Onte 1428: «Lilting»

Lilting-227169320-largeO director británico de orixe camboiana Hong Khaou ofrece en Lilting unha peza maxistral sobre a perda e a superación do duelo. Dúas persoas de culturas e idades dintintas, unha emigrante chinesa internada nunha residencia de maiores e o mozo británico do seu único fillo falecido nun accidente, afrontan a dor tremenda da perda do seu ser máis querido. A mediación dunha intérrpete, implicada na ruptura da incomunicación até os seus propios límites, facilitará rachar coas barreiras idiomáticas, mais tamén coas xeracionais e culturais. Lilting é unha película moi fermosa sobre a dignidade, a decencia, a honestidade nese esforzo por mitigar a dor no entorno dos seres queridos, valores que semellan en desuso na actual sociedade urbana europea. O recital intepretativo de Ben Whishaw é memorable. Como tamén o é a exaltación das linguas (o mandarín e o inglés) e o valor comunicativo dos silencios e das olladas. Lilting é do máis conmovedor e sensible que teño visto nos últimos meses nos queridos Multicines Norte.

Onte 1421: A derradeira de Resnais

Non saímos decepcionados de Aimer, boire et chanter, a derradeira película de Alain Resnais. Un film lixeiro, no que aos 91 anos homenaxea ao teatro para volver sobre os seus temas esenciais, o amor e a morte. Ademais do entretido enredo de tres parellas maiores e o seu misterioso amigo, abraia a interpretación xenial dos seis actores dunha película de rexistro teatral. A ausencia de localizacións (apenas unhas paisaxes dos dales de Yorkshire), a utilización da ilustración e de decorados de tea e cartón, coma se dun espazo escénico se tratase, imprimen á película unha arriscada fasquía visual. Xaora, o emprego dunha potente elipse narrativa é o máis destacado deste relato no que nunca chegaremos a ver na pantalla ao seu protagonista. Esta despedida de Resnais non é unha obra mestra nin sequera unha película destacada, mais será lembrada pola súa aposta pola teatralización. O teatro no cine ou o cine teatralizado é a estratexia coa que o bretón afonda nas orixes do cinema, a arte á que serviu.

Onte 1377: «Hablar»

Hablar-989404294-largePareceume que o máis interesante de Hablar, a película de Joaquín Oristrell, é a proeza de manter un plano secuencia durante oitenta minutos ao longo de 400 metros das rúas do barrio madrileño de Lavapiés. Tamén é valiosa a construción do guión sobre o que se ensarillan as vinte historias, máis ou menos representativas deste tempo actual de precariedade e crise económica en España. Mágoa que con algunha excepción, como as intervencións do personaxe de Nur Levi ou dos minutos finais no teatro, os diálogos non teñan a brillantez que se agarda nunha película que pretende denunciar a incomunicación, a perversión da linguaxe e reivindicar o valor da comunicación e o peso da palabra na resolución dos conflitos. O acerto do emprego do plano secuencia, algo semellante ao da voz en primeira persoa nas narracións escritas, salva a verosimilitude da película, aínda que lle faltan as doses de emoción e afouteza necesarias para retratar esta crise interminable.

Onte 1375: O pregón de Ledicia Costas

Ledicia_Costas_03-07-2015

Inaugurouse onte a cuadraxésima primeira edición da Feira do Libro de Vigo cun extraordinario pregón de Ledicia Costas. A mudanza de ubicación ao primeiro treito da rúa Progreso, a pesar das súas dimensións reducidas, facilitará o encontro da cidadanía viguesa co libro, ademais de contribuír a dinamizar a actividade do pequeno comercio no centro de Vigo. Chamou a atención que no acto non participase ningún representante do goberno municipal, fose o alcalde Abel Caballero ou o concelleiro de Cultura, sendo a Feira do Libro un dos eventos culturais máis importantes do ano. Máis alá das liortas entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que poden explicar as razóns políticas do caso, a falta en Vigo dunha política municipal de lectura é algo dificilmente xustificable.

Xaora, o pregón de Ledicia Costas compensou calquera insuficiencia institucional. Peza literaria ben traballada e equilibrada nas doses xustas de documentación e emoción, a autora de Recinto gris alicerzouna dende a memoria familiar dos seus barrios vigueses de Brea Muiñeira, «onde conviven o real e o imaxinario», e de Beade, «o lugar onde aprendín a devorar libros e onde me acheguei ao galego de xeito definitivo». Fíxoo para reivindicar o espírito filantrópico nos eidos da educación e da cultura de figuras viguesas como Ramón Nieto, Tomás Alonso ou García Barbón, mais tamén dunha longa nómina de escritores e escritoras viguesas en lingua galega, reclamando visibilidade na cidade para os seus textos. Citou Costas algunha sobras recentes do Vigo literario e desvelou o nome dos locais onde se recita de madrugada poesía galega actual. Referiuse á condición de Vigo como capital editorial de Galicia e reclamou que os creadores fosen incorporados á cidade, xa que sen eles «está perdida». Rematou apelando a crenza no valor actual da filantropía. Un discurso vibrante, magnífico, que nos abriu outra xanela por onde enxergar esperanza.

Onte 1368: «La profesora de parvulario»

La_profesora_de_parvulario-174860048-mainAgradecimos a recomendación de Martin Pawley e fomos á estrea nos Norte de La profesora de parvulario, a película en hebreo de Nadav Lapid. Efectivamente, trátase dun deses filmes da categoría dos «imprescindibles». As temáticas educativa e literaria son eixos dunha obra de natureza lírica alicerzada de forma moi concienciuda sobre a ambigüidade do valor das palabras e sobre a fraxilidade dunha educadora abraiada pola inexplicable potencia creadora, tan prematura coma xenial, do seu alumno poeta de apenas cinco anos. Nesta narración detallada e demorada até os límites dos límites é doado identificar que no Tel Aviv que se divirte entre os abouxadores sons das caixas de ritmos non é posible atender a sutileza da palabra poética, nin sequera as persoas que acuden aos obradoiros de escritura. Unha metáfora tamén do escaso espazo que queda hoxe para a poesía, como para outras belas artes.

Xaora, o que máis me engaiolou do filme de Lapid foi a precisión coa que se presenta o funcionamento da escola infantil israelita, a anos luz da connotación de parvulario, ao que alude o tan desafortunado título escollido pola distribuidora española. Nesta escola israelita, coma sucede no Pelouro en Caldelas de Tui, a actividade céntrase no xogo (dentro e fóra da aula), na importancia da narración oral, na dramatización, na música ou na hora da sesta, momentos nos que a profesora titular e a súa auxiliar acompañan, propoñen e se implican emocionalmente cos picariños e picariñas da súa asemblea. Non hai rastro no filme de Lapid de actividades académicas nin doutro espazo específico para a profesora que non sexa o de recibir a cada un dos seus ao pé da porta, coma sucede nunha das escenas finais, de memorable tristeza, ou naqueloutra marabiullosa da tormenta, utilizada para sentir a ollada do gato sobre o espazo de recreo. Inevitablemente, lembrei Ça commence aujourd’hui, a gran película social de Bertrand Tavernier, que constitúe unha reclamación do papel esencial da educación infantil como primeiro factor de igualdade. Recomendo La profesora de parvulario pola seu carácter antidogmático e a súa capacidade para sorprender e interrogar. Prestoume.

Onte 1338: 1000 Primaveras +

Prolingua publicou onte a primeira peza audiovisual da súa iniciativa Por min o galego terá mil primaveras máis coa que lembra, trinta e cinco anos despois, a apoloxía de Álvaro Cunqueiro sobre a lingua galega pronunciada na homenaxe que se lle rendeu en Vigo o 25 de abril de 1980.

As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (…) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”

A peza audiovisual, preparada por Noel Queipo, recompila centos de gravacións realizadas por galegofalantes das máis diversas idades e procedencias xeográficas coa intención de afirmar o seu compromiso coa lingua galega. Unha páxina colectiva no libro da esperanza galega.

Onte 1328: Kruckenberg

María-do-Carme-KruckenbergEste 17 de maio quedará na nosa memoria pola tristeza do pasamento de María do Carme Kruckenberg, a poeta viguesa que fixo da súa vida un exercicio continuo de rebeldía. É inevitable lembrar a súa enerxía entusiasta e a súa solemnidade cando recitaba, mostra da súa elegancia humana e dunha vocación literaria que nunca abandonou. Pioneira nunha sociedade literaria moi masculina e machista, como lles suceceu as súas compañeiras, as irmás Pura e Dora Vázquez, Luz Pozo Garza, María Mariño, Xohana Torres ou María Xosé Queizán, tivo que loitar arreo para manter a súa independencia e agardar a un recoñecemento serodio da súa obra literaria que chegou a finais da década de 1980, despois de ser vicepresidenta da AELG. Emigrante e viaxeira, como sinalou Mercedes Queixas a súa biógrafa, Chuchi. «respirou polo mar de Vigo», «fixo de Vigo o seu lugar no mundo», porto seguro tras as difíciles travesías. Esta noite sentindo a fragrancia da maruxía da ría lembrámola con saudades e silencioso respecto.

Grazas a Pilar Ponte por publicar onte documento tan valioso como é esta peza audiovisual de dez minutos sobre a presentación en Vigo, o 5 de abril de 2011, de Vivir unha aventura irrepetíbel, a biografía de Mª do Carme Kruckenberg de Mercedes Queixas.

Onte 1326: Unha escritora incómoda

Ao comezo da súa intervención na presentación de Son noxento na libraría Andel, onte María Xosé Queizán confesou que sempre fora «unha escritora incómoda e librepensadora, todo o mundo sabe como son, aínda que me len moitos menos que me coñecen.» «O tema do poder é clave en todos os meus libros», dixo a autora viguesa, antes de expresar a súa confianza na xente nova: «Creo que serán as rapazas as que consigan sacarnos desta corrupción tremenda na que vivimos. Pensade que 383.000 menores denunciaron algún tipo de violencia no entorno familiar, algunhas sobre as súas propias nais.» Rematou María Xosé Queizán a súa intervención interpretando o «Rap Repoludo», que alude a violencia sexual e homenaxea ao «Repoludo gaiteiro» de Rosalía de Castro.

Con anterioridade interviu a profesora Manuel Pena que fixo un magnífico retrato da autora e da obra: «María Xosé Queizán foi sempre aglutinadora de vontades, capaz de acuñar proxectos, como a revista Festa da palabra silenciada, que aunaron a moitas persoas, moitas mulleres.» «María Xosé Queizán é moi coñecida como escritora, mais o seu tratamento no sistema educativo e nos libros de texto non se corresponde con esa popularidade. Hai un desequilibrio neste tratamento didáctico, como sucede en xeral co de todas as escritoras.» «Dende A orella no buraco, escrita en 1962, mais publicada en 1965, até este Son noxento, na obra de María Xosé houbo unha evolución interesante, incorporando as mudanzas que foi vivindo. Con todo, tivo sempre un plan predeterminado de ir enchendo ocos na literatura galega: o da novela histórica, publicando Amantía; o das sagas xuvenis, c’ O segredo da pedra figueira; o da poesía erótica, c’ O despertar das amantes…» Para Manuel Pena en todas as obras e en todos os xéneros abordados por Queizán, a pesar dos cambios, existen dúas características permanentes: a primeira, «o compromiso social e político, a denuncia»; o segundo, «o afán didáctico, a intención de transformación e comunicación». «María Xosé aborda sempre difíciles, espiñentos, que non son agradables, que “non interesan”, que provocan incomodidade, ela que é valente e un pouco inconsciente.»

XG00240801«Así sucede en Son noxento, cuxos temas principais, a pederastia, o incesto e os abusos sexuais, xa aparecen en novelas anteriores como Ten o seu punto a fresca rosa e Meu pai vaite matar.» «É salientable a absoluta modernidade de Queizán no tratamento destes temas en todas estas obras, que poderían converterse en auténticos best sellers.» «A gran novidade de Son noxento é o emprego do monólogo interior que nos achega terriblemente ao noxento, coma se utilizásemos unha lupa que nos agranda o que está agochado: a pederastia, os abusos sexuais, a violencia toda que está presente nas nosas vidas. O acerto de María Xosé Queizán é que este monólogo nos atrapa, até chegarnos a facer rir co seu sarcasmo. Mais ao final, móstrase como o que é: un perverso, un depravado, un home sucio, un noxento. Sen dúbida, o gran acerto da novela é o uso deste monólogo interior capaz de provocar que esta violencia violente ao lector ou lectora.»

Onte 1313: Picasso comiqueiro

azul-y-blancoNa magnífica exposición O primeiro Picasso, instalada no Museo de Belas Artes da Coruña, paga moito deterse no espazo dedicado aos primeiros xornais editados na Coruña polo xenio malagueño cando apenas contada con doce anos. Refírome a Azul y Blanco e La Coruña, publicacións gráficas manuscritas das que se conservan cinco orixinais, e La Torre de Hercúles, da que só hai referencia documentada. Publicacións dun Picasso comiqueiro capaz de mesturar caricaturas e textos breves (ao xeito de telegramas) coa intención de documentar e criticar a vida social daquela Coruña cultural e politicamente efervescente durante os tres anos e medio da súa estancia (entre 1891 e 1895), así como algunha anécdota persoal sen transcedencia. Chama a atención a sutil ironía utilizada polo xove Picasso coruñés, mesmo próxima ao espírito retranqueiro galego, coma a súa habilidade para combinar imaxe e texto, anticipando así unha certa narrativa debuxada. Un Picasso comiqueiro por descubrir nunha exposición cun enfoque didáctico novidoso, moi interesante.

Onte 1295: «Citizenfour»

Citizenfour-824927245-largeGustoume Citizenfour, o documental de Laura Poitras sobre as revelacións de Edward Snowden e a súa publicación en 2013 por parte de The Guardian, O Globo e The New York Times. Durante case dúas horas pareceume asistir a un episodio gravado da historia máis recente, mesmo duns acontecementos que sabemos en curso, amosando así o papel tan poderoso do cinema documental para ser o soporte privilexiado do xornalismo da sociedade dixital. Xaora, quedei fascinado coa narrativa escollida por Poitras, montando o relato coas técnicas do thriller sobre unha atmosfera moi fría de non lugares (cuartos de hoteis, salas de prensa, redaccións de xornal…) e un acabado visual semellante ao das series de HBO, unha das coprodutoras da peza. Recursos axeitados para presentar un mundo dixital onde todos, sen excepción, somos vixilados e onde apenas quedan fendas para a liberdade informativa e o pensamento crítico de profesionais e cidadáns.

Con todo, o final aberto do documental, os casos de Snowden e Assenge non están resoltos, enxerga un chisco de esperanza. Accións afoutas como as do analista estadounidense son propias dun heroe contemporáneo, un novo cabaleiro do Grial na súa loita pola conservación dos valores de privacidade e liberdade que pretenden ser erradicados de forma desapiada polo Gran Irmán sempre á esperita. Citizenfour é unha película recomendable para todas aquelas persoas que non queren deixarse acubillar no colo do conformismo.