Listado de la etiqueta: ánxel_casal

Casal

Cando en agosto de 1927 Ánxel Casal abandona a editorial Lar, que queda en mans de Carré, e funda a editorial e imprenta Nós, no seu domicilio da coruñesa rúa Real, dá o paso decisivo para dotar por primeira vez a Galicia, coa lingua galega como vehículo de comunicación, dunha estrutura editorial normalizada, tanto no que atinxe ao desenvolvemento dun catálogo literario monolingüe, incorporando textos e publicacións esenciais para a cultura galega moderna, como na presentación desas obras, sobre todo das súas capas e formatos, na liña da tendencia da edición europea daquel entón, marcada pola francesa Gallimard ou pola española Compañía Iberoamericana de Publicaciones (CIP). Iniciaba Casal un labor de xigante, consolidado cando na primavera de 1931 traslada a súa oficina de imprenta e edición a Compostela, primeiro, á rúa das Hortas, onde vivía o seu amigo, tamén cómplice de tantas iniciativas, o pintor e escenógrafo, Camilo Díaz Baliño, despois, en abril de 1933, trasladada aos baixos da rúa do Vilar nº 15. Foi Castelao quen sentenciou aquilo de que Casal «fixo por Galicia máis do que todos nós», probablemente para salientar a dimensión e a diversidade do catálogo editorial de Nós («libriños novos, humildes e limpos no seu formato») desenvolvido en menos dunha década, como doutras impresións de revistas, pasquíns e cartelaría política varia, actividades propias do seu carácter de indiscutible editor nacional. Publicacións que para Ernesto Vázquez Souza, un dos mellores coñecedores da súa traxectoria, «comunican a vontade de transcendencia que lle outorgou ao seu traballo». Un século despois de iniciada aquela proeza, ás portas de celebrar un novo día da edición galega, o 17 de decembro, fixado na data do seu nacemento na Coruña, continúa emocionando comprobar o impulso que este editor pioneiro, xeneroso e comprometido imprimiu á edición galega moderna. Casal foi, sen dúbida, unha das figuras máis senlleiras da historia cultural de Galicia, merecedor sempre de ser homenaxeado.

Publicado en Nós diario: 11/12/2024

Lar

Co obxectivo de favorecer a difusión da cultura galega naceu en Ferrol en 1921 a editorial Céltiga, que durante dous anos debeu a súa existencia o esforzo realizado polo seu editor Xaime Quintanilla. Proxecto editorial das Irmandades da Fala continuado o 29 de novembro de 1924 cando apareceu na imprenta Moret da Coruña o primeiro número da revista quincenal Lar, grazas ao propósito de Leandro Carré Alvarellos como director e de Ánxel Casal como administrador. Desde aquela primeira entrega, A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez, publicaría o derradeiro sábado de cada mes corenta noveliñas que conformaron o primeiro catálogo de narrativa galega do século XX, entre os que se atopaban títulos pioneiros como Martes d’ Antroido (1925) de Francisco Herrera ou Pantelas, home libre (1925), a estrea literaria de Ramón Otero Pedrayo, premiada na «Festa da Lingua Galega» convocada polo Seminario de Estudos Galegos. Secasí, sería o sinal de identidade daquela colección a liña de portadas deseñada polo Camilo Díaz Baliño, na que aparecía o sol, o altar e unha figura pétrea barbada, trilito da tradición druídica, considerado por Pepe Barro como unha das obras mestras do deseño galego. Foi o de Lar o primeiro proxecto editorial moderno en lingua galega, tanto pola intención de enraizar o xénero narrativo como de popularizalo, divulgalo e estendelo a un público propio, vontade que os editores sinalaban na nota de presentación do número 26, Fuxidos (1926) de Gonzalo López Abente: «pretendemos proporcionarlles aos nosos lectores novelas interesantes e ben escritas que lles dean plena satisfacción, aínda impoñéndonos sacrificios; porque a nosa empresa non é industrial, senón patriótica. Queremos contribuír ao engrandecemento da Literatura Galega, da Cultura Galega; e por iso traballamos con fe e afiuzados na crecente afección á lectura de libros galegos, de bos libros…» Vontade dos editores Carré e Casal que non perdeu ápice de interese cando celebramos a proeza de Lar no seu centenario.

Publicado por Nós diario: 20/11/2024

Vigo, cifra da Galicia moderna

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración en Vigo do 25 de xullo de 1930:

O 25 de xullo, declarado Día de Galicia na segunda asemblea nacionalista das Irmandades da Fala (Santiago de Compostela, novembro de 1919), e celebrado por vez primeira na Coruña en 1920, foi unha celebración perigosa para a Ditadura de Primo de Rivera (1923), que na súa teimosa loita contra o separatismo prohibiu os actos galeguistas e o izado da bandeira azul e branca en edificios destacados. Habería que agardar á caída do directorio militar primorriverista (febreiro 1930), para que o venres 25 de xullo de 1930 os galeguistas armados de afouteza e entusiasmo recuperasen a celebración pública da gran data galega e o fixeran con éxito en Vigo, a cidade moderna galega por excelencia. Un «Día Noso» que comezou co mitín galeguista celebrado pola mañá nun Teatro García Barbón con cheo absoluto e presidido por Ramón Cabanillas no que falaron Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz Andrade. Xornada de fraternidade galeguista continuada co xantar popular na finca da Barxa onde se reuniron até trescentas persoas, chegadas de toda Galicia (entre elas Ánxel Casal), e no que, entre outros oradores, Manuel Gómez Román, Álvaro de las Casas, Victoriano García Martí e Ramón Fernández Mato pronunciaron palabras memorables. Como concorridísima foi a sesión vespertina viguesa na Agrupación Artística presidida por Urbano R. Moledo e na que disertaron Núñez Búa, Otero Pedrayo,  Álvaro de Las Casas e o coro Feijoo cantou obras do seu repertorio galego.

25 de xullo de 1930 no que por vez primeira se izou a bandeira galega na varanda da casa do concello vigués e na que se interpretou música galega nos bares, cafés e paseos, nunha xornada para a historia na que «Vigo foi o centro espritoal de Galiza», como a seis columnas titulou o día despois o xornal vigués El Pueblo Gallego (EPG). Unha data significativa para o recoñecemento da hélice galeguista do ADN vigués, «adro do fervor galeguista» para o editorialista de EPG, no que «xentes de todas as follas da rosa dos ventos […] levantaron ben trabados na gran data galega os seus corazóns». Entusiasmo que ao editorialista levaba a preguntarse se non terían que rectificar o seu erro aqueles que crían que «Vigo tiña significación de espello das friaxes nórdicas e británicas», para subliñar a seguir que «Vigo é tan galego como outro pobo calquera da nosa terra, tan heroicamente galego como aqueles recunchos intactos onde non chegou inda a sorbente da meseta…» e rematar co inequívoco espírito vigués tan resolto: «Galiza en Vigo puxo onte ao aire o peito con aquel rexo espírito que desencadea os escravos, con aquel xeito decidido e resolto co que nas proas dos barcos parece adiviñarse as duras travesías que nos agardan».

Reivindicación do carácter netamente galego da cidade da oliveira que compartiron moitos dos oradores daquel 25 de xullo que despois de noventa e tres anos hoxe lembramos. Otero Pedrayo, aclamado durante varios minutos no García Barbón, fixo no seu discurso un canto a Vigo e ao seu espírito emprendedor, relatando os días de infancia nos que a visitou por vez primeira, lembrando «a música de ciceis labrando a pedra da futura gran cidade». Castelao exaltou en Vigo o sentido universalista do galeguismo e da arte galega. Paz Andrade celebrou a incorporación de Vigo ao movemento galeguista, considerando o xuntoiro vigués da Barxa como a trabe necesaria para a conquista das liberdades republicanas. Como Álvaro de las Casas aventurou na Barxa (nunha referencia importante, escasamente divulgada) que «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

O espírito galeguista de celebración do 25 de xullo de 1930 non se repetiría en Vigo até 1992 cando o goberno de coalición do PSdeG-PSOE cos nacionalistas de PSG-EG e BNG, presidido por Carlos G. Príncipe, convocou no xardín inglés do Pazo de Castrelos na tarde do 24 de xullo a lectura dun bando da alcaldía con motivo do Día Nacional de Galicia, denominación oficial dende que foi aprobada pola Xunta de Galicia en 1979. Un amplo xuntoiro veciñal, cultural, social e político, no que dende entón adoitaron participar con respecto institucional todos os grupos municipais vigueses, que permitía actualizar o discurso compartido por todos de Vigo como cifra da Galicia contemporánea, motor da Galicia futura, onde se inician os camiños de progreso e onde sempre agromou o mellor da cultura galega. Unha convocatoria institucional que por segundo ano consecutivo non se celebrará na data prevista, probablemente adiarase a setembro, o que rompe unha tradición que semellaba consolidada. Ben sería recuperar aquel espírito de Vigo como centro da Galicia moderna acuñado polos galeguistas hai case un século.

Onte 1736: Casal, editor galego moderno

Anxel-Casal-Publicidade-de-Nós-1933-Únome á lembranza que a Asociación Galega de Editoras fixo onte de Ánxel Casal con morivo do oitenta aniversario do seu asasinato. O editor, libreiro, impresor, tamén alcalde de Compostela, foi cuneteado en Cacheiras o 18 de agosto de 1936, o mesmo día que tamén o fora en Víznar Federico Garcia Lorca, autor dos Seis poemas galegos que Casal publicara un ano antes. Destino tráxico que o editor galego e poeta andaluz comparten na nosa memoria como referentes da dignidade fronte á barbarie fascista, mais tamén como construtores do futuro sobre os alicerces chantados pola cultura,os libros e a palabra.

Casal foi o primeiro editor galego moderno, capaz de crear un catálogo editorial na nosa lingua, primeiro na editorial Lar (1924), máis tarde na editorial Nós (1927), onde desenvolveu o proxecto editorial fulcral para a cultura galega do século XX. Co apoio da súa compañeira María Miramontes (outra figura, até agora, invisibilizada), Casal asumiu o papel do editor moderno como o de soporte e canle para a creación artística, como activista político da lingua e da causa galega, como aglutinador de vontades diversas do galeguismo, mais tamén como creador vangardista capaz de abrir vieiros inexplorados para a nosa cultura. Filosofía do proxecto editorial de Nós que Casal resumía, como recolleu Alfonso Mato, de xeito ben sinxelo:

«Pubricar todas aquelas obras que estando escritas na nosa fala contribuian de calquer xeito ao seu máis grande uso sin perder o tempo en disquisicións literarias inuteis. Nós pensa e así o praitica, que hoxe en galego hai que escribir de todo e para todos.»

Consonte a esta concepción editorial expansiva, sempre atento ao que pasaba no mundo, Casal pretendeu ampliar o público para o libro galego do seu tempo, ensaiando novos formatos de edición, utilizando a publicidade e as suscricións como as súas mellores ferramentas.

Figura poliédrica na sociedade do seu tempo, de quen Castelao dixo «que fixo máis que todos nós» pola causa galega, Ánxel Casal non recibiu, aínda, o recoñecemento que merece.

Onte 706: Bóveda, Lorca e Casal

Nesta fin de semana lembramos o asasinato hai setenta e sete anos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Federico García Lorca, tres figuras que representan o noso ideal republicano e galeguista. Esta coincidencia fatidica da historia, aparentemente caprichosa, é explicable polo fanatismo fascista que escolleu como opción política o aniquilamento físico dos seus contrarios. Unha estratexia estarrecedora que, dende o alzamento militar, segou a vida (só en Galicia) a 4.600 persoas e vitimou a máis de 14.000 persoas, segundo o reconto do proxecto interuniversitario «Nomes, Voces e Lugares» (magoadamente paralizado pola falta de apoio público). Un xenocidio, que non pode ser esquecido nin agochado, do que estas tres figuras constitúen apenas insignia de dignidade. A recuperación da memoria destas vítimas, como afán colectivo e apartidario, constitúe un alegato contra a impunidade e, tamén, contra a hexemonía da falsa «memoria dos vencedores». Recoñezamos que aínda queda moi lonxe o consenso preciso para construír unha nova memoria colectiva, na que Bóveda, Casal e Federico ocupen o lugar que lles corresponde.

Onte 344: Día dos Mártires Galegos

Como é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:

«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».

Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.