Onte 647: Sés «co xenio destrozado»

Desque o venres merquei o disco en Andel estou enganchado Co xenio destrozado, o segundo cedé de Sés. Un disco xenial, marabilloso, memorable, potente. Unha voz engaiolante capaz de enluvarse en cada tipo de canción. A madurez dunha cantora e compositora en estado de graza. Unha ducia de temas imprescindibles, unha variedade musical espectacular, un catálogo dos ritmos máis clásicos do rock e da música popular hispanoamericana, dende a balada, a milonga, a rancheira, o blues, os ritmos doces do Caribe, mesmo o tango, até varias xeracións do rock and roll máis xenuíno. Un prodixioso catálogo musical no que aínda brillan máis unhas letras (todas elas rimadas por Sés) que avalan entre a denuncia da desiguldade, a reivindicación da esperanza e a proclamación do amor e o desamor máis arrebatado. Cancións inesquecibles como «Concordia de papel», «Milonga de aquí» (un auténtico manifesto dende a insurxencia dese este recuncho do mundo), «Rebelarse a conciencia», «Boto en falta unha ilusión», «Se non podo ir onde ti estás» ou «Unha mañá de setembro»… Este é un disco de denuncia do conformismo, un auténtico ciclón de entusiasmo do rock and blues. Cantando en galego, con letras significativas cen por cen, esta bluseira con alma de pandereteira, a Patti Smith de noso, aventuro vai abrir unha nova fronteira para a música en galego. Co xenio destrozado é un disco moi recomendable. Beizóns Sés!

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida

Iago Nicolás fíxonos este agasallo para axudar a facer visible o libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey, no que participamos medio cento de persoas unidas pola admiración e a amizade co inesquecible escritor do Grove.

Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida será presentado por vez primeira o sábado 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Besada (Rúa Concepción Arenal 1 baixo) do Grove, acto no que participarán Ramón Nicolás, Luís Cochón, Xesús Alonso Montero e o editor. Despois, o martes 25 de xuño será presentado na Libraría Paz de Pontevedra (Peregrina 29) tamén as 8 da tarde, contando coa presenza de Nicolás, Cochón e o editor.

Onte 641: Preis Xerais Roman 2013

O luns despois dos Xerais adoitamos reunir na nosa web todos os materiais publicados nos medios impresos e dixitais durante a fin de semana, así como unha galería de fotos. Sempre levamos sorpresas agradables do alcance dos ditame dos premios, sobre todo desque as redes sociais axudan a socializar e a compartir o acontecido na illa. Con todo, nesta edición chamounos moito a atención unha anotación publicada no dixital alemán Nachrichten (Noticias). A pesar de que ne editorial aventuramos diversas hipóteses, non logramos aínda entender cal foi o camiño de ida e volta desta información. Quizais algún membro da comunidade galega residente en Alemaña quixo facernos este simpático agasallo? Sería extraordinario ver publicada algún día en alemán Cadeas, a prometedora novela sobre a dominación de Xabier López. Un bo comezo.

Onte 635: Con «Dona Carme» no Colexio Pombal

Doña Carme contada por infantil from inesanchez on Vimeo.

Ás nove da mañán fun contar Dona Carme ao alumnado de tres anos do Colexio Pombal do Calvario. Como acontece decote a experiencia foime gratificante, mais tamén saudosa. É unha marabilla comprobar que tras máis de vinte anos, Dona Carme continúa engaiolando aos picariños e picariñas pola eficacia do seu mecanismo acumulativo (roubado á tradición oral popular), que permite a conquista da súa memorización e promove a súa participación interpretando as voces de cada un dos animais. Nestas sesións con Dona Carme sempre atopo sorpresas. No Pombal descubríronme as posibilidades de aproveitamento matemático do texto, tanto para a aprendizaxe da numeración coma para sumar e restar. Quedei abraiado da facilidade coa que utilizaban este procedemento. Despois da proxección da peza que prepararon, a narración de Xoán e Hugo, despois de contarmos e cantarmos ben contados e cantados, asinei varias ducias de exemplares. Fíxeno coa atención e agarimo que merecía semellante oportunidade. Non podo evitar a emoción ao lembrala e agora ao escribilo. Para as crianzas do Pombal foi o seu primeiro libro, o seu primeiro tesouro atopado. Saín para a oficina máis feliz ca un cuco.

Onte 634: A BSO das meigas de Lupa

É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.

Onte 632: A proeza da canteira

Os celtistas quedaremos sempre agradecidos pola vitoria da Real en Riazor, que nos permitiu conservar a categoría e vivir uns instantes de ledicia tan intensa coma fugaz. Mágoa que esta permanencia fose a costa do Deportivo do noso admirado Fernando Vázquez. Mais o malfado destas vidas galegas cruzadas só é explicable co sintagma «fútbol é fútbol» que define un deporte (tamén un formidable negocio) capaz de desbordar a emotividade colectiva co xogo inocente do azar e as súas combinacións. Dende ese punto de vista, a permanencia do Celta foi unha sorpresa, máis ben unha proeza, se temos en conta as súas escasas probabilidades matemáticas para evitar o descenso. Mais tamén, con maior acougo na análise, é un feito explicable, se valoramos a fe teimosa do equipo noso (sobre todo do adestrador Abel Resino) en confiar nas súas propias posibilidades e en evitar dar nada por perdido. Con todo, a pesar dos erros na xestión do cadro de xogadores (Pranjic, Demidov, Park, as fichaxes internacionais, quedaron no palco, fóra da convocatoria), o éxito deste Celta radicou na consolidación do proxecto da canteira da Madroa. Seis ou sete xogadores da casa por partido, once nesta convocatoria decisiva fronte ao Espanyol, explican tanto o éxito como a fraxilidade que arrastrou esta Celtiña das nosas angueiras. O mellor xogador de onte foi o porteiro Rubén Blanco, un rapaz que vai para figura e non rematou aínda o Bacharelato. O gol da permanencia naceu das biqueiras de fantasía de Iago Aspas, que agardo triunfe e madure como xogador desequilibrante na Premier League. A xestión dos inquedantes minutos finais correspondeu a Borja Oubiña, o cabezaleiro desta xeración de futbolistas galegos. A clave do éxito radicou nos canteiráns, aí está a orixe da proeza que onte celebramos. A pesar da marcha de Iago Aspas e Roberto Lago, a continuidade do proxecto de canteira a vindeira tempada está asegurada coa incoporación ao primeiro equipo de valores como Rubén, Santi Mina e Madinda, tres xogadores cunha fantástica proxección. A partir de finais de agosto, volveremos a emocionarnos en Balaídos. Arriba corazóns celestes!!!

Grazas ao pintor Antón Pulido que preparou esta imaxe para abeizoar aos celtistas.

Onte 600: No día do jazz

Cousa bonita é que a Unesco celebre dende o pasado ano o Día Internacional do Jazz coa intención de enxalzar esta música de orixe afroamericana como unha linguaxe de entendemento universal. O jazz é unha das expresións culturais do século XX, e non lle falta razón a Unesco cando considera que constitúe un símbolo de unidade e paz, sendo un promotor da innovación artística e un estímulo do diálogo intercultural. Mais o jazz forma parte da nosa educación sentimental, xa que o ritmo de swing vivimos momentos importantes nas nosas vidas. O jazz é cousa bonita coma este «No more blues» de Cassandra Wilson.

Onte 589: O gaiteiro do Fragoso

Tras o recente pasamento de Melitón, outra nova tristísima a de onte, faleceu Henrique Otero, o gaiteiro do Fragoso. Morreu un mestre gaiteiro, o creador da primeira cátedra de gaita galega, un músico de raíz que levaba na ialma a harmonía da nosa cultura tradicional. Foi Henrique Otero facedor de gaiteiros e da pervivencia da tradición gaitística de noso, acadando un éxito rotundo nesta angueira, xa que son centos e destacadísimo os gaiteiros que se formaron ao seu carón, continuadores desta estirpe.

Sexa a miña humilde homenaxe recuperar o artigo que lle dediquei en Faro de Vigo o 4 de marzo de 2001 co título «O gaiteiro do Fragoso». Daquela tiven oportunidade de falar con el con motivo da aparición do seu disco en Do Fol.

O gaiteiro do Fragoso tocou a gaita que sabe a herba, a das raíces da terra, a do sabor popular que nos permite brincar con entusiasmo. Que a terra lle sexa leve, mestre gaiteiro!

Henrique Otero Covelo, “o gaiteiro do Fragoso”, naceu hai setenta anos no camiño da Brea, en Lavadores. Os seus primeiros pasos no eido da música deunos ao pé da casa, nas Escolas Nieto, onde Mónico García de la Parra y Téllez, descubriu o seu talento como instrumentista. Con apenas dezaseis anos, entrou a formar parte da Banda Municipal de Música como trompa, para pasar logo a tocar o fliscorno e o bombardino; despois de case cincuenta anos domeando o vento, era o músico máis antigo no momento da súa disolución no ano 93.

No servizo militar serviu na sección de gaiteiros do Ministerio do Exército de Madrid, cidade onde coñeceu o gaiteiro lucense Antonio Martínez, que lle deixou unha forte pegada. O mozo Covelo intuía xa o que era a gaita enxebre, a gaita non lixada, a gaita do arrogante gaiteiro de Penalta que cantou Curros Enriquez, a pureza das notas de Xan Míguez o “gaiteiro de Ventosela”, ou a de Avelino Cachafeiro o “gaiteiro de Soutelo”.

De volta a Galicia, entrou no grupo de gaiteiros “Vento das Cíes” e, pouco despois en 1958, coincidindo coa celebración do IIº Concurso de Gaitas convocado pola sección viguesa de Educación e Descanso, fundou co gaiteiro Suso Portela “Os Cruceiros”; un cuarteto clásico que completaban Carlos Conde, tamborileiro, e Manolo Solla, bombeiro, e, ao que ocasionalmente, se engadía Militón, un consumado xenio no arte da pandeireta.

“Os Cruceiros” sortearon durante vintecinco anos os perigos trivializadores do folclorismo que promovía a Sección Feminina e os Coros e Danzas do Réxime coas únicas armas do seu talento e da súa intuición; acadaron grande popularidade en todo o país, chegando a gravar un elepé e catro discos singles. “Airiños do Parque de Castrelos”, “Airiños de Sampaio”, “Os Morenos de Lavadores”, “Os Campaneiros de Vilagarcía”, “Os Garceiras de Melide” ou “Os Raparigos de Ferrol” foron outros grupos que mantiveron viva a nosa música popular nun tempo heroico para a expresión da nosa identidade.

O gaiteiro do Fragoso non se conformaba e será quen propoña en 1966 ao alcalde Portanet a creación dunha Escola de Gaiteiros na Escola de Artes de Oficios. Iniciativa que se concretaría en 1971 coa posta en funcionamento dunha aula experimental de gaita dentro do Conservatorio Municipal de Vigo da que será o seu primeiro mestre. O fito senlleiro desta primeira “cátedra da gaita galega” levarao a loitar por dar un paso máis aló: facer oficial a gaita. Un novo soño feito realidade en 1977, co apoio do pleno da Corporación, cando o Ministerio de Educación y Ciencia recoñeceu por vez primeira os estudios oficiais desta expresión musical.

Dende a súa cátedra do Conservatorio vigués o gaiteiro do Fragoso desenvolveu unha inxente tarefa como facedor de gaiteiros e defensor da mellor tradición gaitística galega. Coma formiguiña entusiasta puxo os alicerces da alborada actual da nosa gaita no mundo. Velaí a publicación das súas “Leccións de gaita” no ano 1978. Velaí os seus centos de alumnos e discípulos como o mestre Xaime Estévez Vila ou os recoñecidos Carlos Núñez e Susana Seivane. Velaí a vixencia das súas pezas interpretadas por grupos como Noitarega ou Treixadura. Velaí as súas duascentas dez composicións orixinais, reunidas baixo a denominación de “Os cantares dos gaiteiros”, unha única obra, magno friso creativo da música popular contemporánea de noso. Velaí a profundidade dalgunhas das súas pezas vocais, inesqueciblemente emotivas como a “Oración do gaiteiro” que escribiu no recordo dos rapaciños do Colexio Vista Alegre de Cabral, afogados no accidente do río Órbigo; velaí o virtuosísmo da súa muiñeira da “Marmuradiña”, a profundidade da súa “Alborada do Fragoso”, a enxebreza da súa “Muiñeira do Lagares”, ou a riqueza tímbrica formidable da súa “Jota do Gaiteiro do Fragoso”.

A concesión por parte do Ateneo Ferrolán da Gaita de Ouro, medalla Constantino Bellón, e a aparición do seu extraordinario disco “O gaiteiro do Fragoso”, editado dentro da colección Do Fol de Boa Music, constitúen dous merecidísimos recoñecementos para unha lenda viva da nosa música popular. O gaiteiro do Fragoso toca a gaita que sabe a herba, a das raíces da terra, a do sabor popular que nos permite brincar con entusiasmo.