Onte 1348: Xerais da esperanza

Esmoris_Cajaraville_MaceirasXornada intensa a de onte na que coñecimos os ditames dos Premios Xerais 2015. Serán moi calorosa en San Simón na que Ce orquestra pantasma deitou ledicia a eito, Miguel Vázquez Freire leu un discurso literario extraordinario («Unha parábola verniana») no que reivindicou o poder vivo da palabra e na que Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville representaron emocionadas o seu compromiso co futuro. Tres persoas novas as gañadoras, aínda pouco coñecidas (ou mesmo algunha totalmente descoñecida) no mundo literario galego, que expresaron a forte pulsión do cambio imparable promovido polo que veño chamando «Xeración da esperanza«. É unha evidencia que a literatura galega conta hoxe cunha canteira ampla e de calidade, a mellor formada da súa historia, comprometida coa memoria da tradición e as angueiras e incertezas do tempo presente. Xaora, precisamos de maior autoestima e visibilidade para superar prexuízos e ampliar o perímetro da sociedade lectora en galego e dos seus públicos diversos, Esas son algunhas das angueiras dos Premios Xerais dende hai tres décadas, acadar máis visibilidade e prestixio para a nosa produción narrativa. E abofé que temos razóns para estar satisfeitos co vivido onte. Máis de duascentas persoas seguiron por streaming a cerimonia, que tivo unha importante presenza nas redes sociais e da que hoxe se fan eco en espazos xenerosos a maior parte dos medios impresos e dixitais. Héctor, Andrea e Érica son todas tres membros desa Xeración da esperanza onde reside o mellor futuro para as nosas Letras. Parabéns para elas e a nosa gratitude para todas as persoas que onte compartiron a súa ledicia esperanzosa.

Onte 1347: Agustín premiado polos clubs de lectura

premio_clubs_de_lectura_2015

Foi un acto moi emocionante o de onte cando recollín en nome de Agustín Fernández Paz o premio que os clubs de lectura lle outorgaron como o autor máis lido nas bibliotecas escolares galegas. Nun longúisimo aplauso sentín o afecto e o recoñecemento intenso que varios centos de profesores e profesoras implicados nesa revolución lectora silenciosa, por ventura en marcha nas escolas e institutos galegos, expresaron á figura do mestre Agustín. Sei que este premio é dos máis valiosos que pode recibir un autor como Agustín que desenvolveu toda a súa obra coa intención de contribuír á formación do lectorado literario en lingua galega e a consolidar as comunidades de lectores e lectoras arredor das bibliotecas e comictecas escolares, fose de aula ou de centro. O das bibliotecas escolares en Galicia é un traballo compartido fecundo, probablemente a experiencia de innovación didáctica máis relevante introducida no sistema educativo público. As nosas beizóns para a Consellaría de Educación, para as profesionais responsables da Asesoría de BE e para todo o profesorado comprometido nos seus proxectos.

Onte 1346: Editores de texto

tumblr_mdy4h4Jb1E1r1vfbso1_1280Non puiden evitar a miña perplexidade cando lin onte no Livreshebdo que os editores de texto franceses tiveron como mínimo un ano para preparar os novos libros do curso que comezará no vindeiro mes de setembro. Non somos tan afortunados os editores en lingua galega que dispoñemos para facelo de menos de dous meses desque coñecimos os borradores do currículum de ESO e BAC e a data fixada pola Consellaría de Educación (15 de xuño) para que o profesorado estableza as súas prescricións. Un tempo claramente insuficiente, máis aínda cando este proxecto de currículum foi rexeitado polo Consello Escolar de Galicia e agarda polo ditame do Consello Consultivo para a súa aprobación definitiva polo Goberno e publicación no DOG, moi probablemente despois da data fixada ao profesorado para realizar as súas eleccións. Un trámite currícular, ademais, incompleto, xa que se descoñecen os borradores dos contidos dalgunhas das materias de configuración autonómica e as orientacións para a preparación das reválidas. Non deixa de ser paradóxico que Galicia, a pesar de defender ao pé da letra o contido da Lei Wert, sexa unha das comunidades máis atrasadas no currículum LOMCE, cos prexuízos e confusión que isto provoca na comunidade educativa e no sector editorial. Cando nos reunimos os editores de texto todos coincidimos en que semella que neste eido a Consellaría de Educación pretende que fagamos a cuadratura do círculo, xa que se implanta tamén un novo modelo de gratuidade parcial de libros de texto (que tampouco coincide no seu calendario coa realidade da modificación dos materiais didácticos) e un modelo de dixitalización educativa que, polo momento, exclúe ao sector editorial e impide a liberdade do profesorado de elixir os recursos didácticos. Aspira Feijoo algún día a ser o novo ministro de Educación e Cultura?

Onte 1345: Ler baixo a lúa

CGk6_RjWwAAP_7YA Feira do Libro de Madrid pechou onte de forma excepcional ás 10:30 da noite para «ler baixo a lúa». Organizada pola Asociación de Editores de Madrid e concibida para evocar o misterio e o encanto da lectura ao comezo da noite, esta novidosa actividade consistiu na lectura continuada que autores, editores e actores realizaron dos contos das Mil e unha noites. A iniciativa, que tivo moi boa acollida, puido seguirse por twitter coa etiqueta #leerbajolaluna, incitando así tamén ás persoas que non puideron achegarse ao Retiro. En todo caso, propostas de actividades coma esta, nas que a lectura ocupa o espazo público con todo o seu engado e misterio, contribúen a sacar ás feiras do libro da súa rotina conformista e abrirse a novos públicos. Non estaría de máis poder emular esta idea nas Feiras do Libro de Vigo e da Coruña, que se celebrarán na primeira decena de xullo e de agosto. Ben que presta poder ler na nos aterra baixo a luz do lueiro.

Onte 1344: Apupada

1337894741000

Entendín que a polémica sobre a apupada ao himno da final de copa estaba sendo utilizada polo goberno de Rajoy para agochar as vergonzas do seu fracaso electoral. Xaora, pareceume moi atinado que onte se recuperasen en internet diversas referencias sobre o seu precedente, aqueloutra asubiada histórica do 14 de xuño de 1925 no Camp de les Corts do FC. Barcelona. Antes do comezo do partido entre os anfitrións e o Júpiter en homenaxe ao Orfeó Catalá, a banda de música da British Royal Marine atracada no porto interpretou os himnos español e británico. O caso foi que o público catalán apupou a Marcha Real mentres que aplaudiu o God Save the King, o que non lle chistou ao gobernador civil Milans del Bosch (o avó do golpista do 23F) que pechou o campo de fútbol por seis meses. Por mor daquela apupadaJoan Gamper, o histórico presidente suízo do Barcelona, foi obrigado polo Goberno de Primo de Rivera a abandonar España e máis tarde a non ter vinculación ningunha co equipo que el fundara. Mágoa que noventa anos despois aquela resposta visceral do goberno da primeira ditadura cos cataláns, aos que consideraba «desafectos», fose ao seu xeito emulada polos membros do goberno de Rajoy, Unha e outra apupada expresan o malestar cun símbolo que a moitos millóns de cidadáns (non só cataláns, vascos e galegos) nin emociona nin senten como propio. A pesar das case catro décadas pasadas dende a morte de Franco, non é doado esquecer que a Marcha Real foi o himno da súa ditadura e un dos símbolos do seu espírito imperial. Aí quizais radique unha das razóns da asubiada de cataláns e vascos do pasado sábado.

Onte 1343: Ángeles Alvariño

Grazas a unha entrevista que en Ser Galicia fixeron o pasado domingo a Alberto González Garcés souben da biografía da oceanografa galega Ángeles Alvariño González, a quen onte a Academia das Ciencias dedicou o Día da Ciencia en Galicia. Formada nos anos da fame na Complutense, no ano 1951 foi destinada como bióloga mariña-oceanógrafa ao Laboratorio Oceanógráfico de Vigo, continuando as súas investigacións en Plymouth sobre o zooplancto e o ictoplancto, temas dos que chegou a ser unha autoridade mundial. Máis tarde instalaríase como investigadora nos Estados Unidos, onde xa xubilada fixo o seu famoso traballo sobre a Expedición Malaspina, a primeira expedición científica oceánica, un século antes que a do navío británico Challenger. Primeira oceanógrafa galega, primeira muller que se embarcou nos barcos de investigación británicos, descubridora de 22 especies mariñas, a científica ferrolá é a primeira muller á que se lle dedica esta efeméride concibida para abrir espazos de visibilidade e divulgación para a ciencia.

Onte 1342: Laiovento e Murado pedróns

Edicions-Laiovento-Miguel-Murado-Pedron_EDIIMA20150531_0245_4

A editorial Laiovento e o escritor Miguel Anxo Murado recibiron onte na Casa de Rosalía os pedróns de ouro e de honra. Dous xustos recoñecementos para persoas que levan servindo coas palabras a causa de Galicia e da súa lingua. O Pedrón de ouro para Laiovento supón parabenizar un proxecto editorial nacionalista que nos últimos vinte e cinco anos publicou un catálogo de 400 títulos en galego, con especial énfase nos eidos do ensaio literario, o pensamento contemporáneo e a edición académica sobre temas galegos. Laiovento é unha peza indispensable para entender o proxecto colectivo da edición galega durante o período autonómico e a construción nacional de Galicia dende o sectores da edición e da cultura. O Pedrón de honra outorgado a Miguel Anxo Murado abeizoa a un escritor galego cosmopolita, referente da xeración de narradores da fin de século e autor dalgunhas das mellores páxinas publicadas en galego durante as tres últimas décadas. As miñas beizóns para Afonso Ribas, fundador e editor actual de Laiovento, e para Miguel Anxo Murado por tan merecidos pedróns.

Onte 1341: Candidatura galega

Unidade Galega capa. Foto Xurxo Martínez Crespo.grandeAs novas de onte convidan a certo optimismo xa que semella posible unha Candidatura galega para as Xerais de novembro. O feito de que a proposta dunha candidatura de unidade galega, baixo a fórmula dunha frente, plataforma ou candidatura cidadá, sexa defendida tanto polo BNG, Compromiso por Galicia como por Anova e os integrantes das Mareas, abre unha xanela de esperanza para que Galicia manteña a representación en Madrid e acade minorías de seu no Congreso e no Senado. Un obxectivo fulcral nun momento decisivo para o futuro de Galicia como suxeito político. Sei que non é doado artellar unha candidatura potente, plural e transversal, capaz de representar a maioría social do país, organizada sobre un programa que recupere as posicións orixinais sobre o autogoberno galego e as liberdades e dereitos civís. Xaora, a precariedade actual de Galicia exixe ás organizacións políticas conxugar o verbo «compartir» e á cidadanía o de «participar». Unha Candidatura galega para as Xerais é posible.

Onte 1340: Cos xurados dos Xerais

xuradoss_premios_xerais_2015

Foi moi agradable o xantar de onte no Castelo de Soutomaior cos membros dos xurados dos Premios Xerais 2015, que despois acordaron declarar as obras finalistas sobre as que volverán ao longo desta semana. Sei que a experiencia destas persoas lectoras de participar nun xurado dun premio literario é, xeralmente, única e inesquecible, tanto polo esforzo que supón para elas durante dous meses como pola responsabilidade que asumen na toma dunha decisión con importante transcendencia social e cultural. Tras o exercicio reflexivo de relectura das obras finalistas, a vindeira fin de semana decidirán as obras gañadoras dos Xerais, que serán anunciados na illa de San Simón o sábado. Para estas quince persoas xenerosas, entusiastas e comprometidas coa lectura literaria en galego toda a miña admiración e gratitude.

Onte 1339: San Clemente 20

San_Clemente_28-05-2015

Asistimos onte ao acto de entrega da vixésima edición dos San Clemente, un dos premios de novela publicada máis singulares e aprezados dos outorgados no país. O feito de ser ditaminados por lectores e lectoras de 2º de Bacharelato de cinco centros públicos galegos, e polo tanto formados como lectorado literario, e o de contar con tres modalidades (galega, española e traducida), permite un diálogo entre os lectores e lectoras e os autores (moitos máis ca autoras) do noso tempo.

No acto de onte, no que foron premiados Carlos Reigosa, Juan Gabriel Vásquez e Jöel Dicker, unha das rapazas integrantes do xurado confesou que «os mozos consuminos hoxe máis ficción ca nunca» e reivindicou a lectura por riba dos xéneros e soportes. Resumiu así o que foi o espirito dun serán de exaltación do valor da lectura e da arte literaria. Gañadores e membros do xurado reclamaron «a literatura como parte central da experiencia«, en afortunada expresión do autor de Las reputaciones, e defenderon «a lectura como unha forma de estar no mundo e comezar a comprendelo.» Como tamén insistiron «no valor da lectura de ficción na saúde das nosas democracias, tanto por permitir máis tolerancia como por facilitar a comprensión do outro.» Reigosa, o autor d’ A vitoria do perdedor, reiterou a importancia de «recuperar na ficción a memoria de onde vimos, xa que é imposible entender a nosa realidade se non temos unha idea central do noso pasado.» Mentres que o xove novelista suízo, autor da aclamadísima La verdad sobre el caso Harry Quebert, convidou aos estudantes que ateigaban o salón a «insistir unha e outra vez nos seus soños», quizais por que «a novela é sempre un camiño intenso polas vidas alleas e a literatura unha arte para que a xente se sinta máis real por medio das palabras», como sinalou Vásquez, glosando ao seu xeito aquela frase célebra de Faulkner «o pasado non está morto, nin sequera é pasado.»

En apenas dúas semanas a impresionante nómina de gañadores do San Clemente incrementarase co ditame das obras publicadas en 2014, Xaora, na vindeira edición, como sinalou Ubaldo Rueda, director do Instituto Rosalía de Castro e alma mater dos premios, se incorporarán ao xurado centros de secundaaria de Bretaña, Portugal, Alemaña e Reino Unido. Estes San Clemente, que dialogan co Goncourt des Lycéens, son unha feliz aposta pola lectura literaria e os soños imposibles. Merecen as nosas beizóns e apoio.