Onte 2049: «Eroski/Paraíso»
Emocioneime onte na presentación nos Multicines Norte de Eroski/Paraíso, esoutra proeza de Jorge Coira e Xesús Ron. Unha «comedia underground», como foi definida polo director chairego nas súas primeiras palabras, que afonda nas orixes do desarraigo e do alleamento da xeración nosa, a dos galegos e galegas que temos hoxe entre 5o e 65 anos. Unha película que completa nas pantallas o pack de Chévere da súa exitosa peza teatral, cuxo texto pode lerse no libro editado por Kalandraka. Ao remate da proxección, Coira confesou das dificultades de meter o cine dentro do cine, un proxecto sempre arriscado, máis aínda cando a peza teatral introducía o cine na escea. Unha viaxe de idea e volta da que os realizadores saen con moita fortuna afondando no traballo de documentación do magnífico texto de Chévere e nas interpretacións absolutamente memorables do cadro actoral.
Emociona cada plano e cada frase de Patricia de Lorenzo, que encarna a unha de tantas nais que nestas tres décadas perderon a súa lingua e case a súa identidade. Conmove tamén a interpretación de Miguel de Lira, ao xeito dun Peter Pan de Arcos, un emigrante soñador e aparentemente inxenuo, aínda capaz de ilusionarse co proxecto cinematográfico da súa filla, que procura nas súas orixes máis íntimas azos de esperanza.
A pesar das gargalladas inevitables da comedia, nalgunhas escenas de morrer coa risa, a pesar das escenas musicais do entusiasmo daquelas noites felices de ansia, o filme vai deixando nos seus coidados detalles un pouso de profunda amargura. Velaí a traxedia da perda dunha paisaxe recoñecible ou a denuncia sutil do agromar dunha nova emigración nun país que semella cada vez máis inviable. Velaí esa escena final inesquecible na que a familia enxerga o seu futuro diante dos andeis. Outra valiosa peza de produción low cost desta sorprendente factoría ficcional do cinema galego independente. Convén non perder este Eroski/Paraíso, paga moito a pena.
</>