Celtic Roots

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/QEF0IhKILuk" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Celtic Roots – The Anthem from Casa de Tolos on Vimeo.

Estas cousas son as que me fan chorar. Este proxecto educativo é unha pasada! Iniciativas desta fasquía amosan que temos futuro. Parabéns aos meus amigos do Colexio Humberto Juanes de Nigrán.

«O meu nome é Luís Ferreiro»

Moito lamentamos o pasado xoves o profesor Xesús Alonso Montero e mais eu, durante a viaxe que fixemos a Monforte para presentar a segunda edición das Cartas de republicanos galegos condenados a morte, non poder acompañar a Ferreiro en Vigo na presentación do documental que protagoniza. Coñecemos o heroísmo e a dignidade deste vello militante comunista, que hai máis de cincuenta anos se afiliou ao Partido na emigración francesa (alí traballaba como mineiro), onde coñeceu a súa compañeira, «a andaluza», que logo sería unha das dirixentes sindicais das CC.OO do Grupo Álvarez. Foi Alonso Montero no seu libro Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia quen desvelou a historias de tortura que padeceu Ferreiro cando nos anos setenta caeu como responsable do aparello de propaganda do PCG, que o levaría á cadea durante varios anos. A historia de Luís, unha persoa adorable, é tamén a de tantos outros compañeiros do seu partido que ao longo da súa vida toda nunca desistiron daqueles ideais de igualdade e solidariedade nos que acreditaron dende a mocidade. Unha lección moral moi necesaria nesta era da fragmentación e do utilitarismo na que vivimos.

Recomendo estas pezas dun par de minutos cada unha que os directores do documental, Roi Cagiao e Fernando Llor, subiron a youtube para abrir boca, algunhas tan interesante como esta terceira na que aparece a testemuña de Camilo de Dios, o derradeiro membro da guerrilla vivo.

WikiLeaks e os dereitos dos cibercidadáns

A verdade é que non seguín con moita atención as primeiras filtracións de WikiLeaks referidas ás guerras de Irak e Afganistán. Porén, tras o Cablegate do Departamento de Estado e tras a detención preventiva de Julian Assange, o asunto tenme conmocionado. Máis alá do contido dalgúns cables que ispen a figuras como Zapatero, que pasou de retirar as tropas en Irak a ofrecer aos EE.UU o aumento da súa presenza militar e colaborar activamente para que non se procesasen aos asasinos de Couso, o que realmente desacouga deste conflito é o desprezo olímpico que sobre o dereito de información dos cidadáns manteñen os diversos «gobernos democráticos» (co de Obama na cabeza do león), que consideran a Assange como o seu inimigo público e as súas actuacións como unha ataque á comunidade internacional. Até agora criamos que o dereito de acceso á información outorgábanos o dereito a saber que facían os nosos gobernos, tanto a nivel interno como cando nos representaban a nivel internacional; criamos que os límites destes dereitos apenas consistían en respectar a seguridade dos estados e os dereitos á privacidade das persoas. O conflito de WikiLeaks demostra a nosa total inxenuidade. Nin os estados nin os políticos están dispostos a asumir o nivel de transparencia ao que obriga a sociedade cibercomunicada, eles aínda teñen moito que agochar. Aí está o cerne desta deboura entre a liberdade dixital e os poderes convencionais.

A vergonza pública na que quedan algúns políticos, tras a lectura dos textos de WikiLeaks, non é un dano grave para os seus estados, nin afecta a súa seguridade, como pretenden facernos crer, senón que pon en evidencia as carencias e feblezas destas persoas, ao tempo que amosa unha forma moi determinada de entender a política e mesmo as relacións diplomáticas entre os estados. A esta altura do século XXI, os intereses dos estados soberanos non poden ser outros que os da súa cidadanía, que ten dereito a coñecer o que se di e o que se defende no seu nome. Os crimes de WikiLeaks non son ter filtrado estas informacións, senón os crimes que estas informacións revelan, como poden ser o caso Couso, as torturas desveladas en Guantánamo ou o apoio dos EE.UU ao golpe de estado de Honduras.

O conflito de WikiLeaks, ademais, remítenos á cuestión fundamental de como é posible asegurar a autonomía, a liberdade e a neutralidade da rede nunha situación, como ten sinalado Juan Varela, extremadamente paradóxica: «cando Internet e as redes sociais transformáronse no novo espazo público da democracia, os datos e a actividade dos usuarios están cada vez máis privatizados en mans de grandes empresas». Este conflito aberto (non sabemos onde pode levarnos) obriga a defender e conquistar os ciberdereitos dos cibercidadáns diante das grandes e poderosos servizos de Internet (todos estadounidenses), dende a nube de Google (disposta a asumir as presións do Goberno chinés), o comercio de Amazon, as plataformas de pagamento ou as empresas de telefonía que ofrecen a conectividade en cada un dos estados. Os cidadáns temos dereitos a controlar o acceso aos datos da nosa identidade dixital, mais tamén a acceder e utilizar libremente os nosos datos.

Non teño dúbidas que estamos vivindo a primeira revolta viral na rede a prol da liberdade e neutralidade de circulación da información. De como se resolva o conflito vai depender moito o futuro de Internet.

Recomendamos moi vivamente a tradución que Filipe Díez fixo no seu blog da anotación do blogueiro galego Suso Baleato (o primeiro pioneiro da rede en Galicia) sobre «Como neutralizar ataques DNS contra WikiLeaks».

Chega Google eBooks

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZKEaypYJbb4" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

A posta en marcha de Google eBooks, probablemente, será un dos maiores empurróns para o libro electrónico en todo o mundo. Este novo modelo de distribución de ebooks supera algunhas das máis importantes carencias existentes até hogano, sobre todo as referidas aos soportes (admite a lectura sobre todo tipo de pantallas: computadoras, teléfonos, e-readers e taboíñas dixitais) e ao papel do editor (sinalará o prezo e os sistemas de protección de dereitos de autor). Semella que a partir de Google eBooks o acceso ao contido dixital na nube será o principal, superando as limitacións que puidesen existir de soportes ou formatos. No entanto, aínda descoñecemos cales son os termos dos contratos de distribución que se asinarán cos editores, as posibilidades de préstamo das licenzas de acceso (cuestión vital para as bibliotecas) e outros pormenores do funcionamento do proxecto, así como a relación que Google que manterá cos clientes finais. A apertura dunha pasarela de pagamento por parte de Google ábrelle unhas posibilidades enormes para calquera outro tipo de comercio electrónico, o que pode constituír un feito moi salientable. Sen dúbida, este modelo abre unha competencia moi dura de Google con Amazon (que insiste con Kindle, o seu e-reader propietario) e, en menor medida, con Apple. As tres empresas estadounidenses semella que pretenden controlar todo o mercado da distribución do libro dixital. Haberá espazo para outros modelos alternativos? Polo menos, agardo que nesta batalla entre xigantes os libros electrónicos de linguas minoritarias coma a nosa teñan o seu espazo.

Campo do Fragoso XCVIII

VITORIA BAIXO O BALLÓN

Os seareiros que decote acudimos a Balaídos temos razóns abondas esta tempada para estar satisfeitos. A primeira, tras varias tempadas confusas podemos enunciar case sen trabucarnos un once ideal: Falcón, Hugo Mallo, Jonathan Vila, Catalá, Roberto Lago, Bustos, Garai, Álex López, Trashorras, David Rodríguez e Quique De Lucas. Un once ao que se incorporan con plenas garantías de rendemento, Murillo na defensa e Dani Abalo, Iago Aspas e Joán Tomás na dianteira. Un cadro compensado que ofrece alternativas abondas. A segunda, a confianza que transmite o equipo, baseada na súa comprobada capacidade para sacar adiante os partidos de casa, unha actitude férrea, teimosa, intensa que converte Balaídos nese forte dificilmente expugnable co que sempre soñamos os celtistas. Así sucedeu onte fronte ás Palmas, un equipo excelente, un rival directo desa difícil liga dos escollidos, os conxuntos que durante a segunda volta pelexarán a morte polos postos de ascenso e promoción. A pesar da forte ventada e dos ballóns intermitentes, o Celta non perdeu os seus sinais de identidade. O noso cadro de gala tivo que traballar arreo, sobre todo no eido defensivo, para conseguir finalmente unha vitoria cómoda fronte a un equipo que amosou capacidade de despregue polas bandas e unha envexable capacidade de toque. A diferenza de xornadas anteriores, ao Celta custoulle un cuarto de hora aseñorar o partido, xa que até entón os canarios foron os que levaron a iniciativa, obrigando aos nosos a xogar á contra. Deste xeito chegou o primeiro gol, nunha apertura conducida por Álex López que distribuíu á banda dereita para que De Lucas centrase e o pobre do Aythami, moi ben presionado por David Rodríguez, introducise de forma involuntaria o coiro dentro da súa portaría. A partir de aí, comezou a funcionar a máquina celeste, alimentada polos balóns do valadar Bustos e conducida con enorme precisión e velocidade por ese nova pérola galega chamada Álex López, un medio de ataque da mellor escola ferrolá, aquela dos Manuel Fernández Amado, Juan ou Santiago Castro da nosa mocidade, que deixaron unha inesquecible pegada na nosa memoria. Durante media hora, o Celta desenvolveu unha decena de perigosas chegadas, algunhas de fermosa fasquía. David rematou un chisquiño desviado nun par de ocasións; Trashorras ofreceu unha desas súas marabillas de complicado deseño que o porteiro canario evitou cun paradón in extremis; Álex enviou varios pexegazos contundentes por riba do longueiro e David De Lucas deixou dous balóns a moi poucos centímetros da rede. Oportunidades celestes que nos minutos finais da primeira parte foron moi ben respondidas polos canarios que tamén puideron marcar. O partido continuou vibrante e con alternativas en ambas as dúas portas ao longo da metade da segunda parte, na que os visitantes intensificaron o seu control da pelota, mentres que o Celta só podía ameazar con algunha chegada esporádica. No derradeiro treito do partido, os trocos de Herrera volveron ser moi acertados. As entradas de tres dianteiros –Abalo, Aspas e Tomás– foron decisivas para situar o xogo no campo canario e ampliar o marcador. O segundo tanto chegou cando faltaban apenas tres minutos. Joan Tomás enviou ás mallas un xutazo, tras unha combinación de auténtico luxo entre Trashorras, Aspas e Abalo. Un golazo! A pesar de que nin Rayo nin o Betis desisten, as nosas esperanzas de ascenso aumentan.

Auditorio VPA

No artigo da semana de Faro de Vigo propoño que o Auditorio de Vigo, que se inaugurará nos vindeiros meses, leve o nome do emprendedor galeguista Valentín Paz Andrade.

A piques de finalizar as obras do Auditorio de Vigo, esa formidable caixa de ferro e cristal que César Portela ergueu detrás dos peiraos de Beiramar, a Alcaldía convoca á cidadanía a propoñer denominacións para bautizar un edificio que será icona do noso tempo. Eu a este teor non teño dúbidas. Como fixera hai máis dunha década nesta mesma tribuna, propoño que leve o nome do emprendedor galeguista Valentín Paz Andrade. Máis especificamente, entendo que «Auditorio VPA» debería ser a marca comercial e o emblema dun contedor concibido para funcionar como motor da actividade cívica, cultural, congresual e turística do Vigo de comezos do século XXI. Hai razóns abondas que xustifican unha proposta coa que, por fin, Vigo saldaría ás débedas que mantén con VPA, unha das figuras máis senlleiras, polifacéticas e influíntes da historia da nosa cidade durante o pasado século.

O 23 de maio de 1986 don Valentín recibiu a primeira Medalla de Ouro da cidade concedida polo concello de Vigo. Pontevedrés de nación, naceu na parroquia de Lérez, VPA fixou en Vigo a súa residencia dende os anos vinte, coincidindo coa fundación aquí, en 1923, de Galicia. Diario de Vigo –o xornal liberal de opinión galeguista do que foi director–, e en 1927, de Industrias Pesqueras, o quincenal dedicado aos temas do mar, inspirado por José Barreras, no que colaborará dende o número inicial e do que sería director a partir de 1942.

«Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñecelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza», foron as súas palabras de agradecemento da condecoración, nun dos seus últimos discursos, xusto un ano antes do seu falecemento nesta cidade de sal. Xa sesenta anos antes anunciara, nun dos seus múltiples artigos anticipatorios, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia», esta tarefa que o moveu ao longo da vida toda: facer Galicia dende o mar de Vigo. Para o noso «Mareiro», pseudónimo co que VPA asinou moitos dos seus artigos, escritos con grande agudeza e rigor, Vigo constituía o motor principal, o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesarios dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino».

Don Valentín, empresario de talante tan práctico como imaxinativo, desenvolveu un labor hercúleo na modernización do noso sector pesqueiro dende 1927, ano no que comeza a asesorar a Sociedade de Armadores de Bouzas. Como xa dixemos, empurrou da revista Industrias Pesqueras; publicou estudos e investigacións de referencia no sector; asesorou, por encargo da FAO, a diversos gobernos de Latinoamérica e África en cuestións de ordenación pesqueira; promoveu a creación da empresa Pescanova S.A. (1960), a dun Banco Industrial de Galicia (1964) e a celebración en Vigo da Exposición Mundial da Pesca (1973), proxectos que tiveron fortuna e continuidade até hogano.

VPA foi un modelo de integración de inquedanzas e saberes, unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia, publicado hai agora corenta anos por siglo veintiuno. VPA uniu todo o seu percorrido vital ao de «Galicia como tarefa», emulando o título dun dos seus ensaios máis emblemáticos, que publicou en 1959 a editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.

VPA foi home de entrecruzamentos, mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios, asumindo sempre os riscos da coherencia entre o seu discurso rico e matizado cunha acción tan intensa como diversa. Concibiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente que é unha insistencia no cambio, na modernización, no progreso. VPA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradición son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.

Non é doado atopar en Vigo unha nómina maior de méritos que a acreditada por VPA para bautizar este novo auditorio alicerzado no que foron os areais de San Sebastián e, máis tarde, nos terreos ocupados pola factoría de Casa MAR (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por don Valentín. Dificilmente poderíamos homenaxear mellor a un dos promotores das fazañas do Lemos en Sudamérica e do Andrade en Sudáfrica, embarcacións que dende o porto de Vigo abriron a finais de 1961 da súa man a etapa de expansión pesqueira de Galicia. Eis a proposta: «Auditorio VPA».

Con todos os abrazos para Marcos Valcárcel

Por agardada que fose a noticia do pasamento do amigo Marcos Valcárcel non deixa de producirnos dor e grande tristeza. Sabemos que deixa unha importante obra de investigación histórica e literaria ao servizo da cultura galega, da que foi un dos seus mellores divulgadores nas tres últimas décadas. Sabemos que deixa un modelo de traballo xeneroso, desinteresado, eficaz nos eidos máis diversos da nosa cultura. Sabemos que deixa en herdanza milleiros de Andoliñas, auténticos concentrados de sabedoría e bo criterio na análise do cotián, e outros centos e centos de artigos escritos con coidada intencionalidade didáctica na procura de agrandar o límite do pensamento galeguista. Sabemos que deixa, tamén, en milleiros de amigos e seguidores unha forte pegada, xa que Marcos constitúe un referente moral polo seu comportamento amable, xeneroso e firme na defensa das súas conviccións democráticas e galeguistas, actitude que exercía cada día nas Uvas na solaina, no Instituto da Carballeira onde traballaba e ao que sempre quedará vencellada pola biblioteca que leva o seu nome ou no Liceo Ourensán, institución na que participou tan activamente animado a súa Aula de Literatura e Cultura. No entanto, sabemos que o máis importante que nos deixa Marcos é a súa extraordinaria lección humana de afouteza, coraxe e discrección para enfrontarse cos avatares máis difíciles e cabróns que nos depara a vida nos recantos do camiño. Hoxe lembramos ao amigo xeneroso co maior agarimo e saudade. As nosas condolencias para a súa inseparable compañeira e para a súa filla. Con todos os abrazos.

«Stairs» e outras pezas contra a violencia machista

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/l7HqwAleUQg" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

«Milleiros de mulleres caen polas escaleiras todos os días. Acreditas? Detén a violencia doméstica. Fala con nós.»

Impresionante vídeo alemán que reflite a violencia contra as mulleres.

Estoutra peza e estoutra e tantas máis son igualmente interesantes nesta loita.

Vía Trafegando ronseis (gran traballo o que neste eido, como tantos outros, está facendo este blog). Beizóns.

Don Paco del Riego e o zume da terra

[…] Don Paco, que acaba de publicar da man de Caixanova un magnífico volume titulado Vigo sentimental, conclúe mañá un mandato brillantísimo no que conseguiu revitalizar a institución proporcionándolle unha capacidade descoñecida de relación co mundo cultural e social e de independencia do poder político. En a penas catro anos de traballo febril e de centos de horas de taxi percorrendo Galicia toda, del Riego conseguiu aprobar os novos estatutos da institución, recabar axudas das administracións que permitisen un funcionamento digno da entidade, reordenar os arquivos e fondos bibliográficos, poñer en marcha os traballos dunha comisión de literatura, comezar a redacción dunha gramática, e, sobre todo, cubrir as vacantes da institución cun espírito aberto, plural e renovador: duplicando o número de mulleres presentes (coa incorporación da escritora Xohana Torres e da lingüista Rosario Álvarez), e integrando a personalidades, como Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Neira Vilas, a filólogos como Ramón Lorenzo ou Francisco Fernández Rei, ou a científicos como Díaz Fierros.

Non puiden evitar que os ollos se me humedecesen e un arreguizo me percorrese o corpo cando don Paco rematou o seu discurso na homenaxe que recibiu hai dúas semanas [10 de xaneiro] na súa vila natal de Vilanova de Lourenzá. De pé, orgulloso, petou enérxico na mesa cando nos recordou coa voz un chisco quebrada: «din a vida toda por unha única causa: a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra». Diante dos seus, na dozura do horizonte dunha mañá fría de novembro, don Paco fíxonos unha chamada emocionada ás nosas conciencias acomodadas, para continuar no combate por restaurar a cadea de transmisión da fala de noso, desa cifra do que somos, do que fomos e do que queremos ser, recollendo a metáfora do Ferrín.

Don Paco é consciente do valor impagable dese zume da terra cada vez máis escaso e prezado, que mingua con cada nova xeración, nun proceso imparable que non podemos soportar de maneira ningunha, a menos que admitamos unha agonía lenta e complaciente para a nosa lingua, convertida en peza arqueolóxica da futura Casa das Palabras. Detrás do chamamento de don Paco, que me recordou o que fixo Álvaro Cunqueiro na súa homenaxe de Samil, aquelas «Mil primaveras máis para a lingua galega», están os máis recentes datos proporcionados polas investigacións sobre a nosa traxedia lingüística: nos municipios de máis de 50.000 habitantes os rapaces que utilizan o galego como a súa lingua vehicular son “rara avis”; nos últimos vinte anos, a pesar do ensino obrigatorio do galego, perdéronse o vinte por cento dos falantes; ou o incumprimento escandaloso da normativa sobre o uso do galego nos centros escolares, denunciado novamente esta semana, diante do triunfalismo da administración do PP. […]

Pareceume que pagaba a pena rescatar un fragmento dun artigo que publiquei en Faro de Vigo, o 25 de xaneiro de 2001. Esta frase pasará á historia: «din a vida toda por unha única causa: a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra».

Toda a responsabilidade do caos aeroportuario é dos controladores?

A pesar da unanimidade dos ditirambos dos tertulianos e da lexítima e irada protesta dos viaxeiros tirados polos aeroportos, cústame moito crer que toda a responsabilidade de semellante caos corresponda ao «egoísmo dos controladores». Semella que o proceso de privatización de AENA (unha empresa pública rendible), anunciado polo Goberno hai uns días, como a incapacidade do Ministerio de Fomento ao longo dunha década para aumentar o cadro de persoal nas torres de control e, sobre todo, a demostrada incapacidade do ministro Blanco para cumprir os seus compromisos e volver a negociar con este colectivo as súas condicións de traballo son factores que axudaron a chegar a esta situación límite. Unha crise «resolta» polo Goberno de forma claramente insatisfactoria para o noso sistema de liberdades e garantías, xa que a vía do estado de alarma previsto no artigo 116.2 da Constitución semella dificilmente aplicable á actual situación. Un longo litixio, pois, quedou aberto. Ademais, que sindicatos tan poucos sospeitosos como a CGT apoien aos controladores ou que CC.OO e UGT se opoñan á privatización de AENA, debe facernos reflexionar sobre as causas dunha protesta que, insistimos, sabemos desproporcionada nos efectos que provoca. Ninguén dubida que os controladores deben asumir un comportamento socialmente responsable, mais tamén é certo que a xestión da crise por parte de Rubalcaba e Blanco (cun Zapatero xa desaparecido e, previsiblemente, abatido) amosa as carencias dun Goberno que chega case sempre tarde a poñerlle remedio ás feridas. Así non nos pode extrañar que Rajoy agarde felizmente no aeroporto de Lanzarote a que esta enleada vaia deteriorando un pouco máis ao Partido Socialista, ampliándolle o seu camiño triunfal cara a Moncloa. Nunca a estratexia dos que lle recomendaron que se metese na cama ata 2012 tivo máis eficacia. Lamento as penalidades desas 600.000 persoas, reféns da incompetencia do Goberno e da posición tan estratéxica como forma de protesta equivocada dos controladores.

«Non controles», saudades de Olé, Olé (1983).