Onte 223: Somos relato
Magnífica e divertida foi a presentación en Librouro d’ Os fillos do mar, a sorprendente novela viguesa coa que debuta Pedro Feijoo. A actuación xenial de Sergio Zearreta no papel de Simón Varela, o protagonista da novela, deu pé a Marcos Calveiro a salientar o papel da ficción nas nosas vidas: «somos relato, todos nós somos relato. A realidade non existe, todos somos personaxes de ficción. As liñas das nosas vidas son escritas por outros» dixo o autor de Festina lente. Con anterioridade reivindicara o entretemento para a narrativa galega e o pracer que para o narrador supón contar unha historia. Calveiro recomendou Os fillos do mar porque «é unha desas novelas que se pode ler no vitrasa; porque engancha e con ela volvemos ser os rapaces que lían ás agochadas á luz da lanterna; porque ten unha trama construída coa precisión dun reloxo suízo, onde toda a engrenaxe funciona de marabilla cando lle damos corda; porque ten uns personaxes, como Simón Varela, cos que axiña empatiza o lector; e porque ten un topos, un lugar onde recoñcernos, a cidade de Vigo». Unha presentación moi entretida e retranqueira coma unha novela que está sendo a primeira grande sorpresa da tempada literaria. As vindeiras presentacións da novela de Pedro Feijoo están previstas para o 3 de maio na Feira do Libro de Compostela con Suso de Toro, o 4 na Libraría Libraida de Gondomar da man de Fran Alonso e o 10 no Café Auriense de Ourense con Diego Ameixeiras.