Listado de la etiqueta: Twitter

#GrazasHemato

Abracei por vez primeira a Hematocrítico interrompendo unha sinatura multitudinaria na feira do libro da Coruña. Acababamos de publicar a edición de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais 2016), que fixera Anaír Rodríguez, dende entón a voz da súa obra en galego. Confeseille atrapallado que era un seguidor das súas novelas gráficas e do seu perfil en Twitter, que como director da editorial agradecía as súas facilidades para incluír o seu primeiro libro infantil na nosa colección Sopa de Libros. Moito lembrei estes días aqueles tres minutos alborais con Hemato, como o seu sorriso que contaxiaba afecto, cando choramos incrédulos o seu pasamento. Unha dor que nos estremece mitigada apenas pola lectura do seu bosque dos contos, oito libros xeniais, extraordinarios, outras tantas trabes de ouro da nosa literatura infantil. Un legado literario con vontade de clásico onde identificamos a voz de autoridade do lobiño riquiño, que coas modulacións e as pausas do humor e do agarimo esnaquiza os prexuízos rancios dos personaxes do conto clásico europeo sen modificar o relato identificado de xeración a xeración. Voz do lobiño que utilizaba en todos os proxectos creativos nos que participaba, fosen literarios ou audiovisuais, para a infancia ou para público maior. A voz do mestre que coñece os temas e rexistros da conversa da súa picariñada (como hai tres décadas fixeran os mestres Agustín e Docampo), matizada polos contidos máis diversos do relato de quen leu durante dúas décadas un conto diario ao seu alumnado cativeiro. Foi a de Hemato unha obra subversiva, revolucionaria, como as obras proxectadas pola súa alcaldesa vermella, como disrutivo foi o seu perfil branco e violeta de Twitter, compartindo azos, beleza e retranca a esgalla, os mellores antídotos para protexernos do xurro de odio e falsidades que luxan as redes. Grazas Miguel por legarnos a voz do lobiño. Na túa memoria compartirei con Montse e Ledicia outro arroz con lumbrigante con recendo de Laredo. #GrazasHemato

Publicado en Nós diario: 06/12/2023

Novela de praia

Espallouse por Twitter unha curiosa oferta de libros usados baixo a etiqueta de «novela de praia». A pesar de parecerme un pouco caro o saldo destes libros a granel, tres euros un exemplar, cinco por dous, divertiume que o alfarrabista anónimo crease unha tipoloxía de edición, que permanecía inédita, sen encomendarse ao criterio de academia crítica ningunha ou sequera emulando a promoción do márketing dalgunha editora inconformista coa visibilidade do seu catálogo. Porén, o que máis me gustou do caso é que a recomendación de levar novelas á praia fose utilizada poucos días despois na rede de Musk para animar á lectura (e compra) dunha recente novela galega «ben escrita e con moito humor», coincidencia probablemente só atribuíble as sereas do azar. Emporiso, anunciamos que a «novela de praia» chegou a literatura galega, que non vai ser todo «novela negra», e como outros fenómenos da nosa contorna editorial, por cativo que sexa o seu mercado, terá vontade de continuidade. Con semellante precedente imaxino que as editoras galegas de referencia terán en conta este nicho de mercado na preparación dos seus futuros plans editoriais, como xa teñen asumidos os lanzamentos de nadal ou letras galegas. Fóra da brincadeira desta coincidencia, a serendipia amosa o perigo de utilizar etiquetas para a produción editorial, máis aínda da literaria, que poden chegar a confundir aos públicos lectores. Claro está que non hai razón ningunha para que as novelas lidas na praia sexan apenas produtos de lectura ou libros artisticamente menores. As novelas de praia son as que as lectoras deciden levar ao areal, un espazo lector para calquera tipo de textos e soportes. Recomendo ler na praia, e facelo da forma máis confortable que coñezo, empregando cadeira, parasol e a protección solar necesaria. As editoras galegas continúan ofrecendo unha oferta moi diversa de novidades de novelas ben escritas, con humor, intriga, reflexión, memoria, emoción… para gozar tamén nos nosos areais.

Publicado en Nós diario: 19/07/2023

Onte 471: Twitter 4.000

O meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.

(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.

Xerais twitter

Dende onte xa está operativo o noso Xerais twitter, un espazo de microblogueo para dar conta das novidades e das convocatorias da editorial. Con esta nova ferramenta, que se une a que funciona en Facebook, a editorial consolida a súa prensenza nas redes sociais procurando a participación dos lectores e lectoras dos seus libros e dos usuarios dos seus servizos.

A nosa pequena experiencia de microblogueo, tanto empregando o Lareta como o Twitter, é moi gratificante; apenas serviunos para explorar algunhas das súas enormes posibilidades comunicacionais. Como salientou besbe nesta súa anotación de onte, a maior parte dos usuarios, paradoxicamente, infrautilizamos unha utilidade como twitter que atesoura enormes posibilidades creativas. Hoxe unha identidade dixital (sexa persoal, institucional ou corporativa) constrúese coa presenza sobre diversas utilidades dixitais, que permiten xéneros discursivos diferenciados (blogs, twitter ou lareta e facebook pode ser a configuración actual).

O pulo do Facebook galego

O suplemento dominical «Estela» de Faro de Vigo dedica hoxe catro páxinas (pódense baixar ou ler en pdf aquí) ao pulo que colleu o Facebook en Galicia. A reportaxe supón a visibilización na prensa de papel dun fenómeno que nos últimos meses colleu unha dimensión sorprendente, tanto polo incremento do número de usuarios que nos unimos a este rede, como pola incidencia que o seu funcionamento ten sobre a sociedade (velaí a mobilización contra o veredicto homófobo, nacida desde esta rede).

Os blogueiros daquel blogomillo ventureiro, nacido hai case cinco anos, volven atoparse no facebook e, tamén, en twitter (o microblogueo merece unha anotación específica), coa entusiasta actividade de novos membros que durante estes dous últimos meses se uniron a esta rede de amizades nas que se comparte amizade, lercheo, reflexión e múltiples afinidades. Foi decisiva nesta ampliación do perímetro da rede galega de Facebook a campaña electoral, pola aposta que case todos os partidos fixeron por ela, especialmente os partidos nacionalistas. Ogallá está aposta pola participación política por medio destas redes continúe na acción de goberno. Outrosí debe suceder coas empresas e entidades que, porén, canto menos no que nós coñecemos, non teñen apenas presenza nesta rede.

A nosa aínda cativa experiencia en Facebook, sexa como usuarios ou como promotores da páxina de Xerais, levounos a comprobar a importante presenza do galego como lingua vehicular dunha boa parte dos usuarios, como a importancia que ten para a nosa lingua contar cunha versión en galego da utilidade (microsoft debería tomar boa nota). Dúas magníficas noticias a salientar, como tamén o é o alto nivel de participación dos usuarios (estes días mobilizados contra o perigo abstencionista deste domingo). 

Este pulo de Facebook, como o novo xénero discursivo de twitter (a min tenme fascinado), en definitiva das utilidades das redes sociais dixitais, obrigan a repensar o papel dos propios blogs. Creo que hoxe en Internet o importante é contar cunha identidade dixital singular (sexa individual ou colectiva, no caso de grupos, empresas ou institucións), cunha voz propia que le, escribe, opina, valora e conversa empregando a riqueza e singularidade de todas e cada unha destas utilidades dixitais e xéneros discursivos. Velaí a cuestión da literacidade electrónica do que tantas veces temos falado no blog.