Listado de la etiqueta: arnoia

Río Arnoia

Hoxe iniciei a sección semanal «Contafíos» en Nós diario cunha lectura de Río Arnoia (Ir Indo 2022), o libro de grande formato do fotógrafo Plácido L. Rodríguez e do escritor Xosé Benito Reza:

Na Galicia dos dez mil ríos de Álvaro Cunqueiro, o Arnoia ten a singularidade de protagonizar un paradoxo xeográfico, xa que nace nas abas meridionais da Serra de San Mamede, preto de onde tamén o fan o Limia e o Támega, compartindo con eles a proximidade das súas fontes e a diverxencia das súas vidas e tramos. Un paradoxo que para Ferrín conforma unha imaxe da Patria na súa totalidade. Río Arnoia que ao longo de 88 quilómetros, dende o seu berce até o seu afogamento ou inmersión no Miño, vai cosendo dez concellos ourensáns (Vilar de Bario, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A Merca, Celanova, Gomesende e Arnoia) que en cadanseu territorio expresan a esencia da paisaxe nosa, inzada de cuíñas e espazos interfluviais onde naceron as aldeas hoxe abandonadas.

Río Arnoia é tamén o título da alfaia bibliográfica publicada o pasado ano por Bieito Ledo nas súas edicións Ir Indo, un libro de grande formato (31 por 31 cm) do que son autores o fotógrafo Plácido L. Rodríguez e o escritor Xosé Benito Reza, sendo prologado de forma moi brillante por X.L. Méndez Ferrín. Un traballo excepcional do veterano fotógrafo de Gomesende que convida a descubrir o cordón fluvial ourensán máis longo e a súa bacía, que quixo retratar espida de seres humanos, amosando a súa grandeza e poder, contando apenas coa presenza da natureza e dalgunhas pontes, que abrazan o río coa historia. Un libro no que destaca a poética fluvial que destilan cada un dos textos didácticos e literarios de Reza, que pateou todo o curso dende a mocidade e sabe espremer a beleza de cada cadoiro ou cada manancial e transformala en paisaxe.

Benvido este Río Arnoia, libro marabilla chamado a perdurar, rara avis na actual edición galega privada, que en tempos de hibridación dixital reclama a beleza do libro obxecto impreso; un formato editorial que na década de 1990 tivo a súa idade de ouro, contando con excelentes catálogos que contribuíron a que o libro no noso idioma gañase prestixio e valor engadido.

Onte 1092: Arnoia

53859cab7e403-arnoiaUn grupo de quince editores galegos visitamos onte as instalacións de Arnoia. Tras vinte e sete anos de funcionamento as cifras da distribuidora de Ponte Caldelas, tanto polo número de referencias da súa base de datos (máis de catro centas mil, das que máis da metade contan con stock no almacén) como de editoriais (2.000) e clientes (6.000) aos que ofrece servizos, a converten na distribuidora de libros máis importante de todo o norte da península. O seu espírito fundacional de empresa educativa galega e súa súa vontade de servizo e de innovación constante levou a Arnoia a desenvolver un modelo de distribución editorial integral que no actual proceso de hibridación do sector supuxo nos dous últimos anos a dotación dunha plataforma de distribución de libros electrónicos (Arnoia ebooks) e a creación dun novidoso servizo de impresión baixo demanda (Arnoia IBD). Ademais Arnoia apostou pola libraría cultural implantando a franquicia de Librerías Espazo Lector Nobelvinte e oito librarías), así como o portal de venda en internet imosver. Pola súa facturación, polo seu número de empregos, como polo seu proceso de internacionalización, hoxe Distribucións Arnoia é unha das primeiras empresas culturais galegas. Merece o recoñecemento de todo o sector.