Onte 203: A reconquista de Oubiña

Excelente o bando de Borja Oubiña con motivo do Día da Reconquista. Hai dúas cousas que merecen ser destacadas do discurso do capitán do Celta. A primeira, que o escribise e pronunciase en galego, un xesto moi bonito e responsable que merece os maiores parabéns. A segunda, que á definición tradicional de Vigo como «cidade industrial e solidaria» engadise unha apelación final ao seu carácter de «urbe eminentemente obreira» e non esquecese «a cultura crítica como impulsora da roda do noso desenvolvemento». Salientase así o dinamismo industrial e cultural da nosa abella da ribeira que, a pesar da crise, procura recuperar de forma colectiva o seu alento. Borja Oubiña amosa con esta intervención (onte moi gabada nos medios radiofónicos vigueses) que o seu carácter de sereno organizador na lameira, que a súa loita teimosa contra a adversidade dunha terrible lesión, son froito dunha visión da sociedade e da cultura moi sólidas. Unha fachenda para todo o celtismo e un magnífico exemplo para os máis novos.

Onte 202: Día Mundial do Teatro

No Día Mundial do Teatro de 2012 non presentamos os libros premiados co Álvaro Cunqueiro e co Manuel María, que non sabemos se poderán ser editados, nin se anunciou programación ningunha para os vindeiros meses nin se realizaron estreas de espectáculos. Houbo un manifestación en Compostela de todo o sector profesional das artes escénicas reclamando que non sexa desmantelada a cultura en Galicia. Foi un día de resistencia pacífica até o lirismo na que o mundo do teatro defendeu conquistas de tres décadas ameazadas agora en esborrallarse. As gadoupas da austeridade selectiva –hai cartos para determinadas obras– cébanse no país noso sobre o mundo do teatro, da música, do audiovisual e do libro. Transcorridos tres anos, a piques de rematar a lexislatura, é incomprensible que a Xunta de Galicia non asumise o carácter estratéxico das industrias culturais. Doe moito o que está pasando.

Onte 201: A lección andaluza

Os resultados das andaluzas supoñen o primeiro fracaso electoral do goberno Rajoy. Un baño de realidade para os que as consideraron un mero trámite. Pois non, Andalucía resistíuse. A propaganda non abondou para avalar as «reformas» fiscais de Montoro nin as políticas de austeridade selectiva de Guindos nin a reforma laboral de Báñez que, mentres non se demostre o contrario, facilita e abarata o despido. Un primeiro aviso para Rajoy que paga Arenas, un campión curtido en derrotas.  Estas eleccións foron, tamén, un aviso para PSOE que conservará a Presidencia, grazas ao rescate de Izquierda Unida, mais que deberá mudar moito o rumbo das súas políticas conformistas. Seguro que Feijoo tomou boa nota e tratará de completar a lexislatura.

Onte 199: Lutherapia

Despois de varias décadas sen velos actuar en directo, agardaba moito máis de Les Luthiers. Lutherapia semelloume un espectáculo previsible, pouco arriscado, concibido para chegar a un público disposto a aplaudir coa mera presenza do quinteto no escenario e a escachar de gargalladas coas numerosas referencias escatolóxicas e gags de inequívoco cheiro machista dos arxentinos. Coa excepción dalgún momento musical interesante, como a «Rhapsody in balls» ou a «Aria Agraria», o ritmo do espectáculo sostense sobre o diálogo dramático, chispeante por pedazos, no diván do psicanalista. Pouco máis para un grupo que nalgúns momentos da súa traxectoria de catro décadas foi enxeñoso, intelixente e irreverente, mesmo capaz de facer brillar a afinación do seu tempo. Agora, instalados na comodidade do seu éxito, poderían ter titulado este espectáculo como «Humor en tempos de conformismo». Foi decepcionante  comprobar que en dúas horas non amosasen sequera unha miga de crítica ou de transgresión. Unha mágoa, máis aínda cando cada un dos espectadores pagamos 70 euros, un prezo elevadísimo que non se xustifica polo que acontece na escena.

Onte 198: No meu país danse as grazas

Inesquecible foi a sesión académica da investidura de Manuel Rivas e John Rutherford como Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Cinco discursos memorables –dúas laudatios formidables, senllas respostas para a nosa historia cultural e un peche do reitor de grande altura– que salientaron de forma unánime o compromiso dos doutores e da UDC co futuro da cultura e lingua galegas. No entanto, é inevitable salientar a intervención colosal de Manuel Rivas, escrita e expresada dende unha felicidade inquieta, que constituíu unha reivindicación do poder das palabras, unha manifestación de confianza na lingua galega, ao tempo que unha presentación da súa iconografía da esperanza. Un discurso que merecería ser reproducido íntegro nos xornais e medios dixitais para o goce reflexivo da cidadanía á que estaba dirixido. Rivas comezou e pechou o seu parlamento con esta frase de inequívoca humildade: «No meu país danse as grazas». Unha forma de vindicar os lexemas de simpatía, que sempre nos foron propios aos galeguistas, e que Rivas utilizou para insistir nunha idea fulcral sobre a lingua galega: «Non só estamos vivos, seguiremos vivindo. A lingua galega non nos pertence a nós, pertence ao mundo». Aí escribíu o fillo de Elviña a súa aposta polas palabras de noso, xa que son «portadoras da información básica da humanidade, utilizan a grafía da vida»; aí afortalou a actual literatura galega, «na que se conteñen todos os rexistros do resto das literaturas». Dedicou o marabilloso cuarto de hora final do discurso a reivindicar a esperanza en tempos de conformismo, xa que a «da esperanza é a peor das subtracións». A súa coñecida referencia ao sorriso de Daniel –contaxioso, claro e enigmático a un tempo– serviulle para salientar como o lexema de simpatía agroma da pedra granítica de Galicia. Referencia que uníu a unha cita de Steiner («Un bo ensino sería aquel no que os estudantes puidesen cometer o erro de ter esperanza») para debuxar a inconografía da esperanza presente na súa obra: as bandas de estorniños sobre a cidade da torre, os círculos concéntricos, as mulleres que levan cousas na cabeza, a chorima a gabear polas espiñas do toxo… A lectura de «A sección aurea», poema de Costa da Morte Blues, libro que reeditamos en Xerais da man da UDC para celebrar a investidura, pechou un discurso que nos emocionou moito. Fachenda nosa de contar en Galicia con este extraordinario Manuel Rivas. Beizóns para el e para Rutheford, como para José María Barja, alxebrista e reitor saínte, que recibiu a Medalla de Ouro da UDC. No meu país danse as grazas.

Onte 197: Vindicación da noveliña

No serán viaxamos a Ribeira para presentar Orlando pendurado, a novela curta de Goretti Fariña gañadora do Premio Cidade Centenaria. Unha obra de apenas oitenta páxinas que aborda cuestión tan complexa para os seres humanos como é a do fracaso axudándose da piedade proporcionada polo humor e da beleza achegada por unha escrita culta e elegante . Unha homenaxe explícita ao Orlando furioso de Ludovico Ariosto, que amosa as enormes posibilidades literarias deste formato de narrativa breve (menos de 120.000 caracteres). Unha narración para dúas horas de lectura intensa e engaiolante que precisa doses semellantes as utilizadas polos atletas de 400 metros valados:  potencia, precisión e resistencia. Certames como este de Ribeira ou o de Soutomaior reivindican  para a literatura galega este xénero narrativo, baixo diversas denominacións (novela curta, noveliña, nouvelle, micronovela), que ten achegado importantes obras ao noso catálogo. Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín, Comedores de patacas de Manuel Rivas, O solpor da cupletista de María Xosé Queizán ou As mellores intencións de Begoña Paz (gañadora da primeira edición do certame de Ribeira) foron froitos moi logrados. Neste tempo de velocidade, vindicamos a noveliña como un xénero que achega un anaco de acougo e reflexión.

Onte 196: Día Mundial da Poesía

Coa chegada da primavera, celebrouse o Día Mundial da Poesía. Este ano coincidiu en Galicia coa homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, promovida en Ourense polo PEN Clube Galicia, con motivo do centenario do nacemento do poeta que amou ao seu pobo. Hai menos dun mes celebramos o Día de Rosalía, dentro de apenas dúas semanas celebraremos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o 23 de abril o Día do Libro, toda unha xeira mensual de efemérides literarias concibidas para estimular, sobre todo nos medios de comunicación e nos centros educativos, a visibilidade do libro e fomentar o pracer da lectura literaria. É innegable o perigo de ritualización e banalización destas xornadas por frecuentes e rotineiras; porén, tamén poden transformarse en oportunidades para aumentar a presenza da lectura e da literatura na sociedade. No Día da Poesía vindicouse o valor artístico das palabras, onde reside o ADN de calquera texto literario. «Escribir un poema debe ser un dioivo que agoniza», un feito que supón «sufocar as palabras até o límite» advirte Alfredo Ferreiro nos seus Versos fatídicos (1994-2010), un libro de poemas que recomendo moi vivamente.

Onte 195: Teito de gasto na liga

Foi o BNG quen presentou no Congreso unha proposta para impoñer teito de gasto aos clubes profesionais de fútbol mentres manteñan débedas con Facenda ou a Seguridade Social. Unha proposta oportunísima xa que os clubes de fútbol profesional deben só a Facenda 750 millóns de euros, unha cifra brutal e vergonzosa, cando a sociedade toda está sometida aos maiores rigores da austeridade.  É inxustificable que o estado manteña unha flexibilidade ilimitada con estes clubes, un privilexio do que non gozan ningún outro sector nin do espectáculo nin da cultura. Este teito de gasto supoñería poñer límites para fichaxes e soldos, o que axudaría a equilibrar a competición, xa que non semella moi xusto que os equipos que máis deben ao estado sexan tamén os que paguen as fichaxes máis elevadas. Parabéns ao BNG pola iniciativa!

Onte 194: Xenofobia

O atentado terrorista de Toulouse, que acabou coa vida dun profesor e tres alumnos xudeus, amosa que a xenofobia é unha das maiores doenzas sociais da Europa en crise. Tras o asasinato a semana pasada de tres militares franceses de orixe magrebí, probablemente coa mesma arma, estes novos crimes racistas enfrontan á sociedade gala cos perigos de que algúns dos seus sectores coqueteen sen arroibarse cos postulados da extrema dereita e mesmo dunha ideoloxía nazi en alza. Tras o masacre de Noruega, tras a expulsión de xitanos en Italia, tras esta traxedia francesa, en Europa o perigo xenófobo é real, xa sexa presentado como acción duns lobos solitarios atolecidos ou como xenreira racista de sectores de clases medias amedoñados pola perda de privilexios. Aceptar ao diferente, construír unha sociedade sen exclusións, vertebrada polos valores da igualdade, continúa sendo o mellor xeito de combater a xenofobia asasina.

Onte 193: Literapia

Cheguei con moito atraso a unha noticia fascinante de Letralia de 2006 que anunciaba que un grupo de médicos e profesores da USC, dirixidos por Darío Villanueva, comezaban a experimentar coa «literapia», unha forma de terapia para aliviar ou axudar na curación de determinadas doenzas mediante o emprego da lectura e da escritura. Supoño que estes especialistas coñecerán os efectos de cada tipo de libro para cada clase de doenza. Imaxino que para a recuperación dunha lesión de nocello prescribirán novelas policiais, mais para un simple gripallazo abondará coa lectura dun crossover ou cunha antoloxía de poetas contemporáneos. Tratarei de averigüar cales foron os resultados da terapia e as posibilidades de que estas prescricións fosen recoñecidas polo SERGAS. Sen entrar no espiñento debate sobre o repagamento, aventuro a revolución que isto pode supoñer para a nosa rede de librarías culturais, que axiña debería ser reforzada, mesmo nestes tempos de crise, diante de semellante demanda imprevista.