Listado de la etiqueta: mary_quintero

A memoria de Magar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a edición dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais, 2002, 2004 e 2007):

Entre os meus orgullos de editor está o da publicación dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais 2002, 2004 e 2007), escolma de máis dun milleiro de instantáneas e retratos de Manuel García Castro «Magar», o primeiro fotógrafo de Faro de Vigo. Un proxecto nacido na exposición que durante o mes de abril de 2002 acollera a Casa das Artes, «40 anos en branco e negro», pola que peregrinaran milleiros de persoas convocadas polas fotos de Magar e fixeran exercicio de memoria diante de douscentos cadros que, en boa medida, recollían a crónica das súas vidas. Con este precedente, acordei con el preparar un libro de sobremesa que recollese unha parte das fotos da mostra e algunhas outras pezas do seu arquivo de milleiros de negativos que fora tirando dende 1962, cando entrara a formar parte como fotógrafo do cadro de persoal do decano. Tirando dese fío e de moitas horas de conversa, durante cinco anos fomos montando foto a foto os tres volumes que conforman a crónica visual máis completa da transformación de Vigo (o noso «Viguiño»), con todas as súas contradicións e conflitos, durante catro décadas, atendendo ao seu desenvolvemento urbanístico, industrial, social, cultural, deportivo e político.

Escollemos para prologar o libro, entón non pensabamos que habería outros dous volumes máis, a Fernando Franco, que fixo un texto precioso, como corresponde a quen é o cronista social do Vigo de entre séculos, que salientou a importancia do libro como crónica dos últimos corenta anos e o carácter do seu autor «benhumorado no que por veces lle foxe unha risa burlona e descrida por entre as comisuras da alma». Fernando subliñaba coa sutileza da súa escrita con tinta de ouro o carácter irónico, divertido e emotivo da ollada do fotógrafo de Faro, dacabalo do reporteiro clásico, atrevido e un chisco toleirón, que nunca perdeu a ollada agarimosa para retratar aos humildes e os perdedores coma se de príncipes se tratase. No proceso de edición, que sempre concibín como conversa permanente co autor, comprendín que as fotos de Magar eran arcas de memoria, gardaban unha historia que merecía ser contada. E como tales fotos crónica compartimos un exercicio de memoria, no que Magar lembraba de forma prodixiosa o nome dos centos de persoas fotografadas, como o momento no que disparara ou as condicións en que o fixera. Así fomos escribindo os pés de foto, coma se de chíos de X se tratase, que melloraba por teléfono, cando lembraba algún detalle ou contactara cunha fonte que achegaba ese dato ou nome que faltaba. Conseguimos, así, que cada páxina dos seus libros fose un microrrelato visual de vidas anónimas e de esforzos e tristezas colectivas, capaz de desencadear o que me gusta chamar «efecto Magar», que activa a memoria propia ou familiar deste Viguiño noso.

Nas fotos de Magar identifico a memoria da miña infancia, o das crianzas da xeración de Gorgorito, retratada por Xaime Fandiño en La acera volada (2022), co concurso de castelos de area en Samil, coa circulación metropolitana do tranvía ou  con aquel Balaídos dun Celta de segunda onde no descanso saía a correr Toniño recoñecido polos aplausos da bancada. Nas fotos de Magar están os anos da miña adolescencia, a da mocidade da xeración Polycommander, naufraxio como o do pesqueiro Centoleira, que Magar cubriu como afouto fotoxornalista. Como nas pezas de Magar de finais dos setenta e comezo dos oitenta identifico a ilusión da miña xeración de Siniestro total e Os Resentidos, que co inicio da Autonomía reclamou en Príncipe o dereito de obxección de conciencia, os bonos de Vitrasa e saíu a Urzáiz a defender o sector naval. Nas fotos de Magar está a historia do Celta da Peña Xaburú, das Xuventudes Celestes e Celtarras, do Estudantes, do Vulcano, do Octavio, do Celta feminino, do Celta de atletismo, tamén do Turista, Gran Peña, Peñasco, Coia, Coruxo e outros equipos modestos… Nas fotos de Magar está a cidade puro milagre de Celso Emilio, que se fixo e desfixo urbanisticamente, tamén, a abella da ribeira, que enterrou a ría, secasí o volcán de dinamismos do mestre Ferrín, da clase obreira das factorías de Balaídos e Beiramar, das guindastres portuarias, desa cidade pelexona que nunca se resignou.

Grazas, Magar, por legarnos milleiros de fotografías portadoras da memoria nosa, de lembrar aos humildes que sabemos non pasarán ao libros de historia, que retrataches con respecto e agarimo: Chuchete, Ismael e Toniño, Castro, Tocho, Rafaelito, as carrexonas do Berbés, as leiteiras, pescantinas e afiadores… Coma a doutros contemporáneos seus, como Siorty, Llanos, o seu compañeiro Cameselle ou a da retratista Mary Quintero, alicerces tamén da memoria viguesa, a obra fotográfica de Magar merece ser conservada como patrimonio da cidade e recoñecida polo concello. Grazas, admirado Manolo.

Mary Quintero no Museo do Mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición antolóxica do traballo de estudio da fotógrafa Mary Quintero:

Tras as homenaxes recibidas en 2015 cando foi recoñecida como «fotógrafa histórica» pola Deputación da Coruña, cando o Consello da Cultura Galega lle dedicou unha xornada de estudo e as súas amizades tributáronlle un xantar de homenaxe no Balneario de Mondariz, a fotógrafa Mary Quintero (Melide, 1931) conta no Museo do Mar de Alcabre coa exposición «A imaxinación no interior do estudio», unha escolma do seu fondo documental, que vai de 1947 a 2001, incorporado o 2 de maio de 2022 ao Arquivo histórico provincial de Pontevedra mediante comodatio. Unha excelente oportunidade, despois da publicación do seu libro antolóxico, Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Xerais 2015), con textos da estudosa da fotografía galega de muller Fernanda Padín, de volver achegarse a obra monumental desta pioneira e mestra da fotografía profesional en Galicia, a primeira que utilizou aquí a cor e as técnicas do retoque, conformando unha obra propia e singular, na que asumiu que a mudanza constante das posibilidades técnicas achegaba novas utilidades creativas, o que a situou na cimeira da fotografía galega durante seis décadas, desde que aos 15 anos realizou en Lugo a súa primeira exposición e aos 21 anos abriu o seu famoso estudio na rúa Urzaiz polo que pasaron milleiros de familias de varias xeracións viguesas a encargar o seu retrato fose no día da comuñón, do casamento ou dun aniversario sinalado.

Unha artista, Mary Quintero, de espírito radicalmente innovador na utilización dos avances técnicos e audaz en comprobar que non ten límites para a fantasía, capaz de atreverse aos 91 anos (si, leron ben) a expoñer por vez primeira a súa foto-pintura e abrir o pasado verán con éxito o ciclo «Vigueses con huella», un programa de Ámbito Cultural El Corte Inglés que pretende recuperar artistas nosos. Unha mostra na que Mari Quintero, baixo o título «Inspiración», emprega as fotografías do ámbito cotián, que confesa realizar co móbil, para pintar sobre elas con óleo, acrílico e pastel obtendo resultados visuais sorprendentes e moi vistosos. Unha técnica fotopictórica dalgún xeito continuadora daqueloutra consistente na aplicación de cor ás imaxes en branco e negro, a fotografía coloreada, que desenvolvería durante a metade da súa carreira, nos anos 50, 60 e 70, presente nalgunhas grandes pezas da mostra do Museo do Mar, como o seu propio retrato (1949), coloreado por ela e realizado polo seu pai, o da presentación en sociedade das fillas de Enrique Lorenzo (1952) ou de picariños comendo ou cortando o cabelo.

Seguindo o fío cronolóxico dos avances técnicos que introduce Quintero, dende o retoque analóxico ao coloreado, a exposición do Museo do Mar é representativa da súa concepción do retrato fotográfico dos anos corenta aos sesenta do pasado século, nos que «sabe captar os cambios na moda e na sensibilidade estética da clase media-alta e alta da sociedade viguesa». Como tamén o é da súa utilización da fotografía a cor, a partir dos setenta, combinada con técnicas como o proxector de fondos, no que Mary tamén foi pioneira, ou tamén da súa época romántica, influída por David Hamilton, pasando pola creación de ambientes e sofisticados escenarios e vestiario de entroido, até chegar ao seu cambio de estilo a partir dos anos 80, influído pola estética punk e os anos da movida, consolidado nos 90 en retratos moi característicos como os do grupo de teatro Queizán, o actor Moncho Borrajo, a escritora María do Carmo Kruckenberg, o escultor Juan Oliveira, ademais de personalidades viguesas daquel período como Corina Porro, Horacio Gómez e Carlos González Príncipe. Remata a antolóxica de Quintero en Alcabre coa súa fotografía experimental, nunha autora que procurou a súa inspiración no cine, revistas e rótulos, deixando fóra da mostra a dimensión da súa fotografía social, tanto o retrato de grupos familiares como de cerimonias.

Chama a atención do visitante que semellante fondo documental fotográfico de Mary Quintero, milleiros de retratos de tres xeracións de familias viguesas, teña que ser conservado en Pontevedra, no Arquivo Histórico Provincial, institución estatal transferida á Xunta de Galicia. Algo que xa sucedeu co arquivo Llanos de tres xeracións de fotógrafos vigueses, conservado no Museo Etnolóxico de Ribadavia da Xunta de Galicia. Como tamén preocupa o destino que poidan ter os arquivos doutros fotoxornalistas vigueses como Magar e Cameselle, esenciais para construír o relato do Vigo das últimas seis décadas. Como preocupa o desleixo no que se atopa o Arquivo Pacheco atendido na Casa das Artes por persoal de seguridade, un tesouro esquecido e escasamente valorado polo seu propietario, o concello de Vigo. Que sucede co patrimonio fotográfico vigués, fonte inesgotable da memoria da cidade?

Onte 1570: Mary Quintero no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra

10006120713Acompañei onte a Mary Quintero na conferencia que ditou no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra. Unha lección magnífica sobre o retrato de estudio e a súa evolución nas últimas seis décadas, ao fío das mudanzas da tecnoloxía fotográfica, dende o branco e negro e as técnicas de retoque de cor, pasando pola aparición da cor e do proxector de fondos, até as máis recentes da fotografía dixital. Ao longo de máis dunha hora, acompañando a proxección das fotos incluídas no libro que publicamos en Xerais, Mary Quntero demostrou que todas esas mudanzas técnicas supuxeron para ela novas posibilidades creativas e artísticas. Non obstante, fose nos retratos de mulleres da súa primeira exposición no Círculo das Artes de Lugo en 1950 ou nas fotos dixitais máis recentes en exteriores, a fotógrafa viguesa sempre acreditou na importancia da composición e na arquitectura da luz, os dous elementos dunha boa foto. A preocupación pola luz, que é o mesmo que dicir a súa alma de artista, alumeou a vida profesional desta muller pioneira e rebelde. Na quenda de preguntas confesou que tamén fotografara nus femininos, que os  anos oitenta foran os seus preferidos e que na actualidade os seus maiores intereses artísticos eran a pintura grosa e a fotografía de exteriores.

Onte 1503: Fotógrafa Mary Quintero

Mary_Quintero_14-11-2015

XG002544_mary_quintero_cub.inddNa presentación do libro de Mary Quintero e na homenaxe que a fotógrafa e pintora viguesa recibiu onte no Balneario de Mondariz salientouse o seu carácter de muller pioneira e artista comprometida coa renovación da técnica fotográfica. Foi a primeira fotógrafa galega que fixo unha exposición inidividual (en Lugo,1947), a primeira que montou un estudio propio (en Vigo, 1952) e a primeira que saíu fóra de Galicia para participar en congresos e ditar conferencias. Mais tamén foi pioneira na utilización da técnica do coloreado, que aprendeu da súa nai, no emprego do proxector de fondos, mantendo sempre unha atención preferente pola composición e a procura da luz adecuada para cada un dos seus retratos. O seu traballo de seis décadas como fotógrafa de estudio, por fin recoñecido, está á altura doutras figuras masculinas da fotografía galega como Ferrol, Vieitez ou Camaño.

Mary Quintero homenaxeada

No artigo da semana en Faro de Vigo homenaxeo á fotógrafa viguesa Mary Quintero.

XG002544_mary_quintero_cub.inddMary Quintero por fin está sendo homenaxeada como merece. Esta muller galega, pioneira dende moi nova da fotografía profesional en Galicia, foi recoñecida a pasada semana pola Deputación Provincial da Coruña como “fotógrafa histórica”. Unha homenaxe na que se salientou que foi a primeira artista que en Galicia utilizou a cor e as técnicas do retoque, conformando unha obra propia que supera os límites do espazo e do tempo e situándoa á altura doutras figuras masculinas da fotografía galega como Manuel Ferrol, Virxilio Viéitez ou Ramón Caamaño.

O vindeiro xoves o Consello da Cultura Galega dedícalle á fotógrafa viguesa toda unha xornada de estudo na que nunha exposición retrospectiva de urxencia e en varias intervencións se percorrerán os 68 anos da súa traxectoria, dende a súa exposición alboral de retratos no Círculo das Artes de Lugo en 1947, a primeira mostra dunha fotógrafa galega, cando contaba apenas con dezaseis anos e na que xa utilizou as técnicas do retoque e coloreado, até o traballo desenvolvido no seu estudio fotográfico de Vigo, tamén o primeiro fundado por unha muller, polo que durante seis décadas pasaron varias xeracións viguesas.

Homenaxes que continuarán en novembro, o venres 13 na Casa do Libro de Vigo, onde será presentado o seu libro antolóxico, Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Xerais 2015), no que se inclúe unha achega biográfica de Fernanda Padín, e no que Mary para escolmar entre milleiros de fotos contou coa colaboración de Ana Corredoira e Rober Quintero. Agarimo e gratitude que despois, o sábado 14, as súas amizades tributaranlle nun xantar no Balneario de Mondariz.

Recoñecementos recentes que por ventura se engaden a longa nómina de mencións e premios recibidos pola súa obra antes da súa xubilación, dentro e fóra de Galicia, como os de Viguesa Distinguida (1994), Medalla de ouro de Sevilla (2001), Medalla de Galicia (2002) ou Medalla de ouro da Comunitat Valenciana (2006). Homenaxes para unha traballadora incansable da fotografía de estudio, que apostou sempre pola innovación e soubo adaptarse e aproveitar ás novas posibilidades creativas ofrecidas polo desenvolvemento das tecnoloxías fotográficas.

A procura teimosa da luz adecuada e a preocupación por unha composición equilibrada caracterizaron todo o seu traballo fotográfico. Guiada por un instinto innovador e unha intencionalidade artística permanente utilizou técnicas como o retoque con pinturas transparentes ou o proxector de fondos como posibilidades para crear ambientes exteriores sen saír do estudio. Xaora, foi unha pioneira da fotografía dixital actual, mais tamén unha artista capaz de acuñar un estilo propio no retrato, o que lle permitiu ser recoñecida internacionalmente, impartir cursos, ditar conferencias, participar en xurados e compartir o escenario fotográfico da España do franquismo e do posfranquismo con figuras como Schommer, David Hamilton ou Cristina García Rodero.

Nacida en Melide en 1931, Mary Quintero formouse como fotógrafa co seu pai Aurelio Quintero e a súa nai Amadora Corredoira que rexían un estudio nesa vila coruñesa. Dende moi nova, Mary acompañou ao seu pai polas feiras, onde facían fotografía “minuteira”, o que lle axudou a coñecer as regras básicas de composición, iluminación e revelado. Mentres que foi da súa nai de quen aprendeu as técnicas artesanais de retoque e coloreado, que perfeccionaría durante a súa estancia en Madrid en 1945 xunto ao fotógrafo Pedro Jaraba e ao profesor de pintura Carlos Pascual de Lara. Foi en Lugo no obradoiro estudio familiar, Fotografía Quintero, aberto na praza de Santo Domingo, onde comezou a desenvolver a súa actividade fotográfica e as súas primeiras (e exitosas) exposicións de retratos que a animaron abrir estudio propio en Vilalba cando contaba apenas dezasete anos.

As esporádicas visitas a Vigo, acompañando ao seu pai, para realizar retratos no Hotel Alameda da praza de Compostela, facilitáronlle a realización en 1952, tamén o ano do seu casamento, da súa primeira exposición en Vigo, no salón da pastelaría El Molino, no que contou coa axuda de Lola Ponte. O éxito da exposición, onde entre outros retratos, se expoñía un realizado ás fillas de Enrique Lorenzo, incrementou a súa clientela viguesa e a levou a instalarse dous anos despois en Vigo e a crear o seu famoso estudio de Urzaiz 32, onde até a súa xubilación formou un equipo de traballo con catro mulleres: Ana, María Jesús e Marilí, no que anos máis tarde, se integrou a súa filla María.

Ben sería que Vigo, a cidade cuxas xentes retratou con tanto agarimo durante case seis décadas, preparase nalgún dos seus museos municipais unha grande retrospectiva da súa obra. Mary Quintero meréceo e os vigueses e viguesas de hoxe poderían espellarse na imaxe das súas familias.

A cidade retratada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar a exposición inaugural do Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI).

RGB básico

Non podo agochar a miña decepción tras a visita á exposición “Vigo, a cidade retratada”, coa que abre as súas portas o Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI), un edificio recuperado no corazón do Casco Vello, no recanto entre a praza de Eduardo Chao e a rúa Alta. Apenas 50 fotografías do Arquivo Pacheco, correspondentes ao segundo terzo do século XX, ás últimas décadas de traballo de Jaime Pacheco e ao labor continuado dende 1958 polos seus fillos Jaime e Alberto, organizadas en cinco apartados (o litoral, a industria, os servizos, a expansión urbana e a vida social) ocupan unha parte da planta baixa do que foi concibido como centro de exposición e investigación de referencia da fotografía galega. Mágoa que para o noso abraio estoutra escolma dos amplísimos fondos do Arquivo Pacheco estea moi lonxe do rigor e do afán innovador, didáctico e divulgativo que se agardaría da casa viguesa da fotografía, unha nova peza da Rede de Museos do concello de Vigo.

Non parece xustificable nun centro museístico público a precariedade dunha instalación como a presentada en “Vigo, a cidade retratada”, tanto pola rudeza dos soportes utilizados e organización labiríntica do espazo expositivo como mesmo pola súa confusa iluminación. Nin tampouco a escasa novidade do relato visual proposto, sexa polo reducido número de pezas inéditas como pola súa temática tan xeralista, arredor da transformación de Vigo en cidade portuaria industrial, un caixón de xastre que recolle dende as paisaxes da ría, pasando polas escenas de traballo urbano, até a batalla de flores. Nin é entendible, mesmo considerando a precariedade orzamentaria que sofre todo o sector cultural, a ausencia dalgún soporte documental impreso ou dixital de axuda ás visitantes, que engada información sobre cada unha das fotografías e sobre o contexto dos apartados temáticos, máis aínda cando coñecimos que os textos son accesibles só dende a web do concello. Nin tampouco é comprensible a falta de publicidade nin a ausencia de créditos da exposición e do seu comisariado, que non atopamos por ningures. Carencias que pouco axudan a prestixiar o CAFVI e poñer en valor o Arquivo Pacheco, unha das pezas máis queridas e populares do patrimonio vigués do que continúan aínda inéditas para o público a maior parte das súas 140.000 fotografías.

O CAFVI foi ideado no primeiro mandato de Caballero, cando o BNG se responsabilizou da concellaría de Cultura, ao abeiro dos fondos do Plan E e no marco do programa de construcións públicas promovido polo Consorcio do Casco Vello, que supuxo o traslado dos rexistros da propiedade a catro inmobles entre a rúa Real e a rúa Alta. Paralizado durante case tres anos, tras a primeira fase de construción do edificio, financiado polo Ministerio de Cultura cun millón de euros, o pasado ano a Concellaría de Cultura destinou 379.000 euros para o acondicionamento e instalacións interiores. Xaora aquel proxecto inicial, bautizado como Centro Galego da Fotografía, foi deseñado para instalar as valiosas coleccións fotográficas municipais (os arquivos Pacheco, Ksado, Fotobienal e Vigo Visións) e promover a creación e difusión da fotografía contemporánea. Integrado formalmente na Rede de Museos do concello de Vigo, en proceso de profunda reestruturación, o CAFVI foi aberto parcialmente e de forma apresurada, coa fallida exposición de Pacheco que comentamos, coincidindo co inicio da campaña electoral.

Vigo é a capital fotográfica de Galicia. Foino pola transcendencia do traballo dos seus fotógrafos pioneiros, dende Prosperi, Pacheco e Llanos até o dos seus fotógrafos amadores, como Ricardo Terré e Rainieiro Fernández. Foino polo traballo dos seus fotoxonalistas, como Bene, Magar e Cameselle, e o dos seus fotógrafos de estudio, como Mary Quintero e o seu irmán Roberto. Foino pola excelencia da súa Fotobienal, creada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, unha actividade cultural internacional de primeira, capaz de xerar unha extraordinaria colección de máis de mil duascentas pezas nas que Vigo quedou retratada por algúns dos fotógrafos contemporáneoas máis importantes do mundo. Eis a materia prima sobre a que recuperar o proxecto cultural do Centro Galego da Fotografía, inserido no redeseño en profundidade de toda a rede museística, que sofre unha crise estrutural. Vigo conta cun hiperquipamento museístico no entorno dunha grave indixencia do seu uso, un paradoxo ao que non son alleos o fracaso dalgúns proxectos de musealización, a indiferencia dos públicos e, sobre todo, a precariedade orzamentaria das administracións públicas, sobre todo da Xunta de Galicia e Goberno de España. Neste contexto, a nova concellaría de Cultura debe deseñar a conciencia o proxecto do CAFVI para evitar os erros da súa primeira mostra.