Artigos

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez