Economía e letras

Lamenta Yolanda Castaño nas páxinas do seu ensaio premiado, Economía e poesía. Rimas internas (Galaxia 2024), que a supervivencia a través da poesía é case un milagre. Confesa así a autora de Materia (Xerais 2022), libro recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2023, as dificultades que afrontou como poeta en galego que fixo desta condición a súa única profesión. Un debate sobre a profesionalización, aberto dende hai décadas nas nosas letras, que ten que ver máis coa precariedade do seu mercado, á intemperie e con escasa visibilidade e recoñecemento social, que coa vontade das nosas autoras para vivir dos dereitos da venda dos seus libros ou das facturas emitidas pola súa participación en recitais e outros saraos literarios. E se alguén dubida da fraqueza que arrastra o noso mercado, aconsello consulte os informes anuais máis recentes de Comercio Interior do Libro da Federación de Editores. Datos que no caso do libro galego resultan clarificadores de máis: as vendas totais a prezos de capa son de 16,8 millóns de euros, as dos libros de literatura 2,6 millóns de euros, das que case 1,9 corresponden a narrativa e 700.000 euros a poesía, teatro e ensaio; vendas que xeran uns dereitos de autoría de 1,5 millóns. Como cativas son as axudas e compras anuais para bibliotecas públicas da Xunta de Galicia ao sector editorial, arredor de 800.000 euros, que representan apenas o 4,76 % da facturación do sector en 2022. Incrementar a cifra das vendas literarias en galego e destas axudas constitúen requisitos previos para abordar un debate sobre a profesionalización que non estea trucado polo enganoso voluntarismo. Noutros termos: incrementar as vendas e visibilidade nas librarías do libro galego (o equivalente a pasar por billeteira na música ou no cinema) e comprometer as institucións a responsabilizarse de políticas públicas de fomento da lectura en galego e de apoio á creación literaria son condicións que axudarían na angueira das que pretenden facer das nosas letras o seu oficio.

Publicado en Nós diario: 25/09/2024

Beiramar da xente

Neste Vigo que anda na procura da súa luz propia, a iniciativa de oito asociacións veciñais e culturais, unidas pola defensa da conservación do patrimonio industrial do barrio de Peniche e Coia, baixo o nome de «Beiramar da xente», constitúe un acontecemento que merece ser apoiado. En primeiro termo, polo que supón de activación da memoria dunha veciñanza disposta a coñecer e defender o que foi un distrito industrial vinculado coa conserva, a pesca e a construción naval, desenvolvido arredor das factorías de J. Barreras (1918), La Artística (1919) e Talleres Alonarti (1921) e, décadas despois, naqueloutro polígono que ocupou a rúa Jacinto Benavente e a fronte de Beiramar, onde se instalaron Casa Mar (1952), Fribesa (1964) e outras industrias pioneiras no uso da tecnoloxía do frío, que marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Secasí, é valioso que o colectivo Beiramar da xente propoña usos comunitarios para  a conservación deste patrimonio industrial, como é a posibilidade de transformar o complexo industrial de Conservas Alfageme (1929) nun recinto para usos socioculturais e eventos musicais e deportivos de formato medio, entre o aforo do IFEVI e o Auditorio Mar de Vigo, introducindo así unha lóxica sostible e alternativa ás políticas viguesas habituais da hipérbole e do desbaratamento.

Publicado A Movida: setembro de 2024.

Proa +

Como veu sucedendo dende a pandemia, cada comezo de curso a Consellaría de Educación saca o seu coello da chistera intentando así contentar ás comunidades educativas cun incremento espectacular da cifra de docentes, por riba dos cadros previstos. Desta volta, ao fío dun tal Plan Mega de mellora da educación en Galicia, aparece como estrela un veterano coello fedello, o Proa +, bautizado, tomen nota nesta edición, como «Programa para a orientación, avance e enriquecemento educativo de centros de especial complexidade educativa», que segundo o conselleiro suporá a incorporación inmediata de 400 docentes de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. O nunca visto!, se non fose que, outro curso máis se trata do programa Proa de toda a vida, adiantado ao mes de outubro, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Vaia por dios!, a adealla coa que contan os centros de Primaria para afrontar a precariedade de persoal dos Departamentos de Orientación que en moitos casos comparten centros ou se amosan incapaces de dar unha resposta educativa inclusiva ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). No entanto, este Proa + ven preñado de incribles novidades, xa que se ofrece para unha categoría inexistente na rede pública até hoxe, a dos «centros de especial complexidade educativa», que lendo na resolución de 4 de setembro, sabemos que son aqueles que contan cun 30 % do «alumnado vulnerable», si leron ben, un de cada tres, un novo eufemismo para referirse ao alumando NEAE. Centros aos que a convocatoria pon a competir para acreditar quen conta cunha maior vulnerabilidade que será premiada cun docente. O delirio! É non sería mellor que Consellaría de Educación se deixases de proas e incrementase con fondos propios os cadros docentes de cada centro, reducindo ratios e horario docente, sen dúbida, as medidas máis eficaces de atención á diversidade e de desenvolvemento dun modelo inclusivo.

Publicado en Nós diario: 11/09/2024

Lei de Medios Públicos

Tras trece anos de mandato indefinido do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez izquierdo, incumprindo o previsto na Lei 9/2011 dos Medios de Comunicación Audiovisual de Galicia, que obriga a súa elección consensuada no Parlamento por unha maioría cualificada (de 3/5), o Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda pretende normalizar a situación substituíndoa pola porta de atrás polo bautizado tan aparatosamente como «Anteproxecto de Lei de Servizos do Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital». Un texto que dinamita os principios de pluralismo, independencia e profesionalidade do texto de 2011, non esquezamos aprobado polo primeiro goberno de Alberto Núñez Feijoo, establecendo agora a elección da dirección xeral por maioría simple, aproveitando a viaxe para eliminar dun trazo o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos vixentes e, se isto xa non abondase, abrindo a posibilidade da emisión de contidos en castelán, unha aspiración dos sectores máis reaccionarios e galegófobos do Partido Popular de Galicia. Un anteproxecto de lei, cuxa fase de suxestións pechou co 31 de agosto, rexeitado de forma contundente tanto polo Colexio de Xornalistas de Galicia e a Mesa do Audiovisual Galego como polo Comité Intercentros da CRTVG e a plataforma @DefendeAGalega, entidades que denuncian que a aprobación unilateral destas medidas promovidas polo executivo de Alfonso Rueda, nunca consultadas cos diversos sectores profesionais e empresas do sectores audiovisual e cultural, suporía un claro retroceso da calidade democrática en Galicia e incrementaría, se non abondase o que ten dende hai case catro lexislaturas, o control informativo do PPG da televisión e radio públicas galegas. Sen menoscabo do grave perigo que para o futuro da lingua galega supón pisar a liña vermella do carácter monolingüe das emisións dos medios públicos, creados expresamente pola Lei 9/1984 coa misión de ocuparse da promoción, difusión e impulso da lingua galega.

Publicado en Nós diario: 4/09/2024

Máis concertado

Entre os datos publicados ao inicio de cada curso adoito reparar nos relativos ao ensino concertado en Galicia, en continuo ascenso durante os últimos catorce, fronte ao descenso dos do ensino público, explicado como inevitable pola baixa da natalidade. Incremento do concertado que afecta a todos os datos: aos fondos que recibe da Xunta de Galicia, máis de 300 millóns de euros anuais (cun incremento sostido do 43 %, dende 2013 a 2022); ao número de centros, máis de douscentos, a metade de carácter católico, e número de unidades, case catro mil; ao alumnado, máis de oitenta mil escolares, case unha cuarta parte do total do ensino obrigatorio e formación profesional; como do profesorado, máis de cinco mil docentes, retribuídos directamente pola Consellaría de Educación. Cifras que en cidades como Vigo adquiren proporcións aínda máis significativas xa que no ensino obrigatorio os centros concertados (56) son máis cos públicos (44). Datos que en todo caso contrastan tanto coa diminución do número de centros e aulas da rede pública, que este curso anuncia o peche de seis escolas, como coa conxelación do cadro do persoal docente, allea á imprescindible redución de ratios. Paradoxo enraizado no modelo educativo liberal do Partido Popular, caracterizado por considerar a rede pública como subsidiaria e facilitar o crecemento da concertada e a continuidade da privada segregada dos centros de Fomento. Unha política reaccionaria, reflectida no orzamento en educación da Xunta, que en 2022 representou o 3,8 % do PIB galego, moi lonxe daquel 4,3 % que representaba en 2009 co goberno de coalición de socialistas e nacionalistas. Como os gobernos de Feijoo e Rueda tampouco saen ben parados, se comparamos o gasto medio anual por habitante en educación, 1.043 euros, co doutras comunidades, situándose por debaixo da media estatal, 1.100 euros, mais en sintonía co doutros gobernos populares, como o de Madrid ou de Castela León, que comparten este modelo conservador de máis educación concertada.

Publicado en Nós diario: 28/08/2024

A reconquista de Toralla

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á recuperación da illa de Toralla para uso público:

Unha das causas viguesas pendentes é a recuperación da illa de Toralla como espazo público. Encabezada polas asociacións veciñais de Coruxo e de San Miguel de Oia e apoiada polos colectivos ecoloxistas, tras a pancarta «Únete á Reconquista de Toralla» denúnciase tanto o incumprimento flagrante dos límites establecidos na Lei de Costas 22/1988 e na súa modificación de 2013, como se reclama a recuperación do proxecto de construción dunha senda perimetral polo dominio público marítimo terrestre da illa viguesa, aprobada e orzamentada en 2008 sendo ministra de Medio Ambiente Elena Espinosa, mais que por desgraza quedou esquecido nun caixón. Normativa de Costas, non o esquezamos, que garante o libre paso de cidadáns e vehículos de vixilancia e salvamento por este paseo público peonil de seis metros de ancho ao longo da costa, medidos a partir da máxima pleamar rexistrada, tamén nas zonas de servidume de tránsito de vinte metros e en varias zonas de acceso público e de balde ao mar. Acceso a unha illa privada, no caso de Toralla limitado a dúas praias ás que se chega atravesando a ponte que a une aos areais do Vao.

O caso de Toralla é unha clara anomalía nas rías galegas, xa que é a única illa privada, desde que en 1836, ao abeiro da desamortización de Mendizabal, o bispado de Tui a vendeu ao Marqués de Valadares, Francisco Javier Martínez de Arce y Enríquez, cuxos herdeiros o fixeron en 1885 a Enrique Lameiro Sarachaga que, coa colaboración de Tomás Mirambell Maristany, instalou alí a empresa Cordelería Ibérica de Toralla, en marcha até 1903 utilizando maquinaria inglesa na fabricación de redes e materiais de pesca. Propiedade da illa que daría outra volta en 1910 cando foi mercada por Martín Echegaray, empresario que fixera fortuna na Arxentina, para establecer alí a súa residencia de verán, Vila Gioja, onde o 11 de agosto de 1911 se celebraría a histórica xuntanza de emprendedores vigueses, que se comprometeron a formar parte do accionariado da Compañía Tranvías de Vigo, un fito para o Vigo metropolitano moderno.  Tras o pasamento do indiano, a propiedade da illa quedou dividida en mans de trinta herdeiros, participacións adquiridas todas en 1965 por José Manuel Kovalski Fernández e Mercedes Peyrona Díaz, que xunto a outros socios constituíron a empresa Toralla S.A., coa intención de construír un complexo residencial de luxo de diversas dimensións.

Futuro da illa de Toralla, que de inicio formaba parte da estratexia do proxecto turístico promovido, xa dende 1963, pola empresa Playas Blancas del Atlántico S.A., propiedade de empresarios vinculados a Faro de Vigo, que comezou a urbanizar a xunqueira do Vao, onde ergueu un muro e paseo, coa intención de construír, a pé de praia, edificios de apartamentos e hoteis de até seis andares. Proxecto inmobiliario que, como se da Costa del Sol se tratase, contaría co apoio de Manuel Fraga que, como ministro de Información e Turismo, o declarou o 20 de marzo de 1967 «centro de interese turístico nacional». Tras dura polémica, os proxectos correron fortuna moi distinta. O do Vao, paralizado polo alcalde en 1966 e dous anos despois rexeitado definitivamente polo concello, transformaría os terreos en canchas da competición de fútbol praias organizada por Leri. O de Toralla, aprobado por unanimidade pola corporación de Portanet, supoñería a construción en 1969 a cargo de Toralla S.A. da ponte de 200 metros, que restrinxiu dende entón o acceso a illa, así como o comezo dos 34 chalés e da torre de 70 metros, 21 andares e 136 vivendas, proxectada polo arquitecto Xosé Bar Boo e rematada en 1975. Illa de Toralla que dende aquela permanece pechada á cidadanía cun vixía e unha barreira, baixo o eufemismo de establecer un «acceso controlado». A  cesión en 2006 por parte de Toralla S.A. dunha parcela anexa á torre para instalar a Estación de Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo constitúe unha fenda para a súa recuperación como espazo público, antes da finalización en 2046 da concesión que goza a empresa.

Se non abondase coas razóns da lei de Costas e o seu indubidable interese paisaxístico, o acceso público libre á illa de Toralla está máis que xustificado pola importancia do seu patrimonio arqueolóxico. Abonda con lembrar que en 1938 nas primeiras escavacións descubriuse na illa unha necrópole romana e restos dun castro, escavado na campaña arqueolóxica de 1970, onde dúas décadas despois foi atopado un cipo púnico, testemuña da interacción comercial na ría co mediterráneo, xa 500 anos antes de Cristo. Sería lóxico que o concello liderase as reclamacións legais pendentes como solicitase á administración do estado a recuperación do proxecto de senda litoral e á Xunta que aclarase que repercusión vai supoñer para Toralla a Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral.

Equipo olímpico galego

A gustosa lambetada visual da cerimonia inaugural da Olimpiada de París 2024 entretivo durante case cinco horas a mil millóns de persoas de todo o planeta. Oportunidade que Francia como república organizadora non perdeu para presentar orgullosa diante do mundo a súa historia, lingua, artes (populares e cultas) e glorias deportivas, con especial atención ás súas pioneiras das ciencias e das letras, e para transformar a París en escenario monumental dun espectáculo concibido para ser consumido en todo tipo de pantallas. Xogos de París que, como se pode ler no excelente monográfico de Sermos Galiza (nº 615), constitúen unha oportunidade histórica para que Galicia supere o seu teito de Toquio 2020, os xogos adiados un ano pola Covid-19, nos que foi a comunidade autónoma que obtivo maior número de medallas (catro pratas e tres bronces); metais que, se a participación galega fose recoñecida como equipo olímpico de seu, a situarían no medalleiro internacional por diante de estados  comunitarios como Portugal, Grecia ou Irlanda. Seguir con ollada atenta e orgullosa ao equipo galego en París, máis de trinta deportistas, a maior participación da súa traxectoria, con presenza destacada en disciplinas como atletismo, remo e piragüismo, contribúe a construír a identidade nacional galega e a desfacer os moitos prexuízos que aínda arrastra a actividade deportiva na cultura galega, temática escasamente abordada nas artes plásticas e na literatura propia, coas honrosas excepcións das novelas de María Reimóndez centradas en disciplinas olímpicas, Corredora (Xerais 2017) na maratón e Furia (Xerais 2023) no boxeo, no ensaio de Álvaro Alonso Filgueira, Galicia olímpica 1996-2016 (Teófilo edicións 2016) ou de libros infantís como Os xogos olímpicos de Ningures (Galaxia 2015) de Pinto e Chinto. Seguir París 2024 cos ollos pendentes no desempeño e nos resultados do equipo galego é máis que recomendable para avivecer o orgullo galego e vibrar coas nosas deportistas olímpicas e paralímpicas.

Publicado en Nós diario: 31/07/2024

Vigo, terra galega

Dedico o artigo de Faro de Vigo á celebración en Vigo do Día Nacional de Galicia:

Xa temos lembrado aquí a celebración do Día de Galicia en Vigo, o 25 de xullo de 1930, data na que o concello acordou que por vez primeira se izase a bandeira de Galicia na varanda da casa do concello. Referida nos xornais vigueses como «gran data galega» ou «Día Noso», quedou para a historia que Faro de Vigo abrise cunha espectacular portada ilustrada e nos seus interiores utilizase o galego no 8,30 % dos seus textos, o que entón constituíu un fito xornalístico, mentres o seu competidor, El pueblo gallego, titulaba: «Vigo foi o centro espritoal de Galiza». Unha xornada, na que se interpretou música galega nos bares e cafés, que comezara ao mediodía cun mitin galeguista no teatro García Barbón, continuou cun xantar de fraternidade na Barxa e rematou cunha convocatoria vespertina da Agrupación Artística, presidida por Urbano R. Moledo. Actos nos que se cantou o espírito emprendedor vigués e nos que os oradores en intervencións memorables expresaron o seu convencemento de que Vigo, a cidade galega moderna por excelencia, encabezaría o proxecto político galego. O que o escritor Álvaro das Cosas resumiu de forma profética: «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

Celebración do Día de Galicia en Vigo –efeméride que dende 1979, coa chegada da Autonomía, será chamada Día Nacional de Galicia– recuperada dende 1992 pola alcaldía do socialista Carlos G. Príncipe, que gobernaba en coalición cos grupos municipais do PSG-EG e BNG. Convocatoria dunha ampla recepción cidadá (coa presenza dos grupos municipais e do tecido asociativo e veciñal) no serán do 24 de xullo no xardín inglés de Castrelos na que a alcaldía convidaba a unha figura galeguista a redactar e ler no seu nome un bando sobre o significado da efeméride e a súa relevancia para Vigo. Textos que, se non me engana a memoria, escribiron nas primeiras edicións Francisco Fernández del Riego e Víctor F. Freixanes, encabezando unha relación de nomes dunha iniciativa e dun protocolo, que nas últimas tres décadas organizaron as alcaldías viguesas de todas as cores políticas (socialistas, nacionalistas e populares), transformada así en nova tradición viguesa e nun modelo de achegamento entre os grupos municipais da corporación e a sociedade civil. Xuntoiro cívico vigués que non foi convocado este ano, como sucedeu tamén nos dous últimos, despois de ser adiados a setembro, o que imaxinamos obedece a decisión da alcaldía actual de prescindir da celebración desa «gran data nosa» (dende hai case un século), ese día de festa da cidadanía galega, polo tanto, tamén, da veciñanza viguesa.

Non fai falta ser catedrático de Sociolingüística para entender que a teimosa preferencia da alcaldía viguesa e dos membros do seu goberno de empregar só o castelán como a lingua das súas comparecencias diante dos medios ou de non programar no palco privilexiado de Castrelos a grupos de música actual ou tradicional que utilizan o galego como a súa primeira lingua, obedece ao prexuízo estudado de considerar o emprego da lingua galega como unha marca propia do comportamento dos nacionalistas ou de persoas de escasa formación.  O que sabemos é falso, como deformantes son as lentes que se utilizan á hora de valorar o sentido da celebración do Día Nacional de Galicia, efeméride vinculada desde a súa creación en 1919 pola segunda asemblea das Irmandades da Fala coas reclamacións galeguistas.

Xaora, por atractivo que puidese parecer electoralmente o discurso arredista e vitimista dun Vigo alleo a Galicia, á súa lingua e á súa cultura, sabemos que é incompatible coa identidade forxada pola cidade actual ao longo de dous mil anos. Vigo é terra galega de seu, non pode nunca renunciar a ningunha das hélices do seu ADN que conteñen todas as galicias posibles (industrial, marítima, pesqueira, agrícola…), o que o mestre X.L. Méndez Ferrín denominou «Vigo como cifra da Galicia contemporánea». Vigo non pode renunciar a liderar o proxecto industrial e económico do norte peninsular, o que o filósofo Antón Baamonde chamou «Nova Olanda», ou se queremos recorrer ao pasado, debe asumir o peso que as Terras de Turonio tiveron naquela Vella Gallaecia que ía do Douro á Mariña. Nin Vigo pode renunciar a contar co peso que por poboación e achega lle corresponde no autogoberno galego actual, nin conformarse a perder a lingua do seu primeiro poeta Martín Codax nin o espírito innovador, creativo e crítico dos seus artistas como Enrique X. Macías, Ramiro Fonte, Francisco Mantecón ou Berta Álvarez Cáccamo, entre tantos outros. Ese Vigo, terra galega de seu, líder económico e artístico da vella Gallaecia é o que cómpre volver celebrar colectivamente cada 25 de xullo.

Defendamos A Galega

Foi Camilo Nogueira o primeiro que comezou a falar de televisión galega antes de que existise a autonomía. Como tamén sendo deputado de Esquerda Galega foi o que presentou a primeira iniciativa de creación dunha televisión galega e unha proposición de Lei de Normalización Lingüística, concibidas como piares para desenvolver e defender a lingua e cultura galegas. Iniciativas que foron naquela primeira lexislatura (1981-1985) capaces de contaxiar o entusiasmo a toda unha cámara (no pazo de Xelmírez) onde os galeguistas e nacionalistas (ausentes) eran apenas unha inmensa minoría. Televisión de Galicia nacida, cando non existían as privadas, pola determinación de Xosé Luís Barreiro Rivas, entón vicepresidente da Xunta, que permitiu que o 24 de xullo de 1985 comezase a programación, despois de apenas un par de días de probas. E, dende entón, tanto a Radio Galega, nacida apenas tres meses antes, como a TVG, arrastran o seu pecado orixinal de nacer como medios do Goberno Galego e non do Parlamento de Galicia. Case catro décadas ao servizo do Partido Popular, coas excepcións dos parénteses de dous gobernos de coalición, que chegaron a súa máis vergonzosa expresión nos últimos trece anos, nos que a Xunta de Galicia de Feijoo e Rueda incumpre a Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que esixe unha maioría cualificada (de 3/5) para nomear a dirección xeral da CRTVG, que dende 2009 segue con mandato indefinido, nun entorno de xestión de persoal e de programación viciado e rutineiro e cuns informativos implicados coa axenda e os intereses do PP. Unha aldraxe institucional que o colectivo Defende a Galega de profesionais da compañía ven denunciando de forma heroica dende hai 322 venres negros. A defensa que fan dunha programación propia de calidade e dunha información plural e veraz merecen todo o apoio e recoñecemento noso. Defendamos a Galega, reclamamos a recuperación do prestixio dos medios públicos galegos e a dignidade dos seus profesionais.

Publicado en Nós diario: 14/07/2024

A exclusión do Mundial 30

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exclusión de Balaídos como sede do Mundial de Fútbol 2030:

O feito de que o estadio de Balaídos non apareza como unhas das once sedes do Mundial 30 na lista da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) non é unha derrota para a cidade de Vigo nin para a súa reputación, aínda que sexa un fracaso para o goberno municipal que presentou a candidatura. Unha decisión federativa opaca da que se descoñecen os criterios utilizados e as puntuacións obtidas na avaliación da proposta viguesa, como a do estadio de Riazor, que competían pola única praza adxudicada a Galicia pola RFEF. Unha exclusión do Mundial que ten que ver, probablemente, máis coa estratexia política utilizada na defensa da candidatura viguesa ca en razóns deportivas, na medida que fiaba as súas posibilidades no contacto directo e no apoio do Consello Superior de Deportes (CDS), organismo gobernamental que ten baixo tutela á RFEF, desprezando a influencia que puidese ofrecer a instancia da Federación Galega de Fútbol (FGF), presidida por Rafael Louzán, ex-presidente da Deputación Pontevedra e do Partido Popular de Pontevedra, durante un período no que mantivo a Vigo a ración de pan e auga. Estratexia inversa á utilizada pola candidatura municipal coruñesa que puxo todos os ovos na cesta de Louzán, a pesar de que precisaba máis obras no estadio, o que obriga a maiores cargas para as arcas públicas.

Esta exclusión da sede viguesa non merece ser chorada, cando debería constituír unha oportunidade para que Vigo conte canto antes cun estadio municipal moderno co aforo e as condicións que precisa o Real Club Celta de Vigo S.A.D., abandonando os custosos cantos de serea a que obrigaba o proxecto do Mundial, concibido apenas para responder os requirimentos voraces da FIFA para xogar tres partidos en 2030. Unha negativa que debe ser transformada nun acicate orgulloso para que a obra prevista para a grada de Gol, cofinanciada polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, se execute no prazo e condicións previstas, como tamén a das obras das pistas municipais de atletismo anexas, sen esquecer as melloras necesarias no interior da grada de Río, onde despois de máis de corenta anos urxe modernizar a súa actual accesibilidade e sistemas de seguridade. Vigo non precisa un estadio para 45.000 persoas nin pode engadir entre 60 e 75 millóns de euros aos que xa leva investido na obra de renovación do estadio iniciada en 2014, máis aínda, cando despois de Qatar 2022, a estratexia de construír grandes estadios para uns poucos partidos amosouse ruinosa para as súas cidades no económico e insostible no ambiental.

Xaora, que Vigo non conte con sede mundialista non pode supoñer de maneira ningunha que se renuncien ás melloras nas infraestruturas contempladas no proxecto da candidatura, sobre todo as referidas ao reto de dispoñer de até 5.000 prazas de aparcamento próximas ao estadio nos días de partido e a contar cun aeroporto e cunhas conexións ferroviarias de primeiro nivel. Como en todo caso, esta exclusión do Mundial 30; como a negativa de Abanca, propietaria do Deportivo da Coruña S.A.D., de ceder sequera en usufruto o Teatro Cine Fraga ao concello; como o chasco da actual liña do AVE, que de facto apenas reduciu nuns minutos a conexión con Madrid; como a imposibilidade de gozar en Vigo dos beneficios do transporte metropolitano, coma no resto das rexións urbanas galegas, entre outras decepcións viguesas recentes, obriga a repensar como se veñen abordando en Vigo as cuestións estratéxicas e as relacións entre as administracións. E non habería que facer un pouco de autocrítica? A pesar da omnipresencia do alcalde en todo tipo de actos, os membros do goberno municipal socialista poderían pensar que quizais non todo se está facendo ben. Outrosí sucede cos responsables locais do PP de Vigo, a pesar da nova estratexia aparentemente conciliadora de Alfonso Rueda que esta semana anunciou «un antes e un despois para a cidade», que ignoran as reclamacións á Xunta de Galicia para que salde a importante débeda que mantén co Vigo metropolitano no que atinxe a mobilidade, vivenda, sanidade, educación, medio ambiente ou servizos sociais.

En resumo, non me parece lóxico que as administracións gastasen unha millonada nunhas obras de ampliación innecesarias no estadio de Balaídos, mentres a cidade e a cidadanía precisa outras actuacións preferentes, adiadas por ausencia de vontade política de quen é competente para asumilas, ou simplemente por continuar esa batalla interminable de reproches mutuos, que beneficia a ambas partes nas urnas. A pesar diso, cómpre que Vigo abandone calquera asomo de vitimismo e presente un proxecto estratéxico, amplo, potente e compartido, con vontade inequívoca de liderar a economía, a cultura e o proxecto político galego, a vacina máis eficaz para evitar decepcións como a da exclusión do Mundial.