Listado de la etiqueta: vampira_de_bilbioteca

Onte 2081: Ledicia Costas nos faladoiros virtuais dos colexios de Cedeira e Laredo

Acompañei onte a Ledicia Costas nos encontros virtuais que mantivo co alumnado do Colexio de Cedeira (5º de EP) e Laredo (3º e 4º de EP) onde traballo como orientador educativo. Dúas sesións moi proveitosas tanto polo que nelas se falou e compartiu sobre as lecturas, no primeiro sobre Escarlatina, a cociñeira defunta e noutro sobre A señorita Bubble, como pola experiencia para o alumnado deste formato virtual, respectando a netiqueta e utilizando de forma simultánea as utilidades da videoxuntanza, sobre todo, o chat paralelo que se desenvolvía na marxe da pantalla.

Xuntar na mesma actividade os valores de compartir coa autora as lecturas de varios meses na «Hora de ler» e utilizar un soporte de comunicación dixital simultáneo conforma un formato de actividade de fomento da lectura ensaiado neste período de confinamento que no futuro (agardemos que xa presencial) paga a pena explorar. E se isto non abondase, gustei moita  da elegancia de moitas das participantes, vestidos para a ocasión tan importante, expresión de autoestima e de respecto pola convidada literaria, unha actitude que consolida valores de positividade sobre a nosa lingua e sobre a propia creación literaria.

En ambos os dous faladoiros Ledicia Costas confesou algúns segredos sobre a súa obra, como que escribiu o seu primeiro libro ás trece anos e o texto perdeuse nunha mudanza. Adiantou tamén algunhas primicias, como a aparicion da serie dos Minimortos, historias dos nenos de ultratumba, para comezos do vindeiro curso e dirixidos ao primeiro lectorado e adiantou o título da segunda parte d’ A señorita Bubble, Bubble baixo cero, que estará ambientada en Laponia.

Falou Ledicia tamén de Vampira de biblioteca, a súa novela máis recente sobre o valor dos libros, das bibliotecas e da lectura. Recomendou varios do seus álbums favoritos: A árbore xenerosa (Kalandraka, 2015) de Shel Silverstein, Na cociña de noite (Kalandraka 2014) de Maurice Sendak e Que bonito é Panamá! (Kalandraka 2015) de Janosh. Comentou o proceso de creación literaria conxunta de Caramonia, con novos capítulos todas as semanas en Instagram… e moitas outras cousas.

A conversa co alumnado de Laredo, emitida en directo, quedou gravada na canle de Yoube do cole (44 minutos). Un formato de faladoiro virtual que repetiremos co alumnado de 5º e 6º de EP do CEIP de Laredo que conversará co noso admirado Óscar Sánchez «Martinpawley» sobre astronomía, ciencia e cine.

Onte 2075: A vampira 451 de Ledicia Costas

Ledicia Costas agasállanos nesta reentrada con Vampira de biblioteca, un novo libro da súa factoría creativa, ilustrado por Víctor Rivas. Unha aventura cen por cen ledicia que integra tres das súas principais liñas de traballo: a exploración de medos e perdas no inframundo paralelo, creado en Escarlatina; a indagación no eido do coñecemento e da tecnoloxía utilizando a estética steampunk, iniciada n’ A señorita Bubble e A balada dos unicornios; e a recreación do mundo dos animais estraños e a creación de sociedades compartidas cos seres humanos, presente n’ As peripecias de Extravaganzza Pérez. Tres esteos literarios que prenden nunha mesma trabe, a voz enérxica de Eleonora, a nena vampira chucha tinta e vegana que relata a súa historia como defensora dende hai máis dun século dos fondos da biblioteca de Coímbra ameazados pola terrible praga do couzón real que pretende papalos.

Nas páxinas iniciais, a narradora e protagonista propón á lectora que se quere gozar desta aventura literaria antes debe descalzarse e identificar e escribir os seus medos, aquelas cousas ou situacións que lle producen un profundo desacougo. Só despois poderá poñerse máis cómodo na cama ou no sofá e saber todo o que lle aconteceu a Eleanora e aos morcegos Xa e Mon cando coñeceron ao avó Mariano e a súa familia toda. Un pacto inicial coa lectora que tamén o é de exaltación apaixonada do valor dos libros e das bibliotecas, ameazados tanto polos perigos do temible couzón da morte como pola idiotez e alienación provocada polo uso doutros soportes onde procurar información, como internet, as redes sociais ou os videoxogos.

Vampira de biblioteca pertence a esa clase de grandes libros sobre o mundo dos libros. Unha defensa da cultura do libro protagonizada neste caso por unha vampira punki, tamén vixía dos libros e lectora letraferida, que como aquel bombeiro Montag de Fahrenheit 451 (parabéns a Xerais pola nova edición deste clásico), pretende poñer a salvo un por un os imprescindibles da  biblioteca ao seu cargo (como Drácula, o vampiro máis respectado de toda a historia) chuchando a tinta das súas páxinas para poder inxectalas noutro soporte e deixalas fóra de perigo. Unha xenerosa estratexia, como a de procurar as palabras perdidas na casa dos humanos, que leva a historia, nun xiro inesperado e moi brillante, á exploración do valor da amizade, como algo que medra se a alimentas e a cultivas. Lemos tamén para querer e ser queridos, o que obriga a considerar a lectura como unha actividade vinculada ao eido emocional.

Ledicia Costas acerta de cheo cando ofrece unha aventura literaria de amizade entre vampiros, humanos e animais dirixida a un lectorado autónomo (a partir de 9 ou 10 anos) cando comeza a compartir a experiencia lectora sobre libros impresos coa utilización do hipertexto da web, a iniciarse no uso da comunicación nas redes e adestrarse no uso dos videoxogos compartidos. Acerta Ledicia cando fai esta exaltación imaxinativa e atrevida do valor dos libros e da bibliotecas fuxindo das mexericadas do aroma ou cheiro dos libros e outras trapalladas propias dos que non entenden que a hibridación da lectura é hoxe un camiño sen volta. Ledicia por medio de Eleanora, a súa vampira 451, defende os libros por que como aquel Montag de Bradbury sinte que detrás de cada libro hai unha persoa que  fala . Velaí o milagre e a marabilla da lectura pola que paga tanto a pena vivir aventuras como cada unha que nos ofrece Ledicia, facernos humanos. Recomendo vivamente esta Vampira de biblioteca, libro importante.