Listado de la etiqueta: berta_dávila

Onte 2149: «Os seres queridos» de Berta Dávila

Tirando dos fíos que deixara soltos en Carrusel (Galaxia 2019) e Illa decepción (Galaxia 2020), Berta Davila completa n’ Os seres queridos (Xerais 2022) unha triloxía narrativa sobre os conflitos dos vínculos afectivos. Novelas curtas, todas as tres premiadas, está co Xerais 2021, a autora compostelá utiliza a estratexia da autoficción para esculcar nos conflitos do íntimo e dos coidados, desas redes afectivas que se tecen e destecen a diario no eido do privado. Narrando dende a experiencia, Berta Davila desta volta reconstrúe sen idealizacións nin imposturas a memoria do relato do primeiro ano de crianza do seu fillo, mais tamén dos coidados e rotinas da convivencia de parella como dos lazos e marcas da familia e desas amizades longas sostidas no pouso dos afectos e da economía das palabras. Unha achega dende o literario aos espazos neuroemocionais da toma de decisións transcendentes e da perda e do olvido (das persoas maiores), furados e cicatrices invisibles que suturan cada unha das nosas vidas.

Páxinas extraordinarias pola súa beleza, crueza e emotividade. Unha voz narrativa penetrante, cálida e natural, unha escrita miniada co punzón da claridade para ofrecer un dos mellores premios Xerais da última década. Parabéns á autora por un texto memorable, como o cualificaría o que foi o seu primeiro mestre, Agustín.

Onte 2112: «Illa decepción» de Berta Dávila

Como sucedeu en 2020, comezo o ano lendo a nova novela de Berta Dávila, Illa decepción (Galaxia 2020). E como me acontecera con aquela Carrusel (Galaxia 2019), unha peza de ourivaría literaria de beleza hipnótica, volvín quedar rendido diante doutra novela memorable, termo que lle gustaba utilizar a Agustín Fernández Paz cando un libro lle prestaba moito, moito. En efecto, nesta Illa decepción Berta Dávila afonda na súa estratexia autoficcional, desta volta quizais dun xeito máis amable e optimista, para abordar temáticas que xa lle son propias na súa obra literaria como a influencia dos espazos (aquí as súas casas como moradas) na conformación das identidades e memorias emocionais e familiares ou as posibilidades do artefacto novela como o soporte máis eficaz dunha creación superadora das convencións da ficción narrativa ou da composición poética. Novela de autoficción, pois, poética e metaliteraria, que amosa a madurez plena dunha autora que se supera en cada entrega.

Formalmente, Dávila constrúe esta novela curta (recunca no Premio Repsol) como díptico de dous relatos longos («Algunhas casas» e «Illa decepción»), ensamblados no urdime dunha mesma voz narradora marabillosa que percute no lectorado pola súa claridade, precisión e fluidez. Eis, na calidez e honestidade desa primeira persoa, para o mestre Agustín a peza clave de calquera narración que adopte esa voz, quizais radique o imán desta prosa engaiolante, penetrante que predispón ao lector ou á lectora a gozar dunha experiencia nas que as pulsións do real, sexa vivido, lembrado ou imaxinado, e do distópico xogan no mesmo terreo.

Nun texto, insisto en cualificalo de memorable, prendín emocionalmente con algunhas escenas e situacións literarias extraordinarias, dificilmente esquecibles, que converten a cada lector ou lectora en protagonista do que está lendo. Velaí a xestión da morte do avó, as vidas recreadas a partir das postais mercadas en Marsella, o abandono da casa de verán e o reparto do enxoval, as experiencias de mudanza, a utilización paródica dos videoxogos (ollo coa illa Fortnite!), o encontro a cegas na herboristería, o valor dos obxectos (marabillosa a homenaxe á ebanistería!) para construír a memoria da paisaxe… E moitas outras que, canto menos no meu caso, aconsellan unha nova lectura máis devagariño, na que atopar novos matices e gozar de detalles e enlaces afectivos. Parabenicémonos os lectores e lectoras da actual narrativa galega por contar cada ano con textos da autora compostelá tan interesantes como esta Illa decepción. Recomendabilísima. Beizóns, Berta Dávila!

Onte 2057: As miñas vinte de «Vinte»

Publicouse onte en Vinte a extraordinaria reportaxe de María Yáñez e Berta Dávila sobre as listas das vinte mellores obras da literatura galega de ficción publicadas no que vai de século XXI. Fun unha das corenta persoas convidadas a participar nunha escolla que asumín como obriga de editor xubilado e privilexio de lector apaixonado.

Xaora, diante da dificultade de escoller con rigor e coñecemento abondos entre centos de títulos, asumín os criterios de facelo só entre títulos de narrativa, elixir só unha obra por ano e non repetir autoría ningunha, xa que isto permitiría que miña lista fose máis objetiva e representativa da excelencia e heteroxeneidade da ficción galega actual. Sei que que con estes meus criterios quedan fóra obras narrativas moi valiosas (houbo anos de grandes colleitas, coma o do pasado 2019), así como coñezo o valor literario da nosa produción poética e teatral, que descartei na miña escolla.

Velaí a lista que enviei ás editoras, profesionais que merecen todas as miñas beizóns por unha reportaxe de referencia para o noso sector da edición:

Onte 2052: «Carrusel» de Berta Dávila

Deixoume abraiado Carrusel de Berta Dávila, o primeiro libro que lin no que vai de ano. Este premio García Barros 2019 de novela é unha auténtica peza de ourivaría, tanto pola fluidez e beleza hipnótica dun relato de autoficción como pola afouteza da escritora compostelá para abordar con naturalidade temas tan complexos como a doenza mental, a convivencia coa dor, o oficio da escritura como peneira da realidade, a maternidade ou a perda de persoas moi queridas. Berta Dávila emociona con retratos familiares impresionantes como os da avoa Úrsula e do tío Carlos ou con páxinas memorialísticas onde o íntimo se verte no crisol de ouro do literario. Un libro que cando o rematas convida a ser iniciado. Máis non se pode pedir. Velaí a experiencia lectora deste carrusel, a vida implacable que nunca se detén, o xogo do círculo e a súa imposibilidade de mirar atrás. Recomendo esta novela memorable. Beizóns, admirada Berta!

Hipertextos 005/2019: Loubanza de Berta Dávila da novela galega breve

 

Nisto do tamaño hai de todo en todas as tallas. Mais é certo que nun contexto no que aínda abonda a tendencia a medir a excelencia a vulto, cómpre reivindicarlle o valor a quen se move no rexistro curto e emprende a tarefa de construír un mundo de entidades escollidas ao milímetro, no que non hai espazo para camiños equivocados ou obxectos prescindibles, coma quen trata de amoblar unha bufarda e convertela nun espazo exquisito: se todo está cerca e diante dos ollos, todo o que hai debe ser necesario e fermoso no sentido máis puro, e o que non o é simplemente non debe estar.

Berta Dávila «De libros: Eloxio da novela breve»

A escritora e crítica Berta Dávila publicou onte en Praza unha memorable loubanza da novela galega breve, inzada de retranca e enxeño, na que recomenda media ducia de títulos recentes que expresan o pulo acadado en galego por este xénero (que poderiamos chamar tamén «noveliña» ou «novelletta»). Unha escolla da que me sinto partícipe na medida en que formei parte de tres dos xurados das obras premiadas (Principio de incerteza de Pilar Ortega, Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín e Tres pintores de Cid Cabido).

Como tamén concordo con Berta en considerar neste territorio literario Acaso Michigan de Antón Reixa, un texto que desde o primeiro orixinal que lin hai máis dun ano me pareceu se mergullaba na fronteira do poético e do narrativo, tanto como do soñado e do vivido. Algo que sucede tamén en Besta do seu sangue de Emma Pedreira, premio Xerais 2018, novela poética fragmentada que no seu día lembro me provocara unha lectura hipnótica tanto pola beleza na concepción da súa arquitectura como da súa prosa.

Que me desculpe o meu amigo Antón Lopo por non ter lido aínda o seu  Extraordinario, obra gañadora do Repsol, que agarda na miña mesa de novidades.

2018, O ano das escritoras

Os responsables de culturagalega.gal encargáronme un texto valorativo do que entendía máis destacado na literatura galega do ano 2018. A miña gratitude para eles.

Neste 2018 que remata identifico na literatura galega tres liñas que o singularizan: o protagonismo das escritoras, o regreso aos andeis dos narradores dos oitenta e a intensificación da mobilización literaria.

Sen dúbida foi este o ano das escritoras, sexa pola homenaxe a María Victoria Moreno, que reeditou o éxito da celebración do día das letras galegas nas escolas dos anos dedicados a Carlos Casares e Manuel María, como polo protagonismo de escritoras de diversas xeracións no interese das lectoras. Eis a publicación de Vivir a galope, o groso libro de memorias de María Xosé Queizán, unha das candidaturas máis firmes ao libro do ano, xunto a outras novidades como A balada dos unicornios de Ledicia Costas, autora que foi traducida este ano a media ducia de linguas (entre elas coreano, búlgaro e italiano); Besta do teu sangue de Emma Pedreira, novela gañadora do Premio Xerais 2018; ou a edición da Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias, unha autora esencial na literatura galega de entre séculos, que despois dunha década volve á actualidade.

Foi tamén este 2018 o ano das Pioneiras de Anaír Rodríguez (Xerais), un libro divulgativo de grande acollida, que puxo en valor a mulleres invisibilizadas da nosa historia, da posta en marcha da colección Feminismos da Editorial Galaxia e da consolidación da serie «Mulleres bravas da nosa historia» de Urco editora.

Outrosí sucedeu co incremento protagonismo das escritoras nos premios literarios: Chus Lama obtivo o Premio Nacional de Ensaio por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia); Lupe Gómez o Premio da Crítica por Camuflaxe (Chan da pólvora); María Reimóndez o Johán Carballeira de poesía por Galicia en bus (Xerais); Emma Pedreira o premio da Crítica de narrativa por Bibliópatas e fobólogos (Galaxia); Eli Ríos o González Garcés de poesía por Ningunha tortilla é mala; Rosa Aneiros o Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil por Tres bichicomas, dúas illas e unha serea; Ana Cabaleiro o García Barros por As Ramonas (Galaxia); Antía Yáñez o Illa Nova por Senlleiras (Galaxia); An Alfaya o Raíña Lupa por O grupo (Xerais), Andrea Maceiras o Lazarillo por Rusgalía, entre outras autoras premiadas dunha relación que sabemos máis estensa.

Como tamén foron moi salientables outras novidades das nosas escritoras como Maternidade fóra de catálogo (Xerais) de Marga Tojo; Noites de safari (Xerais) de Marlen Malone; Natura (Galaxia) de Iolanda Zúñiga; Tu contas e eu conto (Através) de Susana Arins; Um elefante no armário (Através) de Teresa Moure; O puño e a letra (Xerais) de Yolanda Castaño, que inaugura o xénero do poemic na edición galega; ou reedición de Adiós María (Galaxia) de Xohana Torres.

Como non deben ser esquecidos os debuts no eido da narrativa de Rosalía Fernández Rial con Bonus Track (Galaxia), de Pilar Ortega con Principio de incerteza (Xerais) e Moncha Fuentes con O mar que nos leva (Xerais) e no da poesía o de Lucía Aldao con Todo isto antes era noite (Apiario).

Fenómeno que na crítica literaria se produciu co activismo do grupo A Sega ou co traballo teimoso de críticas como Mercedes Queixas, elixida como membro correspondente da Academia Galega, Montse Pena Presas, Montse Dopico, Berta Davila, Pilar Ponte, Susana Pedreira, Isabel Mociño, Eulalia Agrelo, Lorena Domínguez, entre outras.

Foi 2018 o ano de regresos agardados aos andeis das librarías de narradores dos oitenta e comezos dos noventa, en boa medida hoxe convertidos en clásicos contemporáneos, nalgúns casos tras anos de silencio editorial: Suso de Toro con Fóra de si (Xerais); Manuel Rivas con Vivir sen permiso (Xerais); Xavier Alcalá con The making of (Galaxia); Cid Cabido con Tres pintores, noveliña gañadora do Premio Ánxel Fole de narrativa, Antón Lopo con Extraordinario (Galaxia), Premio Repsol e Bieito Iglesias con Guías caninos (Aira editorial).

Por último, en 2018 intensificouse a mobilización literaria, promovida polas editoras, librarías, clubes de lectura, centros educativos, concellos como dos propios autores e autoras, que procuran o contacto directo co público. Entre os numerosos feitos a salientar está o éxito rotundo dos roteiros literarios polas cidades, que en casos como os do escritor vigués Pedro Feijoo, que presentou este ano Sen piedade (Xerais ) e Camiñar o Vigo Vello (Xerais), foron percorridos por centos de lectores e lectoras. Como tamén é obrigado parabenizar a mobilización dos editores, singularmente de Xerais, Galaxia e Urco, organizadores de centos de presentacións literarias ao longo de todo o ano e de todo país, un fenómeno ao que non é alleo o activismo dalgunhas librarías e, sobre todo, dalgúns autores e autoras en xira coas súa snovidades. Mobilización literaria consolidada nos novos eventos de referencia no sector, Culturgal en inverno, as Festas dos libros de Pontevedra e a Selic de Compostela na primavera, e a praza dos Libros de Carballo e as feiras do libro de Vigo e da Coruña no verán.

Poema de hoxe 182: «Isto é a poesía» de Berta Dávila

Isto é a poesía:
suxeitar a beleza talvez para exhibila
prendida de alfinetes sobre papel de inventario.

Berta Dávila, Raíz da fenda (Xerais, 2013)

Onte 1642: “De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal”

Fermoso acto na Linda Rama da Porta de Aires coruñesa no que onte presentamos De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal de Mercedes Queixas Zas. Abrimos o acto coa presentación do booktrailer do libro preparado por Distrito Xermar no que aparece a fraga do concello de Cerceda e a versión de Xoel López de “Quen poidera namorala”.

XG00247201O escritor Xabier DoCampo comezou lembrando que hai quince anos presentara o primeiro libro de Mercedes Queixas, “unha persoa pola que teño un cariño grande por ela e pola súa estirpe”. Meténdose xa en fariña, Docampo definiu a historia da literatura como “a historia dun pobo que atopa nas súas preguntas e respostas a súa razón de ser”. Deste xeito, “a historia da literatura galega é a historia do pobo galego que fai real o seu paso pola historia!. “Neste libro de Mercedes Queixas atopamos a pegada que o pobo galego deixou co propósito de afirmar o soño da súa existencia”. “Se eu fose profesor de lingua e literatura, que por ventura xa non o son, este sería o único libro de texto que tería o meu alumnado”. Despois de relatar o que lle contara Juan Farias para ilustrar o nacemento do relato e da cultura, Docampo gabou a selección de textos literarios de cada capiítulo, que “completan unha auténtica antoloxía”. Rematou as súas fermosas palabras salientando que “este era un libro escrito dende o feminino e dende sermos nación”.

Comezou Mercedes Queixas explicando que “o libro nacera coa intención de facer unha historia da literatura galega sintética, breve, cunha ollada propositivamente diferente, que non contase todo nin que fose un catálogo de datas, autores e obras”. “Hai unha intención de visibilizar o papel da muller, sobre todo na literatura medieval, onde non foi todo nin pasivo nin secundario. Tamén pretendín recuperar nomes, traelos ao primeiro plano, que non están presentes noutras obras como os de Manuel Lueiro Rey, Gonzalo López Abente ou Mª do Carmen Kruckenberg. Ou nomes como os de Lois Pereiro e Xela Arias, que non poden caer no esquecemento”. Non esqueceu Queixa so papel da lingua, “que se mantivo no corpus da literatura oral” nin as referencias “a unha literatura viva que aumenta, expande e normaliza a súa expresión no xénero da literatura infantil e xuvenil, ou na tradución a outras linguas, onde se conformou un corpus xa considerable”.

Rematou Mercedes Queixas confesando as dificultades de acometer “este exercicio maiúsculo de síntese” e salientou a importancia da lectura: “dende a literatura podemos comprender e construír o mundo, se lemos máis tentaremos restaurar o desequilibrio no que vivimos, recoñecendo o propio e os valores nos que cremos”. “O título do libro apela ao espírito da literatura como un ser vivo, un ser que evoluíu, que brillou e superou momentos de asfixia”. “Temos unha literatura viva, que segue aí dende Arias Nunes á Berta Dávila, dende os pergamiños medievais á Poética.com de Fran Alonso”.

Onte 1336: O caso Caballero

A vitoria esmagadora de Abel Caballero non se debeu só ao carácter viguista da súa posición política (un xeito de cantonalismo decimonónico, non exento dalgúns argumentos comprensibles sobre a «marxinación» do Vigo metropolitano actual) nin sequera polos programas de transformación do viario urbano con criterios de xardinaría familiar. Por razoables que semellen estas cuestións non abondan para explicar unha maioria tan ampla que deixará ao alcalde vigués coas mans máis libres para profundizar nos seus programas e liderar o socialismo municipalista español.

caballerogaleria-2Entendo que sobre o resultado vigués operaron tamén outros dous condicionantes: a feblísima candidatura presentada polo PPdeG e a batalla cainita da esquerda nacionalista viguesa, que deteriorou un pouco máis a un BNG atrincherado sobre o seu entorno sindical e impediu o desenvolvemento dun proxecto cidadán máis atractivo para a Marea de Vigo. Circunstancias que facilitaron a entrada de Abel Caballero no espazo do electorado conservador, sobre todo nos distritos do Centro, onde probablemente chegou a roubarlle ao PPdeG até 25.000 votos, unha terceira parte dos seus apoios. Xaora, se comparamos os resultados de 2015 cos de 2011, é doado aventurar que o BNG e Esquerda Unida, despois de catro anos, intercambiaron as súas cifras e boa parte do seu electorado (3 actas con 16.000 votos e máis de 6.000 sen representación ao non chegar a superar a barreira do 5,00 %.), En definitiva, os arredor de 25.000 votos, teito inferior do nacionalismo e da esquerda viguesa (que comparten o mesmo espazo electoral), apenas influíron no triunfo de Caballero.

Non é doado entender as razóns de Feijoo para retirar da cabeza do cartel popular a Xosé Manuel Figueroa cando case estaba o control pechado. Sabemos que Figueroa, o concelleiro máis veterano da corporación, bo coñecedor da cidade popular e do seu perirubano, non superaría a Caballero, mais cremos que tería aguantado moito mellor o resultado, o que permitiría hoxe aos populares conservar a Deputación de Pontevedra. Elena Muñoz nin coñecía Vigo nin a coñecían nin daba un chío en galego nin tiña experiencia política máis alá das intrigas da moqueta de San Caetano. O seu foi un fracaso anunciado ou, quen o sabe?, premeditado.

O BNG pagou a prezo de ouro a súa estratexia de apoiar os tres primeiros orzamentos do segundo mandato de Caballero e ao mesmo tempo non participar no seu goberno. Unha contradición, que non entendeu boa parte do seu electorado. Coa excepción do último ano e medio, cando Caballero e Figueroa xa pactaran os orzamentos 2014, o BNG mantivo a ambigüidade de se pertencía ou non á oposición. Ao BNG faltoulle claridade na súa mensaxe e o diálogo aberto coa cidadanía a través de políticas sectoriais, como as culturais e de igualdade, onde tanto destacou no primeiro goberno Caballero.

Xaora, a pesar das súas tres actas, a Marea de Vigo quedou moi lonxe das porcentaxes das súas homólogas de Compostela ou A Coruña. Obtivo un resultado discreto. Entendo que motivado pola sua incapacidade de converterse en espazo de encontro entre a esquerda partidaria e a esquerda social, tamén por non conseguir o apoio da organización viguesa de Podemos e mesmo por manter un vínculo estreito de máis coa organización local de Esquerda Unida, que tamén dirixe Rubén Pérez. o seu candidato á alcaldía. Á Marea viguesa faltoulle desta primeira volta máis pluralismo e maior capacidade transversal para agrandar o seu perímetro cidadán.

A escritora Berta Davila preguntaba onte con retranca no Facebook, «Que lle poñen en Vigo á auga?», quizais para expresar a perplexidade polo resultado electoral de Vigo, tan afastado das tendencias abertas noutras cidades atlánticas do país  Máis alá de afirmar que Vigo é sitio distinto, non sei contestarlle cal é a composición da abelina utilizada por Aqualia. En todo caso o resultado asombroso de Abel Caballero, cualificado como histórico polo Faro, non foi alleo aos deméritos dos seus competidores, á dereita e á esquerda.

Onte 1171: «Ovella descarreirada» de Marilar Aleixandre

Berta_Davila_Marilar_Aleixandre_11-12-2014

Presentamos onte na Libraría Couceiro de Compostela Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Foi Berta Dávila, escritora e crítica de literatura infantil, quen se ocupou de facer a lectura dun libro que comezou definindo como «de fronteira. como todos os libros bos, para nenos e mozos, concibido para descarreirar ovellas para todas as edades». «Un libro que constitúe ademais un acontecemento a celebrar polo seu deseño seductor e polo traballo fantástico de ilustración de Óscar Villán.» «Un libro que presenta animais e temáticas complexas. Unha cosmovisión de suxeitos que descarreiran, reivindicando o que se desexa ser ou se escolle, un exercicio de rebeldía liberadora.» «Un libro que foxe do didactismo moralizan, sen que isto supoña que estea baleiro de ideas e dunha visión ética do mundo». Continuou Berta sinalando que «Ovella descarreirada é un catálogo de animais e plantas que non é inocente, a faneca, a balea, o polbo, a ovella, as abellas, mais tamén a camelia, o tiberio, a flor de toxo, como a recuperación de microtopónimos.» «Recupéranse tamén as formas da poesía popular, como a regueifa, a repetición, os versos encadenados, como os recursos da poesía actual, con rima e sen ella, como a tradición do punk e o rock.» Despois reflexionou Berta Dávila sobre a poesía infantil de autor que considerou como «un elo fundamental entre a literatura popular e a poesía contemporánea.» «O poético é o territorio do posible, un obxectivo de vivencia.« «A poesía non deber ser comprensión, senón experiencia de lectura.» Rematou contundente: «o que presta neste libro é que soa máis a rock cá música de Brahms. É boa literatura.»

Pola súa banda, Marilar Aleixandre, antes de recitar varios poemas e agradecer a Óscar Villán o seu traballo de ilustración, confesou que «estes poemas naceron dun impulso de reescribir cousas que nos contaron, refráns ou poemas que amamos ou a nosa propia vida, xa que ben sabemos que todos os poetas menten.» «Neste libro apropieime de historias de infancia que non son miñas, aínda que naceu dunha canción que me encargou Leilía, “Corazón de sal”.» «Pretendín reescribir o poema da forma máis literal posible, en pezas como “Apañar a primavera” ou gardar os topónimos e microtóponimos.» «Reescribir é escribir o que non está escrito.»

Aqui poden verse algunhas ilustracións que Óscar Villán preparou para o libro.