Toda a responsabilidade do caos aeroportuario é dos controladores?

A pesar da unanimidade dos ditirambos dos tertulianos e da lexítima e irada protesta dos viaxeiros tirados polos aeroportos, cústame moito crer que toda a responsabilidade de semellante caos corresponda ao «egoísmo dos controladores». Semella que o proceso de privatización de AENA (unha empresa pública rendible), anunciado polo Goberno hai uns días, como a incapacidade do Ministerio de Fomento ao longo dunha década para aumentar o cadro de persoal nas torres de control e, sobre todo, a demostrada incapacidade do ministro Blanco para cumprir os seus compromisos e volver a negociar con este colectivo as súas condicións de traballo son factores que axudaron a chegar a esta situación límite. Unha crise «resolta» polo Goberno de forma claramente insatisfactoria para o noso sistema de liberdades e garantías, xa que a vía do estado de alarma previsto no artigo 116.2 da Constitución semella dificilmente aplicable á actual situación. Un longo litixio, pois, quedou aberto. Ademais, que sindicatos tan poucos sospeitosos como a CGT apoien aos controladores ou que CC.OO e UGT se opoñan á privatización de AENA, debe facernos reflexionar sobre as causas dunha protesta que, insistimos, sabemos desproporcionada nos efectos que provoca. Ninguén dubida que os controladores deben asumir un comportamento socialmente responsable, mais tamén é certo que a xestión da crise por parte de Rubalcaba e Blanco (cun Zapatero xa desaparecido e, previsiblemente, abatido) amosa as carencias dun Goberno que chega case sempre tarde a poñerlle remedio ás feridas. Así non nos pode extrañar que Rajoy agarde felizmente no aeroporto de Lanzarote a que esta enleada vaia deteriorando un pouco máis ao Partido Socialista, ampliándolle o seu camiño triunfal cara a Moncloa. Nunca a estratexia dos que lle recomendaron que se metese na cama ata 2012 tivo máis eficacia. Lamento as penalidades desas 600.000 persoas, reféns da incompetencia do Goberno e da posición tan estratéxica como forma de protesta equivocada dos controladores.

«Non controles», saudades de Olé, Olé (1983).

6 comentarios
  1. Antón
    Antón Dice:

    Os controladores que loiten o que queiran polos seus dereitos, pero nos xulgados, como facemos os demáis. Para eso está a Xustiza. E que deixen á xente viaxar tranquilamente, que non teñen culpa nengunha.

  2. ar
    ar Dice:

    Poderán ou non ter razón (a información é sesgada e manipulada por ambas partes), pero desde logo que o 70% dos controladores se puxeran enfermos á mesma hora, xa cheira mal. E que moitos deles vaian a unha reunión con outros controladores cando supostamente están de baixa… tampouco cheira moi ben (se están tan enfermo para pedir unha baixa, tamén o estás para ir a unha reunión nun hotel).

    Querían protestar polas súas condicións? Convocatoria de folga con 10 de antelación e espazo aéreo pechado como ocorre en Francia cada dous por tres. Pero as formas en que o realizaron que se baixa masiva, a reunión no hotel… E o peor de todo, é que prexudicaron a todo o colectivo, cando posiblemente existan persoas que non estean de acordo coa “folga”.

    Na negociación de Agosto co intento de folga, Fomento ameazou con sacar aos militares como agora e ás poucas horas recularon e chegaron a acordo para seguir negociando. Polo que parece agora pensaron que Fomento non chegaría a tal extremo e viron como non lles tremeu a man, ao modo Reagan.

    Por certo, unha mentira mil veces repetida non se converte en verdade

    Os aeroportos españois seguirán sendo públicos e serán xestionados por unha Sociedade Estatal como ocorre con Adif no ferrocarril. O capital privado poderá entrar como investidor (O Estado resérvase un mínimo do 51% do capital) e é algo que se sabe desde Xaneiro http://www.cincodias.com/articulo/empresas/aena-abre-capital-privado-autonomias-tendran-veto/20100113cdscdiemp_2/

    Agora poderemos comezar a discutir se é necesaria ou non a entrada de capital privado nunha sociedade estatal cunha previsión de 420 millóns de euros de perdas para 2010, pero convén remarcar que a xestión aeroportuaria e todo o relativo seguirá sendo pública, da mesma forma que ocorre con Petrobras en Brasil, petroleira pública pero con investimento privado.

    Se queren mellorar as súas condicións laborais e por tanto poder descansar, por que non permiten a entrada de novos controladores e que existan controladores suficientes para que cando uns descansen, outros traballen? Por que se negaron en reiteradas ocasións á entrada doutros controladores europeos (ata que se permitiu por decreto) pero eles si podían irse a traballar a outros países europeos?

    Iso non é defender as condicións laborais, é defender os seus privilexios feudais

  3. pasabaporaqui
    pasabaporaqui Dice:

    Pasáronse de rosca, por unha vez, esa frase de “quedan deslixitimados polas formas” vai ser certa. É certo que levan unha temporada de acoso por parte de Blanco, pero despois de todo tiveran uns privilexions con Aznar moi bestias, e agora pasa isto. Non se trata de demonizalos, pero hai que entender o contexto social e político que se vive, e cun 20% de paro e con axudas aos parados anuladas, a sociedade entende a protesta como unha provocación. Non se pode facer tanto dano (refírome a pequenos dramas de importancia relativa), a tanta xente e saír indemne. Moita xente só ten estes días de vacacións neste contexto de crise, outra pretende facer diñeiro na ponte no seu sector, outros queren visitar a familiares, etc, demasiados afectados, demasiados, por un conflicto que non se entende.
    E ollo, o goberno podería telo feito mal ata agora con este tema, pero a súa rápida reacción e determinación lonxe de debilitalo igual o afianza.

  4. A.C
    A.C Dice:

    Pareceme a min k o problema ven de lonxe entre o colectivo de controladores e D.Pepe Blanco , que e ten bastante fachenda. Lembremos akel “no puede ser k cobre mas un controlador k un ministro”, ou akel ” pero el dinero para el AVE en Galicia lo pongo yo”. E agora, ainda por riba, vese apoiado por o novo Presidente de facto, Rubalcaba, tamen bastante fachendoso

  5. ar
    ar Dice:

    Por certo

    Antes do decreto:
    Xornada ordinaria legal 1.200 h – extras media 600 -> xornada anual (media) 1800

    Despois do decreto:
    Xornada ordinaria legal 1.750 h – extras máximo 80 (por suposto pagas)-> xornada anual real máxima +- 1800

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Antón Lado. Antón Lado said: Aínda que non se xustifica a posición dos controladores, "ojito" que non son o coco. Estou con @bretemas http://bit.ly/eMmQne […]

Los comentarios están desactivados.