Listado de la etiqueta: praza_pública

O perigo das apostas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo aos perigos das apostas:

Ponme nervioso comprobar como no estadio de Balaídos, no vitrasa ou no tren algúns mozos non deixen de atender ao seu móbil pendentes das apostas deportivas. Premendo na pantalla do seu teléfono poden apostar durante as vinte e catro horas do día sobre os resultados das competicións de fútbol de todo o planeta e das categorías máis diversas. Unha actividade alentada por unha fervenza de anuncios protagonizados por actores e deportistas moi coñecidos que se fai xa asfixiante pola súa repetición durante a emisión dos partidos na televisión ou no seu seguimento polas emisoras de radio. Publicidade das casas de apostas, colocada tamén nas camisolas dalgúns equipos do deporte profesional, presentada polas empresa de xogo como un «compromiso co deporte», unha actividade á que as apostas «achegan máis emoción» e co que «comparten os valores do lecer e da súa dimensión social».

Un discurso publicitario eficaz, onde non falta a emotividade, capaz de mover en Internet en España máis de dez mil millóns de clics, o que supuxo en 2017, segundo un estudo presentado na Universidade Carlos III, unha facturación en España nestas apostas deportivas de 310 millóns de euros; aínda que outras fontes falan de 1.700 millóns. Apostas que se realizan tamén nas casas de apostas e nas máquinas de apostas dos bares que nos últimos anos foron aparecendo en Galicia nos contornas metropolitanas e nas cidades comarcais. Locais frecuentados por moitos mozos, transformados nalgúns casos en espazos de encontro xuvenil, onde se venden bebidas e onde se poden realizar novas apostas de galgos ou cabalos cada cinco minutos ou dos resultados das ligas máis diversas. Actividade das salas e máquinas de apostas (case catro mil en Galicia) vinculada aos novos hábitos de lecer, regulada pola Xunta de Galicia, na que os apostantes perderon en 2016 vinte e oito millóns de euros, segundo salienta Marcos Pérez Pena, xornalista que ven facendo un seguimento deste fenómeno social no dixital «Praza Pública».

Un negocio de xogo que cando se desenvolve nos bares e nas cafetarías semella ter dous públicos diana: as persoas maiores nas máquinas comecartos e os mozos nas apostas deportivas. Unha actividade que para os responsables da Asociación Gallega de Jugadores de Azar de Vigo (AGAJA) esta provocando un auténtico andazo de ludopatía xuvenil, unha patoloxía que afecta cada vez máis a mozos de 18 a 25 anos adictos ás apostas deportivas e ao xogo en liña. Un perigo incrementado nos estudantes de Secundaria, incluídos os menores de idade, que non perciben como perigoso o xogo nestas máquinas ou nos seus móbiles, máis aínda cando actúan como ganchos estrelas deportivas, modelos de éxito para eles que aparecen felices xogando ao póker ou tan panchos apostando polo seu móbil. Abonda visitar o web dunha destas casas de apostas para comprobar a indefensión da mocidade convidada a depositar apenas 5 € para rexistrarse, ofrecéndolle decontado bonos de benvida 200 € para comezar a xogar, aínda que despois sexa derivados a unha plataforma de pago. Un risco moi considerable, incrementado polo anonimato e a facilidade de acceso proporcionadas pola conexión en liña, ou mesmo polo aparentemente reducido custe das apostas, o que para os psicólogos incrementa o seu carácter aditivo e que as propias empresas pretenden mitigar in extremis coa opción de que o xogador poida «asegurar as súas apostas».

Apostas deportivas que comezan a ser consideradas un problema social que debe ser abordado polas administracións, que obteñen delas réditos fiscais. Así son varias as iniciativas recentes que reclaman unha nova regulación desta actividade. A eurodeputada do BNG Ana Miranda presentou unha iniciativa dirixida á Comisión Europea para que se establezan límites e controis sobre ela. Esquerda Unida presentou a campaña «Fóra as casas de apostas dos nos barrios» que pretende frear o incremento desta perigosa adicción entre os mozos e as mozas humildes. A este teor a Xunta de Galicia anuncia unha nova Lei do Xogo para este 2019 que obrigue aos propietarios  das máquinas a ocuparse do control de acceso de menores de idade. Mentres que no acordo programático entre PSOE e Podemos se contempla o compromiso de restrinxir a publicidade das apostas en horario infantil e a regular o xogo en liña.

Non hai dúbida que o perigo evidente destas apostas case indiscriminadas e do xogo compulsivo ao que pode conducir, como outros consumos aditivos nos que a mocidade é o público de referencia, debe ser considerado como un problema que require dunha abordaxe socio-educativa. Paga a pena procurar canto antes enfoques educativos para esta adicción asociada ás novas tecnoloxías e á poderosa industria do espectáculo.

Onte 1605: Cruzada contra a Normalización

A crónica de David Lombao, publicada onte en Praza, amosa as razóns da cruzada que contra as leis que protexen a lingua galega desenvolven os sectores galegófobos. O seu obxectivo non é outro que dinamitar o concepto de normalización lingüística e arruinar as políticas públicas de acción positiva a prol das linguas minorizadas que dende a Reforma Política impregnaron, no caso galego, o Estatuto de Autonomía e as leis que o desenvolveron, arredor das que se foi forxando unha posición orixinal, un amplo consenso político e social.

Tras a sentenza do TSXG cuestionando os principios da Ordenanza do uso do galego no concello de Lugo e a do Tribunal Supremo rexeitando o recurso da RAG sobre o Decreto de Plurilingüismo, o movemento galeguista debe dirixir a súa acción xurídica cara o Tribunal de Estrasburgo na defensa dos dereitos individuais dos galegofalantes. Con todo, a ruptura do consenso arredor das políticas de normalización e o dano causado á lingua galega e ao seu futuro por estes sectores galegófobos, apoiados por dirixentes do Partido Popular e de Ciudadanos, é xa irreversible.

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Onte 579: Medios en galego

Convidado pola Asociación Cultural O Castro participei, xunto a Carme Adán e Manuel Mera, na presentación en Vigo de Sermos Galiza. Gustei moito que acto constituíse unha defensa da necesidade dos medios en galego e da súa pluralidade. A consideración de Galicia coma un espazo informativo propio; a necesidade de facer visible o pensamento nacionalista e a diversidade do noso pobo; o fomento da lectura e da escrita en galego como comportamentos en defensa da lingua e da nación; a corresposnabilidade cidadá no desenvolvemento de proxectos como Sermos Galiza, Praza Pública ou Galicia Confidencial foron algunhas das cuestións que propuxen na miña intervención. Como tampouco quedaron fóra as dificultades destes medios no momento actual, provocadas pola devaluación que sofrimos e polas incertezas do tránsito entre os paradigmas comunicacionais analóxico e dixital. Unha situación difícil para os medios en galego, como tamén para o conxunto do sector editorial, xa que a pesar de que a edición é híbrida (ese é o caso de Sermos Galiza, que apostou por un modelo de edición expandida, diferenciando algúns dos contidos impresos e dixitais), o modelo de negocio (polo momento) é analóxico, baseado na venda de exemplares e de insercións publicitarias (cunha tendencia á baixa). Pechou as intervencións Manuel Mera, membro do consello da administración de Sermos Galiza, chamando a gañar suscritores para permitir normalizar un proxecto apoiado por un milleiro de accionistas. Interesante este tipo de presentacións.

Onte 147: Praza pública

 A primeira xornada de Praza pública foi un éxito rotundo. A audiencia superou as mellores previsións, provocando durante a mañá e o mediodía algún colapso no acceso ao servidor. A calidade do produto, tanto a nivel de deseño gráfico e concepción web, como o proxecto xornalístico, quedou moi por riba das nosas expectativas. Auténtico xornalismo 2.0. Unha inxección de entusiasmo extraordinaria para a nosa lingua. O equipo de profesionais de praza amosa que é posible outra axenda informativa, elaborada en galego e en clave galega; ademais, asume unha proposta comunicacional tan suxestiva como difícil, facer viable e sostible un modelo de semanario con actualización diaria. A pesar de vivir tempos tan ruíns, coa aparición deste facho informativo, enxergamos un horizonte de luz. Beizóns para os promotores e profesionais de Praza pública. Parabéns por tan magnífico traballo para o seu equipo tecnolóxico de A navalla suíza e Dinahosting.