Campo do Fragoso XCI

TRASHORRAS DECISIVO

O Celta, conducido maxistralmente por Roberto Trashorras, obtivo fronte ao Cartaxena unha das máis convincentes vitorias en Balaídos da presente liga. Tres puntos de ouro que, despois do golpe de autoridade da pasada semana en Huelva, deixan ao equipo de Eusebio nunha zona un chisquiño máis temperada da táboa clasificatoria e aos seareiros celestes, por fin, cun sorriso nos beizos. Abofé que non era sen tempo! Xa dende o inicio, foi o de onte un encontro desputadísimo e, nalgunha fases, moi emocionante. Un Cartaxena moi competitivo –velaí a súa terceira praza e o seu carácter de equipo revelación do campionato– amosou dende o asubío inicial que viña a Vigo a consolidar as súas aspiracións de ascenso. Aos dous minutos, Toché, o albinegro máis adiantado, marcou un gol que foi anulado por un fóra de xogo, bastante dubidoso; antes do primeiro cuarto de hora, Moreno e o defensa Etxeita estragaron outras novas claras oportunidades para marcar. A defensa celeste, formada desta volta polos veteráns Catalá e Noguerol, durante estes primeiros minutos amosou unha preocupante febleza que foi abandonando grazas a un magnífico sistema de axudas dos laterais e mediocampistas. Foron liquidándose así as mellores posibilidades dos visitantes e emerxendo amodiño, iso si, tras unha durísima batalla polo control da pelota, as dos celestes. Primeiro a do batallador Cellerino, aos vinte minutos, xutando dende moi lonxe con intención; logo, no vinte e nove, a provocada pola velocísima subida de Botelho pola banda e, dous minutos despois, a do gol decisivo de Trashorras, quizais, tamén, o máis lindo da actual tempada. Unha xogada de auténtico tiraliñas, preciosa de concepción e execución. Vasco Fernandes recuperou a pelota no centro do campo, enviouna a Dani Abalo, que correu con ela pola banda ata dar o pase da morte cara á área pequena, onde estaba Cellerino que a deixou pasar, arrastrando aos seus dous marcadores e permitindo que Trashorras disparase pola escuadra a Rubén, o gardarredes galego dos branquinegros. Co marcador por diante, o Celta aseñorou un encontro fronte a un rival presionante, incómodo, pegañento, noble que nunca desistiu do seu afán de sequera poder nivelalo. Tras o descanso, a saída dos nosos abraiou aos rivais coas continuas combinacións entre Abalo e Trashorras, que teceron algunhas xogadas magníficas. Especialmente afortunada foi a actuación do de Rábade que realizou un dos seus mellores partidos coma celeste. Todo o bonito que facía o Celta pasaba polas súas biqueiras, distribuía con cabeciña, xutaba dende diversas posicións e, sobre todo, introducía no equipo as doses de serenidade abondas para facer fronte ao dificilísimo cuarto de hora final, onde os visitantes apretaron o seu. Un período de enorme incertidume, desacougante, prolongado de forma inxustificada en cinco minutos, onde o Celta soubo responder ao agobio cartaxeneiro con formidables contraataques, nos que emerxeu a velocidade desequilibrante de Botelho e a intencionalidade dos saques de porta de Yoel, que debutou en Liga cunha actuación moi sobria. A actual estratexia de Eusebio por un xogo máis directo e presionante comeza a proporcionar os mellores froitos. Foi unha gloria para os celestes compartir a satisfacción dos seus seareiros por vitoria tan merecida.

Foto de Roberto Trashorras (R.Grobas).

O impacto da crise económica sobre as industrias culturais

É moi oportuno que o Observatorio da Cultura Galega fixese público o seu primeiro informe arredor do impacto da actual crise económica sobre as industrias culturais galegas (pode baixarse completo en pdf, 18 páxinas).

Para os que estamos vencellados profesionalmente co sector cultural en Galicia, estes datos expresan a situación de profundo enfriamento de cada un dos nosos mercados (edición, teatro e audiovisual), proceso que se está profundizando de forma alarmante neste primeiro trimestre de 2010 e, ao que non é allea, a importante redución dos orzamentos das diversas administracións destinados ao mercado cultural (tanto da Xunta de Galicia, como de concellos e deputacións).

No caso da edición xa coñeciamos que no ano 2009 se produciu un decrecemento (case un 20%) do número de títulos en galego, feito que previsiblemente afectará, tamén, a unha importatísima redución das vendas de libreiros e editores (e que poderemos valorar cando se publiquen os estudos de comercio interior do libro). Diante desta situación de retroceso claro do conxunto das vendas do sector da edición, semella inevitable unha redución do volume da oferta, lei inexorable, tamén, para os mercados da cultura. Tempos, pois, nos que na xestión das empresas culturais se precisan boas doses de austeridade e rigor, sen esquecer imprimir maior pulo para a creatividade e a innovación.

A trapallada ten a súa propia lei

Non hai en todo o orbe mundial un decreto máis marxista. Por suposto estou a falar do que ocorre no disparatado Camarote dos Irmáns Marx. Podería darse a circunstancia matemática, e non é broma, de que o voto dun só pai inclinase o modelo lingüístico dunha escola infantil perante catro anos. E en primaria e secundaria, tal como está feito este decreto, pode darse con toda normalidade este diálogo entre profesor e alumno.

–Desculpe por molestalo, prezado alumno, mais agradecería inmenso que vostede teña a amabilidade de responder a esta miña pregunta en galego xa que estamos en clase de Coñecemento do Medio. Podería dicirme, por favor, un nome en galego deste insecto coleóptero de nome científico Lampyris nocticula e en castelán coñecido como luciérnaga?

–Ni entiendo lo que dices ni entiendo por que me preguntas lo que no sé. A mi no me vas a practicar tú la inmersión y hay un decreto que dice que en el aula puedo hablar la lengua que me sale de los huevos y escribir los exámenes en la que me salga de los cojones. Paso de ti, tío.

–Paso-de-ti. Magnífico! Xa temos un novo nome para o vagalume. Lucecú, vella, lucerna, corcoño… e Paso-de-ti!

A trapallada ten a súa propia lei, moi semellante á da gravidade. Ou perseveras na trapallada ou saes decididamente da trapallada. Non hai xeito de saír da trapallada tentando convertela en media trapallada, pois o que resulta é que media trapallada equivale ao final a trapallada e media.

Isto é o que está a pasar con este decreto sobre a lingua no ensino. E o encirrado debate vén ser unha grande metáfora do que está a pasar neste país.

Fragmento do artigo xenial que publica hoxe Manuel Rivas en El País.

Un síntoma preocupante

Esta noticia podería ser un síntoma dunha doenza preocupante. É incomprensible que se valore con apenas 83,53 euros o proxecto presentado na maís recente convocatoria de axudas pola Lonxa Literaria de Moaña, un dos primeiros Clubs de Lectura do país, tanto pola súa antigüidade, traballo ininterrompido dende hai sete anos, como polo calidade, diversidade e rigor co que desenvolve o seu amplísimo programa de actividades. Confiamos que se trata dun erro administrativo que poderá ser subsanado nos vindeiros días.

O apoio ao funcionamento dos Clubs de Lectura, recoñecidos como axentes de fomento da lectura pola actual Lei do Libro e a lectura, debería constituír un dos eixos do actual «Ano da Lectura». Non deixaremos de insistir na importancia deste xeneroso voluntariado da lectura.

As actividades da Lonxa Literaria de Moaña xa protagonizaron varias veces as nosas anotacións. As nosas beizóns polo seu traballo. Moito pulo!

Manifesto pola alfabetización

Por unha anotación do formidable blog de  Joaquín Rodríguez sei da publicación do «Manifesto pola alfabetización» (en pdf), un texto elaborado no Reino Unido por especialistas que reclama a implicación das autoridades e das diversas administracións na cuestión da lectura nesta era dixital. Encadrado dentro das iniciativas e programas do National Literacy Trust (unha institución conformada por institucións públicas e privadas, tanto gremiais como de voluntariado, que desenvolven programas tan xeitosos coma este  de «Ler para vivir»), este Manifesto propón catro liñas de reflexión que veñen perfectamente ao caso da situación da lectura en Galicia, e en xeral, en calquera das nosas sociedades occidentais.

  1. Para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística dos nenos e nenas é indispensable dispór dun ambiente familiar aberto ao diálogo.
  2. A alfabetización e o interese pola lectura comeza no entorno familiar.
  3. A alfabetización (entendida como lectura e escritura) é a chave que nos permite integrarnos na era dixital.
  4. A alfabetización é unha competencia indispensable para o desenvolvemento persoal e para o do conxunto da sociedade.

Teño a certeza que hoxe no desenvolvemento do pleno sobre o Estado da Autonomía, a pesar de estarmos xa no terceiro mes do chamado «Ano da lectura», moi pouco se vai falar no Parlamento Galego do estado da nosa alfabetización. O que non deixa de ser curioso nun Goberno que teima en que os pais exerzan un poder nos centros escolares que non exercen nos seus fogares. Esta chamada de atención que traemos do Reino Unido, unha sociedade cuns índices de lectura moi superiores aos nosos e un respecto incomparablemente maior ao sector do libro e á creación literaria (autores, editores, bibliotecarios e libreiros), ben podería servir para salientar as razóns das dificultades que atopa a civilidade en Galicia.

«Galego, un consenso feito cachizas»

Inevitablemente, no artigo da semana analizo o que entendo son as claves do avance do decreto (chamado) de plurilingüismo.

Alberto Núñez Feijóo preferiu o pasado sábado participar nunha feira de exaltación do viño ca facelo na presentación dun avance do decreto chamado de plurilingüismo. Escolleu ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística para que presentasen aos xornalistas unha nota de prensa dun folio na que se recollen as liñas xerais dun documento que, como eles anunciaron, se coñecerá na súa totalidade nos vindeiros días cando sexa enviado a ditame da Mesa Sectorial, do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo. Razóns políticas –vencelladas aos desequilibrios internos existentes dentro do seu partido, tanto polo evidente fracaso da política do goberno sobre as caixas como pola carreira ás principais alcaldías– deberon aconsellar ao presidente pechar canto antes a redacción do decreto e, ao mesmo tempo, non participar nun acto que supón o abandono efectivo por parte do Partido Popular das políticas de acción positiva sobre o emprego da lingua propia de Galicia desenvolvidas durante tres décadas nos eidos educativo e social.

Sexa como for a redacción definitiva do articulado, que non vai ser nin moito menos irrelevante para o futuro da nosa lingua e para o desenvolvemento da nosa civilidade e calidade da educación, algunhas conclusións podemos tirar dos importantes anuncios realizados por Vázquez e Lorenzo.

A primeira, a ruptura do Partido Popular cos consensos políticos e sociais forxados ao longo do período autonómico arredor da posición dos idiomas oficiais e da convivencia lingüística en Galicia, recollidos na “Lei de Normalización Lingüística”, na “Carta Europea das Linguas” e no “Plan Xeral de Normalización Lingüística” de 2004. Co anunciado por Vázquez e Lorenzo esfarélanse as dúas chaves deste consenso: a da cooficialidade do galego e do castelán, procurando a súa igualdade real e a competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía; a do impulso de políticas de promoción do galego, para compensar a súa situación de partida claramente en desavantaxe co castelán. Ruptura do consenso que ademais de facer caso omiso dos ditames do Consello da Cultura Galega e da Academia Galega sitúa ao Partido Popular en solitario, apoiado só polos sectores negacionistas, moi minoritarios, que pretenden a ferro e fariña non ter contacto ningún coa lingua galega.

A segunda, as medidas anunciadas, a pesar de insistir no seu carácter equilibrador, reducen significativamente en todos os niveis educativos, o uso do galego no desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, especialmente nas de comprensión e expresión escrita, profundizando, ademais, nos prexuízos sociais arredor da súa utilidade para eidos do coñecemento científico ou técnico.

Moi significativas son as medidas propostas para o segundo ciclo da Educación Infantil (do primeiro, nada sabemos), que volven sobre un modelo semellante ao empregado no decreto de 1995 (o profesorado utilizará na aula a lingua que determinen as familias en votación anual) que os profesionais da educación sabemos supuxo a práctica desaparición do galego na maioría dos centros. A pesar de que no avance do decreto se prevé de forma xenérica “que o profesorado desta etapa procurará que os nenas e as nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia”, sabemos que isto só será efectivo nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Resulta moi extraño que nun documento elaborado pola Consellaría de Educación non se proporcionen algunhas recomendacións máis concretas ao profesorado para que os nenos de contornos castelánfalantes poidan iniciarse no proceso educativo cun primeiro contacto co idioma galego.

Esta tardía incorporación do emprego educativo das dúas linguas; o complexo sistema de determinación dos itinerarios lingüísticos do alumnado, no que os pais terán en último termo dereito de veto; como, e sobre todo, esoutra demagóxica apelación á “liberdade de expresión dos alumnos” para utilizar “a lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente “, que supón un cínico ataque ao traballo e á autoridade do profesorado na aula, son medidas todas que agoiran o fracaso educativo sen paliativos do modelo proposto que impedirá que todo o alumnado ao remate do ensino secundario posúa idéntica competencia no uso oral e escrito das dúas linguas oficiais.

Alberto Núñez Feijóo e o seu partido coa presentación deste decreto estragaron as posibilidades de recompoñer o consenso arredor da convivencia lingüística que ofreceron as máis diversas institucións e sectores da sociedade galega ao longo dos últimos meses. Quizais non preveron os conservadores galegos que seguindo eses engaiolantes cantos de serea negacionistas poidan estar comezando a súa deriva.

Agustín e Xabier, amigos por palabras

Iago Martínez, asina en Xornal de Galicia, outra das súas grandes entrevistas. Desta volta reuníu a Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo nunha longa conversa na que os dous escritores da Xeración Lamote abordan boa parte da súa andaina xuntos durante corenta anos. Un texto moi recomendable para coñecer a dous dos nosos máis grandes escritores. Beizóns aos dous e a Iago por tan estupendo traballo

Que erro tan grande!

«Que erro tan grande darlle máis poder nas aulas a uns pais que perderon o seu na casa.»

Creo que esta frase, que lin nun comentario de Facebook e que recolle en Twitter Descalza, describe mellor ca ningunha outra as dimensións do erro enorme que vai cometer o PPdeGalicia presentando ese proxecto de decreto (chamado) de plurilingüismo. Un texto que rompe un modelo consensuado de convivencia lingüística, forxado con moitas dificultades ao longo de tres décadas de autonomía, e fará retroceder o uso do galego nas aulas, dificultando así a adquisición dunha competencia idéntica nas dúas linguas oficiais a todo o alumnado ao remate da ESO. Mañá abordaremos a cuestión máis por extenso no artigo de Faro de Vigo que titulamos «Galego, o consenso feito cachizas».

Mentres, continuamos en Twitter o noso seguimento sobre as reaccións e mobilización que esta suscitando a noticia. Recomendamos a todos os tuiteiros que cando a aborden empreguen a marca #decretogalego.

Entre as moitas reaccións de repulsa ao contido do avance do decreto recomendamos a lectura das publicadas polas dúas plataformas nas que participamos: ProLingua e Galego Patrimonio da Humanidade.

Neste momento decisivo para o futuro da nosa lingua, como sinala Xosé Gundín, a resposta unitaria é vital.

Todos e todas con Agustín

Mañá sábado,13 de marzo, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra celebrarase a homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle tributa o Salón do Libro de Pontevedra. Durante todo o Salón estivo instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier DoCampo e os músicos Mini e Mero. Animamos a todos os amigos e amigas de Agustín Fernández Paz a acudir a Pontevedra na mañá do sábado para manifestarlle a nosa admiración e agradecemento polo conxunto da súa obra.

Deseño de portadas

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/yoDCiTsS7dU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Aínda que a nós custounos moito máis tempo o redeseño das cubertas da colección Xerais Narrativa, da que comezan a aparecer os primeiros títulos, e a pesar de que utilizamos menos o CS4 do que aquí se presenta, este vídeo é unha fermosa homenaxe para o noso compañeiro o grande portadista Miguel Vigo.

Vídeo: Islas Cíes, grazas.