Listado de la etiqueta: manuel_rivas

[Manuel Rivas na Feira do Libro da Coruña, 01-08-2012]

A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala.

Onte 328: Novela da vida

Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.

Onte 198: No meu país danse as grazas

Inesquecible foi a sesión académica da investidura de Manuel Rivas e John Rutherford como Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Cinco discursos memorables –dúas laudatios formidables, senllas respostas para a nosa historia cultural e un peche do reitor de grande altura– que salientaron de forma unánime o compromiso dos doutores e da UDC co futuro da cultura e lingua galegas. No entanto, é inevitable salientar a intervención colosal de Manuel Rivas, escrita e expresada dende unha felicidade inquieta, que constituíu unha reivindicación do poder das palabras, unha manifestación de confianza na lingua galega, ao tempo que unha presentación da súa iconografía da esperanza. Un discurso que merecería ser reproducido íntegro nos xornais e medios dixitais para o goce reflexivo da cidadanía á que estaba dirixido. Rivas comezou e pechou o seu parlamento con esta frase de inequívoca humildade: «No meu país danse as grazas». Unha forma de vindicar os lexemas de simpatía, que sempre nos foron propios aos galeguistas, e que Rivas utilizou para insistir nunha idea fulcral sobre a lingua galega: «Non só estamos vivos, seguiremos vivindo. A lingua galega non nos pertence a nós, pertence ao mundo». Aí escribíu o fillo de Elviña a súa aposta polas palabras de noso, xa que son «portadoras da información básica da humanidade, utilizan a grafía da vida»; aí afortalou a actual literatura galega, «na que se conteñen todos os rexistros do resto das literaturas». Dedicou o marabilloso cuarto de hora final do discurso a reivindicar a esperanza en tempos de conformismo, xa que a «da esperanza é a peor das subtracións». A súa coñecida referencia ao sorriso de Daniel –contaxioso, claro e enigmático a un tempo– serviulle para salientar como o lexema de simpatía agroma da pedra granítica de Galicia. Referencia que uníu a unha cita de Steiner («Un bo ensino sería aquel no que os estudantes puidesen cometer o erro de ter esperanza») para debuxar a inconografía da esperanza presente na súa obra: as bandas de estorniños sobre a cidade da torre, os círculos concéntricos, as mulleres que levan cousas na cabeza, a chorima a gabear polas espiñas do toxo… A lectura de «A sección aurea», poema de Costa da Morte Blues, libro que reeditamos en Xerais da man da UDC para celebrar a investidura, pechou un discurso que nos emocionou moito. Fachenda nosa de contar en Galicia con este extraordinario Manuel Rivas. Beizóns para el e para Rutheford, como para José María Barja, alxebrista e reitor saínte, que recibiu a Medalla de Ouro da UDC. No meu país danse as grazas.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 49: O máis estraño

Non defraudou Manuel Rivas na presentación aos medios do volume de contos reunidos. Baixo o título O máis estraño, Rivas reuniu e revisou estilisticamente os seus 81 contos, publicados en cinco libros ao longo de dúas décadas, dende aqueles primeiros dun Millón de vacas ao máis recente e inédito, «A sombra do soño», no que hai un xogo entre o azougue do espello, expresado pola frase de Píndaro «o ser humano é a sombra dunha sombra», e a procura do soño, sexa individual ou compartido. Rivas comezou a súa intervención lembrando o «Manifesto Antropófago» de 1928 («Hai que probar de todo. Todo o que estea bem no mundo») e rematou reivindicando traspasar dende a literatura a liña do inaccesible, definida polos arqueólogos, utilizando o valor da imaxinación como prolongación da liña de memoria. Manolo insistiu na idea de que a escrita literaria ten que ver cun proceso de esclarecemento, sendo o do escritor un traballo semellante ao do arqueólogo dun futuro abandonado, na procura de claridades alí onde hai zonas de escuridade e silencio. Mais, abordou tamén o proceso contrario, xa que a literatura, ao mesmo tempo que se vai achegando a un segredo, tamén vai creando enigmas. Creo que o momento máis brillante do seu discurso foi cando abordou a descrición dese círculo, entre o segredo e o enigma, como o trazo máis característico deste xénero: «o conto dura o tempo dun misto prendido na escuridade. O conto existe de verdade cando queima nos dedos, cando o misto remata a súa luz e calor». Tamén foi moi lúcida a súa insistencia en relacionar a literatura co concreto: «debe dicir o que non se pode dicir, expresando o enigma do humano», «a literatura é o eido dos porqués», «a literatura é o máis eficaz medio de defensa contra o arsénico do poder» … A publicación deste volume constitúe un fito para a historia da editorial, unha alfaia para o noso catálogo, unha obra perdurable, concibida para permanecer, onde está a maior riqueza dunha editora. Onte Manuel Rivas cumpriu 54 anos, sentímonos moi orgullosos de poder acompañalo en xornada tan magnífica.

"Todo é silencio", a presentación do Couceiro

Couceiro from Fernando Lema on Vimeo.

Eis o magnífico vídeo que preparou Fernando Lema do acto da presentación o pasado 14 de outubro na praza de Cervantes de Todo é silencio de Manuel Rivas, organizado pola Libraría Couceiro. Iria Peña canta o fado «Chaves da vida», acompañada nas guitarras por Miguel Ladrón de Guevara e Gastón Rodríguez.

«Todo é silencio» de Manuel Rivas, o segundo capítulo

Faro de Vigo e La Opinión da Coruña adiantan hoxe o segundo capítulo de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas que aparecerá nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Estou convencido que estamos diante dunha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega. Dará moito para falar, con certeza. Boa lectura deste adianto.

A páxina en pdf de Faro de Vigo pode baixarse aquí.

A «Luz de Tebra» de Ánxel Vázquez de la Cruz

Coñecín ao doutor Ánxel Vázquez de la Cruz un día de xuño de 1998 no restaurante Airas Nunes de Compostela. Foi el quen presentou O lapis do carpinteiro, a novela do seu amigo Manuel Rivas. Neste serán mudarán os papeis, e será o escritor Manuel Rivas quen presente o libro de relatos do seu amigo Ánxel Vázquez de la Cruz. Eduardo Galeano definíu ao pediatra escritor de forma certeira: «Ánxel acepta ser llamado doctor aunque él cura contando» e, abofé, de quen le este libro sorprendente dificilmente pode rebater ao xenio uruguaio. Despois de case un ano de preparación, non hai dúbida de que hoxe é o día de Ánxel, que aparece entrevistado en varios xornais falando, como doutor que é, do poder curativo das palabras, sen esquecer o seu papel como «rescatador» de historias. Desta ducia de relatos médicos tecidos cos fíos da experiencia de Ánxel falarán este serán Rivas (autor dun prólogo entusiasta do libro) e o doutor Manuel Salorio.

Mágoa que hoxe tamén despidamos a Xosé Luis de Dios, esoutro xenial rescatador de luces, cidadántudense coma Ánxel, amigo de todos nós e tan importante nas edicións da mítica novela de Manuel Rivas. Para a familia e as amizades de Xosé Luís, todos os nosos abrazos.

Rivas e Funke, novidades tras o verán



Adam Watts “RECKLESS” from Daniel Chesnut on Vimeo.

Hoxe collimos vacacións na editorial deica o 23 de agosto. Porén o blog fervía anunciando o que serán dúas das nosas novidades despois do verán: Todo é silencio, a vindeira novela de Manuel Rivas, mais Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da nova triloxía de Cornelia Funke, un espectacular lanzamento mundial que se producirá o 14 de setembro e no que, por vez primeira, participará unha editorial galega. Esta edición galega de Funke, amorosamente traducida por Chus Bello (a quen tanto temos que agradecer) está descubríndonos moitos segredos e prácticas da edición internacional que descoñeciamos. Velaí as xiras de lecturas da autora, previstas por Alemaña (entradas de pago); os vídeos da lectura que a autora fai dun capítulo; as cartas da autora para os seus lectores e lectoras ou a canción do libro, que aquí enlazo de Adam Watts. A noticia da novela de Rivas, unha traballada primicia de Alberto Ramós en Xornal de Galicia, promete un trhiller engaiolante onde van ter moita importancia os personaxes, sobre todo ese omnipresente Mariscal. Dúas novelas literariamente valiosas que, non teño dúbidas,  poden interesar ao público que le en galego. Agora comeza o difícil traballo de facelas visibles na libraría, eis o noso reto.