MeGa

Coñecéramolo no Cultur.gal. Con este magnífico portal de Música en Galicia (na que se abordan todos os xéneros), a xente do Consello remata a súa primeira etapa de ofrecer portais para as industrias culturais galega: libro, banda deseñada e audiovisual. Unha importante contribución que merece ser recoñecida. Beizóns para esta Mega!

Etiquetas: MeGa

Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia

A editorial Alvarellos celebra os seus trinta anos de traballos cun interesante libro conmemorativo no que Quique tivo a deferencia de incluír un meu traballo sobre a evolución da edición galega nos últimos trinta anos. Ten moita razón o editor actual cando expresa que cando comezou o seu pai “a edición era unha tarefa artesanal e hoxe é unha industria cultural”. O chimpo que demos durante este período foi de xigante, non só polo aumento do número de títulos (pasaamos de 187 a 1.800), senón e sobre todo, pola profesionalización do sector e polo aumento do número de lectores e lectoras en galegos. Con todo, para proseguir a nosa actividade os editores galegos seguimos precisando dos azos de fantasía que moveron a xente como don Enrique Alvarellos, cando fundou unha pequena editorial para publicar libros en galego. Beizóns para o traballo de Alvarellos nestes trinta anos! Que veñan moitos libros!

Etiquetas: Alvarellos

Listos para ler

Chega a Madrid a exposición “Listos para leer“, que recolle unha colección de catro centos libros editados en España entre 2000 e 2006. Comisariada por Enric Satué esta exposición supón unha reivindicación da necesidade de poñer en valor o traballo dos deseñadores gráficos editoriais. Entre estes volumes temos a satisfacción de que se atopan catro títulos de Kalandraka e outro de Xerais.

Etiquetas: Listos_para_leer

Préstamo e edición en galego

Nestas brétemas abordamos, seguramente con reiteración, a problemática que suscita na edición en galego a modalidade de préstamo dos libros de texto. Non vou abundar en argumentos nin en datos sobre a cuestión. Remito ás informacións aparecidas hoxe na maioría dos medios sobre a presentación que onte fixemos en Compostela dun informe clarificador realizado polo Grupo Psicom da Universidade de Santiago:

  • “O libro pide auxilio. Editores e vendedores presentan un estudo para presentar o seu ‘risco de afundimento'”, El Pais Galicia.
  • “A gratuidade rebaixou á metade a venda de libros de texto galegos”, La Voz de Galicia.
  • “Redución do uso do galego nas aulas”, La Voz de Galicia.
  • “O sector do libro alerta do risco de afundimento da edición en galego”, Faro de Vigo.
  • “La gratuidad del libro de texto lleva a las editoriales gallegas a la crisis”, La Opinión da Coruña.
  • “A gratuidade dos libros de texto afoga as editoriais en lingua galega”, Galicia hoxe.
  • “Situación delicada pare el libro gallego por las ventas”, El Correo Gallego.
  • “O sistema de préstamo de libros de texto afunde ó sector editorial en galego”, ABC Galicia.
  • “Editores e libreiros galegos din estar vivindo ‘unha situación delicada'”, Vieiros.

Sobre a mesma cuestión tamén é interesante o posicionamento do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega.

Premios Xerais 2007, os xurados

Hoxe demos a coñecer os nomes dos xurados dos Premios Xerais 2007. A primeira reunión para determinar os finalistas celebrarase o 1 de xuño e o fallo definitivo o día 9, na illa de San Simón, como nas dúas últimas edicións. Teresa Moure será a mantedora literaria e Xabier Blanco o gaiteiro que interpretará varias pezas durante a velada.

Certame de micronovela

Esta tarde presentamos as bases dun novo premio literario, o I CERTAME DE MICRONOVELA “CONCELLO DE SOUTOMAIOR”. Que eu saiba este é o primeiro certame especificamente dirixido un xénero narrativo que proporcionou froitos moi logrados para a literatura galega. As obras terán unha extensión mínima de 35 folios e máxima de 60, escritos a dobre espazo, en fonte Arial e corpo 12. O prazo de presentación rematará o 30 de novembro e a dotación económica é de 2.000 € para o primeiro premio e de 1.000 € para o segundo. Enviar orixinais a: Casa do Concello de Soutomaior. Rúa Alexandre Bóveda nº 8. CP 36691. As obras gañadoras serán publicadas dentro do catálogo de Xerais.

Ver para leer

Grazas a Débora Campos descubro esta auténtica marabilla para o fomento da lectura que é o programa de Telefe Ver para leer. Con só tres espazos emitidos (aconsello revisar a fondo a web), combinando momento de ficción con outros de divulgación de contidos literarios, é un modelo do moito que aínda pode facer a televisión pola lectura.
Un formato “descartonado” e divertido, un condutor xenial e crible, serve para axudar a desmitificar a lectura e propoñer os libros como obxecto de gozo e coñecemento. Os episodios ficcionais son paverísimos, as recomendacións das lectoras emocionadas e verosímiles… Que máis dicir desta marabilla (tamén visual, cun xogo de imaxe e grafismo moi suxestivo)? Un modelo a emular polas nosas televisións públicas. Grazas, grazas, Débora, pola recomendación. Seguiremos o programa dende a rede. Algo para non perder.

Etiquetas: Ver_para_leer