Artigos

Onte 2017: Gala do libro galego 2019

Onte na Gala do Libro Galego recibín por estas Bretemas o premio ao Proxecto literario na rede. Recoñecíase así a traxectoria de escritura do blog nacido o 3 de xaneiro de 2005 coa intención de ensaiar a escritura hipertextual e facer crónica do meu traballo de edición. Un premio que agradecín o mellor que souben ao xurado e ás tres entidades do sector do libro convocantes (AEL, AGE e FLG) polo aliciente que esta altura supón apostar polos blogs como portos seguros e continuar así co ritmo desta escritura hipertextual, cando se impuxo a banalidade e  cotilleo nalgunhas redes sociais como Facebook. Un premio que confeso recollín tamén con moito pudor, sobre todo pola decepción que podía supoñer paras as outras candidaturas finalistas (Biosbardia, Galicia Encantada, Kalandraka TV e ogalego.eu), ás que admiro e considero merecedoras tamén do recoñecemento, como polo feito de que sei que todos os éxitos son sempre froito dun esforzo colectivo e os fracasos, as perdas ou os erros responsabilidade de quen os comete.

Esa é a razón pola que quixen lembrar nas miñas palabras de gratitude ás iniciativas pioneiras dos blogs en Galicia, aquelas nacidas entre os anos 2003 e 2004, anteriores ao fenómeno bautizado como blogomillo. Co risco de esquecer algunha, polo que expreso desculpas, citei, en primeiro lugar, a Pedro Silva Goretoxo, creador De mares, portos e portas, o primeiro blog da plataforma Blogaliza que desenvolveu con tanta xenerosidade, para despois facelo co Capítulo 0 de Manuel Gago, Dias estranhos de Martín Pawley (Óscar Sánchez), Todo Nada de María Yáñez, Cabrafanada de Fran Alonso, e rematar con As túas balas, o blog de Cesare (Xabier Cid), que coñecín no transcurso dunhas xornadas de literatura galega na Universidade de Cáceres en novembro de 2004, que me levaron a ensaiar pouco despois a escritura blog.

Rematei a miña intervención lembrando a afouteza do mestre Xabier P. DoCampo que na pasada edición da Gala do Libro Galego, na que foi a súa derradeira intervención, tras recoller o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán, reclamou con todo a enerxía que xa lle faltaba a dignidade que merece o sector editorial en lingua galega. Unha petición que fixen miña 365 días despois para expresar logo o meu desexo de poder anunciar algún día en Brétemas que por fin Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, recibira no seu despacho ás presidencias das entidades convocantes desta gala, como unha mostra de afecto e recoñecemento do sector do libro, o que non fixo ao longa da década do seu goberno, a pesar das solicitudes dos sectores profesionais do libro e da tradición trazada por todas as presidencias anteriores.

A gala conducida co bo tino pola nosa admirada Iria Pinheiro e acompañada musicalmente polo ritmo feminista de Habelas Hainas, amosou a situación de certo conformismo do sector ao tempo que a maior diversidade dos axentes editoriais. Polo que a min me tocou máis de preto aledáronme os dous premios recibidos por obras publicadas por Xerais, Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte de Emilio Xosé Insua e Xurxo Martínez na categoría de Ensaio e Investigación e O puño e a letra de Yolanda Castaño no de Libro de banda deseñada. Como tamén moito celebrei o que recibiu a revista Luzes pola súa traxectoria de Xornalismo cultural. As intervencións de dúas responsables do proxecto Luzes, Valeria Pereira e Ana Luisa Bouzas, reclamando o cumprimento do estatuto de da CRTVG e apoiando ao colectivo Defende a Galega foron os mellores minutos da velada. Como tamén me emocionaron as palabras do meu mestre Antón Costa Rico, o director da Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka editora, premiada como a mellor Iniciativa bibliográfica, con quen regresamos a Vigo satisfeitos e compartindo as experiencias dun tempo renovado de escola.

Xaora, pareceume unha oportunidade perdida para a xenerosidade a intervención de José Manuel Pinal Rodríguez, director xeral de centros e recursos humanos da Consellaría de Educación que recolleu en solitario o premio á traxectoria de Iniciativa cultural e fomento da lectura outorgado con todo merecemento á Asesoría de Bibliotecas Escolares. Botamos en falta no seu discurso algunha referencia ás profesionais, que veñen traballando na asesoría dende 2003, como tamén aos milleiros de profesoras, mestras, alumnos e alumnas protagonistas desta experiencia excepcional de innovación que se desenvolve xa en máis de 655 centros públicos e 22 concertados do ensino universitario do país.

Rematada  cerimonia, gustei do rebumbio que o ditame suscitou en Twitter, a rede na que máis participo, sobre todo pola magnífica e aguda crónica que foi facendo Jaureguizar, a quen lembrei que comezou o seu Facendo amigos o mesmo día que o facía Brétemas, como polos chíos de amizades moi entusiastas. En todo caso, beizón para todas aquelas persoas que nestas horas me fixeron chegar os seus parabéns e afectos polas diversas canles do caso. Brétemas intentará continuar con azos renovados despois de tan excelente e agarimoso serán.

Onte 1641: Impresión na libraría

Cf3kCkNXEAEtiP2

Tanto esta noticia sobre a apertura en París da primeira libraría que permite ao cliente imprimir nuns minutos o libro que vai mercar como as declaracións do libreiro José Bangueses en Biosbardia expresan as posibilidades que a actual impresión dixital ofrece á edición cultural en papel. Hoxe os procedementos de impresión en baixa tirada xa está sendo moi utilizados na edición en galego. Xaora, os sistemas de Impresión Baixo Demanda, sexa o Espresso Book Machine ou o Kalaiki IBD (do Grupo Arnoia), son máis flexibles xa que permiten a impresión de tantos exemplares como se precisen, o que supón unha completa revolución dos procedementos tradicionais de edición e libraría e da propia cadea de valor do libro impreso. Non dubido que no momento que se afinen algúns protocolos en relación co acceso aos arquivos do editor a IBD protagonizará a edición cultural.

Onte 1152: O libro nos medios

B25gtupIAAAkR7M

Participamos onte na xornada que a Asociación Galega de Editores dedicou a debater arredor do libro e da lectura nos medios, con especial atención ao caso galego. Como era de supoñer, inseridos ambos os dous sectores no proceso de mudanza do seu modelo de actividade e negocio, as catro mesas de debate movéronse nas incertezas dos matices dos grises e, nalgúns casos, no carácter apocalíptico dos negros. Non é doado resumir as achegas da ducia de intervenientes que abordaron as relacións entre os medios impresos e dixitais, a radio e a televisión co actual proceso de hibridación do sector do libro e da lectura. Xaora, tiramos a conclusión da necesidade no marco actual de devalo dos ingresos publicitarios e mudanza do paradigma da comunicación cultural de afondar no concepto de lectura e no de atopar novos modelos de distribución do contido dixital.

Dedicouse a primeira das mesas a reflexionar sobre a cuestión máis xeral, «A cultura nos medios. O caso galego». Xosé Manuel Pereiro confesou que «non cría no xornalismo cultural» e que para el «todo xornalismo debía estar mechado de cultura». «O xornalismo impreso do futuro será cultural ou non será». Camilo Franco cualificou a información actual dos medios sobre cultura como «resignada e con sentido do espectáculo», «preténdese transmitir un discurso brando, non molestemos á xente con novelas e complicacións». Subliñou que para os medios galegos «o que aparece en galego ten carácter cultural. Conciben que Galicia é un país subordinado e a cultura galega é subordinada». Apelou Franco á responsabilidade colectiva, «que comeza nun mesmo», e considerou que hoxe á pregunta non é «”Que poden facer os medios pola cultura galega?” senón “Que pode facer a cultura galega polos medios?”» Manolo Gago comezou afirmando que «vivimos unha crise do negocio publicitario nos medios, non do xornalismo». Presentou datos contundentes sobre a crise de audiencia dos medios de prensa convencional en Galicia, que afecta tamén aos seus medios dixitais, nos que, pola contra, se aumenta o tempo de lectura, xa que «o cliente dos medios dixitais muda o seu comportamento, cunha lectura máis repousada». Afirmou Gago que «os contidos culturais de ámbito galego supoñen apenas o 22 % dos ofrecidos polos medios galegos». Gago ofreceu como escenario prospectivo dos medios en Galicia a eliminación nos medios da información «commodity», a preservación da información sobre Galicia (como espazo de infleuncia), o fortalecemento da información local (onde hai un maio mercado publicitario), e a promoción de áreas potenciais. Insistiu Gago que para el «non existe un público cultural, existen audiencias específicas para a literattura, a ciencia, a música, o audiovisual», así como no papel das redes sociais, onde se fai a conversa, e no papel do xornalista con identidade propia.

A segunda mesa redonda dedicouse a presentación das experiencias sobre a abordaxe do libro e da lectura na rede. Montse Dopico presentou o seu Magazine Cultural Galego e apostou pola especialización da información cultural no eido dixital. César Lorenzo, responsable de Biosbardia, cualificou «o silenciamento do libro galego como unha operación política, con especial incidencia sobre o libro literario». Lorenzo considerou «a fragmentación en internet como unha oportunidade» e apostou por «unha información con rigor, independencia e profundidade». Raquel C. Pinto, membro do equipo de Disquecool, defendeu a internet como salvación para a cultura galega. Para ela «a literatura galega ten un serio problema de imaxe. Precisa que a fagan sexi, divertida, que a convertan en cool, atractiva, sedutora, o que mola, o que consumimos». Por último, Nacho Alonso presentou a experiencia da revista literaria dixital Fervenzas literarias apostando pola posibilidade de que os proxectos dos participantes na mesa puidesen colaborar, «xa que precisamos capacidade de referenciarnos sobre nós mesmos».

A primeira mesa redonda da tarde dedicouse ao libro na radio e na televisión. Ana Romaní presentou nunha fermosa intervención a experiencia de vinte e cinco anos do Diario Cultural da Radio Galega, insistindo en que «a información e a cultura é un dereito e non un privilexio en tempos de ventura». KIko Novoa presentou a experiencia da introdución de contidos literarios no seu programa Galicia por diante da Radio GalegaHenrique Sanfiz, responsable de Radio Fene e Radiofusión, presentou a experiencia de programas como «A Biblioteca Infinda». Pechou o simposio a mesa redonda sobre o libro e a lectura nos xornais. Carme Vidal presentou a experiencia de Sermos Galiza e reivindicou o espazo da cultura nos medios xeralistas. Para ela «o peso da cultura galega responde a liña editorial co medio difunde». Jaureguizar, xornalista da sección de Cultura de El Progreso, propuxo explorar novas formas de ler nunha alianza entre editores e xornalistas. Xesús Fraga, xornalista de Cultura de La Voz de Galicia, reflexionou sobre a crise do modelo no que estamos inmersos.«Creo que os xornais estamos perdendo a preminencia comunicacional, xa non somos o referente sólido, incuestionable. Ao libro estalle pasando algo semellante. A fragmentación, a atomización, a brevidade da lectura actual poñen en cuestión o seu modelo»