Gran presentación a do serán (moi frío) de onte na cidade vella coruñesa. O magnífico salón de Portas Ártabras quedou pequeno para acoller ao máis do cento de persoas que acudiron á estrea de Antonio Tizón coa súa primeira novela, A antesala luminosa. A lexicógrafa e profesora Rosalía Cotelo García, o xornalista Cándido Barral Alvarellos e o psiquiatra Juan Carlos Diaz del Valle fixeron tres lecturas distintas r otixinais dunha novela que todos os tres definiron como apaixonante e de lectura engaiolante dun tirón.
Comezou a profesora Rosalía Cotelo sinalando que A antesala luminosa «é unha novela que desborda xéneros e expectativas, como a luz desborda unha estancia ou o líquido desborda un vaso. Nese desbordamento non hai desmesura, senón a promesa dunha riqueza temática e literaria que invita a seguir lendo.» Referiuse despois ao seu carácter non de novela negra senón de «novela mulata», tal como a define o autor, «porque é unha mestura de novela negra (polo que ten de crime e investigación, de nocturnidade, corrupción e desexo) con outra narrativa , outros temas e outras tramas que voan lonxe e voan alto, moito máis preto da luz que da negrura. É mulata tamén porque mestura a realidade coa ficción, e a autobiografía co imaxinado. Eu engadiría que ademais a novela é mulata porque enraíza forte na realidade, e, na realidade, as cousas non son negras nin brancas.» Insistiu Cotelo na importancia do número 2 na novela: «A bifurcación, a bipolaridade, o desdobramento e, en esencia, o número dous, son columna vertebradora desta obra. Hai dúas tramas, primeiro paralelas e logo converxentes, que estruturan a novela. Co inspector Sánchez comeza o libro, e con el seguimos as pegadas de Gustavo Gallego, e a trama máis negra (que non a máis escura) da novela, a que é (ou semella) puramente detectivesca.» «Hai entón, nesta novela, dúas novelas dentro dunha, e unha delas só ten capítulos pares. Hai dous narradores, un en primeira persoa, no máis clásico estilo da novela negra, e outro, omnisciente, multiselectivo, que tende a multiplicarse. Hai tamén dous cadáveres calcinados na praia do Matadoiro a mañá despois de San Xoán, que é como comeza o libro; e hai dous Gustavos, un, Gustavo Gallego, o protagonista, e outro, o antagonista que descubrimos cara o final da novela, Gustavo Fernández-Santos, un deus que se volveu demo. O número dous articula a historia en oposición ademais ao un, é dicir, á idea de individuo e da súa soidade, nunha novela na que a loucura se define como “unha especie de soidade absoluta”.»
O xornalista Cándido Barral confesou que «esta novela cóllete dende o primeiro tirón», definíndoa despois como «xenerosa e prolixa en personaxes, distintos e antagónicos, capaces de ir encaixando nun mosaico no que todo ten sentido». «Esta novela é un gran traballo de marquetería no que se entende o perfil e a sombra de cada un dos personaxes». Antes de ler dúas páxinas da novela, insistiu no seu carácter de «novela da Transición, que axuda a entender aquel arume da España dos setenta e moitos e oitentas e poucos, lugubre e con esperanza.»
O psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle gabou ao autor por escribir a novela en galego «nun momento no que é preciso apoiar o noso idioma» e confesou que lera a novela dunha única sentada. Sinalou que «está moi ben tratado o trastorno bipolar que padece o protagonista Gustavo Gallego». «O trastorno bipolar é unha alteración do estado de ánimo no que se alternan fases de euforia con outras de depresión e inferno. É unha doenza crónica da que non sabemos a causa. Sabemos que existe un factor xenético importante, mais que interactúa con outros ambientais». «Só “Negra sombra” de Rosalía de Castro aborda literariamente tan ben a depresión como o fai nesta novela Antonio Tizón».
Pechou a presentación Antonio Tizón que tras agradecer as intervencións referiuse ao libro Estrictamente bipolar de Darian Leader. Referiuse ao título, a antesala luminosa, que é a do amor, a da loucura e a da morte. Lembrou ao crítico cinematográfico Ángel Fernández Santos que definiu a loucura «como escura disolución da memomoria na morte». Rematou Tizón as súas palabras confesando que se daría por satisfetio se «este libro axudase a entender o trastorno bipolar e as persoas que o padecen.»
No blog de Xerais pode lerse o texto completo da intervención de Rosalía Cotelo.