Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Onte 1812: Marilar termando da paisaxe galega

C2JBx34UsAAadM2

Foi moi emocionante para nós a cerimonia de ingreso de Marilar Aleixandre na Real Academia Galega. O texto do seu discurso, Voces termando da paisaxe galega, é unha síntese das preocupacións e da ollada da escritora e científica nacida galega en Vigo, na primavera dos caraveis.

Foi o seu un texto para a acción, no que Marilar propuxo unha estratexia de resistencia activa confiada ao valor das palabras, abrazada ao abruñeiro que como a lingua galega resiste nas rúas. Un discurso poético con fonda carga científica que reivindica o papel das mulleres na creación literaria e no valor do feminismo que cuestiona a idelizaciónda paisaxe. Un texto para a esperanza, no que se confía nos programas de educación ambiental dos centros educativos, mais que tamén asume a corresponsabilidade individual e colectiva na defensa de cada unha das paisaxes, tamén as humanas, as da memoria, as esquecidas e agochadas. En definitiva, unha peza memorable que merece unha lectura demorada.

Como tamén merece lerse devagariño a resposta de Fina Casalderrey que retratou de forma moi certeira a esta ovella descarreirada que “decotío sacou os pés do prato”, a “exploradora e aventureira para a que os mapas son material altamente subversivo”.

Beizóns para Marilar por semellante discurso que orgulla a todos os que compartimos con ela afectos dende hai case catro décadas.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1811: A camisola da selección

Camisola_seeccion

A cara de sorpresa de Mariano Rajoy cando recibe de mans de Enda Kenny, o primeiro ministro irlandés, unha camisola da selección galega de fútbol gaélico co seu nome, quedará como unha imaxe para historia. Con certeza que a pesar do seu grande interese pola información deportiva, dificilmente podería agardar Rajoy que a diplomacia irlandesa escollese como agasallo da visita á Moncloa do seu presidente unha camisola da potente selección galega que no Mundial GAA World Games, celebrado o pasado verán en Dublín, obtivo unha excelente clasificación, como gañadora da copa de consolación feminina e como terceiro clasificado na categoría masculina. A sorpresa de Rajoy é comprensible dada a escasa presenza deste deporte,no que Galicia é unha potencia internacional, nos medios informativos españois. Como tamén, probablemente, polo feito de que a Selección Galega de fútbol gaélico é a única do noso país recoñecida de xeito oficial pola súa federación internacional. Un precedente moi a ter en conta. Co seu xesto, Enda Kenny estaba recoñecendo na Moncloa a existencia dun país chamado Galicia, aquel onde naceu Mariano Rajoy. Unha desas coincidencias fortuítas capaces de mover a historia.

Onte 1810: Déficit lector

A presentación onte do magnífico informe da Federación de Gremio de Editores sobre o estado da lectura en España volveu desvelar o importante déficit lector que pexa a nosa sociedade. O 60% das maiores de 14 anos poden ser consideradas como persoas lectoras, o que sería unha porcentaxe elevada se a lectura puidese ser considerada apenas como un hábito do tempo de lecer, como a afección polo fútbol, polo cinema ou a pintura. Porén, na sociedade actual, sometida ao proceso de hibridación dixital, a lectura debe ser concibida como unha competencia que deben posuír todos e todas as cidadás, de todas as idades, dende as máis novas ás maiores, un hábito saudable que a todas as persoas beneficia e que todas implica. A lectura é unha competencia cívica, non só un hábito de lecer ou unha preferencia artística.

Eis a cerna de calquera valoración sobre o déficit lector que arrastramos, ao que non é doado poñer remedio. Un problema grave de cultura pública. Con todo, non deixa de ser unha chiscadela irónica que onte, cando o secretario de estado de Cultura anunciaba a intención do goberno de Rajoy de pór en marcha un plan de lectura, con incidencia especial sobre o sistema educativo e as bibliotecas públicas, celebrásemos en Galicia o décimo aniversario da publicación da Lei do Libro e da lectura de Galicia, un texto normativo excelente, plenamente actual, máis nunca desenvolto polos gobernos de Feijoo, coa excepción do excelente programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. Xaora, benvidos sexan os bos propósitos de promover a revolución lectora que tanto precisamos. Sen lectura para todas, sen lectura en todos os formatos e soportes, dificilmente poderemos falar dunha sociedade en liberdade e igualdade.

Onte 1809: «Mimosas» de Oliver Laxe

MimosasA primeira película do ano foi Mimosas do noso admirado Oliver Laxe. Un filme mestizo que, baixo a aparencia dunha narración das aventuras (case un western) dunha viaxe nas montañas do Atlas marroquí coa intención de transportar un cadáver, propón ao espectador unha reflexión esixente sobre o camiño da espiritualidade e a identidade relixiosa. Dividida en tres partes, outras tantas posturas de oración sufi (tamén as tres da traxedia grega), Laxe enfronta na narración dúas concepcións arredor de como entender o camiño (en realidade, a propia vida): unha, a dada pola fe relixiosa, a asumida, representada por Shakib; outra, a construída, a mítica, a de Ahmed e Said, que entre as súas vacilacións, medos e dúbidas, agardan poder atopar o seu destino. Laxe ofrece unha película conmovedora e fermosa, desenvolta sobre unha paisaxe silenciosa e inquedante, sexa pola severidade da neve, a violencia da auga entre os canóns ou a amplitude das chairas onde os mercedes camiño de Sijilmisa debuxan ronxeis no deserto.

Tras o éxito de Todos sodes capitáns (2010), Oliver dá un chimpo de xigante cunha película de narración máis clara e formato máis industrial e internacional, sen perder por iso un ápice nin do seu misterio nin da súa preocupación espiritual nin do seu carácter mestizo (está rodada en árabe), característicos da súa identidade como director. Mimosas é unha película que interpela ao espectador de xeito que obriga a volver sobre ela, a preguntar e remoer. Recomendo non perdela (está en cinco salas galegas, algo pouco frecuente para unha película distribuída por Numax), paga a pena.

Onte 1808: Bookout

bookout app

Txetxu Barandiarán descúbreme a existencia (dende o pasado 19 de decembro) de Bookout, unha aplicación (dispoñible polo momento só en IOS) para seguir o ritmo das nosas lecturas. Como outras aplicacións que controlan a nosa saúde, sexa o ritmo cardiaco, o noso número diario de pasos ou calorías consumidas, Bookout pode cronometrar a nosa velocidade lectora ou, se lemos en formato impreso, gravar citas e notas, coma se se tratase dun epub. No marco das aplicacións que cuantifican o noso rendemento e o converten en gráficos estatísticos, Bookout permite crear o noso perfil numérico como lectores e lectoras. Utilidades que quizais poidan semellar superfluas, mais que non dubido que poidan ter os seus seguidores.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1807: Cabalgatas

cabalgata-reyes-vigo-2017-23_g

Quen podería pensar hai dúas décadas que no século XXI as cabalgatas de Reis serían unha das prioridades das políticas culturais dos concellos, tanto polos recursos utilizados como polo protagonismo que asumen as alcaldías na propia cerimonia? As cabalgatas son hoxe espectáculos parateatrais dirixidos ao público familiar, que cada ano, a pesar de desenvolver o mesmo argumento, teñen que ser capaces de sorprender e innovar. Un reto complexo para os responsables políticos e para as empresas de animación que se ocupan de concibilas e organizalas.

Polo que lin, en Santiago e na Coruña, a pesar das críticas rotineiras dos medios conservadores, os gobernos de En Marea superaron con nota a difícil proba de organizar unha cabalgata espectacular de espírito non estritamente confesional (en Compostela foi bautizada como “A ruta dos desexos”).

Como tamén en Vigo sei que Abel Caballero, a pesar de non ser entrevistado na emisión en directo da TVG, quedou moi satisfeito polo seu impresionante baño de masas, no que chegou a coller o micrófono (coa súa prosapia habitual) para animar a súa comitiva xurásica de dinos e outras especies de saurios (convertidas en iconas do seu terceiro mandato triunfal).

Púxose en evidencia, nuns casos como noutro, a moi escasa marxe da que dispoñen os departamento de festas dos concellos para modificar no esencial as inercias do mito dos Magos, “festa da ilusión” que para o noso abraio goza de moi boa saúde. Milleiros de picariñas e maiores recibiron con entusiasmo onte nas rúas galegas aos Magos nun país con escaso espírito monárquico.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1806: Aniversario de Celso Emilio Ferreiro

Celebramos onte o 105 aniversario do nacemento do poeta Celso Emilio Ferreiro. Unha data na que cada ano facemos balance das actividades de difusión dunha obra que por ventura se mantén viva e actualizada no interese dos lectores e lectoras e, sobre todo, dos músicos. Así quedou demostrado na altísima participación no concurso de poemas musicados, organizado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, que gañou Licalaterna coa súa versión de “Mensaxe dende o silenzo”, un dos poemas d’ O soño sulagado.

Como tamén foron moi significativas as referencias a Celso con motivo do pasamento de Bibiano, sobre todo pola súa inesquecible “Samba pra mocidade”, un auténtico himno da Xeración do 68 e dos que nos incorporamos á política á morte de Franco, no que o vigués musicou “Prá mocedade”, un dos poemas máis celebrados de Viaxe ao país dos ananos (1968).

Neste 2017 temos prevista en Xerais a edición dun libro que recolle poemas inéditos en castelán (unha obra interesante) e reedicións de varios dos seus poemarios en lingua galega. O traballo teimoso e discreto da Fundación Celso Emilio Ferreiro aviva o lume que alampea na obra de Celso, que (por fortuna) xamais o veremos morto.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1805: Brétemas 12 anos

Bretemas_03_01_2005Hai doce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.622 anotacións das que 532 corresponen ao último ano. Unha ducia de anos nas que compartín este dietario persoal e profesional sobre “artes, letras, política e fútbol” con lectores e lectoras moi xenerosas e pacientes. “O poema de hoxe” foi a novidade principal deste 2016, o ano Manuel María, que me permitiu compartir ao longo de máis de douscentos días unha antoloxía emocional da poesía galega do meu interese. Unha experiencia que pretendo repetir neste 2017 coa sección “Aforismo do día”, onde escolmarei con idéntica intención textos dun xénero literario híbrido pouco difundido na nosa lingua.

Foi o último, tamén un ano no que se intensificou aínda máis a conversa (e tamén o ruído e o rexoubeo) en Facebook, ao tempo que para min apareceu o fenómeno Instagram, onde se atopan posibilidades novas que superan algunhas das limitacións de Twitter. En todo caso, redes todas as tres, que non xubilan aínda aos blogs como soportes de publicación hipertextual e como arquivo dixital segmentado e de acceso doado e xerarquizado. No entanto, tras o intento infrutuoso do último ano de reactivar ou reinventar o blogomillo (se por tal entendemos a rede que tecen os blogs publicados en galego), reitero a miña dispoñibilidade por participar en novas iniciativas de fomento do blogueo en galego. Por último, a miña gratitude, outro ano máis, ás persoas que len, critican, comentan, chían ou comparten algúns dos contidos destas Brétemas no soporte eou na rede da súa preferencia. Beizón!

Onte 1804: «Irmandade» palabra do ano 2016

en_irmandadeO portal das palabras escolleu «irmandade» como a palabra do ano 2016. Unha iniciativa que converte unha palabra galega (en 2015 «refuxiado», en 2014 «corrupción») en símbolo compartido, resume de afáns, preocupacións e vidas ao longo de todo un ano. Palabra, nesta caso, que expresa tanto o afecto compartido como a asociación de persoas con afinidade de crenzas e ideais. Neste 2016 que remata, ano do centenario da creación das Irmandades da Fala, expresa unha nova fraternidade e soridade galeguista, que acuñamos como lema da celebración («En irmandade») dos Premios da Crítica Galicia. Xaora, no 2016, que para nós será sempre o ano do pasamento do mestre Agustín Fernández Paz, a palabra «irmandade» resume coma ningunha outra as conviccións, os ideais e os anceios que tantas e tantas persoas compartimos con el.