A trapallada ten a súa propia lei

Non hai en todo o orbe mundial un decreto máis marxista. Por suposto estou a falar do que ocorre no disparatado Camarote dos Irmáns Marx. Podería darse a circunstancia matemática, e non é broma, de que o voto dun só pai inclinase o modelo lingüístico dunha escola infantil perante catro anos. E en primaria e secundaria, tal como está feito este decreto, pode darse con toda normalidade este diálogo entre profesor e alumno.

–Desculpe por molestalo, prezado alumno, mais agradecería inmenso que vostede teña a amabilidade de responder a esta miña pregunta en galego xa que estamos en clase de Coñecemento do Medio. Podería dicirme, por favor, un nome en galego deste insecto coleóptero de nome científico Lampyris nocticula e en castelán coñecido como luciérnaga?

–Ni entiendo lo que dices ni entiendo por que me preguntas lo que no sé. A mi no me vas a practicar tú la inmersión y hay un decreto que dice que en el aula puedo hablar la lengua que me sale de los huevos y escribir los exámenes en la que me salga de los cojones. Paso de ti, tío.

–Paso-de-ti. Magnífico! Xa temos un novo nome para o vagalume. Lucecú, vella, lucerna, corcoño… e Paso-de-ti!

A trapallada ten a súa propia lei, moi semellante á da gravidade. Ou perseveras na trapallada ou saes decididamente da trapallada. Non hai xeito de saír da trapallada tentando convertela en media trapallada, pois o que resulta é que media trapallada equivale ao final a trapallada e media.

Isto é o que está a pasar con este decreto sobre a lingua no ensino. E o encirrado debate vén ser unha grande metáfora do que está a pasar neste país.

Fragmento do artigo xenial que publica hoxe Manuel Rivas en El País.

1 comentario
  1. Carlos Neira Suárez
    Carlos Neira Suárez Dice:

    Muito bon, Manolo. Un ten a tentación, e mesmo a decisión razoada, de empezar a tomar de coña as propostas, as explicacións e as actitudes dos responsabeis da Xunta e algúns dirixentes do PP. Case resultan entrañabeis, coas suas cousiñas “del gallego” a Corina Porro, o Carlos Negreira e outros. Pero e o científico Anxo Lorenzo?. De risa, de non ser por que fan chorar ás pedras

Los comentarios están desactivados.