Celta.gal
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á renovación da marca CELTA e a súa aposta polo dominio punto gal:
A pasada semana o Real Club Celta de Vigo SAD presentou dúas novidades para o seu futuro: unha nova identidade visual e o inicio da segunda fase da cidade deportiva de Mos. A primeira, a marca CELTA, na que se mantén o escudo e a cruz de Santiago e se utiliza unha nova tipografía (Sempre Celta), creada para o caso, adoptando como dominio principal o celta.gal. Mudanza que consolida a aposta do club vigués pola lingua, a cultura e a identidade galega no ámbito dixital. Unha afirmación orgullosa do CELTA, club fundado en Vigo, como fusión de dous clubs vigueses, co obxectivo de representar a Galicia. Velaí a razón da escolla deste nome polos vigueses fundadores, cando en 1923 o celtismo era a expresión máis xenuína do galeguismo, concibido como célula de universalidade.
Marca CELTA que os responsables de comunicación aseguran convivirá coa de Celta de Vigo e Real Club Celta, na procura da «forma máis auténtica» que os celestes celtistas empregamos para referirnos ao equipo noso. Mudanza que coincide coa segunda novidade: a celebración do inicio das obras da segunda fase da Cidade Deportiva Afouteza en Mos, despois de ser desbloqueado o proxecto polo goberno da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda. Celebración na que participaron só autoridades vinculadas ao Partido Popular de Galicia, dende os presidentes da Xunta e do Parlamento, como da Deputación de Pontevedra e da alcaldesa de Mos, protagonista dunha vergonzosa intervención partidista, reclamando a presencia de Feijoo na inauguración das instalacións, prevista para 2027, entre as que se inclúe un mini estadio e cinco novos campos de adestramento.
Unha atmosfera partidaria que criamos abandonada, que nos fixo lembrar o anuncio de Carlos Mouriño de novembro de 2017, comunicando a retirada do sintagma «de Vigo» do nome do club e abrindo a confrontación con Abel Caballero e coa propia cidade. Unha estratexia da propiedade do club que criamos superada, tras a sinatura do convenio do concello e deputación para a construción da grada de Gol, e sobre todo do trasacordo de Marián Mouriño, abrindo un período de respecto e colaboración co concello de Vigo.
Agardamos que está nova retirada do sintagma de pertenza, xustificada como identitaria, non supoña perda de viguesidade ningunha do club, sexa polo feito de que o 90 % das persoas abonadas son veciñas do concello de Vigo fose polo apoio do celtismo a actual estratexia galeguista. Vigo é terra celeste e o campo do Fragoso o seu territorio simbólico. E non esquezamos que xa estamos, coma quen di no adral, do centenario de Balaídos, que se celebrará o 28 de decembro de 2028, agardemos que coa catedral celeste máis fermosa e compacta da súa historia, grazas ao compromiso do actual goberno municipal.
A pesar de treboadas como a da inauguración do proxecto «Celta 360», teño fundadas esperanzas na continuidade do proxecto estratéxico de comunicación dixital que dirixido por Gael García Cochón está revolucionando a imaxe do CELTA no mundo como entre o propio celtismo, como na propia cidade. Na última tempada provocou vinte millóns de interaccións nas redes sociais, case dez millóns de seguidoras en TikTok, tres millóns e medio en Facebook, medio millón en Instagram e X, ademais de ser o quinto equipo da pasada liga en audiencia televisiva, o que explica horarios tan estraños como os que padece.
Comunicación reforzada polo éxito do himno do Centenario, o lanzamento da camiseta, que leva o nome de todos os concellos galegos, a presenza no estadio das máscaras de Entroido, de Cupeiro e o seu karnix ou das Fillas de Cassandra. Entre outras accións que reforzan a imaxe do Celta actual, que emprega orgulloso o galego, como lingua vehicular preferente, e que asume o viguismo galeguista como cerna da súa identidade centenaria.
No momento actual do relato celeste apostar polo emprego do dominio punto gal en todos os seus espazos web constitúe unha achega histórica para o futuro do idioma galego. Un fito tamén para o propio dominio, nacido o 25 de xullo de 2014, cando 93 entidades fundadoras, entre elas Celta e Deportivo (formalmente), comezaron a utilizar este dominio, hoxe 7.347 webs, identificadas co carné de identidade de Galicia, unha marca dixital nacida coa vontade de ser utilizada por todas as entidades e empresas galegas, tanto no interior coma no resto do mundo.
O feito de que o CELTA se incorpore de forma activa a esta comunidade fará máis visible Galicia en todo o Universo, ao tempo que contribúe a materializar o soño dos seus fundadores que quixeron un equipo potente representando a Galicia nas competicións internacionais. A fundación do Celta foi froito da vontade dunha cidade emerxente que hai un século quería liderar Galicia desde Vigo. O CELTA actual é a mellor versión do viguismo galeguista e heterodoxo no que tantos cremos.