Listado de la etiqueta: cameselle

Xela Arias en «Faro de Vigo»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á presenza da poeta viguesa nas páxinas de FV:

A escritora Xela Arias, homenaxeada este 17 de maio, mantivo unha presenza destacada nas páxinas de «Faro de Vigo» durante tres décadas. Iniciouna o 19 de maio de 1973 cando foi entrevistada por Julia Hortigüela e fotografada por Magar con motivo do seu premio no VIº concurso de contos infantís «O Facho» por «A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia». Daquela Xela Arias, alumna de 5º de EXB do Colexio Nacional de Sárdoma-Moledo, confesaba con once anos que escribía contos en galego de forma natural e que tiña a ilusión de ser mestra de párvulos. Aquel conto de infancia, no que anunciaba o seu interese pola iconografía animal e pola creación e transgresión léxica, sería publicado dous meses despois no boletín da Asociación Cultural de Vigo, sendo considerado como o seu primeiro texto literario édito. Xela Arias tardaría apenas un par de anos para volver a aparecer nas páxinas de «Faro de Vigo», desta volta en agosto de 1975, como experta lectora gañadora do concurso literario convocado polo decano que solicitaba identificar as primeiras frases e autoría de seis obras da literatura galega.

Como poeta, Xela Arias debutou en «Faro de Vigo» cunha páxina completa o venres 4 de xuño de 1983, na que baixo o epígrafe de «Creación» e o título «Un feixe de versos novos», se publicaron catro dos seus poemas (“Vai furia nos cabalos dos cometas”, “Chovía”, “O mel mar meirande morea” e “gardenias coloradas para o morto”), xunto a unha ilustración e un extraordinario retrato do pintor e deseñador Xosé Guillermo, a quen coñecera como editora en Edicións Xerais de Galicia. Páxina que se completaba cun despece memorable de Carlos Oroza que baixo o título de «Toda gran poesía es clandestina» recibe entusiasmado os poemas de Arias: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos. La fusión del aire en el verso y el mar en catarsis. Te saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía.» Un comentario decisivo do poeta vigués peripatético, con quen compartirá recitais e a quen Xela Arias traduciría meses despois o seu libro Caballum, iniciando así a súa traxectoria como tradutora, outro dos eidos da súa actividade literaria.

Páxinas de «Faro de Vigo» ás que regresa Xela Arias o 17 de maio de 1984 por partida dobre, co poema “por saberen do fin fuxía”, compartindo espazo con dous poemas de «Mohicania» de Manuel Rivas, ademais de dar comezo da súa colaboración coa páxina «Mulleres» que dirixía a xornalista Pilar Comesaña. Xunto aos poemas inéditos “sube” e “…é que nunca sei”, ilustrados por un retrato de Cameselle, Xela Arias publica a que tamén será a súa primeira autopoética, «Pregúntanme: ¿a poesía?, na que considera que «toda poesía é un trato coa vida poderosamente iluminada; unha consecuencia da vida mesma; só é poesía aquela que non busca vitorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas…». Páxina de «Mulleres» na que recuncará o 5 de xullo cos poemas “devala a lúa” e “Querida luminaria” e o 16 de agosto cun poema manuscrito por ela mesma, “Xa de volta: as pedras non teñen nome», ilustrado por Sardiña, e o 10 de xaneiro de 1985 co poema “O delirio é un deus”. Colaboración poética de Xela Arias ampliada o 13 de xaneiro de 1985 con outra páxina completa e ilustrada na que anuncia catro dos poemas que incluirá en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), “Búsqueda, situación límite”, “Viaxe ó extrarradio”, “Obxectivo indiscreto” e “Oitenta e catro”. Colaboracións literarias que remata o sábado 8 de marzo de 1986 con dúas narracións en «Pharo de Bego», o inesquecible suplemento bisemanal de «Faro de Vigo», preparado por Pilar Comesaña, Fernando Franco e Francisco Novo, “Por anticipado recaída dun mal que impide o voo” e “Cartas de negación”, ilustradas por Ánxel Huete.

As páxinas de «Faro de Vigo» recolleron, ademais das crónicas das súas intervencións (como a súa presenza habitual no Festival de Poesía do Condado), tamén varias das máis importantes entrevistas coa poeta viguesa. Xosé Antonio Perozo publicou a que consideramos a súa primeira entrevista como poeta o 21 de xuño de 1987, «Xela Arias, con tiempo para la lírica», ilustrada con foto de Cameselle (unha das máis icónicas do amplo repertorio fotográfico da autora). Como son moi interesantes as de Francisco J. Gil e Juan Carlos Álvarez (na sección «Gallegas»), ambas as dúas en 1994. Como é moi valioso o seguimento que o xornalista Fernando Franco continúa facendo de todo o referido a ela. Sen esquecer, tampouco, a participación de Xela Arias no Club Faro de Vigo, sobre todo naquel recital poético inesquecible de seis poetas vigueses do 17 de decembro de 1992, prologado e conducido por Chano Piñeiro, que pechaba o primeiro trimestre de actividade do club dirixido entón por Marisa Real.

A cidade retratada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar a exposición inaugural do Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI).

RGB básico

Non podo agochar a miña decepción tras a visita á exposición “Vigo, a cidade retratada”, coa que abre as súas portas o Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI), un edificio recuperado no corazón do Casco Vello, no recanto entre a praza de Eduardo Chao e a rúa Alta. Apenas 50 fotografías do Arquivo Pacheco, correspondentes ao segundo terzo do século XX, ás últimas décadas de traballo de Jaime Pacheco e ao labor continuado dende 1958 polos seus fillos Jaime e Alberto, organizadas en cinco apartados (o litoral, a industria, os servizos, a expansión urbana e a vida social) ocupan unha parte da planta baixa do que foi concibido como centro de exposición e investigación de referencia da fotografía galega. Mágoa que para o noso abraio estoutra escolma dos amplísimos fondos do Arquivo Pacheco estea moi lonxe do rigor e do afán innovador, didáctico e divulgativo que se agardaría da casa viguesa da fotografía, unha nova peza da Rede de Museos do concello de Vigo.

Non parece xustificable nun centro museístico público a precariedade dunha instalación como a presentada en “Vigo, a cidade retratada”, tanto pola rudeza dos soportes utilizados e organización labiríntica do espazo expositivo como mesmo pola súa confusa iluminación. Nin tampouco a escasa novidade do relato visual proposto, sexa polo reducido número de pezas inéditas como pola súa temática tan xeralista, arredor da transformación de Vigo en cidade portuaria industrial, un caixón de xastre que recolle dende as paisaxes da ría, pasando polas escenas de traballo urbano, até a batalla de flores. Nin é entendible, mesmo considerando a precariedade orzamentaria que sofre todo o sector cultural, a ausencia dalgún soporte documental impreso ou dixital de axuda ás visitantes, que engada información sobre cada unha das fotografías e sobre o contexto dos apartados temáticos, máis aínda cando coñecimos que os textos son accesibles só dende a web do concello. Nin tampouco é comprensible a falta de publicidade nin a ausencia de créditos da exposición e do seu comisariado, que non atopamos por ningures. Carencias que pouco axudan a prestixiar o CAFVI e poñer en valor o Arquivo Pacheco, unha das pezas máis queridas e populares do patrimonio vigués do que continúan aínda inéditas para o público a maior parte das súas 140.000 fotografías.

O CAFVI foi ideado no primeiro mandato de Caballero, cando o BNG se responsabilizou da concellaría de Cultura, ao abeiro dos fondos do Plan E e no marco do programa de construcións públicas promovido polo Consorcio do Casco Vello, que supuxo o traslado dos rexistros da propiedade a catro inmobles entre a rúa Real e a rúa Alta. Paralizado durante case tres anos, tras a primeira fase de construción do edificio, financiado polo Ministerio de Cultura cun millón de euros, o pasado ano a Concellaría de Cultura destinou 379.000 euros para o acondicionamento e instalacións interiores. Xaora aquel proxecto inicial, bautizado como Centro Galego da Fotografía, foi deseñado para instalar as valiosas coleccións fotográficas municipais (os arquivos Pacheco, Ksado, Fotobienal e Vigo Visións) e promover a creación e difusión da fotografía contemporánea. Integrado formalmente na Rede de Museos do concello de Vigo, en proceso de profunda reestruturación, o CAFVI foi aberto parcialmente e de forma apresurada, coa fallida exposición de Pacheco que comentamos, coincidindo co inicio da campaña electoral.

Vigo é a capital fotográfica de Galicia. Foino pola transcendencia do traballo dos seus fotógrafos pioneiros, dende Prosperi, Pacheco e Llanos até o dos seus fotógrafos amadores, como Ricardo Terré e Rainieiro Fernández. Foino polo traballo dos seus fotoxonalistas, como Bene, Magar e Cameselle, e o dos seus fotógrafos de estudio, como Mary Quintero e o seu irmán Roberto. Foino pola excelencia da súa Fotobienal, creada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, unha actividade cultural internacional de primeira, capaz de xerar unha extraordinaria colección de máis de mil duascentas pezas nas que Vigo quedou retratada por algúns dos fotógrafos contemporáneoas máis importantes do mundo. Eis a materia prima sobre a que recuperar o proxecto cultural do Centro Galego da Fotografía, inserido no redeseño en profundidade de toda a rede museística, que sofre unha crise estrutural. Vigo conta cun hiperquipamento museístico no entorno dunha grave indixencia do seu uso, un paradoxo ao que non son alleos o fracaso dalgúns proxectos de musealización, a indiferencia dos públicos e, sobre todo, a precariedade orzamentaria das administracións públicas, sobre todo da Xunta de Galicia e Goberno de España. Neste contexto, a nova concellaría de Cultura debe deseñar a conciencia o proxecto do CAFVI para evitar os erros da súa primeira mostra.

 

Onte 826: Homenaxe a Cameselle

A presentación do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1975-2005) no Club Faro de Vigo constituíu unha homenaxe moi emocionante ao fotográfo Guillermo Cameselle. Gustoume o retrato humano que do fotógrafo de Lavadores perfilou o seu compañeiro o xornalista Luis Piñero, que revelou o carácter aprensivo de Guillermo, con quen compartiu reportaxes inesquecibles. Foi moi oportuna a reclamación de Piñero para que o concello de Vigo incluíse no seu rueiro o nome de «Fotógrafo Guillermo Cameselle». Pola súa banda Ceferino de Blas, director e responsable de Faro de Vigo durante máis de dúas décadas, encadrou a Cameselle como o cabezaleiro da terceira xeración de fotógrafos de Faro de Vigo. «Cameselle foi fotógrafo e fotógrafo de Faro de Vigo, con todo o qu eiso supón de continuidade e legado. Tras a primeira xeración de fotógrafos do xornal, á que vai de 1920 ao final da guerra, formada por Gil, Ksado, Pacheco, Llanos (pai), Sarabia e Pintos; despois da segunda, comprendido entre 1940 e 1970, da que formaron parte Llanos (fillo), Tomás Siorty, Bene e Magar, Cameselle iniciou na década de 1970 a terceira». «Cameselle foi un fotoxornalista integral, o fotógrafo dos luns ao sol, o que se ocupou do proceso de reconversión industrial». Pechou a quenda de intervencións, Fernando Cameselle, o fillo máis novo de Guillermo, que fixo un retrato moi emocionante do seu pai. Pechou o acto a proxección dun centenar das fotos publicadas no libro e uns minutos da gravación da cerimonia de entrega do Premio Galicia Comunicación que recibiu Cameslle en 2005. Gran Cameslle!!!