Listado de la etiqueta: luís_soto

Florencio no Faro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Florencio Delgado Gurriarán e a súa presenza en Faro de Vigo en 1968:

O 12 de xuño de 1939 levantou o áncora do porto de Pauillac-Burdeos o Ipanema, un dos tres barcos da liberdade fretados polo goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, no que viaxaban 998 refuxiados sobreviventes da guerra contra a República española. Un daqueles mozos, náufragos da historia, que cando pasaron á altura de Fisterra crese que cantaron o himno galego e leron un agarimoso saúdo antifascista de esperanza escrito na lingua nosa, foi o avogado e poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen hoxe se dedica o Día das Letras Galegas. Unha homenaxe a este poeta monolingüe, errático e circunstancial, comprometido e dionisíaco, militante do Partido Galeguista, co que tamén se recoñece a outros activistas galegos que reconstruíron a vida persoal e colectiva en México sen renunciar á defensa tanto da cultura e lingua propia como aqueloutra da patria que os abrazou.

Aquel mesmo Florencio regresará no verán de 1968 para despedirse dos seus maiores e explorar as posibilidades dun retorno definitivo que nunca se produciría. Florencio que visitará Vigo nuns días de agosto para atoparse con Paco del Riego, o seu referente no grupo Galaxia, e chorará emocionado identificando algo novo nunha daquelas misas en galego do padre Seixas. Aquel mesmo poeta que aparecerá até en dúas ocasións nas páxinas de Faro de Vigo dirixido por Álvaro Cunqueiro. A primeira o domingo 25 de agosto, cando foi entrevistado por Bene na sección «Gallegos por el mundo». Baixo o título, «Un poeta visita la tierra natal», Florencio salienta o nivel cultural elevado do México onde vive, dá noticias da publicación dos seus libros Bebedeira (1934) e Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, en colaboración con Plácido Castro, editada en Buenos Aires pola Federación de Sociedades Galegas, para rematar gabando o patriotismo do editor galego Alejandro Finisterre, un dos fundadores do Ateneo Galego de México, que dende editorial Menhir fai o que considera un labor marabilloso publicando a obra Compostela, anuario da emigración galega.

Días despois, o xoves 5 de setembro de 1968, a sinatura de Florencio Delgado Gurriarán aparece en Faro de Vigo na páxina 13, na sección de Galicia, nun texto en galego, o que constituía entón unha rara avis, titulado «Labor dos galegos na Nova España». Un texto literario que comeza coas súas primeiras impresións no regreso a súa terra, tras aquela fuxida abrupta cara Porto e Burdeos de 1936 para trasladarse á Barcelona leal e máis tarde en 1939 para viaxar no Ipanema, até o porto de Veracruz, iniciando o seu exilio de case cinco décadas, interrompido apenas por tres viaxes a Galicia. Escribe Florencio: «Vou paseniño, de vagar, cara ao Porto do Río, e van os meus ollos bébedos coa paisaxe da bocarribeira corgomesa, paisaxe chea de gracia […] que entra en min por todos os sensos, pois é panorama, sinfonía, recendo e alamio…». Un artigo que tras o devezo liminar Florencio transforma en crónica comprometida do labor do exilio galego en México, citando a publicación en 1942 da revista Saudade. Verba galega das Américas, na que participou xunto a Carlos Velo, «hoxe sonado director de cine», Illa Couto e Cabanillas fillo, entre outros.  Como a seguir dá conta da segunda etapa da mesma revista, á que lle deu pulo Roxelio Rodríguez de Bretaña.

Continúa Florencio no seu histórico artigo de Faro de Vigo lembrando a importancia da creación en 1950 do Padroado da Cultura Galega en México, da publicación do libro Presencia de Galicia en México, que recolle os textos das conferencias radiadas polo Padroado no seu programa dominical Hora de Galicia. Non esquece salientar o valor da publicación en 1958 de Vieiros, revista que cualifica como «espléndida mostra en forma e contido da galeguidade», da que foi codirector dos dous primeiros números, xunto a Carlos Velo e Luís Soto. Remata a súa substanciosa crónica, volvendo citar a Alexandre Finisterre, «home de rexo pulo e de forte sentimento galego» así como aos membros da Irmandade da Fala en Mexico, entre os que cita a Elixio Rodríguez, o aviador galeguista de Bande, autor do libro de memorias Matádeo mañá (Xerais 1994), activista en case todas as iniciativas deste comprometido exilio galeguista mexicano que Florencio Delgado Gurriarán recupera en pleno 68 para os lectores de Faro de Vigo.

Unha primeira viaxe de regreso que, tras a visita aos galeguistas de Santiago e da Coruña e a gravación dun programa en Radio Nacional, rematará coa publicación o 15 de setembro de 1968 nas páxinas de La Región dos  «Poemas da terra asolagada», escritos no seu berce de Córgomo, nos que renova a mensaxe de esperanza que guindara ao mar dende a cuberta do Ipanema: «Galicia é unha dínamo, a espallar forza por vieiros de aramio; Galicia é unha matriz, a inzar o mundo de nobres proletarios».

Santa Liberdade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao secuestro do Santa María e a lembrar a figura de Xosé Velo:

Na madrugada do 22 de xaneiro de 1961, o transatlántico portugués Santa María da Compañía Colonial de Navegación, que facía a liña de Caracas a Lisboa e Vigo, desapareceu en augas internacionais do mar Caribe con 568 pasaxeiros de diversas nacionalidades a bordo. Fora asaltado por un comando de 24 homes, maiormente galegos e portugueses, pertencentes ao Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), unha efémera organización antifascista ibérica formada en 1960 por membros da resistencia portuguesa e militantes galeguistas e antifranquistas españois.

Secuestro do buque máis moderno que recalaba no porto da Guaira co que o DRIL pretendía conseguir a atención da prensa internacional esixindo a fin das ditaduras de Salazar e Franco que colaboraban dende que asinaran o Pacto Ibérico (1942). Operación dirixida por dous galegos, o republicán galeguista Xosé Velo Mosquera (Celanova, 1916), na operación «Carlos Xunqueira de Ambía», e polo militar comunista e membro da resistencia Xosé Fernández (A Pobra 1904), coñecido como Comandante Jorge de Soutomaior, e por dous portugueses, o capitán Henrique Galvão e Humberto Delgado, o xeneral sen medo, que se enfrontara a Salazar nas presidenciais de 1958, mais que non chegou a subir á embarcación.

Un episodio, que coincidiu coa toma de posesión do presidente John F. Kennedy, do que se conservan as imaxes que coa súa cámara de Super-8 gravou Luís Noia, un ex-alumno de Velo, que como pasaxeiro regresaba de Venezuela, o impresor das viguesas Gráficas Nunem de Marqués de Valadares, quen tantas veces nos ten relatado a súa vivencia daquel acontecemento histórico da resistencia á ditadura protagonizado hai seis décadas por sectores galeguistas do exilio.

Concibida como unha gran operación política insurrecional, afastada de calquera tipo de piratería, respectuosa coas normas do Dereito Internacional, o seu carácter propagandístico antifranquista e antisalazarista, reflectíase no lema acuñado no carimbo utilizado na súa comunicación («Liberdade e xustiza ou morte»), mais tamén no nome como foi bautizada, «Operación Dulcinea», homenaxe romántica quixotesca, aínda que Velo propuxera o de «Operación Compostela», como no do propio paquebote, que os asaltantes decontado chamaron Santa Liberdade.

Porén, os acontecementos non se desenvolveron como os seus promotores concibiran. O feito que se provocara a morte do segundo contramestre, que naquel momento dirixía a ruta, e un ferido de gravidade na toma inicial de ponte determinou o desenvolvemento dun acontecemento que durou trece días e convocou o interese da BBC, Paris Macht e de máis de 1.500 medios internacionais. Un asulto que tivo unha saída negociada por Velo, Galvão e Soutomaior co vicealmirante Smith da VI frota e coas autoridades brasileiras que finalmente autorizaron o desembarco en Recife o 3 de febreiro en pleno carnaval e concederon asilo político no Brasil aos membros do comando do DRIL.

No relato do sucedido naqueles días de idealismo, reconstruído na excelente película documental Santa Liberdade (2004) da académica Margarita Ledo, nas memorias do Comandante Soutomaior (Galaxia 1999) e na biografía de Pepe Velo (Xerais 2000) preparada por Antonio Piñeiro, destaca a arenga pronunciada pola megafonía do barco por Velo o 25 de xaneiro de 1961 e asinada polo celanovense «en Galicia ceibe, a vinte e cinco de Santiago». Unha peza extraordinaria de quen desde o Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires no mes de xullo de 1956 fora considerado como un dos grandes oradores emocionais do exilio galeguista, chamada a formar parte dunha escolma da oratoria patriótica galeguista. Velo convoca a memoria dos mártires galeguistas, Bóveda, Casal e Casas, confiando en que os seus soños de xustiza están a punto de realizarse. Rematando Velo chamando a crebar as búxolas e «destituír os puntos cardinais que separan as nosas nacións ceibes…»

Sesenta anos despois, cómpre volver sobre a figura de Pepe Velo, un dos intelectuais galeguistas que como Luis Soto, serviu de enlace entre o galeguismo do exilio e o nacionalismo galego contemporáneo. Fundador das Mocidades Galeguistas de Celanova, xunto a Celso Emilio Ferreiro, mestre e activista no Vigo da década de 1940, desenvolveu a súa actividade docente no edificio Pernas de Travesas e máis tarde na rúa Carral, preso no cárcere de Príncipe, Velo fuxiu en 1948 a Venezuela onde viviu un primeiro exilio que, despois do episodio do DRIL, continuaría en São Paulo, onde traballou como libreiro e editor até o seu pasamento en 1972. A noticia de que a Deputación de Pontevedra mercou ao seu fillo Víctor o seu arquivo para depositalo no Museo de Pontevedra contribuirá a coñecer mellor a súa obra e preservar a súa memoria.

Onte 1768: Beiras presentou en Compostela «O encargo do señor Castelao»

O_encargo_do_señor_Castelao_19-10-2016Xosé Manuel Beiras presentou onte no Airas Nunes de Santiago O encargo do señor Castelao, a novela de Luís Rei Núñez. Foi un fermoso serán literario no que, ademais das intervencións literarias, Susana Recouso e Delia Corujo leron fragmentos da obra e os músicos Luís Soto e Santiago Cribeiro interpretaron o «Alalá das Mariñas» e «Lela». Comezou o seu discurso Beiras expresando «a súa declaración de amor por esta obra de Luís Rei», para argumentar, despois, que «a vinganza é o tema deste novela, un fío que se mantén ao longo de toda a narración». «Este relato, que non sei en que medida se pode chamar novela, supón a reconstrución da vida de Castelao coa intención de propoñer unha reflexión: “en que medida persoas da talla moral e ética de Castelao e Bóvieda se prantexaban que a viganza fose lexítima”.» «Esta novela fíxome pensar nos Cadernos da ira de Cáccamo e nos textos que Xosé María leu en actos pola memoria histórica, nos que a única forma de xustiza para as vítimas era recuperar os seus nomes».

Continuou Beiras salientando o carácter de contrapunto da novela, onde ademais do fío condutor da vida de Castelao, baseado nun traballo moi exhaustivo de documentación, o autor colle o de Gayoso, un dos maquis. Castelao e Gayoso foron dúas figuras distintas, ainda que estaban en conexión, ambos os dous foron represaliados no 34, os dous estiveorn nos remuíños do século XX, fose en Moscova, Nova York ou Bos Aires, algo enormemente esquecido.» Rematou Xose Manuel Beiras reflexionando sobre a situación política actual: «Estamos hoxe na mesma posición dilemática doutrora. Vivimos no único páis de Europa onde un golpe de estado fascista e unha guerra civil aínda non rematou, como proba que esteamos padecendo un golpe de estado parlamentario.»

Onte 140: Luís Soto e o xantar da Rocha

Na presentación de Compostela, Xurxo Martínez salientou o papel de Luís Soto na conformación do nacionalismo galego de ideoloxía marxista. Soto foi un dos participantes no xantar da taberna da Rocha Vella daquel 25 de xullo de 1964 no que se fundou a UPG. Na quenda de intervencións do público, Luís González Blasco “Foz”, un dos dez participantes, tomou a palabra para abeizoar o traballo de Xurxo e poñer de manifesto que a xenerosidade era unha das características da personalidade de Soto, “xa que foi el que se ocupou de pagar a factura do xantar”. Sen dúbida que anécdotas coma esta e moitos outros datos e reflexións aparecerán no libro de memorias que Foz publicará esta vindeira primavera en Edicións Laiovento. Unhas memorias prometedoras e necesarias para a construción da memoria do nacionalismo galego.

Onte 104: Luís Soto

Sinalárono tanto Xosé González como Xurxo Martínez no acto de presentación de Librouro: «Luís Soto traballou por construír unha arquitectura plural, unha polifonía política que permitise a autoorganización da sociedade en diversos partidos nacionalistas.» Sei que esta primeira e interesantísima biografía sobre Luís Soto, un dos creadores do sindicalismo galego do ensino, unha das figuras do exilio galego, un dos promotores da anticipatoria revista Vieiros, unha das persoas claves na fundación da UPG, un marxista republicán que conciliou co pensamento nacionalista, pon en cuestión moitas das interpretacións que até agora se teñen feito da historia do nacionalismo galego. Unha biografía esencial, documentadísima, desmitificadora, concibida para rehabilitar unha figura clave na historia do galeguismo do século XX inxusta e interesadamente esquecida. Recoméndoa moi vivamente.

Onte 34: O valor da memoria

Aproveitei as horas de viaxe a Frankfurt, no servizo de Air France, para avanzar na lectura dun relato autobiográfico moi interesante, do que debo gardar discreción. Engaioloume tanto a lectura do orixinal e tomei tantas notas, que nin sequera me anoxei cando agardarmos durante case dúas horas dentro do avión a saída da conexión que fixemos en Charles de Gaulle. Cada vez interésanme máis este tipo de obras, tanto como lector como editor, onde o valor da memoria encárnase nun relato de vida concreto. Creo que son lecturas de madurez, que axudan a reflexionar sobre a experiencia do vivido, onde o relato explora os límites imprecisos existentes entre o ensaio e a narración. O estenso catálogo do libro galego non conta con moitos títulos de memorias, como sucede, tamén, co xénero da biografía literaria, menos frecuentado do que sería desexable. A inminente publicación en Xerais Crónica das memorias de Fernando Pérez Barreiro Nolla, Amada liberdade, en colaboración coa súa compañeira Teresa Barro, así como as biografías de Luís Soto, preparada por Xurxo Martínez, e a de Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás, coincidindo co centenario do nacemento do poeta de Celanova e co ano a el dedicado, pretenden ampliar este catálogo destinado a salientar o valor da memoria.