Listado de la etiqueta: vigo

Manuel de Castro, Handicap

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a biografía de Manuel de Castro Handicap preparada por Adrián Iglesias:

Tras aquel libro pioneiro de Gerardo González Martín, Handicap creó el Celta (Ediciones Cardeñoso 2011), o galipedista pontevedrés Adrián Estévez Iglesias presentou a pasada semana Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón (Galaxia 2023), a primeira biografía en galego de Handicap, o xornalista deportivo, primeiro adestrador da selección galega de fútbol e figura clave hai un século na fundación do Celta de Vigo. Primeiro título da colección «O noso deporte» da editorial Galaxia, o libro de Estévez ademais de investigar aspectos biográficos e familiares novidosos do xornalista nacido en 1885 no número 89 da viguesa estrada de Baiona (actual Pi e Margall), especialmente as súas viaxes por Europa con motivo dos xogos olímpicos de Antuerpen (1920) e París (1924), documenta outras cuestións relacionadas coas orixes do fútbol en Vigo, coa creación do Celta, a construción do estadio de Balaídos e o desenvolvemento do equipo até o seu ascenso a Primeira, coa pegada do deporte na cultura galega e no galeguismo ou sobre a prensa deportiva viguesa das catro primeiras décadas do século XX.

Adrián Estévez esculca nas orixes do fútbol vigués, vinculado a comezos do século XX aos «rapaces ben (coñecidos como “sportman”) de familias dedicadas á triloxía mar, industria e conserva» e ao fenómeno do domingo libre, declarado dende a lei de 1904, o que provocou a aparición dun público, as clases populares para as que «o deporte era un espectáculo recreativo que contemplar, mais nun principio aínda sen participar». Non esquece a orixe portuaria do fútbol na cidade nosa, cuxos primeiros partidos xogaron, a finais do século XIX, mariñeiros ingleses que recalaban no porto e traballadores do Cable Inglés. Como tamén que a sociedade Arte y Sport, creada en 1903 por alumnos da Escola de Artes e Oficios, mudou o seu nome polo de Vigo Foot-ball Club o 22 de maio de 1905 e adoptou como equipamento as cores identificativas da bandeira da provincia marítima de Vigo: camiseta con dúas franxas verticais branca e vermella e pantalón branco. Recupera Estévez ademais aquel primeiro campionato de Galicia celebrado no Malecón, nos recheos do peirao, no mes de agosto de 1905, no que ademais do organizador, o Vigo F.C., participaron outros catro equipos vigueses: Hispania, Marítimo, Murcia (formado por sarxentos do rexemento militar) e Fortuna, club que en xaneiro de 1908 comezaría a xogar en Bouzas.

Adrián Estevez reconstrúe a traxectoria xornalística de Handicap, dende a súa primeira publicación o 16 de febreiro de 1909, cando tiña apenas vinte e tres anos, unha crónica en Faro de Vigo entre o Exiles (primeiro club de fútbol fundado en Vigo por oficiais do Cable Inglés do que xa hai noticia en 1876) e o Vigo F.C., que dende o ano anterior xogaba en Coia, a primeira catedral do fútbol vigués, onde se reunían máis de sete mil espectadores, até a apertura o 30 de decembro de 1928 no val do Fragoso, a carón do río Lagares, de Balaídos, topónimo que significa lugar onde abondan as abeleiras. Crónicas futbolísticas nas que Handicap acuñará un estilo de seu, caracterizado polo emprego de anglicismos e adxectivacións esaxeradas e por unha estrutura do artigo iniciada pola introdución dos equipos, centrada despois na narración do xogo e rematada cunha conclusión, na que dende a súa viaxe a Antuerpen adoitaba falar da importancia do apoio do público no campo. Crónicas publicadas nas páxinas de Faro de Vigo, como as súas «Notas deportivas», durante trinta e cinco anos, mais tamén noutras cabeceiras viguesas como Letras y Deportes (1909), primeira publicación deportiva de Galicia; Machada (1914), revista humorística; Vida deportiva (1916); Sprint (1927), semanario deportivo vinculado ao decano, que competía con Sport, ligado con El Pueblo Gallego; Horizonte (1932) e Hoja de los lunes (1936), que chegaría a contar co seu propio suplemento deportivo, Imán (1942).

Adrián Estévez aborda o sentimento galeguista de Manuel de Castro, un home de dereitas que apoiou aos franquistas no 36, expresado tanto na súa colaboración efémera na revista Nós, onde apareceu, probablemente traducida, a crónica en galego da final da Copa do Rei (1922), como e sobre todo pola súa convicción, compartida con Pepe Bar e Juan Baliño Ledo, que a unión do Vigo Sporting e o Fortuna debía dar pé a un equipo forte que servise para representar a Galicia nos campionatos de España. Convicción que levou aos fundadores a escoller o nome do novo club, finalmente entre Breogán e Celta, e a engadir no escudo, a partir de 1928 e a proposta de Baliño, a cruz de Santiago, como emblema para representar a Galicia.

Recomendo vivamente esta excelente e ben documentada monografía sobre a figura de Manuel de Castro, que amplía a temática da bibliografía galega do centenario celeste.

Vigo amurallado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Vigo amurallado, o libro póstumo do arquitecto Xaime Garrido:

Tres meses despois do pasamento do arquitecto Xaime Garrido, apareceu nas librarías «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses 2019), o libro no que recolleu o seu coñecemento sobre o Vigo Vello. Unha das obras sobre a historia de Vigo máis completas e novidosas das publicadas nas últimas tres décadas. Un auténtico libro de referencia sobre Vigo, unha peza indispensable en calquera biblioteca viguesa, tanto pola calidade dunha edición de 472 páxinas, en encadernación acartonada e formato de mesa, como polo despregue documental de planos e fotografías para explicar con espírito didáctico e afervoada paixón pola cidade nosa as raíces primixenias do Vigo actual chantado naquela primeira poboación castrexa, asentada no monte do Castro á altura do século VII antes de Cristo.

Un paseo pola historia viguesa que Garrido continúa pola poboación romana dos séculos I e II, xa con considerable actividade marítima e exportadora da industria de salgadura de peixe, e pola vila que a finais do século XVI contaba con 4.500 habitantes, fixada no plano de Leonardo Turriano, o primeiro coñecido de Vigo e do seu porto (1597), onde xa se identifica o centro da vila arredor da actual praza da Constitución. Cidade a nosa que, despois da segunda incursión de Francis Drake (1589), na que sería destruída e incendiada, comezou a configurarse coa fasquía actual ao longo do século XVII, cando se iniciou a construción das murallas (1656), as súas portas, fortes, baterías e baluartes, que dous séculos despois (1868) comezarían a ser derrubadas. Cidade amurallada que aparece reconstruída con todo detalle por Xaime Garrido a partir do «Plano de Vigo con sus contornos» de xaneiro de 1773, rescatado no Instituto de Historia e Cultura Militar.

Froito de toda unha vida dedicada á investigación teimuda e minuciosa no Arquivo Municipal de Vigo e en calquera outro no que aparecesen documentos relacionados coa historia viguesa, Garrido reconstrúe un formidable plano (despregable) do Vigo da primeira metade do século XIX e da súa toponimia, no que ademais de trazar o rueiro da cidade amurallada e dos seus barrios (Outeiro, Buraquiño, Campucha, Fonte de Vigo…) identifica xa os arrabaldes da Falperra, da Ribeira do Berbés, da Gamboa ou do Salgueiral sobre os que a finais do dezanove se desenvolverían os primeiros ensanches. Unha proeza do investigador urbanístico que vai moito máis alá cando Garrido reconstrúe, a partir dos proxectos de obra presentados no concello, a aliñación e apertura de prazas e rúas principais deste período decisivo, incluídas as rúas dos novos ensanches, poñendo así os alicerces do que é o urbanismo vigués contemporáneo. Un traballo impresionante presentado con apoio fotográfico, tanto documental (postais e fotos antigas) como actual, que permite ao lectorado facerse cargo das mudanzas, das perdas e das recuperacións do que debemos denominar como Vigo Vello.

Complétase o libro cun inventario dos edificios e dos elementos arquitectónicos anexos (elementos decorativos, escudos, reloxos de sol…) máis destacados da cidade antiga viguesa, así como na reprodución do nomenclator do rueiro dos anos 1862 e 1877, que convida ao lectorado a redescubrir a súa cidade identificando detalles no seu paseo demorado. Como fixera en obras anteriores, como «Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada» (1991) ou «El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo» (2011), Xaime Garrido nesta obra sobre o Vigo do Casco Vello e dos seus ensanches convida ao seu lectorado a percorrer a cidade amada coma el o fixo, subindo e baixando costas e escaleiras, procurando os mellores ángulos para contemplar e fotografar cada edificio. Libros concibidos por Xaime para ler e para camiñar procurando así as raíces dunha cidade un chisco esquecedeira que non sempre respecta a herdanza do seu patrimonio.

Xaime loitou coma un auténtico heroe civil para que o Vigo futuro se reconciliase coa súa memoria, para que se parase a desfeita irresponsable da súa arquitectura civil e industrial. Traballou coma un xigante para dotar a Vigo dunha historia urbanística, da que probablemente este libro «Vigo amurallado», sexa o froito máis conseguido, consciente de que unha cidade non ten futuro se esquece as orixes do seu patrimonio. O seu labor didáctico e afán cívico foron extraordinarios, como tamén é moi valioso o seu arquivo documental, milleiros de planos e fotografías, que deberían formar parte do patrimonio da cidade. Garrido, a quen nin sequera se lle nomeou vigués distinguido, para vergonza da clase política viguesa, merece polo menos que o seu arquivo sexa mimado, xa que alí se gardan cincuenta anos de investigación da historia de Vigo.

 

Poema de hoxe 71: «Nunca imaxinei» de Helena de Carlos

Helena_de_CarlosNUNCA IMAXINEI que nas cociñas

o silencio ocupase o lugar das olas e do caldo,

Helena de Carlos, Vigo (Galaxia, 2007)

Onte 551: Fundación Penzol

O vindeiro venres no seo da Noite da Edición, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo do Auditorio de Beiramar, a Fundación Penzol recibirá o Premio Francisco Fernández del Riego á cooperación no labor editorial. Con este galardón, outorgado polos membros da xunta directiva da Asociación Galega de Editores, pretende recoñecerse o labor de cincuenta anos dunha institución privada, creada en Vigo o 7 de abril de 1963, que dende o seu inicio se constituíu no centro de estudos e de documentación especializada en lingua e literatura galega de referencia. Hoxe a Biblioteca Penzol continúa sendo a biblioteca principal da edición en lingua galega e, probablemente, tamén o primeiro centro bibliográfico sobre a historia da Galicia contemporánea. Cataloga un fondo extraordinario que abrangue dende o denominado “fondo histórico” (400 libros do século XVI ao XVIII), a cerca de 50.000 libros, oito coleccións completas de periódicos, milleiros de cartas, revistas, publicacións periódicas e folletos, 400 manuscritos, ademais dun importante arquivo sonoro, fotográfico e a máis diversa documentación sobre Galicia. Don Paco del Riego foi director da Biblioteca Penzol durante corenta e sete anos, razón pola semella ben acaído que o premio creado polos editores galegos para lembralo cada ano sexa concedido, no seu centenario, á fundación promovida por Fermin Penzol-Lavandera. Parabéns a Zulueta, Domínguez e á editorial Galaxia, os seus actuais responsables.

Onte 38: Eduardo 50

Celebramos coa familia a ledicia do 50 aniversario de Eduardo. O meu irmán atravesa, coma fixeramos nós hai menos de dous anos, ese medio do camiño da vida, esa fronteira que nos axuda a comprender a nosa irremediable finitude. Para o meu Eduardo, e para todos e todas que formamos parte da xeración Polycomander, vai esta peza (9:51) de agasallo para percorrer o Vigo da nosa infancia. Filmada por un cineasta afeccionado, probablemente recuperada en vídeo, aquí está o Vigo da furgoneta de papá (PO-25018), os Siboney co seu punto a piques de subir Urzaiz, a porta do Sol onde traballaba mamá, os rusos do avó Beleiro camiño do Alto da Encarnación, o skyline da Laxe, a estatua do pescador na Ribeira, o tinglado general de empaque, as faenas do Berbés, as pescantinas e as carrexonas, O Castro, o Pirulí, a Guía, Praia Azul, a Estación Marítima e os seus adeuses e unha longa secuencia da batalla de flores por Policaro Sanz. Unha marabilla para a nosa memoria.

Grazas a Xancarayas por subir á rede tan interesante peza.