«O meu nome é Luís Ferreiro»

Moito lamentamos o pasado xoves o profesor Xesús Alonso Montero e mais eu, durante a viaxe que fixemos a Monforte para presentar a segunda edición das Cartas de republicanos galegos condenados a morte, non poder acompañar a Ferreiro en Vigo na presentación do documental que protagoniza. Coñecemos o heroísmo e a dignidade deste vello militante comunista, que hai máis de cincuenta anos se afiliou ao Partido na emigración francesa (alí traballaba como mineiro), onde coñeceu a súa compañeira, «a andaluza», que logo sería unha das dirixentes sindicais das CC.OO do Grupo Álvarez. Foi Alonso Montero no seu libro Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia quen desvelou a historias de tortura que padeceu Ferreiro cando nos anos setenta caeu como responsable do aparello de propaganda do PCG, que o levaría á cadea durante varios anos. A historia de Luís, unha persoa adorable, é tamén a de tantos outros compañeiros do seu partido que ao longo da súa vida toda nunca desistiron daqueles ideais de igualdade e solidariedade nos que acreditaron dende a mocidade. Unha lección moral moi necesaria nesta era da fragmentación e do utilitarismo na que vivimos.

Recomendo estas pezas dun par de minutos cada unha que os directores do documental, Roi Cagiao e Fernando Llor, subiron a youtube para abrir boca, algunhas tan interesante como esta terceira na que aparece a testemuña de Camilo de Dios, o derradeiro membro da guerrilla vivo.

1 comentario

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Xosé Anxo Grandío. Xosé Anxo Grandío said: RT @bretemas: «O meu nome é Luis Ferreiro», documental http://bretemas.blogaliza.org/2010/12/11/%C2%ABo-meu-nome-e-luis-ferreiro%C2%BB/ […]

Los comentarios están desactivados.