Listado de la etiqueta: rosalía_de_castro

Onte 487: Don Paco

Conmemoramos onte o centenario do nacemento de don Paco, o home luz da cultura galega do século XX. Lembramos a Del Riego, o home ponte, o patriota que mantivo o fío coa Xeración Nós, asegurando así a continuidade do relato da nación nacido con Faraldo, Anón, Murguía e Rosalía. Homenaxeamos a Francisco Fernández del Riego, o home lente, o Salvador de Lorenzana que como editor disciplinado, escritor e lector compulsivo sostivo o proxecto da editorial Galaxia, da revista Grial e da Biblioteca Penzol durante décadas, alicerzando un sistema cultural galego que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria editorial na nosa lingua. Gabamos ao home rede, que soubo tecer acordos, aglutinar vontades, contaxiar alento para acometer tarefas colectivas. Como abeizoamos ao home de aceiro que deu a súa vida toda por unha única causa “a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra”. Ao longo deste ano do seu centenario, tempo haberá de volver sobre o inmenso legado de don Paco, creador de institucións culturais coma o 17 de maio, rosaliano de corazón e cidadán galego sempre crítico e inconformista.

Onte 169: Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía, o 175 aniversario do nacemento da fundadora da nosa literatura nacional. Unha efeméride que non debe pasar desapercibida en ningún centro educativo nin medio de comunicación. A realización de lecturas e actividades rosalianas en espazos públicos e educativos, ademais da reivindicación do apoio das administracións á investigación e difusión da súa obra centrarán a xornada.  Con todo, a novidosa proposta da AELG –apoiada pola Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, numerosos concellos e centos de asociacións culturais e cívicas– de animar á cidadanía a que nesta data merque un libro en galego e reciba unha flor constitúe outro fermoso aliciente desta coroa cívica e popular. Da man de Rosalía a lingua e a literatura galega chegarán hoxe a todos os recunchos do país de noso. Rosalía sempre viva.

«Panteón da Galeguidade»

No artigo da semana en Faro de Vigo esixo a apertura decontado do «Panteón dos Galegos Ilustres» e propoño a súa refundación, titularidade e xestión pública como «Panteón da Galeguidade». Ademais, aproveito para convidar á cidadanía a participar o vindeiro 15 de xullo no Cortexo Cívico que de Padrón a Compostela conmemorará o 125 aniversario do falecemento de Rosalía de Castro e o 119 aniversario do traslado dos seus restos mortais ao Panteón de Bonaval.

«Rosalía 21»

Hoxe é «Día de Rosalía», conmemoramos o 172 aniversario do nacemento da nosa poeta primeira. Con este motivo aparece Rosalía 21, o libro colectivo de ensaios do proxecto multiartístico coordinado por Anxo Angueira. Un libro ben fermoso para unha data que non debe pasar desapercibida.