Pode consultarse xa na rede a guía para a selección de fondos documentais nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria. A selección foi realizada por un grupo de traballo, o Grupo Guía, con representación de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), AGABEL (Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura), Biblioteca Nova33, Federación de Libreiros de Galicia e Asociación Galega de Editores, coa coordinación da Asesoría de Bibliotecas Escolares.
Á hora de decidir os materiais que aparecen nesta guía tivéronse en conta criterios de calidade, idoneidade e diversidade. A guía recolle:
- Dous centos de imprescindibles: unha selección de títulos, en galego e castelán, publicados con anterioridade ao 2002 (aínda que consten edicións actualizadas)
- Xoves promesas: unha escolla de títulos que destacan pola súa calidade e idoneidade para os lectores a quen van dirixidos, entre os publicados dende xaneiro de 2002 ata xuño de 2005.
- Promesas con estrela: relación de títulos de referencia polos premios que acadaron (2002-2005)
- Materiais informativos: selección de títulos de carácter informativo axeitados a estas idades.
- Outros soportes: materiais presentados en soporte magnético ou electrónico e distinto formato (DVD, vídeo, audio, multimedia), de carácter informativo ou lúdico, publicados a partir de xaneiro de 2002 e seleccionados en función do seu interese para seren empregados no contexto escolar.
- Enderezos electrónicos de interese para o profesorado e para o alumnado, de contido informativo e lúdico.
- Recursos para a selección: editoriais galegas con coleccións destinadas ao público infantil, enderezos electrónicos, revistas especializadas, bibliografía e outros recursos a disposición do profesorado para afondar nas súas buscas de materiais.
Moi recomendable como ferramenta na selección dos materiais informativos e literarios que poidan adquirirse e na organización das propias bibliotecas.