O Vigo que deixamos
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o estado actual da cidade e a proposta de recuperación do planeamento estratéxico:
Vigo converteuse nunha cidade de desfiles, unha modalidade de turismo con poucos precedentes. Hai que chegar a 1877 para atopar o primeiro desfile da Sociedade Carnavalesca de Vigo, do Campo de Granada a Alameda. Comitiva que en 1892 a sociedade El Gimnasio, coincidindo coas festas de verán, argallou como «Batalla de Flores», que entón percorría Príncipe até a Porta do Sol. Tras os desfiles fascistas da guerra e posguerra, houbo que agardar a 1954 para atopar o primeiro «Des…tornillo», un desfile en ton crítico e divertido sobre temas locais, organizado polo alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial (Peritos), que desde Peniche á Porta do Sol chegaba a paralizar a cidade durante unhas horas. Comitivas á parte, de carácter relixioso, como a exaltación viguista da procesión do Cristo ou das distintas romarías anuais da bisbarra.
Desfiles, aos que hai cincuenta anos se incorporou o entroido, mais que dende hai tempo perderon o seu ferrete crítico. Hoxe manda en Vigo unha celebración hiperbólica do Nadal, baseada na instalación desaforada de leds e de ornatos kitsch de cartón pedra, como reclamo para o turismo interior e coa intención de que Vigo aparecese nos paneis publicitarios de Nova York e outras cidades globais. Modelo polémico nas voces baixas que, coas súas incomodidades, sacrifica durante tres meses a mobilidade no centro, nun balance de ingresos e perdas que cremos de dubidosa rendibilidade para o interese xeral da cidadanía.
Xaora, unha vez asumido este modelo de ocupación do espazo público, que converte a cidade en decorado e a veciñanza en figuración, non foi estraño que Vigo acollese o Día das Forzas Armadas, unha celebración de alardes que, para abraio noso, levou os tanques a rodar pola duna de Samil. Como tampouco parece xustificada a candidatura viguesa para optar a dous partidos do Mundial 2030, cun custe elevado para as arcas das administracións locais. E, se non abondase, apenas dentro de dous meses comezará a instalación da aparatoso Nadal 2026, coa promesa de incremento de lucerío e de altura da árbore, facendo caso omiso ás recomendacións de diminución de consumos enerxéticos. Vigo é sitio distinto.
Abonda poñer a orella no vitrasa para saber que hai unha parte da veciñanza que se pregunta se esta anomalía dunha cidade hipérbole é o Vigo que queremos; se ese Vigo de leds e papel maxé, será a herdanza que imos deixar as crianzas dos nosos netos. Presentarse no mundo como cidade portuaria atlántica nunha ría de beleza excepcional, cidade industrial do automóbil e da construción naval, cidade tecnolóxica e aeronáutica, cidade da literatura, cidade da música celta, cidade universitaria, cidade do club Celta, cidade da moda, cidade de cine… non abondaría?
Como urxe repensar o Vigo actual, no horizonte dos vindeiros cincuenta anos, unha cidade que debe recuperar o seu liderado na construción do proxecto galego e o seu papel de eixo do noroeste peninsular e rexión urbana de tamaño medio na fachada atlántica europea. Urxe recuperar os exercicios de prospectiva estratéxica, con referencias en 2050 e 2075, que obriga a forzas políticas, entidades empresariais, sindicais, veciñais e comunitarias a debater sobre unha axenda tan esquecida como alternativa. Como vai ser a mobilidade nunha rexión urbana funcional de 600.000 persoas? Como facer efectivo o acceso a vivenda, a conservación do patrimonio industrial (Panificadora, La Artística, Alfageme..) e a rehabilitación dos cascos vellos de Vigo, Bouzas e barrio de Casablanca? Como se vai conservar a integridade da ría e da coroa vexetal das parroquias do Fragoso? Como se vai contribuír a re-existencia da fala galega viguesa, peza primeira do patrimonio dunha cidade de orixe milenaria?
Como é extensa a relación de proxectos estratéxicos en marcha que precisan de apoio e acordos entre as administracións: saída Sur, centro de fotóns e aeronáutica, tren de cercanías, transporte rexional intermodal, redución do uso do vehículo privado, reordenación do espazo portuario, conservación dos bosques existentes, reforestación urbana e periférica, conservación do tecido territorial periurbano, ampliación do hospital Álvaro Cunqueiro, apertura do campus do mar da Guía, implantación de novas ensinanzas universitarias, incluída facultade de medicina, creación dunha rede de bibliotecas públicas, declaración de Vigo como cidade de literatura da UNESCO…
Ese Vigo que non veremos é o que hoxe por ventura comeza a alicerzarse. Recuperar a humildade da xusta medida para leds e desfiles e aplicarse con empatía e xenerosidade a acordar sobre esta extensa axenda 2075 parece razoable. A nosa obriga como xeración que se despide é deixar mellor futuro para todas as viguesas, de todas as idades, de todos os barrios e de todas as procedencias.



