Vigo segundo Powerboat 1

Segundo leo na web dos organizadores da proba do Campionato do Mundo de Powerboat P1, que se celebrará en Vigo o vindeiro fin de semana, os idiomas que se falan en Vigo son o “Español” e o “Inglés ampliamente”. Mais esta parvada non é a única, xa que no texto de presentación de “Vigo Spain” (que recomenda a web institucional do concello nun banner), a única vez que se cita a palabra “Galicia” é para denominala “provincia”. Estas dúas boas meteduras de zoca –(como outras cuestionables recomendacións turísticas que se realizan para os visitantes, sexa dos museos ou dos restaurantes), que negan de cheo a existencia do idioma galego e reduce Galicia a unha mera provincia- non terían maior importancia (xa estamos afeitos a encaixar estas negacións da nosa identidade con humor), se non fose polo apoio entusiasta que a realización da proba lle proporciona a Tenencia de Alcaldía do concello vigués. Ben estaría que, polo menos, soubésemos cánto nos vai a custar ao peto de todos os vigueses esta competición organizada polo famoso produtor Mario Ubiaga! Incomprensible e anoxante que pretendan embobarnos con tanto glamour de tres pesetas!

Victoria Diehl

Entre a xeración de novos fotógrafos galegos formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ademais do meu admirado Fran Herbello, sempre me gustou o traballo da coruñesa Victoria Diehl. O seu libro Vida e morte das estatuas seméllame impresionante; outrosí sucede coa serie O corpo vulnerable, traballos nos que realiza unha revisión moi orixinal do patetismo da escultura barroca italiana.
Hoxe levei a alegría do día cando Victoria me confirmou que acepta o encargo de preparar a imaxe de cuberta d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

Literatura sen adxectivos

Moi recomendable este texto da conferencia de María Teresa Andruetto, publicado na revista Babar. Un excelente repaso aos grandes debates actuais sobre a literatura infantil e xuvenil. Moi recomendable. Un texto para o arquivo.

Vigo: Mercado do Progreso

Mercado do Progreso (curca 1911). Arquivo Pacheco

Ata os ultimos anos do XIX, os mercados de Vigo eran ao aire libre e celebrábanse nas prazas e rúas céntricas do que fora a cidade amurada. Aos das Prazas da Princesa, Pedra e Constitución, engadiínselles os especificos das Prazas da Herba (Argüelles), da Leña (hoxe Calatrava) ou das Cebolas( hoxe Méndez Núñez). Na rúa Oliva vendíase calzado, na Cruz Verde útiles de cociña e zocos e na baixada da Pulguiña, hoxe II República, froita. No Berbés e na rúa Pescadería (onde as ostras) vendíase peixe. En 1859 Manuel de Uceda fai un primitivo mercado cuberto na Porta do Sol dedicado á venda de pan. En 1878, o arquitecto Flórez Llamas remata uno novo, a Praza dos Legumes, feito con materias de perpiaño, ferro e madeira que, logo de vinte e cinco anos de actividade, derrúbase para construír no seu solar o edificio Simeón. En febreiro de 1901, Benito Gómez Román, asina os planos do proxecto do Mercado do Progreso, tres meses despois de asinar tamén o proxecto do da Laxe. Inagurase en 1908, tras unha serie de modificacións realizadas por Jenaro de la Fuente quen, en 1906 por enfermidade de Gómez Román, faise cargo da obra. Logo dunha ampliación que en 1951, transformou notablemente o edificio, apróbase en 1969 e sendo alcalde Portanet Suárez, un anteproxecto para vivendas, locais comerciais e aparcamento que, cinco anos despois, concrétase na construción, na totalidade da mazá, dun complexo de locais comerciais, aparcamento, azotea pública, vivendas e mercado. Celso López Pazos.


Premer na imaxe para vela máis grande.


Respostas para a crise das vieiras

Sigo con enorme interese a crise das vieiras amnésicas, sobre todo, grazas a documentadísima información e seguimento proporcionado polos blogs de Colineta e Manolo Gago. Entre esta ramallada de informacións e pronunciamentos sobre este proceso, sometido aínda a secreto de sumario, a perplexidade dos consumidores vai en aumento. No entanto, cabe facerse unha serie de preguntas que requiren unha resposta por parte dos responsables da Administración galega, e que non deberan ser adiadas durante máis días:
  1. Antes da posta en marcha desta investigación xudicial, como funcionaron os controis preceptivos de loita contra o furtivismo por parte da Administración competente (consellarías de pesca, comercio e consumo e sanidade)?Existían indicios destas prácticas? Abriuse algún expediente sancionador? Realizouse algún tipo de inspección a establecementos de distribución ou consumo?
  2. Como poden asegurarse os consumidores que adquiren ou consumen produtos debidamente etiquetados e controlados sanitariamente?
  3. Como poden diferenciar os consumidores entre a vieira amnésica (furtiva e ilegal) e a comercializada legalmente? Cal é a trazabilidade da vieira que se pode consumir? Pode consumirse algunha vieira galega? Cal? De onde procede?
  4. Que medidas adoptou e adopta a Administración galega para evitar a contaminación endémica das rías (a de ferrol leva pechada dez anos), onde semella residir a causa da toxicidade deste marisco?
  5. Existen outras especies que padezan problemas semellantes?
Máis alá dos resultados da causa xudicial, que depurará as responsabilidades do caso, semella necesaria tamén unha resposta política. O silencio, sobre todo da Consellaría de Pesca, non pode crear máis que confusión e alarma entre os consumidores e deteriorar a imaxe de Galicia e dun dos seus produtos máis prestixiosos.

Tinta electrónica

A revista Esquire será a primeira publicación impresa en utilizar a tinta electrónica. Aínda que o procedemento semella aínda moi rudimentario e torpe, supón outra volta de torca no proceso da dixitalización dos soportes impresos.

Via Leroy Gutiérrez.

E chegou Aguas de Mondariz

Afeitos como estamos a contar cunha polémica sobre a lingua cada semana, á cola do documento do Club Financeiro de Vigo, aparece agora o pronunciamento particular sobre o tema da empresa Aguas de Mondariz. No portal de AGAL pode lerse a correspondencia electrónica intercambiada entre responsables desta empresa e consumidores que solicitan información arredor da cuestión do uso da nosa lingua.
Fóra dos repetidos argumentos do documento do Club Financieiro (imposición do galego, dos problemas de recrutar profesionais entre 30 e 40 anos con familia… ) o fulcral do pronunciamento da centenaria empresa de augas radica en apostar polo inglés como segunda lingua: “[…] hasta los chinos pra comunicarse con el mundo la utilizan”. Unha vez máis, vencidos polos prexuízos, considérase que o galego non é unha lingua universal e que o seu uso é incompatible co aprendizaxe doutras linguas estranxeiras. Con todo, o documento conclúe expresando que a empresa continuará patrocinando e apoiando “a cultura gallega organizando eventos de literatura, teatro,música, etc, con la finalidad de promover el galego como una fuente de riqueza cultural, magia inspiracional y de melodía poética“, ao tempo que proporcionando unha xanela compasiva co futuro do noso idioma: “La tradición y la propia gente es lo que lo ha preservado y preservará esta mágica y hermosa lengua”. Todos os tópicos e prexuízos sobre a nosa lingua e a nosa cultura metidos nunha botella.

Sobre a polémica do documento do Club Financieiro continúan aprecendo textos moi interesantes. Aconsello a lectura da carta aberta de Xabier P. Docampo, o divertido artigo de Ánxel Vence no suplemento Estela de Faro de Vigo (non se pode acceder directamente na rede) e a anotación de Mario.

Menos velocidade

No artigo da semana critico a celebración na ría de Vigo do Festival Aéreo e dunha proba do campionato do mundo de Powerboat P1. Creo que son espectáculos de velocidade incompatibles cunha cidade que actualmente lidera a Rede Cidades polo Clima.

Vigo 1929, 1960, 2006



Grazas aos amigos de Vigoblog coñecín estes tres vídeos do Vigo da memoria, 1929, aproximandamente cando naceron moitos dos nosos pais e 1960, cando nacemos nós. O de 2006, alén da simpática montaxe fotográfica que serve para facer algunhas comparacións, ten o engado da canción de Siniestro. Debemos agradecerllos a Carlos que os subiu ao tube.
As dúas pezas da memoria están unidas polo seu interese polo perfil da beiramar que semella para as dúas constituír o elemento identitario da cidade. No de 1929 pode identificarse a Porta do Sol, Príncipe (á altura do cárcere), os tranvías circulando por Policarpo Sanz, a praia mariñeira e porto pesqueiro do Berbés, o Campo de Granada e o castelo de San Sebastián, a fasquía da cidade dende o mar e a travesía en vapor a Cangas. No de 1960, impresiona o comezo co percorrido pola beiramar toda (un Vigo aínda aberto ao mar), o paseo de Afonso e a súa oliveira, a farola de Jenaro de la Fuente en Colón, o edificio do Tinglado General de Empaque no Berbés, Guixar, as escaleiras do Pirulí, o bulevar da Gran Vía, a recén aberta rúa Coruña cos edificios de sindicatos da praza da Indusria, o Instituto Santa Irene en Travesas, os estaleiros de Barreras, a sede do Naútico e os seus peiraos, os polbeiros do Berbés e o unha proba do concurso hípico no Campo da Florida.

A anotación de "Tio Vivo"

A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de “Pepe el hincha”, publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que “Panduriño” é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya).
Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de “Mortadelo e Filemón”, da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os “simpáticos galleguiños”.

Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.