Listado de la etiqueta: pumpún_dixital

Brétemas 20 anos

Tal serán como de hoxe dun 3 de xaneiro de 2005 comecei a publicar este blog, utilizando o nome de Brétemas, que recuperaba do meu primeiro ano de carreira (1976), cando aínda formaba parte de ERGA. Dende entón publiquei 6.666 anotacións e recibín 9.558 comentarios, en tres formatos distintos (blogger, blogaliza e o actual, apoiado por Pumpun dixital), correspondendo ao último ano 134 entradas, cifra semellante a dos cinco últimos, que consolida a tendencia do uso do blog como arquivo dixital, que permite o acceso ordenado e o etiquetado semántico, sobre todo das miñas colaboracións semanais en Faro de Vigo e Nós diario, como aqueloutras esporádicas nas revistas Luzes e Tempos novos, entre outros medios, como dos textos utilizados nas actividades formativas das que fun ponente ou doutras intervencións literarias ou textos diversos solicitados.

Ao longo destas dúas décadas, no que irromperon ás redes sociais e informativas, que trasladaron a conversa arredor dos blogs, tamén se melloraron de forma moi considerable as utilidades hipertextuais, o que permitiu que a escritura frecuente no blog, durante anos diaria, se convertese na miña primeira aula de escritura dixital, onde ensaiar con elas. Brétemas, ademais de espazo de aprendizaxe, foi durante catorce anos bitácora do meu traballo como editor en lingua galega e, a partir de setembro de 2018, cando saín de Xerais, da miña experiencia como mestre orientador até o meu retiro en setembro de 2023. En Brétemas, pois, pode seguirse o meu relato en primeira persoa de anos intensos e difíciles da miña vida profesional como editor e mestre, mais tamén as miñas intervencións políticas e as miñas preferencias literarias, musicais, artísticas e deportivas, con especial atención a traxectoria do Celta de Vigo e da divulgación da historia e memoria da cidade de Vigo. Un abano temático diverso, froito (probablemente) da miña paixón pola lectura e pola curiosidade por aprender, que por ventura non perdín nin abandonei.

Brétemas non tería sido posible sen aquela comunidade de entusiasmo que foi o blogomillo, o berce onde naceu, onde compartimos aprendizaxes, descubertas, que nos serviron a cada unha das voces participantes, mais tamén contribuíron ao proceso de dixitalización da comunicación cultural en galego. Confeso con fachenda que de todos os proxectos colectivos de galeguización nos que teño colaborado, que foron uns poucos (Nova Escola Galega, Revista Galega de Educación, «A Pizarra» de Faro de Vigo, Asociación Galega de Editoras, Culturgal, Premios da Crítica de Galicia, Fundación Luzes, Galix,…), o de Brétemas é do que me confeso máis orgulloso, por sincero e teimoso que resultou. Como foi, facendo balance, tamén o meu traballo de escritura mellor recoñecido polos premios da AELG e do Libro Galego (2019).

Brétemas foi debedor do meu perfil de Twitter, onde se enlazaban os seus contidos, o que deixei de facer apenas hai dous meses, cando abrín o de Bluesky, rede informativa vehicular dende entón destas Brétemas, onde celebro a súa continuidade por reducido que sexa agora a comunidade que as segue e comparte. Certo que leo Facebook, Instagram e TikTok, onde teño perfís abertos, mais que non actualizo cos contidos do blog,  non teño tempo abondo, a pesar do retiro, de seguilos e coidar deles. A esta altura da miña vida, confórmome con contribuír ao catálogo galego cos meus textos semanais, arquivados dixitalmente en Brétemas, concibidos como agra de esperanza e horizonte da beleza do porvir.

Xaora, recupero o que afirmaba naquela primeira anotación, tan inocente, de hai vinte anos, na que relataba unha visita á Pisa de Froxán, cando entre o neboeiro escoitei o canto do brelo e as palabras proteícas de Uxío Novoneyra: «Manolo para remoer a pedra hai que facelo dende o fondo da fraga». Nesa angueira seguirei publicando mentres conserve ánimo e lecturas de interese que compartir. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas. Con todos os meus abrazos.

 

Onte 1194: Brétemas, 10 anos

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte de hai dez anos comecei estas Brétemas. Dende entón publiquei 4.667 entradas, fixéronse máis de dez mil comentarios e realizáronse varios millóns de visitas ás entradas do blog. Iniciado en Blogger, no marco do entusiasmo do blogomillo, pasou catro anos despois a Word Press, acollido primeiro pola xenerosidade de Blogaliza e logo, xa con dominio propio, aloxado por Pumpún, até que o pasado decembro migrou ao dominio punto gal.

Dende o inicio foi un blog persoal, con certa vontade memorialística de recoller a miña experiencia como editor de Xerais, razón pola que as súas preocupacións principais foron e continúan sendo os temas relacionados coa edición, a lectura, a lingua e a educación. Xaora, iso non impediu, madia leva!, que en Brétemas se escribise moito sobre política no marco desta crise devaluadora, de fútbol e doutras belas artes. Sen esquecer que tamén dende as orixes, o blog tivo unha intencionalidade de ensaiar e máis tarde desenvolver as posibilidades dunha escrita hipertextual, o máis económica, rica e atractiva que o tempo dispoñible diariamente me permitise.

Botando unha ollada cara atrás, é doado identificar as mudanzas que se foron producindo en Brétemas, provocadas polas do propio soporte e pola aparición das redes sociais e informativas, como pola propia hibridación do paradigma da comunicación cultural. O papel de Brétemas e do blogomillo mudaron coa chegada de Twitter, ao que me incorporei en febreiro de 2009, e de FB, onde migrou a conversa e se conformou unha nova comunidade lectora. A pesar diso, sempre acreditei no valor do blog coma cerne da miña identidade dixital, tanto pola posibilidade de achegar continuidade a varias series textuais (que sempre gustei en numerar) como «Onte» (un dietario con máis de tres anos de vida), «Campo de Granada» (artigos semanais que levo publicando en Faro de Vigo dende hai dezaseis anos con atención prefernete á cidade de Vigo) e «Campo do Fragoso» (crónicas dos partidos que o Celta xoga en Balaídos, das que me ocupa dende hai dez tempadas), como pola súa posibilidade como enorme arquivo dixital, utilidade extraordinaria na que teimei etiquetando o contido de cada anotación todo o que me foi posible.

Nunca esquecerei que cando iniciei o blog, o mesmo día que o meu benquerido Jaureguizar o facía cos seus Facendo amigos, non sabiamos sequera facer un hiperenlace. Dende entón, todo o que aprendín lendo e escribindo na rede non ten prezo. Bloguear é sinónimo de compartir e colaborar. Bloguear supón manterse permanentemente á espreita, compartindo e modulando unha voz dixital propia.

Abonda coa retórica do autobombo. Continuarei na escrita de Brétemas mentres teña algo que compartir, azos e tempo para facelo. A miña maior gratitude para todas as persoas que as len, critican, comentan, rechían e comparten. Seguimos…

Onte 638: Os Xerais por streaming

O streaming está revolucionando a comunicación cultural, educativa ou política, permitindo o acceso a foros e eventos que se celebran fóra do noso alcance. Un recurso dixital marabilloso que utilizo con frecuencia. Coa axuda de Algueirada e Pumpún, onte preparamos o streaming dos Premios Xerais 2013 que, outro anos máis (xa van nove) celebramos na illa de San Simón. Un serán de festa que gostaría poder compartir cos milleiros de persoas que colaboran e apoian o traballo da editorial ao longo de todo o ano, dende os autores e autoras do noso catálogo (preto dun milleiro), pasando polos libreiros, bibliotecarios e profesorado, até os lectores e lectoras (das máis diversas idades), os protagonistas e a razón de ser dos nosos libros. Mágoa que apenas tres centos destas persoas poidan xuntarse mañá na illa dos poetas e da memoria para celebrar a escolla de dous novos textos e escoitar o discurso (xa adianto que espectacular) de Xabier DoCampo. A nosa gratitude e agarimo para todas e cada unha delas, para as persoas que nos acompañan e para as que o fan por streaming, mesmo a milleiros de quilómetros do fondo da ría de Vigo. Unha marabilla!

Onte 270: Xerais web

Dedicamos unha intensa xornada a puír a nova web de Xerais, que nos deseñou o Estudio de Pumpún Dixital, esa factoria viguesa de Internet de Chiu Longina e Berio Molina. Un traballo magnífico! Tratamos de actualizar completamente a identidade dixital da editorial, mudamos o deseño do blog e da web corporativa, creamos o xermolo do que será unha completa web de recursos educativos, con especial atención á nova edición dixital, tanto á educativa, como a dunha Biblioteca Dixital de lectura en rede. Apena so inicio dun proxecto de edición dixital que, despois do verán, incrementará moi considerablemente a nosa oferta de e-books para lectura en dispositivos portables.