O impacto da crise económica sobre as industrias culturais

É moi oportuno que o Observatorio da Cultura Galega fixese público o seu primeiro informe arredor do impacto da actual crise económica sobre as industrias culturais galegas (pode baixarse completo en pdf, 18 páxinas).

Para os que estamos vencellados profesionalmente co sector cultural en Galicia, estes datos expresan a situación de profundo enfriamento de cada un dos nosos mercados (edición, teatro e audiovisual), proceso que se está profundizando de forma alarmante neste primeiro trimestre de 2010 e, ao que non é allea, a importante redución dos orzamentos das diversas administracións destinados ao mercado cultural (tanto da Xunta de Galicia, como de concellos e deputacións).

No caso da edición xa coñeciamos que no ano 2009 se produciu un decrecemento (case un 20%) do número de títulos en galego, feito que previsiblemente afectará, tamén, a unha importatísima redución das vendas de libreiros e editores (e que poderemos valorar cando se publiquen os estudos de comercio interior do libro). Diante desta situación de retroceso claro do conxunto das vendas do sector da edición, semella inevitable unha redución do volume da oferta, lei inexorable, tamén, para os mercados da cultura. Tempos, pois, nos que na xestión das empresas culturais se precisan boas doses de austeridade e rigor, sen esquecer imprimir maior pulo para a creatividade e a innovación.

2 comentarios
  1. Casdeiro
    Casdeiro Dice:

    Con austeridade e rigor non poderemos resistir algo máis, claro. Pero cando comprendamos que esta crise económica non ten saída senón nunha auténtica revolución socioeconómica para axustarnos a vivir dentro dos límites físicos e de recursos do planeta, se cadra pensaremos tamén en repensar de maneira moito máis profunda as industrias culturais para unha cultura… precisamente POST-industrial. Tamén aquí cómpre decrecermos.

  2. Casdeiro
    Casdeiro Dice:

    😀 A miña primeira frase como é lóxico quería dicir que SI poderemos resistir algo máis con austeridade e rigor. Pero insisto: de aí ao inevitable decrecemento hai un enorme salto. Seremos quen de dalo?

Los comentarios están desactivados.