Listado de la etiqueta: rosa_parks

Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

Fridays for future


Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a #FridaysForFuture, a iniciativa da activista sueca Greta Thunberg, promotora da Folga escolar polo clima:

Greta Thunberg, unha rapaza sueca de dezaseis anos, é hoxe a líder icónica da primeira folga escolar mundial polo clima que o pasado venres se celebrou en máis de cen países e 1.600 cidades. Unha mobilización planetaria con escasos precedentes iniciada por esta estudante de noveno curso (equivalente a 4º de ESO) o pasado 20 de agosto cando tras a vaga de calor e incendios en Suecia decidiu non ir á escola e chantarse diante do Riksdag, o parlamento situado no centro de Estocolmo, durante o horario escolar cun cartel no que aparecía a frase «Folga escolar polo clima».

Logo de celebradas as eleccións xerais dos seus país, o 9 de setembro, nas que foi elixido primeiro ministro o socialdemócrata Stefan Löfven, Greta decidiu continuar a súa folga só os venres, xornada nas que durante sete horas permanece co seu cartel, soportando temperaturas baixo cero, reclamando que se adopten medidas para limitar o aumento da temperatura global do planeta a 1,5 graos. Iniciativa, acuñada na rede coa etiqueta #FridaysForFuture, que comezou a ser seguida por milleiros de estudantes doutros países que reclaman diante dos seus parlamentos e edificios gobernamentais a redución das emisións de carbono establecidas no Acordo de París, dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, en vigor dende 2016, do que Donald Trump anunciou a retirada dos Estados Unidos en 2017.

Diagnosticada de Síndrome de Asperger, trastorno do desenvolvemento incluído no espectro autista, que afecta a interacción social recíproca, e tras padecer unha depresión paralizante aos once anos, Greta Thunberg confesou que adoptara o seu modelo de desobediencia civil inspirándose na protesta de Rosa Parks, unha muller tímida e introvertida coma ela, que en 1955 foi capaz de non ceder o seu asento do autobús a un home branco de Montgomery, Alabama, acción que supuxo un punto de non retorno na loita a prol dos dereitos civís nos Estados Unidos.

Coma sucedera coa activista estadounidense, a acción de Greta comezou a chamar a atención dos medios de comunicación de todo o mundo constituíndo a inspiración para o emerxente movemento internacional de «Folgas Escolares polo Clima», como a que o venres mobilizou a varios centos de estudantes vigueses de secundaria diante do concello de Vigo reclamando atención para as políticas sobre o cambio climático e denunciando a falta de compromiso dos políticos cunha situación que rouba o futuro das novas xeracións. Protestas estudantís que dende o pasado mes de novembro foron estendéndose dende Australia e que continuaron ao longo do inverno no Canadá, Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Xapón, Suíza, Reino Unido ou nos propios Estados Unidos.

Facendo fincapé sobre todo na importancia da investigación sobre o cambio climático, como xeito de facerlle fronte ás posicións negacionistas de Trump e a industria petroleira, o novidoso do movemento promovido por Greta, que xa falou diante dos líderes mundiais no Foro de Davos do xaneiro pasado ou na conferencia climática da ONU en Katowice, reside na capacidade de mobilizar a mozos e mozas de todo o planeta que reclaman, cando xa apenas hai marxe de acción, unha maior ambición e contundencia dos políticos para derrotar o cambio climático. Un cambio que se ten que producir agora, desbotando así a retórica dos que interpretan no seu beneficio acordos como os de París ou entrando en aberto litixio co trumpismo que ameaza con levar ao planeta ao abismo neste mesmo século.

O feito de que activistas como Greta asuman nas súas formas de vida comportamentos e hábitos que contribúen a limitar o aumento da temperatura global do planeta –a súa familia non viaxa en avión nin consume carne nin utiliza plásticos– amosa que esta causa obriga a unha mudanza das nosas formas de vida, anticipando uns hábitos alternativos na alimentación, na mobilidade e no consumo enerxético moi distintos dos que utilizamos. Mudanzas nestes hábitos de mobilidade, que afectan dende a redución do tráfico aéreo planetario á utilización de vehículos con motores de combustión, que se deben producir canto antes, o que modifica case de raíz a actual axenda política e económica do noso tempo. Un movemento mundial de adolescentes mobilizados por Internet a prol dun desenvolvemento sustentable que obriga ao ecoloxismo, nacido hai catro décadas ao fío do movemento antinuclear e organizado en plataformas e partidos diversos, a actualizar agora e de raíz o seu programa e as súas formas de actuación.

En todo caso, beizón a Greta Thunberg, unha líder tan atípica como carismática, capaz de tirar do fío da esperanza cando semella non haber futuro. Como beizón para eses centos de estudantes vigueses de secundaria mobilizados nestes Venres polo Futuro, xa que como eles din «non temos un planeta B».

Onte 1520: Día da dignidade

rosa_parks

Fixéronse onte sesenta anos daquela proeza histórica de Rosa Parks que se negou a deixar a un branco a súa cadeira no autobús. Un comportamento que se forxou como modelo de dignidade, axudando a superar comportamentos e prexuízos racistas e a establecer modelos de igualdade real. Unha desas poucas accións históricas individuais que axudan a mudar ao mundo no horizonte da esperanza. Onte lembramos aquela manifestación de 2002 en Compostela, onde cada un dos nosos paraugas contribuíu a caligrafar o sintagma Nunca mais, que dende entón expresou a indignación dun país disposto a saír do seu silencio conformista. E onte tamén lembramos a Eduardo Blanco Amor no trinta e seis aniversario do seu pasamento, unha figura literaria e humana que (por ventura!) cada ano vai recuperando o seu valor de xigante da literatura galega. A coincidencia desta efeméride coa entrega do premio que leva o seu nome, que nesta edición correspondeu ao noso admirado Xavier Queipo, é outra excelente noticia deste 1 de decembro. Unha data a que ben acae gardala no calendario como «día da dignidade».