594 vítimas do terrorismo machista, desque no ano 2003 o actual Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, iniciara esta estatística.

Como sucede decote, tras o homicidio do Vao, os testemuños do entorno da vítima e do acusado amosan a súa extrañeza polo sucedido. Unhas testemuñas afirman que “ninguén sospeitaba nada”, tras a separación recente da parella, despois de dezaseis anos de matrimonio, mesmo que a súa “era unha relación cordial” e compartían o mesmo avogado no seu proceso de separación. Outras subliñan que non existían denuncias previas de malos tratos nin o imputado tiña antecedentes penais ou consideran a quen se confesou, diante da policía e do xuíz, como autor do crime como “un home normal” e unha “persoa tranquila”. Un cadro de perplexidades sociais habitual neste tipo de crimes machistas nos que socialmente adoita non existir ameaza ningunha para a vítima que, como no caso de Cristina González, morre na sua propia casa a mans dunha persoa moi achegada a ela, neste caso o seu exhome, que mesmo franqueaba a porta do fogar a diario para visitar aos pequenos e tiña o seu taller de carpintaría a carón da propia casa. E, como adoita acontecer na maior parte destes casos, será o procedemento xudicial e os informes forenses quen finalmente aclare se o crime se produciu tras unha loita entre a parella e cales foron as súas circunstancias.

Porén, máis alá da resolución xudicial que dirima as responsabilidades do crime do Vao e da enorme traxedia que supón para ambas as dúas familias, é innegable que estamos diante doutro crime contra unha muller, que a sociedade nosa foi incapaz de evitar. Un doloroso fracaso colectivo que arrastramos, agochado tras un espeso silencio de décadas, e sobre o que a cidadanía non acadou un compromiso e unha implicación decidida para eliminar. Xa non abonda coa indignación cidadá, inevitablemente efémera, que provoca cada un dos casos desta forma inequívoca de terrorismo –hoxe en España un dos maiores problemas de seguridade cidadá (a pesar de que non sexa citado como tal, polos responsables políticos nin polas enquisas). Precísanse outras respostas políticas, institucionais e cidadás para un fenómeno que, debemos recoñecelo de vez, ten a súa orixe na profunda ideoloxía machista –aínda non superada e moi presente na sociedade nosa– que considera as mulleres como obxectos sexuais propiedade dos homes. Ese machismo, máis ou menos explícito, mesmo a pesar de varias décadas de valiosas políticas de igualdade, é o que continúa rexendo entre nós e de forma moi perversa a relación entre os homes e as mulleres, tanto entre as parellas maiores, como entre as novas, e o que constitúe algo moi alarmante, entre os propios adolescentes.

Non hai dúbida que a violencia contra as mulleres merece tolerancia cero e toda a sociedade debe corresponsabilizarse na utilización dos recursos públicos dispoñibles para evitala, desde as denuncias ao 016 até a posta en marcha das medidas previstas na Lei Integral contra a Violencia de Xénero. No entanto, tamén todos os comportamentos machistas merecen ser denunciados, dende a obxectalización da muller –tan presente na publicidade contemporánea e no próspero negocio da prostitución, que non sabe de crises– a calquera tipo de conduta discriminatoria, vexación, insultos, maltrato psicolóxico, desprezo ou falta de respecto contra as mulleres. Se somos capaces de erradicar de raíz ese tipo de comportamentos machistas, comezaremos a albiscar as posibilidades reais de diminuír de forma drástica as negras estatísticas de mulleres asasinadas. “Enlaza Vigo”, a iniciativa do activo Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, pretende implicar o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, a toda a cidadanía viguesa no compromiso de rematar co machismo e coa violencia. Esa cadea humana de mans entrelazadas ao longo das rúas viguesas esixirá un compromiso dos poderes públicos, dos medios de comunicación, mais tamén de cada unha das persoas, homes e mulleres, para erradicar esta lacra e tecer unha sociedade en igualdade. Unha cadea que será, tamén, unha homenaxe en silencio para Cristina González e o resto de vítimas que debimos ter evitado.

Panorámica da edición en galego 2010

Os datos achegados pola Panorámica de la edición española de libros 2010, publicación do Ministerio de Cultura, a partir das referencias de ISBN, xunto aos proporcionados polo estudo de Comercio Interior do Libro, axudan a diagnosticar o estade saúde do sector da edición en galego. Tras desagregar os datos e incorporalos ás series estatísticas (pdf), que vimos elebrando dende hai máis dunha década, chegamos ás seguintes conclusións:

  1. A EDICIÓN EN GALICIA ACADA EN 2010 O MAIOR NÚMERO DE REFERENCIAS DE ISBN DA SÚA HISTORIA: 4.754. Outrosí sucede coas obras editadas en galego: 2.544. En ambos os dous casos prodúcese un crecemento interanual importante, o 16,83%, no primeiro caso; e o 19,94% no da edición en galego. 2010 supuxo para a edición en Galicia a continuidade da súa progresión constante ao longo da primeira década de 2000; mentres que para a edición en galego, aparentemente, a recuperación do retroceso que tivera en 2009, recuperando as cifras de 2008, o mellor ano da súa historia.
  2. A EDICIÓN EN GALEGO PERDE PESO CON RESPECTO Á EDICIÓN EN CASTELÁN REALIZADA EN GALICIA. En 2010 consolídase unha tendencia á baixa, iniciada en 2005, que sitúa ao libro en galego como o 42,59% das referencias de ISBN editadas en Galicia. Mantense, así mesmo, a porcentaxe de arredor do 20% para o libro en galego editado fóra de Galicia, fundamentalmente libro de texto, por editoras radicadas en Madrid e Barcelona.
  3. A EDICIÓN PÚBLICA EN GALEGO DIMINÚE ATÉ NIVEIS HISTÓRICOS  DO 9,8%, a pesar de aumentar en 2010, grazas ao importante incremento do número de referencias dos Servizos de Publicacións das tres universidades. A baixada da edición en galego da Xunta de Galicia en 2009 e 2010, con respecto ao foron as sús cifras habituais, ao longo das dús décadas anteriores, foi moi relevante.
  4. A EDICIÓN EN GALEGO CONTINÚA TENDO UNHA BAIXA PORCENTAXE DE REEDICIÓNS E REIMPRESIÓNS, en 2010 apenas o 12,03%.
  5. A EDICIÓN EN GALEGO NOUTROS SOPORTES, DIFERENTES AO PAPEL, AUMENTA DE FORMA ESPECTACULAR DENDE 2008, supoñendo en 2010 xa o 8,56% das referencias de ISBN. Un efecto, sen dúbida, do inicio do proceso de dixitalización que explica, ademais, parte do incremento das referencias totais.
  6. A OBRA TRADUCIDA CONSOLÍDASE NO 20% DA OFERTA EDITORIAL EN GALEGO, achegándose á porcentaxe doutros sistemas do noso entorno editorial e acadando en 2010 un 23,90%, un dos seus máximos históricos. Porén, o decepcionante é o feito de que sexa o castelán a lingua da que se traducen o 60,69% dos títulos, sendo os libros de texto (26,5%) e os títulos de LIX (30,5%) os máis traducidos.
  7. A EDICIÓN EN GALEGO A NIVEL TEMÁTICO CONSOLIDÁSE COMO UNHA OFERTA CON CATRO EIXOS. Así en 2010 a Literatura Infantil e Xuvenil supuxo o 21,62% das referencias, o Libro de Texto o 25,39%, a Literatura o 26,81% e a edición de referencia e divulgación o 26,18%. deste xeito a oferta vencellada ao sistema educativo diminúe a súa participación por baixo da metade, o que constitúe unha importante novidade.
  8. A EDICIÓN EN LINGUA GALEGA, NOS TRES ÚLTIMOS ANOS, TEN UN COMPORTAMENTO MÁIS ESTABLE QUE A EDICIÓN EN CATALÁN E ÉUSCARO, que diminúen nese período.
  9. A EDICIÓN EN LINGUA GALEGA CONSOLIDOU O SEU CATÁLOGO AO LONGO DA DÉCADA DE 2000, na que publicou o 56,67% dos títulos de toda a súa historia.
  10. A OFERTA DE TÍTULOS EN LINGUA GALEGA EN RELACIÓN AO NÚMERO DE HABITANTES DE GALICIA AÍNDA É MOI INFERIOR Á QUE SE OFRECE EN CATALÁN EN CATALUÑA, aínda que xa semellante á oferta en éuscaro para Euskadi.

Este panorama da edición de 2010 en galego quedou moi determinado pola regularización de inscricións, non efectuadas en anos anteriores, por Edicións A Nosa Terra, editora que encabeza, por vez primeira, o ranquin da edición en galego. Estimamos que esta regularización puido supoñer un incremento de 150 referencias, o que obrigaría a reconsiderar os valores reais do crecemento total. Cremos que o medre da edición dos servizos de publicacións das universidades (aumenta en 132 referencias sobre 2009), así como o da edición literaria dixital, con mais de medio cento, explican o salto estatístico de 2010.

Tamén son significativos os retrocesos consecutivos interanuais da edición de Libro de texto, do 17,13% en 2009 e do 16,53% en 2010, motivados pola nova política lingüistica da Xunta de Galicia; un fenómeno que se produce por vez primeira, ao longo das dúas últimas décadas, que de continuar a un ritmo semellante podería ter consecuencias de auténtica catrástrofe para o sector. Porén, o crecemento constante do sector da LIX e da edición literaria, neste caso provocado polo proceso de dixitalización, son outras tendencias identificables durante o mesmo período.

Onte 38: Eduardo 50

Celebramos coa familia a ledicia do 50 aniversario de Eduardo. O meu irmán atravesa, coma fixeramos nós hai menos de dous anos, ese medio do camiño da vida, esa fronteira que nos axuda a comprender a nosa irremediable finitude. Para o meu Eduardo, e para todos e todas que formamos parte da xeración Polycomander, vai esta peza (9:51) de agasallo para percorrer o Vigo da nosa infancia. Filmada por un cineasta afeccionado, probablemente recuperada en vídeo, aquí está o Vigo da furgoneta de papá (PO-25018), os Siboney co seu punto a piques de subir Urzaiz, a porta do Sol onde traballaba mamá, os rusos do avó Beleiro camiño do Alto da Encarnación, o skyline da Laxe, a estatua do pescador na Ribeira, o tinglado general de empaque, as faenas do Berbés, as pescantinas e as carrexonas, O Castro, o Pirulí, a Guía, Praia Azul, a Estación Marítima e os seus adeuses e unha longa secuencia da batalla de flores por Policaro Sanz. Unha marabilla para a nosa memoria.

Grazas a Xancarayas por subir á rede tan interesante peza.