Onte 1183: 40 anos de «Cuadernos de Pedagogía»

cuadernos_de_pedagogiaRecibimos onte o número de decembro de Cuadernos de Pedagogía, no que a revista celebra os seus 40 anos de existencia e fai balance de catro décadas de educación en España. Un número monográfico extraordinario, que cómpre debullar moi amodiño, no que participan as principais figuras da pedagoxía contemporánea, como Puelles, Viñao, Xurxo Torres, Gimeno, Enguita, Tiana, Benejam, Imbermón, entre outros nomes de relevo. Os membros da miña xeración de profesionais da educación debémoslle moito a Cuadernos, a revista que nos formou, onde descubrimos libros e autores esenciais, na que forxamos o noso modelo de educación, democrática e inclusiva e sobre a que acuñamos a proposta de renovación pedagóxica. Fose na heroica etapa fundacional, dirixida polo inesquecible Fabricio Caivano até 1997, fose na posterior de profesionalización, dirixida por Jaume Carbonell, o coordinador deste monográfico e alma mater do proxecto durante toda a historia da publicación, Cuadernos de Pegadogía soubo acompañar o proceso de mudanza educativa de forma independente e insubornable, deitando sempre luz e enxergando a esperanza da educación como panca transformadora da sociedade. Longa vida a Cuadernos de Pedagogía!

Onte 1182: Cara á edición híbrida

xerais_dixital_2014Estivemos onte facendo balance da oferta dixital de Xerais e levamos algunhas sorpresas. Acadamos os 186 títulos no catálogo dixital da editorial dos que 153 son libros literarios en formato epub (81 de Narrativa, 1 de poesía,  8 de ensaio e 63 infantís e xuvenís) que distribuímos en librarías dixitais (Amazón, Itunes, Casa do Libro, El Corte Ingles e na propia tenda en liña de CGA) e no programa de préstamo bibliotecario dixital «Galicia le». Oferta dixital que completamos con 15 títulos literarios e educativos en formato pdf, correspondentes a obras xa descatalogadas en papel, que se ofrecen en liña e de forma gratuíta e outros 17 educativos, distribuídos en liña e, nalgún caso, en soporte pendrive. Unha oferta que constitúe apenas o 10 % do catálogo vivo de Xerais, mais que neste ano incrementamos moi decididamente, xa que acadaron as 84 referencias (80 literarias en epub e 4 educativas), cifras moi semellantes ás edicións de novidades impresas que foron 94. A produción editorial de Xerais xa é híbrida, a pesar de que este catálogo dixital supoña neste 2014 apenas o 1,14% das nosas vendas. O tránsito cara esta edición híbrida acentuouse neste ano que estamos a piques de rematar. Unha tendencia a ter en conta no conxunto do sector da edición en galego.

Onte 1181: «Mr. Turner»

MV5BMjUzNTg0MzM3NF5BMl5BanBnXkFtZTgwNDg3NTY5MjE@._V1_SY317_CR0,0,214,317_AL_Gustoume Mr. Turner, o retrato cinematográfico que Mike Leigh fixo de Joseph Mallord William Turner, a gloria da pintura paisaxistica inglesa do século XIX. Cun guión lixeiro, enfiando unhas poucas situacións dramáticas, componse unha película fermosa na que a paisaxe e a pintura son protagonistas e o retrato humano dun artista rosmón, fanfurriñeiro e ás veces violento funciona apenas como contrapunto. Xenial pintor da luz, Turner introducía durante uns minutos aos seus clientes nun cuarto escuro para logo pasalos ao seu estudio onde quedaban decontado abraiados pola luz dos seus cadros. Un xogo de contraste entre luz e escuridade que se mantén ao longo de toda a metraxe, nun xogo de recorrencias e detalles engaiolantes. Algunhas escenas memorables, como a do pintor atado ao mastro dun galeón, vivindo a experiencia da luz da tormenta na noite ou a da daguerrotipo, na que o pintor ironicamente pregunta se a cámara capta as cores, axudan a compoñer este fermoso cadro cinematográfico.

Onte 1180: «Tita», o documental

antía_calMiguel Piñeiro está filmando en Muras Tita, un documental sobre a nosa admirada Antía Cal. A raíz da publicación hai uns meses d’ O libro dos nenos galegos, o que foi un material didáctico en galego, inédito dende 1958, utilizado nas aulas do colexio Rosalía de Castro de Vigo e no que Antía Cal contou coa colaboración de Antón Beiras, o seu home, Piñeiro desenvolve un proxecto de documental longo no que pretende recuperar a memoria e o pensamento crítico dunha das figuras emblemáticas da renovación pedagóxica en Galicia durante a segunda metade do século XX. O proxecto pode seguirse dende os seus perfís en facebook e twitter, nos que se publican testemuñas da gravación. Recomendo compartir unha vídeonadaliña sobre o idioma publicada onte. Xaora, Tita alerta que o galego sofre e en 2015  cómpre responsabilizarse, «faille na túa vida sitio ao galego».

Onte 1179: Morreu Paco Porrúa

Soubemos onte do pasamento de Paco Porrúa. Precisamente, o xoves pasado, o día no que morreu, Xosé Pérez Mondelo, o autor dun gran artigo en Alén da chuvia sobre as raíces do noso editor emigrante, deume o seu teléfono para o que chamase en nome de Galicia e dos editores galegos. Magoadamente, chegamos tarde, non sabiamos que había quince días que estaba internando, Con Porrúa vaise o editor literario galego máis internacional, o primeiro tradutor e editor en castelán de Bradbury e Tolkien, o editor que en Sudamericana se ocupou de Rayuela ou apostou pola publicación de Cien años de soledad. Comprometido coa edición literaria como indagación da vida e da linguaxe, Porrúa pertenceu a unha xeración de editores do século XX que fixeron da nosa profesión unha forma de creación e transformación do mundo. A nosa lembranza e gratitude.

Onte 1178: «Alén da chuvia», revista literaria do Instituto Eusebio da Guarda

alen_da_chuvia_ies_eusebio_da_guarda

Na visita que onte fixemos ao Instituto Eusebio da Guarda, instituto histórico coruñés onde na sála de profesorado está instalado o mural de Felipe Criado «Lucubración para una dinámica Espacio-Tiempo», fomos agasllados cuha colección da revista Alén da chuvia. Cadernos escolares de literatura. Non podo agochar a sorpresa e entusiasmo que me produciu esta revista literaria de coidadísima diagramación de fasquía clásica, con textos variados e de gran calidade de investigación, crítica e creación literaria do alumnado e profesorado do instituto. Nunha lectura apresurada reparei no interese de artigos sobre as raíces galegas do editor Francisco Porrúa do número 5, a intervención no centro de Isaac Díaz Pardo, recollida no número 4 (un texto que será fulcral na documentación sobre os primeiros anos coruñeses de Isaac) ou nas traducións para o galego do «Brinde pola poesía» de García Marquez, da «Liberté» de Paul Éluard e de «Il n’y a pas d’amour heureux« de Louis Aragon, publicadas no número 6, correspondente a este 2014. Quedan aínda moitos artigos e textos por debullar nos vindeiros días nesta magnífica publicación literaria. Toda unha marabilla que nos enche de fachenda aos que cremos na calidade e rigor no ensino público galego. Parabéns para os seus coordinadores, Xosé Pérez Mondelo e Rosario Soto Arias, e para o seu deseñador, Xulio Cuba Orosa, como para o alumnado e profesorado do Eusebio da Guarda que participa nesta modélica revista escolar.

Onte 1177: bretemas.gal

punto_galDende onte estas brétemas funcionan co dominio punto gal. Accédese, pois, como bretemas.gal, aínda que aquelas persoas que accedan dende bretemas.com serán redireccionadas sen maior problema ao novo dominio. Unha mudanza para min imprescindible, a pesar de ser consciente que os prezos do dominio galego aínda son moi elevados, o que pode prexudicar a popularización dos seus rexistros. Xaora, finalizadas as fases iniciais de Pioneiros e Abrente, a popularización do dominio para a lingua e a cultura galegas en Internet chegou ao seu momento decisivo. Ben paga a pena facer un esforzo.

Onte 1176: Caballero e a rotonda de Coia

rotonda_coia

O conflito veciñal da rotonda de Coia ameaza con estragar o que semellaba unha tranquila maioría absoluta que procura o alcalde Abel Caballero. Fracasa en Coia o seu modelo de cidade ornamental (que nestas datas de nadal chegou a súa máxima expresión coa exitosa árbore do Sireno), fronte a un veteranísimo movemento veciñal que denuncia o despilfarro dunha obra innecesaria e reclama que os 300.000 euros do custe da rotonda sexan destinados a politicas sociais nun barrio onde viven 30.000 mil persoas, das que un número importante viven no bordo da pobreza. Teimar en chantar alí o Bernardo Alfageme, cando debería aboiar dende hai anos nos peiraos do Museo do Mar de Alcabre, constitúe unha torpeza de vulto no desenvolvemento do planeamento, ao tempo que pon en evidencia o rotundo fracaso da política municipal de conservación dunha peza moi valiosa do noso patrimonio industrial. Como tamén é inxustificable acusar aos opositores veciñais de monicreques dunha protesta argallada por partidos nacionalistas de esquerda. Abel Caballero debería ser consciente que nunha cidade con máis de 30.000 desempregados as politicas sociais teñen que ser a principal prioridade dos poderes públicos. Tras dous mandatos non abonda con xustificar o custoso arranxo de beiravías e prazas co argumento tantas veces repetido de ser «medidas keynesianas» creadoras de emprego. A veciñanza de Coia precisa outras respostas.

Onte 1175: A primeira receita do polbo

XG00217501Na presentación que onte fixo en Ferrol d’ O polbo e a súa cociña, Matilde Felpeto, despois de referirse á presenza dos polbo nos libros de cociña máis antigos, dende o século XIV e XVI, do tratamento despectivo que recibiu no Picadillo e nos libros da Pardo Bazán, así como a reivindicación que do polbo fixeron Cunqueiro, Araceli Filgueira e Carmen Parada,revelou a primeira receita documentada protagonizada polo rei da cociña galega dos mares. Un valioso documento da cultura clásica para a cultura gastronómica de noso aparecido no século I en De re coquinaria, a quinta receita da parte nona, Thalassa mare, que reza do seguinte xeito: «Servirás o polbo ná mesa con pementa, salsa de aceite derretido e benjui«. Unha receita que a pesar da súa brevidade constitúe un claro precedente do «polbo á feira», un dos patrimonios galegos da humanidade. Como boa mugardesa, Matilde non perdeu a ocasión de confesar que para ela é na ría de Ferrol onde se pescan os mellores polbos do mundo. Un magnífico serán para a nosa cultura gastronómica.

Onte 1174: Cincuenta e cinco

55_aniversarioOnte cumprín 55 anos. Moito teño que agradecer todos os parabéns que recibín por teléfono, twitter, Fb, mensaxes de moitos e moi xenerosos amigos e amigas. Cando o celebramos despois de xantar cun café e uns chocolates de El Molino, que somos os Beleiros moi larpeiros, miña nai fachendeou con moita retranca de ter apenas 25 anos máis ca min, aínda que como adoita nestas ocasións revelou despois que me fixera moito de rogar e non nacera no Pirulí até as seis daquela tarde. Outro pequeno detalle, relevante e ate hoxe descoñecido, para ir reconstruíndo o relato da vida, ese labor sempre inacabado que a todos convoca. Obrigado, pois, polo agarimo de todos que agardo poder seguir compartindo con vosoutros durante moitos anos.