Artigos

Onte 1180: «Tita», o documental

antía_calMiguel Piñeiro está filmando en Muras Tita, un documental sobre a nosa admirada Antía Cal. A raíz da publicación hai uns meses d’ O libro dos nenos galegos, o que foi un material didáctico en galego, inédito dende 1958, utilizado nas aulas do colexio Rosalía de Castro de Vigo e no que Antía Cal contou coa colaboración de Antón Beiras, o seu home, Piñeiro desenvolve un proxecto de documental longo no que pretende recuperar a memoria e o pensamento crítico dunha das figuras emblemáticas da renovación pedagóxica en Galicia durante a segunda metade do século XX. O proxecto pode seguirse dende os seus perfís en facebook e twitter, nos que se publican testemuñas da gravación. Recomendo compartir unha vídeonadaliña sobre o idioma publicada onte. Xaora, Tita alerta que o galego sofre e en 2015  cómpre responsabilizarse, «faille na túa vida sitio ao galego».

Unha lección e unha carta

Na edición dixital de Sermos Galiza publico este artigo animando a continuar co compromiso da escola de fala galega:

O 5 de marzo de 1958 xublilouse Ramón Otero Pedrayo como catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago. Aquel día impartiu a súa derradeira lección na facultade de Filosofía e Letras, que foi tamén a súa primeira clase en galego, tras o alzamento militar. Xesús Alonso Montero, daquela un catedrático mozo da Escola Normal que seguiu en pé a sesión, conta que tras os saúdos protocolarios Pedrayo anunciou: “Hoxe vou falar na lingua de Pondal e Rosalía”. A intervención do cabezaleiro foi seguida polo alumnado e profesorado que ateigaron o Paraninfo nun silencio emocionante roto só ao seu remate por unha longa ovación. Os participantes sabían que estaban participando nunha xornada histórica na que o galego volvía á tribuna académica tras vinte e dous anos ausente.

Aquel xesto sociolingüístico de don Ramón Otero Pedrayo, moito máis ca un xesto retórico, non lle pasou desapercibido ao doutor Antón Beiras García, oftalmólogo galeguista residente en Vigo, que apenas dous días despois escribiu a don Ramón unha carta para abeizoalo. Un texto sociolingüístico no que expresou a emoción coa que recibiu un feito até entón insólito (en diversas ocasións foran prohibidas as intervencións públicas en galego, mesmo nas “Festas Minervais”), mais que tamén tiña unha relevancia simbólica, que non se lle escapou ao creador do Vigoscopio: “Pense nos labregos e nas crases populares todas sabendo a súa fala no Paraninfo da Universidade na boca do maior Petrucio do noso pobo”. Como tamén a dimensión política do feito, salientada na carta polo doutor Beiras coa maior claridade: “Ao falar en galego facemos política galega (no senso máis nobre) e demostrámoslle ‘a quien corresponda’ que non basta a forza para esmagar a un pobo que conta con dirixentes bariles”.

Unha lección e unha carta de dúas figuras galeguistas que tras 55 anos non perderon nin vixencia nin actualidade. Fender o silencio coa nosa voz galega conscientes da súa dimensión política, eis a tarefa cívica á que continuamos convocados.

Doutor Antón Beiras

No artigo da semana en Faro de Vigo fago unha homenaxe á figura do oftalmólogo galeguista Antón Beiras García.

Foi moi oportuna a homenaxe da Irmandade da Sanidade Galega e do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra en memoria da figura humana e intelectual do doutor Antón Beiras García. Dende o sábado, unha placa no número 22 da rúa Policarpo Sanz, onde tivo no primeiro piso a súa consulta, lembrará a figura deste oftalmólogo galeguista falecido hai corenta e cinco anos. Foi o doutor Antón Beiras un comprometido militante antifranquista nas filas do Partido Comunista, amante do deporte da vela na ría nosa a bordo do seu bote de madeira “Ultreia”, membro do primeiro consello de administración da editorial Galaxia, investigador destacadísimo no eido da Estraboloxía e creador do sinoptóforo de televisión, que bautizou con retranca como “Vigoscopio”. O mesmo Beiras a quen moitos vigueses lembrarán polo feito de ser o compañeiro da pedagoga Antía Cal, a fundadora do Colexio Rosalía de Castro, outra figura extraordinaria e irrepetible.

Pertencente á xeración das Mocidades Galeguistas, viviu Beiras durante a Guerra Civil e os anos de dura Posguerra o drama interior dos galeguistas organizados que nunca renunciaron ás súas conviccións. Instalado en Vigo dende o ano 1950, dúas iconas presidían a súa consulta no primeiro piso do edificio Sanchón (o mesmo onde no terceiro tiña as súas oficinas a revista “Industrias Pesqueras” de Valentín Paz Andrade), unha fotografía do doutor Nóvoa Santos e unha estatuíña de Castelao, que acabara de finar en Buenos Aires. Ambas pezas que amosaban as dúas angueiras que moveron a súa vida, o seu inequívoco afán como investigador médico e o seu compromiso coa lingua e cultura de Galicia. Actividades que Beiras soubo integrar con enorme coherencia no seu comportamento familiar, social e profesional. Emporiso, a familia Beiras-Cal foi, probablemente, a primeira en educar aos seus fillos en galego, como o doutor Beiras foi tamén o primeiro en publicar en galego un texto científico tras o alzamento franquista, un auténtica proeza para aquel ano 1958, no que Ramón Otero Pedrayo impartira a súa primeira clase en galego (dende 1936), no día da súa xubilación como catedrático da Universidade de Santiago.

Abraia hoxe a lucidez argumentativa daquel artigo, “Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo”, publicado en “Referatas”, a revista da Academia Médico Quirúrgica de Vigo. Antón Beiras defendía no seu limiar a lingua galega como “vehículo axeitado para ser instrumento de todos os saberes”, ao tempo que salientaba as achegas dos médicos ao labor da súa promoción, citando a doutores como Pondal, Leiras Pulpeiro, Rodríguez Seoane ou ao propio Castelao. Neste artigo, o doutor Beiras propoñía que os médicos “honrasen a propia fala, escribindo nela as súas observacións e experimentos”, así como tratando de expresarse en galego cos seus pacientes coa intención de “identificarse e chegar ao pobo que pertencen, sen renunciar, ao senso universal da ciencia”. Ambas propostas normalizadoras para a nosa lingua que, transcorridos cincuenta e cinco anos, non perderon vixencia ningunha.

Outra grande proeza do doutor Beiras foi a creación do Vigoscopio, co que culminou a súa investigación do tratamento do estrabismo, a doenza do ollo virollo, mediante o tacto, seguindo as teorías do oftalmólogo polaco  doutor Starkiewicz, sen fármacos nin intervención cirúrxica. Unha achega relatada con todo detalle por Alejandro Otero Davila, un dos seus colaboradores máis achegados, en “Antón Beiras. La mirada certera” (2009), un libro esencial para profundizar na figura do oftalmólogo galeguista. Unha tarefa de investigación aplicada que iniciara coa creación doutros aparellos como o quinepleoscopio (1958) e que culminou cos diversos prototipos do sinoptóforo de televisión (Vigoscopio), o primeiro presentado en 1963 no Congreso de Telecomunicacións realizado en Madrid, o segundo no Congreso Internacional de Oftalmoloxía celebrado en París en 1965 e o terceiro e cuarto, o definitivo, nos anos 66 e 67, cando xa estaba instalado na Clínica-Taller do Colexio Hogar de San Roque. Os primeiros traballos desenvolvéronse nas instalacións da ETEA en Teis, daquela na punta do traballos das telecomunicacións, contando co financiamento da Caixa de Aforros de Vigo, que quedou coa patente e coa propiedade dos aparellos. Seguro que non debeu ser doado ao doutor Beiras convencer ao alcalde Portanet e aos responsables da caixa de que “a investigación non é un gasto, senón un investimento de futuro, imprescindible para o progreso da humanidade”, argumentos do investigador humanista que non perderon vixencia. Antón Beiras, o iluminado, como foi despedido agarimeiramente en “Faro de Vigo” por Darío Álvarez Blázquez, merece toda a nosa admiración.

Onte 542: Pelegrinaxe rosaliana

Xa hai ano e medio demos noticia do documental da pelegrinaxe polos camiños rosalianos realizada con motivo do 25 de xullo de 1951. Onte traballando sobre a figura egrexa de Antón Beiras García din coa peza completa (48 minutos), que constitúe unha auténtica alfaia para a historia do galeguismo e un recurso didáctico excepcional.

Nesta peregrinaxe polas Terras de Iria e Ortoño, os espazos rosalianos de seu, participaron un bo fato de galeguistas daquel tempo (Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Manuel Gómez Román, Sebastián Martínez Risco, Manuel Casás, Ramón Piñeiro, Pura Vázquez, Borobó, Domingo García Sabell e Francisco Fernández del Riego, o crego Paulino Pedré, Xosé Mosquera «O vello dos contos», entre outros), ademais de centos de persoas anónimas que se lles uniron de xeito espontáneo. En cada un dos lugares visitados pola comitiva cívica galeguista, un dos participantes pronunciaba un discurso cunha temática acaída ao espazo. Os actos rosalianos proseguiron en Compostela, xa coa presencia de dona Gala Murguía de Castro, no mosteiro de San Domingos de Bonaval, despois no castro de Santa Susana e na Alameda diante da estatuta de Rosalía, onde interviron Cabanillas e Otero Pedrayo que fixo unha referencia aos enterrados no cemiterio de Chacarita de Buenos Aires.

A película (a cor) foi promovida e dirixida polo doutor Antón Beiras García, filmada por Pedro Dopazo, sobre un fermoso guión literario de Celso Emilio Ferreiro. Apareceu producida por «Alborada. Documentais de Galicia», unha probable creación do emprendemento modernizador do Antón Beiras, constituíndo quizais a filmación completa máis antiga e de maior calidade de cantas se conservan sobre a historia do galeguismo daquel período. A gravación repicouse e sonorizouse en 2000 por parte da Fundación Caixa Galicia e o xornal El Progreso, incluíndose como limiar as testemuñas de grande valor dos xa falecidos Borobó, Paco del Riego, Pura Vázquez, así como de Antía Cal, a dona de Antón Beiras o argalleiro da película. Un documento excepcional que debe ser divulgado neste ano rosaliano.