Un futuro para o Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do cine Fraga:

Entre os aniversarios lembrados en Vigo este 2023, centenario do Club Celta e naufraxio do Hammonia incluídos, non poden faltar tampouco os 75 anos da creación de Refrey en Bouzas e da apertura do Teatro Cine Fraga o 27 de marzo de 1948. Celebrada cunha función de gala ás 11 da noite, aquel sábado de gloria estreouse a película española declarada de interese nacional Botón de ancla, unha produción de Suevia films do cineasta vigués Cesáreo González, dirixida por Ramón Torrado, presente nunha función, acompañado do actor  Miguel Ligero, na que se suplicaba aos espectadores que sen ser obrigado levasen traxe de etiqueta nas localidades de palcos, butacas de palco e de entrechán. Con esa pompa quería celebrar a inauguración da que se presentaba como mellor sala de Galicia, que contaba con 1.758 butacas (máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo), o seu propietario e promotor, o emigrante carballiñés Isaac Fraga Penedo, entón o empresario máis importante de exhibición e distribución cinematográfica do noroeste; pioneiro tamén da industria do cine en Galicia, desde que en 1908 regresara da Arxentina e comezara o seu traballo como exhibidor ambulante, que xa contaba en Vigo tamén cos cines García Barbón, Odeón e Tamberlick, onde o 14 de marzo de 1930 proxectara o primeiro filme sonoro de Galicia.

Situado na rúa Uruguai, esquina con Isabel II, ao pé de onde saía o tranvía de Baiona, o edificio do Fraga, trazado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto en 1942, que creara na etapa anterior á guerra civil grandes cines de arquitectura moderna na Gran Vía madrileña, como o Barceló e o Europa, é unha das mostras máis significativas da arquitectura rexionalista viguesa durante a autarquía. Un proxecto ao que non foi alleo a teimosía de Isaac Fraga de crear a sala de cine máis grande e suntuosa de Galicia, na que estivesen presentes referencias da arquitectura compostelá. Unha solicitude que o arquitecto madrileño concretou no deseño dunha fachada de granito de Castrelos con balconada corrida de peitorís de ferro e decoracións neobarrocas de anxos, lazos e sartas de froitas colgando polos laterais, ao xeito das do Hospital Real, e cun ampuloso pórtico de acceso principal de formas rectangulares e frontón partido, así como polas formas renacentistas dunha galería superior de arcos entrelazados, influencia da fachada do Tesouro da catedral, e das poderosas balaustradas da coroación e os pináculos. Unha construción histórica que para Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias «expresa esa liña de acentos rexionalistas que o arquitecto, por desexo da propiedade, introduce neste emblemático edificio da cidade».

Referente no lecer vigués até o peche o 28 de xuño de 2001 das entón tres salas de proxección, no patio de butacas do Fraga vivíronse horas inesquecibles para varias xeracións viguesas, dende estreas míticas como as de Foise co vento en setembro de 1951 até xornadas históricas como as de Cinegalicia en novembro de 1989 cando se estrearon as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato de 35 mm: Continental de Xabier Vilaverde, Urxa de Carlos López Piñeiro e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, toda unha proeza. Como é tamén unha lembranza viguesa as horas vividas en Nova Olimpia, a discoteca que funcionou nos baixos dende maio de 1973 a agosto de 2007, escenario que inaugurou Georgie Dann e pisaron despois Tom Jones, Raphael, Massiel, Cecilia, entre outras figuras da música de finais do franquismo, renacido nos anos da movida da década de 1980.

Despois de dúas décadas das derradeiras funcións cinematográficas no Fraga e da súa adquisición por parte de Caixa Galicia para darlle un uso sociocultural, tras o comezo das obras de remodelación con esa finalidade en 2008, dirixidas polo arquitecto César Portela, interrompidas en 2011, cando xa estaban moi avanzadas, Abanca puxo en venda o edificio en 2013. Dende entón o Fraga está pechado e sen actividade ningunha, recoñecendo o seu propietario que lle procura «unha saída sostible», o que entendemos supón polo momento continuar no ostracismo, un futuro incerto que non merece o que foi un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade. Non é doado aventurar cal pode ser o mellor futuro para o Fraga. Teatro municipal do que Vigo carece? Teatro provincial e sede da Deputación e do propio Museo de Pontevedra en Vigo, algo semellante ao que sucedeu co teatro Colón na Coruña? En todo caso, como propón de forma moi razoable o arquitecto José Antonio Martín-Curty, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e estudoso dos cines de Vigo, «a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer co mesmo espírito no que foi concibido por Isaac Fraga: cultural». O Fraga debe saír deste esquecemento obrigado e absurdo ao que leva sometido dende hai unha década.

Tranvías eléctricos de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro Tranvías eléctricos de Vigo de Diego Amoedo e Iria Vergara:

Entre a bibliografía recente de temática viguesa cómpre reparar en Tranvías eléctricos de Vigo. A Compañía que vertebrou Vigo (Newt, 2022), libro álbum de coidado acabamento artesán, escrito por David Amoedo e Iria Vergara e ilustrado por Davida. Documentada de forma exhaustiva con planos e fotografías, a obra ofrece os datos e as datas precisas para reconstruír con detalle a historia da compañía tranviaria viguesa (TEVCA), dende os proxectos iniciais de 1891 de establecer un tranvía entre a praia de Guixar e Bouzas e a aprobación en 1907 por parte do concello de Vigo do proxecto de Tranways de la Galice, pasando pola fundación da sociedade que adquiriu a concesión en 1912, a inauguración das liñas urbanas viguesas o 9 de agosto de 1914 e a súa extensión até Chapela o 31 de agosto 1921, pola posta en marcha dos proxectos interurbanos do ferrocarril a Mondariz (só completado até o Porriño, 1920) e Ramallosa, Gondomar e Baiona (1926) e o seu ramal de Muíños á praia de Samil (1947), polo cese dos servizos o 31 de decembro de 1968 e o abandono das 99 unidades do parque nas cocheiras da Florida, até a actualidade na que TEVCA xestiona 2.200 prazas de aparcadoiro na zona urbana de Vigo.

Nunha obra con vontade explícita de rescatar e organizar a documentación gráfica dispersa, Amoedo e Vergara ofrecen os alzados, fotografías e fichas técnicas de todas as edificacións que pertenceron á empresa, dende as oficinas e cocheiras graníticas das Travesas, de marcado estilo rexionalista, demolidas en 1968 para abrir a actual avenida de Coia, pasando polas cocheiras de Chapela e Ramallosa, o apeadeiro de Peinador, situado nas inmediacións do actual aeroporto, até as estacións de Canido, Coruxo, Nigrán e da Florida, onde en 1941 se construíu o pequeno zoo onde os cativos iamos ver a mona e os pavos reais, sen esquecer o celebrado Pavillón Ourense de estilo decimonónico, destruído en 1945 por un temporal, situado preto onde logo se construiría o Balneario de Samil, estación que tería papel importante no ocio vigués da posguerra. Con semellante intención de rescate, os autores ofrecen a cronoloxía, a fotografía e o alzado do heteroxéneo parque móbil da compañía, sinalando a súa procedencia e características. Seguindo a clasificación do historiador Antonio Giráldez Lomba no seu libro de referencia Recordando los tranvías de Vigo (Deputación de Pontevedra 2005), reprodúcense os alzados dos distintos tipos de coches: os Vigo I (os primeiros, modificados en 1946), os Vigo II (procedentes de Pontevedra), os Vigo III (transformados en 1956), os Vigo IV (coches de dous eixos pechados), os Vigo V (transformacións dos primeiros), os Vigo VI (transformados a partir do modelo Odesa, chegados en 1922), os Prototipo (1953) os Sevilla (procedentes da capital andaluza), as Xardineiras, os Automotores da liña de Baiona e os Berliet de reparación.

Por último, o libro documenta o trazado das liñas urbanas e suburbanas do tranvía vigués. Oito traxectos urbanos que en 1968, ano do cese da actividade, cubrían case 48 quilómetros, dando servizo a case vinte millóns de billetes dun prezo fraccionado de 2 pesetas. Un mapa urbano que coñecía de memoria toda a veciñanza: liña 1: Estación-Pereiró; liña 2: Os Caños-Bouzas; liña 3: Cabral-Ribeira; liña 4: Chapela-Mercado (Berbés); liña 5: Seixo-Bouzas; liña 6: Chapela- A Florida; liña 7: Seixo-Ribeira e liña 8: Seixo-Travesas. Mapa que se estendía en dúas liñas suburbanas: a da Ribeira-O Porriño e a de Vigo (con saída na rúa Uruguai, a altura da praza de Portugal) a Baiona, que contaba cos ramais de Muíños-Samil e da Ramallosa a Gondomar.

A magnífica obra de Amoedo e Vergara, que ademais do orixinal cuñado da súa cuberta, ofrece un desdobrado mural das edificacións e vehículos da TECVA, amosa coa súa atractiva presentación gráfica o decisivo papel aglutinante que o tranvía tivo no Vigo metropolitano do século XX. A rede de tranvías serviu para unir o centro de Vigo con Bouzas, Pereiró, Travesas, Lavadores, Cabral, o Calvario, Teis, Os Caños e Chapela, actuando como un dos axentes modeladores máis importantes da cidade actual e da forma na que se estendeu e medrou. Como sinala Antonio Giráldez, «os vínculos do centro de Vigo cos barrios e parroquias máis periféricos acrecentáronse ao longo da primeira metade do século XX ao mesmo ritmo que a empresa tendía novos raís, aumentaba as frecuencias das súas unidades, incrementaba o número dos seus coches e melloraba o rendemento das súas subcentrais eléctricas». Máis alá da saudade tan viguesa expresada na síndrome Siboney pola perda traumática do tranvía hai cincuenta anos (por outra das alcaldadas de Portanet), a claridade e  a orde dos datos e das imaxes do libro de Amoedo e Vergara amosan o papel decisivo da rede de tranvías na conformación do Vigo contemporáneo.

Porta do Sol

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Porta do Sol:

A Ceferino de Blas, que sempre creu no Campo de Granada

Na nosa memoria familiar baixar a Porta de Sol representaba facelo a Vigo, ao lugar onde traballara mamá como dependenta da zapataría infantil de Abdón Cruces e papá como viaxante dos almacéns de tecidos de Sucesores de Teodoro Gómez. Para nós, que viviamos nunha bufardiña, ao inicio de Pi e Margall, a Porta do Sol era o corazón de Vigo, onde abriron os grandes almacéns de El Pilar, os de paquetería de Modesto Bobillo e os de Simeón García, con xastraría e ferraxaría.  A Porta do Sol do Hotel Moderno de Cesáreo González, construído por Pacewicz, ao comezo de Policarpo Sanz con Carral, fronte a histórica botica dos Borrajo e a barbaría de Juan Minguela, aquel perruqueiro vigués que en 1970 contara no Faro e logo na televisión española que avistara na súa casa de Viladesuso un pratiño voante «do tamaño dun vitrasa que brillaba». A Porta do Sol da droguería La Popular, onde acompañei nalgunha ocasión ao avó Suso Beleiro a mercar verniz para algunha chollada, antes de tomar unha chiquita no Gazpara ou, pasado o Arco de Quirós e a tenda de ultramariños dos Franco, o que eu máis devecía, unha tapiña de callos na de Ligero, tan ricos como os de Armando na Falperra. A mesma Porta do Sol, nunca lle chamamos na casa doutra forma, de La Villa de París (nun edificio deseñado por Jenaro de la Fuente) e o salón de El Louvre, comercios que a avoa Filo consideraba con admiración os de vestiario máis elegantes para as señoritas da cidade.

Porta do Sol comezada a construírse en 1656 como unha das seis portas da muralla de Vigo, chamada tamén dos Carneiros, do Salgueiral, da Soedade ou dos Tornos, pola que se accedía ao regato e fonte dese nome, documentado xa en 1667 no perfil da vila de Vigo e as súas fortificacións e despois no plano do recinto amurallado de Vigo de 1762, conservados no Arquivo de Simancas. Referencia presente no Plano da vila de Vigo de 1773 e no de Miguel Hermosilla de 1800, anteriores á ampliación da vila xa como cidade no século XIX. Porta do Sol pola que entraron en 1809 as tropas francesas, na que en 1834 comezou a ampliación do camiño a Benavente e Vilacastín, cuxo primeiro treito, a actual rúa Príncipe, sería aberto en 1840, que sería derrubada en 1861 por que se consideraba que a muralla «aprisionaba» unha cidade, que comezaba a ampliarse ao longo da ría coma o seu porto. Porta do Sol na que despois se instalaría o primeiro mercado municipal de froitas e verduras (1878), trasladado despois ao da Laxe, cando alí se construíu o fermoso edificio Simeón do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ao longo do século XX a Porta do Sol transformada en praza converteuse nunha icona do Vigo cosmopolita, unha e outra vez fotografada pola forza das súas extraordinarias edificacións pétreas, como pola presenza a partir de 1914 dos tranvías que a transformaron no eixo e no inicio de comunicacións dunha cidade estendida xa sobre a súa bisbarra. Unha praza que ademais de centro comercial e oficinas, como as do edificio (1934) de espírito art decó do arquitecto Romualdo de Madariaga,  a cidadanía fixo o seu punto de encontro, tanto para o paseo, que se alongaba sobre Príncipe, como para celebrar grandes acontecementos, como a proclamación da República. Como tamén a Porta do Sol converteuse en espazo da memoria histórica, onde o 20 de xullo de 1936 tras a lectura do bando que declaraba o estado de guerra, a forza do capitán Carreró disparou sobre os vigueses e viguesas alí concentrados provocando vinte mortos e un centenar de feridos, actuación que deixou rastro na carpintaría da botica de Borrajo e no panel publicitario «Vinos y coñac Pedro Domecq», o máis antigo da cidade, por ventura catalogado como ben de interese cultural.

Nos últimos cincuenta anos a Porta do Sol non perdeu centralidade, tanto como icona da memoria da cidade das concentracións obreiras de 1972 e das múltiples manifestacións cívicas a partir da Reforma Política, como pola instalación en 1991 do Sireno de Paco Leiro, estatua que dende entón preside e representa xenuinamente o espírito da praza como referente de orgullo e afouteza de toda a veciñanza viguesa. Iconicidade da Porta do Sol que gaña coa súa peonalización irreversible, unha aspiración cidadá que defendemos aquí dende hai dúas décadas, que ademais de suturar para sempre a fenda aberta no Vigo vello amplía o espazo peonil dende o antigo camiño de Baiona até, podendo ser ambiciosos, a rúa do Ramal. Unha ampliación moi considerable do espazo peonil –para a que non era necesarios nin túnel nin templete ningúns (e moito menos entre dous edificios catalogados)– na que confiamos se privilexie aos peóns, se reduza de forma significativa a instalación de pezas decorativas e o espazo público cedido aos establecementos privados de hostalaría, evitando abusos recentes. A Porta do Sol é o primeiro espello do Vigo contemporáneo.

Funicular ao Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á mobilidade vertical e metropolitana na cidade de Vigo:

A edificación na aba e declive dun outeiro fixo de Vigo un anfiteatro sobre a ría que marabillou aos que nos visitaron tanto se chegaban por mar como polos camiños entre as milleiras do Val do Fragoso. Admiración expresada polo escritor Benito Pérez Galdós no artigo «De Oporto a Vigo», publicado en Faro de Vigo o 12 de agosto de 1885, no que ademais confesa que para el «a máis fermosa das catro rías é a de Vigo, que tamén é o primeiro porto de España e quizais de Europa…». «Non se poden formar ideas, sen vela, daquela inmensa balsa de auga encalmada, que mide cinco légoas de longo e dúas de largo nalgunhas partes, defendida dos furores do Océano polas illas Cíes, dique natural que tapa a entrada…» Xeografía que facilitou que todo chegase a Vigo dende o mar e que obrigou a comprometer o seu porvir coa mellora do seu porto. Un modelo que condicionou o seu desenvolvemento urbano, documentado por vez primeira en 1597, no plano de J. Turriano, como unha vila en forma de «H» inclinado con dous brazos, un sobre o Berbés e outro no Areal, con rúas costentas, cualificadas por Galdós, tamén como «incómodas, estreitas e tortuosas».

Dende entón, Vigo conformouse como cidade portuaria atlántica, sendo diversas as iniciativas para superar os «inconvenientes» da súa orografía e facilitar a mobilidade entre o Berbés, A Laxe e o Areal cos novos ensanches que gabearon arredor do Castro. Entre todos elas, probablemente, foi a máis ambiciosa a de Antonio Palacios, no seu Plan de Reforma Interior de 1932, que concibía Vigo como futura  capital dunha Galicia autónoma. Palacios tendía unha liña ferroviaria paralela á costa, introducía liñas de funicular e teleférico, que darían acceso á cidade universitaria e aos miradoiros da Guía e a Madroa, e outra liña de metro soterrada entre o peirao de pasaxeiros na Laxe e o Castro, onde o porriñés instalaba a sede do Pazo Rexional. Proposta que quedou no papel, como aqueloutra de ordenación comarcal, baseada nunha vintena de poboacións satélites, en boa medida xa modelada pola expansión da rede do tranvía eléctrico de Vigo, concibida xa no seu inicio, en 1914, como metropolitana, que en 1927 estendía as súas vías en 47 km e nas décadas de 1940 e 1950 chegaba até Baiona, Gondomar, O Porriño e Chapela e superaba os trinta millóns de billetes anuais, cando a poboación da comarca era a metade da actual.

Outra iniciativa de mobilidade vertical viguesa foi o proxecto da empresa de tranvías, dirixida entón polo emprendedor e soñador Gerardo Campos, que en 1942 quixo cubrir de forma rápida e cómoda o acceso desde o peirao de transatlánticos até o monte do Castro, que comezaba a ser convertido en parque, por medio dun funicular. Rescatado do esquezo polo historiador Antonio Giráldez Lomba nas documentadísimas páxinas do seu libro Recordando los Tranvías de Vigo (Deputación de Pontevedra, 2005), unha das alfaias da bibliografía viguesa, aquel proxecto fascinante sería presentado en 1948 polo enxeñeiro de Camiños José Antonio López Jamar e quedaría como as liñas de Antonio Palacios no caixón da enxeñaría viguesa de papel. Un proxecto dun funicular monorraíl de 32 prazas e dúas cabinas que por medio de dous túneles e a unha velocidade de 18km/hora uniría a estación da Pedra coa Porta do Sol (á altura da Praza de Argüelles) e dende alí seguiría douscentos metros até o Campo de Granada, onde deixaba de correr sobre o raíl para rematar o traxecto desprazándose por un cable aéreo até a estación superior do castelo do Castro.

Ambos os dous proxectos, tanto o de Antonio Palacios como o de Gerardo Campos, pretendían facilitar a mobilidade peonil no interior da cidade, establecendo conexións mecánicas entre os perfís lonxitudinais do porto e da nova avenida de Circunvalación (dende 1963 bautizada como Camelias). Proposta que só despois de medio de século comezou a abordarse coa instalación dos primeiros elevadores do «Vigo vertical» na rúa Segunda República e nas propias Camelias. Como ambos os dous inserían as súas propostas nunha trama metropolitana, truncada tras o erro histórica de suprimir en 1968 as liñas do tranvía. Dúas dimensións, a vertical e a metropolitana, que deberían ser tomadas en conta á hora de deseñar o plan de mobilidade sostible que limitará o tráfico nas Zonas de Baixas Emisións do Vigo central que comezarán a funcionar dende o primeiro de xaneiro de 2023. A pesar da xa inevitable atmosfera electoral, o concello debería presentar decontado o seu plan de mobilidade sostible, que obriga a reconsiderar os itinerarios de vitrasa e os percorridos urbanos das liñas metropolitanas da estación de Urzaiz, mais tamén os trazados de carrís bici, a instalación de novos elevadores, as dimensións das novas peonalizacións e rotas alternativas e estacionamentos periféricos para os vehículos privados.

Chamamento por Samil

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Chamamento por Samil realizado por un grupo de 40 persoas en outubro de 1970:

Dentro da ampla literatura viguesa das abaixo asinantes, xénero de opinión do que forman parte os manifestos e as cartas ao director, continúa sendo modélico aquel chamamento en defensa de Samil no que un grupo de corenta vigueses expresaba a súa desconformidade pola construción dun muro de formigón sobre a duna. Datado o 14 de outubro de 1970 e difundido íntegro na prensa do sábado 17, El Pueblo Gallego salientaba en primeira que os asinantes, «intelectuais, artistas e profesionais destacados», alertaban que o muro en construción en Samil «producirá consecuencias irreversibles» e que «o espazo de pública utilización quedará mutilado» para sempre. Un texto moi valente, tan explícito e razoado na súa crítica como fermoso na súa escrita, divulgado ao inicio da alcaldía do empresario Antonio Ramilo, que sucedera ao falanxista Rafael J. Portanet no mes de marzo, cando a ditadura deixaba moi poucas fendas para a expresión da protesta e os responsables dos xornais andaban con pés de la, axeitándose á supresión do procedemento de censura previa amparado pola chamada «Lei Fraga» (1966), redactada por Pío Cabanillas.

Asinado por empresarios como Valentín Paz Andrade, o seu fillo Alfonso e Enrique Massó; médicos como Julio Babé e Ramón de Castro; editores como Xosé María Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego ou escritores como Eduardo Blanco Amor, entre outros,  o chamamento convidaba «a todos os devotos da praia de Samil e en especial aos nosos conveciños» a denunciar a destrución da «estética oval do marabilloso escenario» da primeira das praias viguesas. Xustificado pola «lexítima defensa do interese colectivo» e coa intención de evitar que «o silencio puidera interpretarse como complicidade, unha forma de culpa cívica na que non desexamos incorrer», os asinantes chaman á paralización da obra, tanto por modificar «a configuración natural do conxunto, que adopta a forma dunha cuncha dobremente alongada dende os arrecifes de Alcabre até a desembocadura do Lagares», «unha liña orixinal de insuperable beleza e graza, substituída por unha absurda “liña Maginot” contra os embates do mar, trazada con entrantes e saíntes inexplicables», como polo feito de que «o paseo marítimo non respecta os límites propios da espazo da  praia», alertando que «a amputación aínda será maior se reconstrúe unha batería de casetas…».

Transcorridos cincuenta anos da inauguración do muro de Samil polo alcalde Ramilo a noitiña do día da Reconquista de 1972, que como mellor concesión aos críticos aceptou retranquear o paseo nun metro, o chamamento en plena ditadura do grupo liderado por Paz Andrade non perdeu actualidade nin pola afouteza cívica de evitar un silencio cómplice nos asuntos de interese colectivo nin pola defensa necesaria do que queda dun areal, que foi a nosa primeira dama, dende entón absolutamente degradado por actuacións posteriores, sobre todo as de 1981, que deseñaron as dotacións actuais. Construción dun muro sobre a duna, amparado entón polo «Plan Especial de Ordenación da Praia de Samil» (1968), outra peza desafortunada daquel «desarrollismo» franquista exercido con man de ferro  e aparente luva paternalista polo alcalde Portanet, que autorizou tamén o derrubo de xoias do patrimonio vigués como o edificio Rubira (1967), primeira obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, e o mercado da Laxe (1967), obra de Benito Gómez Román, retirou teimosamente o tranvía como rede de transporte metropolitano (1968) ou ordenou en 1966 agochar o monumento de Curros Enríquez nun xardín do Castro e retirar a escultura aos heroes da Reconquista da praza de España para substituíla por unha anódina fonte luminosa nocturna doada polo empresario cinematográfico Cesáreo González… Erros históricos irreparables, unha desfeita portanetista que medio século despois todos lamentamos.

Hoxe, diante dos anuncios do concello da súa intención de retirar o paseo apenas sete metros entre a praia do Tombo da gato e a pista de patinaxe, e das evidencias científicas máis recentes do impacto da emerxencia climática sobre a nosa beiramar, pagaría a pena actualizar aquela chamada cívica de socorro de 1970 e reclamar un plan de recuperación integral do que resta do ecosistema dunar de Samil. Retirar todas as infraestruturas permanentes, dende aparcamentos, piscinas e cafetarías e levalas uns 50 metros ao interior, como dende hai quince anos veñen solicitando os traballos de ecoloxía e urbanismo, sería a condición, como sucede no Vao dende 1990, para iniciar a difícil e paciente recuperación dos areais de Samil, proxecto que así concibido podería contar con financiamento dos fondos europeos para renaturalización. Será posible rescatar a beleza oval de Samil que hai cincuenta anos lle roubou un muro?

Baixas emisións

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha política de baixas emisións para Vigo:

Dous espazos naturais de encontro e convivencia dentro da cidade de Vigo emiten estes días o seu mayday, ameazados de desaparición. Refírome ao Parque García Picher, no corazón industrial da beiramar, situado entre as factorías de Barreras e a de conservas Albo, onde hai un século estivo instalado o campo de fútbol de Coia, espazo de privilexio que o concello anuncia converter noutro macroparque infantil de cemento e caucho, o que polas infografías difundidas polos medios dixitais suporá inevitablemente a desaparición completa do arborado e da herba e a súa posibilidade de utilización interxeracional, dende as crianzas ás persoas maiores. Refírome, en segundo lugar, aos xardíns das Avenidas, arranxados hai arredor de trinta anos na actuación Abrir Vigo ao Mar, onde se anuncia a construción dun aparcadoiro soterrado, xustificado como ampliación daqueloutro do Náutico, o fracasado «Robotizado», nunha actuación urbanística no moi sensible perfil da beiramar viguesa avalada polo concello, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca.

Actuacións ambas as dúas en zonas verdes consolidadas que destruirán, no caso da primeira, unha paisaxe viguesa moi singular, onde dende apenas dúas décadas se funde de forma case única en Vigo o arboredo coas guindastres e os cascos de ferro nas gradas dos estaleiros, e no caso da segunda, os xardíns urbanos de Montero Ríos, que dialogan coa frescura centenaria da Alameda, en pleno ensanche ideado por García Olloqui, coa pretensión de meter aínda máis coches nunha zona xa moi saturada que dende o Berbés, pasando pola Laxe e a praza da Estrela, até ao Areal, conta cunha decena de estacionamentos soterrados. Cabe preguntarse se con intervencións no tecido urbano como estas dúas se contribúe de forma eficaz a que Vigo conte a partir do 31 de decembro de 2023 dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), a que está obrigada pola Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética como cidade con máis de 50.000 habitantes, para reducir a contaminación no entorno urbano?

Transformación innecesaria do Parque García Picher explicable só pola grandilocuencia que o goberno municipal imprime a cada unha das súas actuacións dirixidas á infancia, coma se a súa obriga fose a de ofrecer parques de atraccións con estruturas de proporcións enormes e deseño extravagante, o que de facto supón consolidar parques cada vez máis desnaturalizados que privan ás criaturas do escaso contacto que na cidade poden ter coa natureza. Tras corenta anos observando o xogo infantil acredito con maior convicción que os elementos naturais, a auga e a terra, a area e a herba, son o mellor parque de atraccións e a primeira aula de aprendizaxe para os nenos e nenas de todas as idades; elementos naturais que facilitan ás crianzas a conquista da autonomía, a exploración dos perigos, o desenvolvemento psicomotor, as habilidades sociais e a cooperación entre iguais ou a exploración da creatividade. Seguindo as tendencias que hoxe se impoñen en Europa máis que grandes estruturas de esvaradoiros e chans de caucho requentado concibidas para un xogo guiado, o que se bota en falta nos parques infantís vigueses son árbores para gabear, máis randeeiras e xiradeiras, máis fontes e areeiros, limpos e ben conservados, como máis espazos de calma, sombra e frescura para os picariños e bancos para os avós e avoas ou nais e pais que os acompañan.

Como a todas luces é innecesario outro estacionamento soterrado nas Avenidas que como o resto dos existentes nun traxecto lonxitudinal de dous quilómetros contribuirá paradoxalmente a atraer máis tráfico sobre o centro e, polo tanto, máis emisións contaminantes. Compensa desfacerse do arborado arraizado nos xardíns de Montero Ríos, que por experiencia en intervencións anteriores semellantes sabemos será apenas substituído por arbustos chantados en macetas? Compensa semellante previsible desfeita dun espazo público naturalizado para dotar de máis prazas de estacionamento aos usuarios dos atraques  de embarcacións deportivas dunha concesión privada? Compensa estoutro paso atrás na difícil tarefa de facer un Vigo máis biodiverso e comprometido coa redución das emisións?

Neste contexto de transición ecolóxica convén lembrar que establecer unha Zona de Baixas Emisións obrigará en Vigo, como no resto das cidades, a aplicar restricións de acceso, circulación e estacionamento. Como tampouco está de máis recordar que conservar os espazos verdes existentes constitúe un requisito para preservar a biodiversidade urbana. No camiño de facer un Vigo máis verde e menos contaminante, un Vigo máis amigable para crianzas e maiores non semella a estratexia máis axeitada construír máis aparcadoiros no centro ou desfacerse de espazos naturais interxeracionais.

Arquitecto Pacewicz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición de rúa sobre o arquitecto Pacewicz:

Unha mostra dunha ducia de paneis de cartón pluma lembra diante do Marco o legado vigués do arquitecto francés de orixe polaca Michel Pacewicz. Con motivo do centenario do seu pasamento na nosa cidade, o 2 de febreiro de 1921, a delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Concello de Vigo organizaron esta exposición, comisariada por Nacho Hortas e inaugurada a comezos de ano no centro Vialia, coa intención de facer visible a pegada decisiva dun arquitecto responsable dunha parte moi significativa do deseño pétreo do ensanche burgués, transformando a comezos do século XX fóra do perímetro da muralla unha cidade portuaria de apenas 23.000 habitantes nunha boiante cidade industrial e cosmopolita que pretendía contar coas infraestruturas e comodidades dunha capital europea.

Responsable dun catálogo de máis de vinte proxectos, desenvoltos en Vigo entre 1897 e 1918, asinados todos por outros arquitectos, na súa maior parte polo mestre de obras catalán Dimas Vallcorba, xa que non lle foi recoñecida a súa titulación francesa como membro da Sociedade Central de Arquitectos de París, Pacewicz decidiu instalarse en Vigo en 1904 coa súa dona Anne Marie Traber e desenvolver aquí o derradeiro treito dunha vida profesional, que até entón fixera en París. E abofé que esas dúas décadas de traballo deixaron algúns dos edificios máis relevantes do Vigo do século XX.

Un legado arquitectónico rescatado do esquecemento e investigado de forma titánica por José A. Martín Curty, autor de Pacewicz, arquitecto vigués 2020 (Instituto de Estudios Vigueses, 2021), obra referencial na que amplía e actualiza a monografía que editara en 1992 (COAG). Debemos á formidable esculca de Curty nos arquivos franceses e vigueses o coñecemento do fío que coseu de por vida a Pacewicz con Vigo. E non foi outro que o tirado pola figura de Benito Sanjurjo (1856-1916), que marchara a París en 1872 a estudar arquitectura e probablemente coincidira con Pacewicz no estudio de Paul Abadie onde o franco-polaco se formaba. Da amizade con Sanjurjo debeu nacer tamén o contacto co primeiro cliente vigués, Manuel Bárcena Franco, Conde de Torrecedeira, na visita que fixera con outros industriais vigueses á Exposición Universal de París de 1889, centenario da Revolución Francesa, marcado pola inauguración da Torre Eiffel.

Dese nobelo tirou Curty para documentar os primeiros proxectos de Pacewicz na comarca de Vigo, na ampliación e axardinamento do pazo do Conde de Torrecedeira na parroquia redondelá de Cedeira, datados entre 1888 e 1890. Como documentou nas páxinas de Faro de Vigo a primeira visita de Pacewicz a Vigo, instalado durante dez días de setembro de 1897 no Hotel Europa da rúa do Príncipe, no recanto coa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias), nos que debeu abordar o estado dos seus primeiros proxectos vigueses: a casa para Joaquín Acuña Soaje, o edificio Bárcena («Hotel Moderno») e a Escola de Artes Oficios encargada por García Barbón. Tres edificios claves, cos que nos anos de entre séculos inicia unha gran actividade construtiva que o levará en 1904 a fixar a súa residencia coa súa dona na cuarto andar da Casa Bárcena e a instalar en Vigo o seu primeiro estudio en Urzaiz 37 na axencia de proxectos do seu amigo Benito Sanjurjo.

Nos paneis desta mostra de rúa, ten particular relevancia a presentación das fachadas emblemáticas de Pacewicz, características do seu eclecticismo internacional de influencia francesa, como a da casa para Paulino Yáñez (1900) da praza de Compostela, un dos edificios vigueses máis notables e fermosos, nos que destacan o seu elegante traxe de granito e a galería de madeira do seu chafrán neogótico. Como chaman moito a atención a planimetría das vivendas de renda da problemática promoción de Benito Sanjurjo na rúa Urzáiz (11-23), nas que rescataba as solucións parisinas para as vivendas de alugueiro. Como atrae a casa de campo de carácter neomedievalista deseñada para Rosendo Silva (1900) na estrada de saída a Baiona, hoxe rúa López Mora, rodeada dunha cúpula vexetal extraordinaria marcada por dúas araucarias centenarias que resisten como símbolo da cidade xardín que Vigo tamén quixo acubillar.

Completan a mostra a lembranza dos cines desaparecidos, o Royalty de Velázquez Moreno, o primeiro cinematógrafo de Vigo, e o Odeón de Urzáiz, así como da súa arquitectura funeraria de Pereiro, onde foron depositados os seus restos até que en 1926 pasaron ao osario xeral, sen que ninguén os reclamase. Un remate humilde en orfandade para quen tanto fixo por engrandecer Vigo como unha cidade europea. Triste paradoxo semellante ao que vivimos coa colocación dun escenario fixo para pequenas actuacións na Porta Sol diante do Moderno, o edificio máis emblemático do arquitecto vigués Pacewicz.

O Cristo da Guía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús na ermida da Guía:

Coñecemos hai poucos días o busto do Cristo da Guía, unha das seis pezas que formará parte da escultura do Sagrado Corazón de Xesús que esta semana se colocará sobre a ermida da Virxe da Guía, dedicada a Nosa Señora das Neves. Unha imaxe de granito de seis metros de altura e oito toneladas de peso realizada pola Escola de Canteiría de Poio da Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio co Concello e a Diocese de Vigo, que setenta anos despois pretende rematar o proxecto que para a igrexiña da Guía fixo o arquitecto Manuel Gómez Román. Cun custe de 84.000 euros, pagados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta escultura relixiosa está chamada para os seus promotores e patrocinadores a converterse nunha nova icona da cidade de Vigo marcando o perfil da ría dende os cen metros de altura do outeiro do castro da Guía, dende os que se pode enxergar tanto o horizonte das illas Cíes como o estreito de Rande e a enseada de San Simón e das salinas do Ulló. Unha instalación promovida inicialmente polo párroco de Teis que considera, segundo as súas declaracións á web infocatolica.com, «será a escala como unha especie de Cristo de Corcovado de Río de Janeiro», e que a propia alcaldía de Vigo considera «moi importante» porque «será visible dende toda a cidade».

Mais lonxe de tratarse doutra escultura instalada polo concello no espazo público, a colocación desta imaxe do Sagrado Corazón de Xesús (SCX) na ermida da Guía ten nun estado constitucionalmente aconfensional coma o noso unha dimensión crítica na orientación da política cultural da cidade tanto por tratarse dunha peza inequivocamente relixiosa como polas connotacións históricas que o SCX tivo para lexitimar ao bando dos sublevados en 1936, e a súa manipulación para dotar de “sobrenaturalidade” á guerra civil e a Francisco Franco como o seu líder e despois consolidar o seu goberno. Exaltación do SCX cunha forte pegada belicista, estudada polo historiador Pablo Baisotti (Cultura Latinoamericana, 2015), que dende o inicio da guerra civil se realizaba nas súas cerimonias de consagración e entronización presididas por xenerais e autoridades civís e relixiosas en igrexas ou nos locais de Falanxe, Sección Feminina ou Acción Católica. Como nas bandeiras do Requeté ondeaba a imaxe do SCX e os combatentes desfilaban cun distintivo de tea que levaba bordado o SCX coa palabra “detente”, transformando o simbolismo do corazón en protección contra as balas inimigas.

Culto ao SXC introducido en España polo xesuíta Bernardo de Hoyos  no século XVIII coa intención de conseguir a adhesión popular á devoción, que ao longo do século XIX se politizou intensamente sendo considerado en España como un símbolo da restauración do absolutismo monárquico e unha vía para consolidar a plena confesionalidade do Estado.  Tras o agravamento da chamada cuestión social a comezos do século XX e das políticas secularizadoras dos réximes liberais, a estratexia de procurar unha lexitimación relixiosa para a reconstrución cristiá da sociedade foi culminada coa consagración de España ao SCX no Cerro de los Ángeles o 30 de maio de 1919, estendéndose como devoción a Cristo rei durante a ditadura de Primo de Rivera como antagonista da cultura política democrática republicana que triunfaría nas eleccións de 14 de abril de 1931. Culto ao SCX que tras o Alzamento representaría a estratexia do nacional catolicismo que unía nun mesmo discurso os conceptos de Cruzada, relixión e Franco como Caudillo de España. Estratexia infelizmente recuperada no comezo da Reforma Política da década de 1970 cando o berro de “¡Viva Cristo rei!”, converteuse no identificador da extrema dereita.

Con semellantes antecedentes históricos é incomprensible e inédito que dúas administracións, concello de Vigo e Deputación de Pontevedra, custeen con fondos públicos unha imaxe relixiosa que representa a estratexia do nacional catolicismo de mesturar os cultos relixiosos coas súas implicacións políticas. Como é aínda máis desafortunado facelo na proximidade do espazo onde foi paseada o 11 de abril de 1937 unha parella de veciños de Teis, Ángela Iglesia Rebollar e José Niebla García, baleados de costas, cuxo único delito foi ser protestantes e desafectos ao réxime. Como tampouco cremos que a instalación da imaxe poida ser xustificada para completar o proxecto de Gómez Román, abandonado en 1951 por falta de recursos, nin tampouco para transformar o miradoiro en corcovado emblemático, cando apenas precisa de maior coidado do seu espazo natural e de regular o estacionamento de vehículos. Como é absurdo recorrer á instalación dun abuso de ostentación do nadal e a sufragar imaxes e procesións relixiosas coa intención de converter a Vigo nunha postal atractiva da que se sinta tamén orgullosa a súa veciñanza.

Araucaria senlleira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás árbores e arboredos senlleiras de Galicia e á conservación da Araucaria excelsa da Alameda da Praza de Compostela de Vigo:

O concello de Santiago impulsa a candidatura do Carballo de Conxo como Árbore Europea 2022. Cofre botánico de 30 metros de altura, 3,75 metros de perímetro e máis de 250 anos de antigüidade, é a icona dunha carballeira, que chegou a contar cun milleiro de carballos, situada ao sur de Santiago de Compostela, onde o 2 de marzo de 1856 tivo lugar o histórico Banquete Democrático de Conxo, no que estudantes e artesáns compartiron mesa, formando parte dende entón da memoria do rexurdimento galego. Gañadora da fase española, o concello de Santiago agarda acadar agora os cen mil votos a prol da candidatura do seu carballo bicentenario na páxina web do certame (https://www.treeoftheyear.org), comprometéndose a plantar por cada apoio unha árbore autóctona até o ano 2030, 19.000 no ano en curso.

Proceso de votación telemática en marcha até o 28 de febreiro, que coincide co convite da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao concello de Compostela a solicitar a inclusión deste exemplar no «Catálogo galego de árbores senlleiras» do que forman parte na actualidade 143 árbores e 38 masas de arboredo. Creado en 2007 polo goberno bipartito PSOE-BNG, sendo director xeral de conservación da natureza Xosé Benito Reza, promotor tamén da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, este catálogo estableceu por vez primeira un réxime xurídico para árbores e formacións de arboredo, de procedencia autóctona ou foránea, situadas en propiedades públicas ou privadas, merecedoras de medidas específicas de protección, «fose en atención ás excepcionais características do seu porte, medidas, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outras circunstancias que as fixesen merecedoras de especial protección» (Decreto 67/2007 de 22 de marzo, modificado polo Decreto 10/2015 de 22 de xaneiro).

Unha catalogación realizada polo Comité de expertos de árbores senlleiras que implica unha protección legal tanto no referido á prohibición de calquera acción que puidese afectar a súa integridade, saúde e aparencia como a da súa contorna máis próxima. Conservación que pretende superar o ámbito estritamente biolóxico, incorporando ademais «o valor antropolóxico desde o punto de vista estético e da sensibilidade do pobo ao seu contorno». Un catálogo de carácter evolutivo, sometido polos expertos a constantes actualizacións, tanto pola incorporación como pola retirada de pezas por motivos de saúde ou conservación, do que forman parte monumentos naturais como A Fraga de Catasós de Lalín, a Carballa da Rocha de Rairiz de Veiga de 400 anos, o Souto da Retorta e «O avó» (eucalipto azul) de Chavín (Viveiro) ou o Souto de Rozavales e o seu singular castiñeiro de Pumbariños en Manzaneda, que se considera pode ter carácter milenario.

Un catálogo galego do que forman parte dende o seu inicio árbores e formacións de arboredo viguesas: a Oliveira do Paseo de Afonso XII (16 metros e 200 anos de idade), inserida no escudo do concello e primeira icona da cidade bicentenaria; os dous tulipeiros de Virxinia (de 33 metros de altura e 110 a 130 anos de idade estimada), o Matusalén de Camelias (8 metros de altura e 100 a 120 anos de idade), os Eucalitos (54 metros de altura, case tres de diámetro e 120 a 130 anos) e as Faias, todos os catro na Finca da Marquesa do Pazo de Castrelos. Catálogo inicial do que forma parte a Casuarina da Alameda da Praza de Compostela (17 metros e 120 a 150 anos de idade), ao que se engadiu en 2017 o Ombú do IES do Castro, árbore nativa dos territorios da Pampa estudada polo profesor Xulio Dobarro, que acreditou foi doada polos membros do Centro Galego de Bos Aires (1928) para ser plantada nun dos paseos públicos da cidade de Vigo.

A este catálogo de árbores senlleiras ben podería incorporarse outros exemplares vigueses, sobre todo algúns dos máis desamparados e esquecidos do xardín da Alameda da Praza de Compostela, un espazo elegante de calma no centro do ensanche con máis de século e medio de historia onde se conservan máis de corenta especies botánicas. Un espazo natural de privilexio no que chantou raíces dende 1890 no extremo coa rúa García Olloqui a Araucaria excelsa, o indiscutible teito do xardín, conífera endémica da illa australiana de Norfolk, ameazada pola carga das bólas e instalación de cables da iluminación de Nadal, aínda non retirados. Araucaria senlleira que emite teimosa un mayday silencioso, que debería ser interpretado polos responsables dos parques e xardíns para evitar que no futuro, como sucede decote coas árbores talladas noutros espazos vigueses, a súa desaparición puidese ser xustificada como inevitable por motivos de saúde ou seguridade para a veciñanza. Defendamos a nosa araucaria senlleira.

Baixo Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos achados nas obras de Elduayen e na Porta do Sol:

Rematado o trimestre de luces e panxoliñas, que converteu a Vigo por desexo da súa alcaldía na capital do Nadal catódico das cidades felices, a nosa abella da ribeira recupera por outros nove meses o ritmo do seu latexo, unha gráfica con picos, onde non faltan azos para a esperanza nin sobran motivos para a preocupación. Unha diferenciación entre cidades felices e infelices que xa non admitía Italo Calvino no seu libro máis memorable, «As cidades invisibles», do que existe excelente versión galega de Miguel Anxo Murado (Xerais 2000), no que propoñía unha clasificación alternativa das cidades «entre as que, a través dos anos e das mutacións, seguen dando a súa forma aos desexos, e aquelas nas que os desexos ou logran borrar a cidade, ou son borrados por elas».

E abofé que de aceptar como útil esta liña divisoria, trazada nas conversas entre o emperador mongol Kublai Khan e o mercador veneciano Marco Polo, voces das fermosas narracións de Calvino, gustaría que Vigo se continuase adscribindo as primeiras, a aquelas cidades xustas que se constrúen coa pulsión colectiva da cidadanía sobre o substrato da súa memoria. Gustaría, considerando tamén, como propón o filósofo Antón Baamonde, que «unha cidade é un estado de ánimo, un corpo de costumes e tradicións, e de actitudes organizadas e sentimentos», que Vigo tras a invención deste mito natalicio, protagonizado pola alcaldía como estratexia de promoción turística, continuase sendo, como afirma X.L. Méndez Ferrín, ese volcán de dinamismos que ao longo dos dous últimos séculos «mudou con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito». Gustaría, en definitiva, que o Vigo futuro fose un espazo urbano viable e sostible, innovador e creativo, que sen renunciar a súa identidade e tradición fose capaz de liderar a rede de cidades galego-portuguesas do Eixo Atlántico.

A retirada das luces de Nadal, aínda incompleta a comezos de febreiro no xardín histórico da Alameda e noutros espazos vigueses, sacou a luz nas obras do túnel de Elduayen a Policarpo Sanz, antigas edificacións e a bóveda do túnel de arredor de vinte metros que durante aproximadamente cincuenta anos, entre 1880 e o inicio da Segunda República, uniu a rúa do Príncipe coa canella dos Caños. Achados que non constitúen sorpresa ningunha para as especialistas en arqueoloxía e amantes da historia da cidade, mesmo recoñecibles en varias novelas viguesas, que alertaron reiteradamente da súa existencia cando se anunciou hai dous anos o proxecto do túnel, mais que agora abren un interesante debate cidadán sobre o coñecemento e a conservación do patrimonio cultural e histórico. Achados preciosos para coñecer a composición do palimpsesto urbano vigués, probablemente con vestixios de cando a cidade comezou a retirar a muralla e abrir os seus ensanches urbanos próximos, que constitúen unha oportunidade formidable, probablemente única, para saber máis da historia viguesa e reflexionar sobre as súas carencias e oportunidades.

As investigacións sobre este período decisivo de mudanza da rede viaria extramuros do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, recollidas no seu libro esencial «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses, 2019), permiten coñecer que o trazado da actual rúa Elduayen, entón Travesía de Vigo (1879), proxectado por Manuel Fernández Soler, autor do que quizais puidese considerarse como o primeiro plan xeral de Vigo, obrigou a cortar as rúas do Pracer e da Misericordia, que partían da praza da Herba (hoxe Argüelles). Novo trazado que «obrigou ao derrubo total ou parcial de numerosos edificios e, entre eles, da capela gremial da Misericordia do século XVI, da maior parte da casa-pazo de Fuente-Pita e así mesmo da artística fonte de Neptuno». Vestixios de construcións familiares  como as da rede de sumidoiros da rúa Sombrereiros, contemplados en 1890 no ancheamento da nova travesía a quince metros, que probablemente continuarán aparecendo nas escavacións das vindeiras semanas.

As obras do túnel de Elduayen e da Porta do Sol, unha infraestrutura tan complexa e custosa como claramente innecesaria para a imprescindible peonalización deste espazo urbano de privilexio, constitúen unha oportunidade para debater sobre o tipo de Vigo que se pretende construír: unha cidade alicerzada sobre o palimpsesto da súa tradición e memoria identificable nestes achados ou ben outra que quere borrar esas pegadas ou botar terra sobre elas canto antes. Achados que aconsellan unha estratexia demorada de valoración deste xacemento por parte dos arqueólogos e restauradores, e mesmo a posibilidade, como propón o movemento Vigo Histórico, de deter as obras mentres os técnicos debaten como integrar estes restos históricos no tecido urbano futuro.