«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», o booktrailer

Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

Rivas fala de «As voces baixas»

Magnífica a reportaxe-entrevista de «Coruña en directo» da lectura de Manuel Rivas na primeira xornada da Feira do Libro da Coruña. Rivas fala d’ As voces baixas.

Onte 329: «Arraianos», o filme

A nova da premiere mundial, mañá 4 de agosto, no 65º Festival Internacional de Locarno (un dos catro máis importantes e veteranos do cinema europeo) de Arraianos, a película de Eloy Enciso, merece aínda maior atención e agarimo da que está recibindo. A elección de Arraianos como única película española para participar na carreira polo Leopardo de ouro na sección «Cineastas do presente» constitúe outro éxito de Zeitun Films, que participa na produción xunto a Artika films. Tras o premio obtido en Cannes 2010 por Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns, estoutro éxito constitúe un importante aliciente para o arriscado traballo dunha produtora como Zeitun que «aposta por un cinema comprometido co cinema». Baseada nunha peza de Jenaro Marinhas del Valle e localizada nos espazos de fronteira da raia seca, Arraianos preséntase «como unha fábula sobre o mundo rural e a súa obstinada resistencia a desaparecer». Entre as intencións expresadas por Enciso están as de «abordar a relación entre a realidade e o que está máis alá desta realidade», traballando na fronteira, tamén, dos xéneros «a dualidade entre o real e o onírico». Agardamos co maior interese a estrea en Galicia de Arraianos. Ten toda a aparencia de ser outras das proezas do noso cinema.

Onte 324: A cerimonia de London 2012

Non puiden ver en directo a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos, mais onte tiven a oportunidade de recuperar na rede a gravación das súas catro horas (recomendo buscala no sistema de TVE á carta). Unha marabilla concibida para televisión! Alí atopei ese cen por cen british que eu tanto admiro, un compendio de creatividade, tradición, modernidade, elegancia, popularidade, interxeracionalidade, rigor, humor, tinguido dos valores deportivos de «fair play» e afouteza. Mais e sobre todo, gustoume a exaltación visual que Danny Boyle fixo do que el entende representa a identidade británica dende a revolución industrial, o movemento sufraxista e o sistema público de saúde, pasando pola música pop e rock (na que UK é, sen discusión, a primeira potencia mundial), até a literatura infantil e ao emprego da súa irónica retranca. Sen deitarse nos perigosos brazos do chauvinismo, presentar e compartir coa humanidade a identidade propia, e facelo con elegancia e fachenda, constitúe un modelo a seguir. Non teño dúbida que os Xogos Olímpicos de London serán extraordinarios, xa que o público deportivo británico é o mellor do mundo. Durante as dúas próximas semanas terei alí todas as miñas saudades.

Onte 323: «O meu primeiro Celso Emilio» en concerto

Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para acompañar (fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata de Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.