Onte 969: Con Teresa González Costa no Grove

Virginia_Bersabe_Carlos_Besada_Teresa-Gonzalez_08-05-2014

Magnífica presentación a do serán de onte na Galería Besada do Grove d’ Os santos nunca dormen, a novela máis recente de Teresa González Costa. Coincidindo tamén coa inauguración de «Almas de cántaro», unha impresionante exposición da pintora sevillana Virginia Bersabé, Teresa regresou ao seu Grove natal para reivindicar «que esta novela desenvólvese nun lugar que me habitou dende hai moito, unha vila sen nome onde o tempo fica parado, no Atlántis, ventre de balea, un casa de hóspedes onde se aloxan persoas extravagantes, magníficas, capaces de vivir poeticamente, personaxes libertarios, conscientes que na vida todo flúe coma a balea branca».

Citou despois Teresa algúns dos temas da novela: a angustia, as perdas persoais, como a guerra civil que deixou pegadas. «Quixen escribir unha traxedia. non un drama, onde non faltase a presenza do humor. A obra fala do odio e as súas consecuencias». «Na novela hai reflexións profundas e varias intrigas persoais que se cruzan». «Abordei a memoria como reparación e conciliación». «Na novela as fronteiras entre o real, o fantástico e onírico están esvaídas. Jeremías, restaurador de imaxes, aquí de seres humanos tamén, entra nun mundo de dimensións inesperadas, a través de “vivencias atlánticas”. Restaura e será restaurado. Os santos nunca dormen fala da vida coa intención de que o corazón da balea volva bater. A vida existe para ser vivida».

Dedicou Teresa unha parte da súa intervención a expresar a gratitude cos autores aos que debe moito esta obra: Melville, Nicolas Bouvier, Dionisio Pereira, Mark Twain e algúns autores franceses. Tamén ás conversas con Alfonso Abel, Loli Virulegio, Arximiro Fernández e coa súa visaboa da que tirei o título, «os santos nunca dormen». lembrou ao señor Jorge, un artesán compostelán co que falou toda unha mañá, que lle ensinou o anxo con lentes, fotografado na cuberta.

Para rematar leu o poema «O tempo» que escribiu para esta presentación.

 

O Tempo

Hai quen di
que o tempo
o pon todo
no seu sitio
pero tamén
é certo
que ás veces
hai que axudalo
porque o Tempo
vai ás présas
e non sempre
se decata
dos detalles.
Outras veces
parece
que chega tarde,
o Tempo
purga o tempo
toma o seu tempo
co seu chapeu
repleto de distracións,
e entón a demora
pode durar
demasiado
para quen agarda.
Hai que axudalo,
ao Tempo
e escribirlle cousas,
pequenos ou grandes
recordatorios
para a súa
libraría persoal,
poemas
historias
grandes ou pequenas
debuxos
para que o tempo
tome o seu tempo
da contemplación.
Hai que ofrecerlle un sorriso
e un intre
de xenerosidade
e de sinceridade.
Ás veces
o Tempo
o pon todo
no seu sitio,
pero outras
veces non.
É entón
cando hai que botarlle
un cabo
como se di
aínda que só
sexa
para non ter
a sensación
de perder
o verdadeiro Tempo.

O Grove 8, maio, 2014

 

 

«Penélope», a versión de Fuxan os Ventos

Fantástica a versión de Fuxan os Ventos da «Penélope» do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen se pode escoitar recitar o poema. Paga moito a pena como recurso didáctico.

Onte 961: Lectoras novas

amote_leo_a_30-04-2014

Nas dúas presentacións do serán de onte na Feira do Libro de Compostela, tanto na primeira de Penúltimas tendencias de Carlos Negro coma na da triloxía de Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, púxose en evidencia o papel fulcral das mediadoras na formación da lectora literaria e a esperanza representada pola xeración de lectoras novas.

Reitero en cada unha das miñas intervencións a nosa gratitude como editores polo labor de intermediación tan xeneroso realizado nas aulas, bibliotecas e redes por persoas como Montse Pena Presas e Gracia Sanctorum, integrantes destacadas desa xeración de profesoras promotoras dunha revolución silenciosa, a da lectura educativa en Galicia. O papel da mediadora como apoio, modelo, incitación, interlocución, provocación ou confrontación é esencial no proceso de integración da lectura, e da lectura literaria, nos hábitos da vida adulta.

No entanto, o protagonismo onte na feira foi para as lectoras. Recoñeceuno Carlos Negro lendo emocionado algúns comentarios (extraordinarios, engado eu) publicados en blogs de bibliotecas escolares sobre Penúltimas tendencias, amosando que «os termos poesía e adolescencia non son antagónicos, son complementarios», sempre que se «se proporcionen chanzos de acceso». Outro tanto aconteceu na presentación da triloxía de Aneiros, onde Denise Varela e Alba Moreira, integrantes do Clube Lectura pola Igualdade do IES de Silleda, opinaron sobre os dous volumes publicados e conversaron coa autora con sinceridade e profundidade sobre o texto literario. Rosa Aneiros confesou ao remate dunha conversa engaiolante para os asistentes, que «nos clubes de lectura as autoras enfrontámonos directamente ás novas xeracións». O de onte foi un serán de festa para a lectura, a Xeración da Esperanza tamén está nas lectoras novas. Saímos felices da feira.

[Grazas a Xesús Cociña pola magnífica galería de fotos da presentación de Ámote Leo A.]

Onte 957: Máis libros do ano

Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!

Xela e a palabra

Magnífica peza arredor da condición de tradutora de Xela Arias. que Illa bufarda preparou para o Consello da Cultura Galega.Coma excelente é tamén esoutra arredor da música e a poesía en Luisa Villalta.

Onte 922: Carlos Núñez co pergamiño Vindel

1979655_10152012078138807_1841363744_n[1]

Camiñando polas Avenidas atopamos onte a Carlos Núñez. sobre quen Faro publicaba una longa reportaxe sobre a súa xira nos Estados Unidos. Non puiden evitar preguntarlle sobre a experiencia de ter consultado o Pergamiño Vindel, a alfaia das cantigas de Martin Codax do que este ano celebramos o centenario do seu descubrimento. Contounos que está gardado nunha cámara acoirazada e soterrada da Pierpont Morgan Library en Manhattan, sen formar, polo tanto, parte das pezas expostas ao público. Confesounos a súa emoción ao poder consúltalo, “saltáronme as bágoas“, e a súa sorpresa polo seu tamaño, máis grande do que agardaba, e pola súa textura rugosa, onde se poden identificar as diversas modificacións dos copistas. Carlos contounos a experiencia emocionado, mais tamén decepcionado coas institucións culturais do país noso incapaces de poner a disposición da cidadanía galega esta primeira peza do seu patrimonio literario e musical cando se cumpren cen anos da súa descuberta. Un síntoma do grave desleixo cultural institucional no que vivimos. Chama a atención que estes días se inaugurase na Cidade da Cultura o que semella unha interesante e custosa exposición, Auga doce, da que prefiro descoñecer os custes de produción. Bo sería saber cales son os criterios de programación utilizados polos responsables das nosas institucións culturais.

Onte 915: St Patrick’s Day

The-truth-about-Guinness-Infographic1

Gustei da infografía publicitaria de Guiness publicada con motivo do St Patrick’s Day celebrado onte. Máis ilusión fíxome saber que detrás desta simpática peza estaba Infogr8, un estudo de Londres onde traballa Duarte Romero, un xornalista de datos galego. A festa nacional irlandesa celebrámola tamén agradecendo este fermoso agasallo que os rapaces e rapazas do St. Mary’s Primary School, onde traballa Xela Cuñarro, outra profesora galega, recitando na nosa lingua «Adeus ríos, adeus fontes». Lazos de lealtade e afecto entre fisterras atlánticas.

Onte 914: «Penúltimas tendencias»

XG00217101Foi onte o crítico Armando Requeixo quen se ocupou de Penúltimas tendencias, o libro de poemas no que Carlos Negro continúa e profundiza o vieiro aberto por Makinaria de revisión da cultura adolescente actual. Como sinala Requeixo, se en Makinaria abordaba o mundo masculino da velocidade e os seus vehículos, en Penúltimas tendencias aborda a tiranía que sobre as rapazas creou a cultura do fashion & cool & chic & sexy. Dous títulos esenciais no catálogo da nosa colección Fóra de Xogo que contribúen a achegar ao lectorado en formación á poesía (non só a narración), mais que tamén achegan criterios para desmontar prexuízos e alicerzar valores alternativos. Mais se o texto do crítico non abondase, onte lin un comentario dunha lectora de 15 anos, Mariña Gándara, reproducido coma imaxe nun chío de Gracia Sanctorum. Pareceume un texto extraordinario e moi emocionante. Transcribo o derradeiro parágrafo:

Bi4OGSNCUAAj2BgPenúltimas tendencias é a voz de moitas de nós, que estamos fartas de ser etiquetadas con falsos factores que imprimen outros libros, as series, a publicidade. É o son revolucionario que rompe as cadeas da monotonía (…)

Penso que e o libro que debería definirnos na actualidade. A verdadeira cara da muller, o verdeiro grito de guerra; unha guerra entre nós e toda a sociedade que, ao longo de tantos anos, só é capaz de recoñecer á xente de forma superficial.

Un comentario de lectura abraiante pola súa madurez para un libro necesario tanto na formación do criterio do lector literario coma na desmontaxe dos prexuízos sexistas. Recomendo vivamente Penúltimas tendencias.

Onte 902: Trazos de Xela

Xela Arias tería cumprido onte 52 anos. Inevitablemente lembrámonos dela neste martes lardeiro e chuviñento e celebramos a súa vontade de reinventarse cada día. Por ventura, tras case unha década de esquezo, devagariño a causa da recuperación da obra e da figura literaria de Xela vai callando. María Xesús Nogueira remata a edición da súa poesía completa, que Xerais publicará nun único volume, o que será un paso fulcral neste proceso de posta en valor da escritora viguesa. Pola súa banda, a AELG homenaxeará  o vindeiro martes, 11 de marzo, no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo a Xela baixo o lema «A procura de trazos que nos describan» coa intención de facer memoria, de lembrar os seus versos e contribuír a transmitir o herdo inmenso da súa obra. Alí estaremos, coa noble causa de Xela.