Miguel, sabio de Vigo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do historiador Miguel González Fernández, membro do Instituto de Estudios Vigueses:
Tras un desgraciado accidente agrícola, morreu en Valladolid Miguel González-Alemparte Fernández, historiador e membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), autor dunha importante obra de investigación, con especial dedicación ao Vigo moderno e a vila de Bouzas, onde naceu en 1961. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, a súa tese de doutoramento, La justicia local y territorial en la Galicia del Antiguo Régimen (1995), enmarcouse nunha liña de renovación temática e metodolóxica á que lle gustaba chamar «microhistoria» ou historia do pequeno. Profesor de ensino secundario até 2008, no IES de Chapela promoveu publicacións didácticas sobre esta parroquia redondelá e desenvolveu un proxecto de renovación radical da nosa historiagrafía que puxo foco sobre a investigación das parroquias do rural e pola divulgación da historia de Vigo nos xornais Atlántico diario e na edición viguesa de La Voz de Galicia.
Membro do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén, pertenceu a diversos consellos de redacción de revistas de historia local como Solaina, Pontevedra Arqueológica e Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, participou como asesor científico na exposición «Rande 1702. Arde o mar» (2002) e como comisario na gran exposición sobre a Reconquista: «Vigo 1809. Feitos, armas e personaxes», no Museo de Castrelos (2004). Xaora, foi a súa achega bibliográfica, case un cento de referencias, entre libros, artigos e relatorios, a que contribuíu a reformular a historiografía viguesa. Neste labor colectivo, xunto aos seus compañeiros de xeración do IEV, Miguel centrou o seu interese nos aspectos da vida política e administrativa da Idade Moderna, con especial dedicación aos séculos XVII e XVIII, dos que estudou aspectos demográficos, económicos, urbanísticos, sociais e da vida cotián. Divulgador primeiro de alta escola do fenómeno corsario vigués e da Reconquista e das súas consecuencias políticas, coordinou a Breve historia da cidade de Vigo (IEV 2021), obra coral de membros do Instituto de Estudios Vigueses, a máis recente e fiable das historias viguesas. Ocupouse do capítulo «Vigo na Idade Moderna» na pioneira Historia de Vigo (Vía Láctea 1999), así como de varios dos fascículos da Historia de Vigo, publicada por Faro de Vigo (2007), con especial atención aos primeiros fomentadores cataláns e á frota corsaria. Deixa póstuma a súa Bibliografía Básica sobre a historia de Vigo (IEV 2025), recurso exhaustivo para entender a evolución histórica de Vigo, que actualiza a primeira achega de 2013.
Particular importancia ten na obra de Miguel a súa preocupación polas parroquias viguesas con libros pioneiros: Historia dunha parroquia: Coia (1989), Bouzas y otros juzgados gallegos del siglo XVIII (IEV 1995), La anexión del ayuntamiento de Bouzas a Vigo (IEV 2007), Teis. Memoria histórica dunha parroquia litoral (Vigo / Lavadores) (2003). Relación á que o pasado ano engadiu Historia de o Calvario (1900-1960), do que era veciño e co que fixo unha homenaxe ao Lavadores natal de Paulina, a súa compañeira de vida, nai das súas dúas fillas das que estaba tan orgulloso. Secasí, na súa obra ten especial interese Crónicas históricas das illas Cíes. De mitos, ermitáns, piratas e mar polo medio (Morgante 2022), quizais o seu libro literariamente máis atractivo, no que aparecen algunhas das historias máis xenuínas das chamadas illas de Baiona.
Dentro da súa obra hai dous libros vinculados á figura de Lalo Vázquez Gil, o que fora cronista oficial de Vigo, falecido en 2016, vigués polifacético co que publicou Os alcaldes e os concellos de Vigo (1991 IEV e 1993 Cardeñoso) e ampliado en 2019, prologado por Ceferino de Blas, e Os nomes das rúas de Vigo (1640-1945) (IEV 2021), libros no que se funden en textos óptimos a súa condición de documentalista erudito coa de divulgador vocacional que comparte os seus moitos saberes. Debemos a teimosía e á xenerosidade de Miguel González, como ten sinalado Rafael Ojea, que a historia viguesa deixe as páxinas da erudición local para transformala nunha disciplina científica, un sinal incipiente de identidade e de orgullo para os seus habitantes. Desde aqueles seus primeiros textos, como o Inventario histórico das ermidas de Vigo e do Val do Fragoso (Concello de Vigo 1997), pasando pola súa revisión da figura do gaiteiro nos séculos XVIII e XIX ou o relato da folga de descargadores de sal, naquel Vigo anterior á Reconquista, Miguel conformou con discreción unha obra histórica monumental sobre o Vigo moderno e contemporáneo. Este sabio de Vigo morreu de repente, cos brazos abertos á vida, con cartafoles en marcha, sen ter recibido recoñecemento ningún por parte do concello de Vigo, o seu primeiro obxecto de investigación. Merece ser homenaxeado.