Onte 505: Gabanza de Antón Reixa

A figura de Antón Reixa é imprescindible para comprender as mudanzas que se produciron na cultura e na sociedade galega das últimas décadas. Desque vai facer corenta anos entrou no Instituto Santa Irene de Vigo, onde impartía clases Xosé Luís Méndez Ferrín, a cabeciña de Reixa non deixou de parir iniciativas, textos e proxectos que funcionaron coma alicientes, coma revulsivos da modernización dunha cultura até entón ancorada na resistencia antifranquista.

Foi xa daquela, sendo alumno de COU, cando Reixa asinou a súa colaboración nunha publicación literaria do instituto baixo a lenda de “profesión: escritor”. Non foi pedantería ningunha dun arrichado rapaz de dezasete anos. Non. Foi apenas afirmación da súa condición radical de poeta, do seu ADN de creador literario, da súa vontade de escrita, unha actividade que nunca abandonou ao longo de catro décadas de fecundísima creatividade nos que dedicou o seu pulo aos diversos eidos da comunicación e da creación cultural, dende o rock and roll á videocreación, dende a performance ao teatro, dende a radio á televisión e ao cinema. Reixa é un creador polifacético, que non deixou de explorar as posibilidades de todas as linguaxes, dende a textual á actual hipertextual, sempre con atención especial as icónicas e audiovisuais que conforman as artes do século XX.

En todos eses ámbitos Reixa foi pioneiro. Antón é un dos nosos precursores. Foino no eido poético formando parte do colectivo Rompente, participando nas súas primeiras intervención no ano 1976 coas Follas de Resistencia Poética, o que para algúns críticos supuxo a ruptura poética galega, a creba máis profunda dende Manuel Antonio. Foino, despois, no musical, a partir de 1983, sendo xa profesor de lingua galega no seu Santa Irene, creando os Resentidos, unha banda viguesa de rock and roll, que fixo de Vigo capital Lisboa cando facía un sol de carallo, que gravou os primeiros vídeoclipss con “Salvamento e socorrismo”, ou cando máis tarde a banda reconvertiuse en Nación Reixa. Foino outrosí, dacabalo entre os oitenta e os noventa, co vídeo de autor, dende Ringo Rango á creación da produtora Vídeo Esquimal. Foino cos primeiros espectáculos teatrais co grupo Artello, como Gulliver FM, After Shave ou Dóberman. Foino co seu debut na televisión galega con aquel memorable programa Galicia, sitio distinto, pasando polo seu Bule, bule radiofónico, até as míticas Mareas vivas de Portozás e o seu debut como director cinematográfico d’ O lapis do carpinteiro. Foino co seu oficio máis recente de produtor do exitoso musical Galicia Canibal ou coa súa afouteza como xestor cultural na condición de presidente da Sociedad General de Autores. Insisto, en todos e cada un destes proxectos, en todas en cada un destas actividades Reixa logrou abrir novos camiños para a cultura galega en diálogo aberto coa sociedade do espectáculo e coas olladas e expresións creativas máis esixentes e rupturistas. O humor, a ironía, a vontade inequívoca de intervención social e política, a creación espida, concibida como forma de coñecemento, a idea de Galicia e da súa lingua coma eixo e trabe de toda a súa produción foron os materiais e as ferramentas utilizadas por este forxador incansable da fantasía posible dunha cultura galega de seu e do seu tempo.

Como sinalan Manuel Xestoso e Xosé Cid Cabido, autores do libro de conversas que publicamos hai uns meses en Xerais, Antón sempre foi un ghicho distinto. Un ghichiño, como dicimos os de Vigo, que asumíu a perplexidade como forma de coñecer o mundo, como el mesmo recoñeceu nunha recente intervención en Librouro. Un home da industria cultural galega que enxerga, a pesar das dificultades e do tránsito entre paradigmas da comunicación cultural, o futuro con doses elevadísimas de entusiasmo, imaxinación e resistencia. Un poeta, un profesor, un músico, un actor, un director, un produtor, un xestor cultural, un home de letras e números que merece todas as nosas beizóns e gratitude pola proeza do seu desempeño durante catro décadas. Beizóns!

Texto que lin como laudatio na entrega a Antón Reixa do premio Internacional Ateneo de Ourense 2013 ao fomento da cultura, que o creador vigués compartíu co Festival de cine de Cans.

Onte 504: Todo OK con Ameixeiras

No serán de onte, o xornalista Fran P. Lorenzo conversou durante case unha hora con Diego Ameixeiras sobre Todo OK. Presentábase así na Libraría Couceiro de Compostela a sétima novela do narrador ourensán, coincidindo coa reedición de tres das súas obras anteriores, a segunda de Baixo mínimos, coa que debutou en 2004 e na que creou ao detective Horacio Dopico, a terceira edición de Tres segundos de memoria, coa que obtivera o Premios Xerais en 2006, e a cuarta de Asasinato no Consello Nacional, desta volta prologada por Xosé Manuel Beiras. Antes de comezar a conversa, Fran P. Lorenzo definiu Todo OK como “unha reflexión sobre a xustiza, a verdade e os medos profundos da sociedade actual encarnados nun personaxe da forza de Inés Landeira, A Coxa, acompañándoo no seu desconcerto no devalar da vida”. Salientou despois a economía expresiva incrible da escrita da novela, “sendo moi difícil chegar a ese punto no que se logra a esencia dun relato artellado sobre unhas tramas mínimas e uns personaxes moi potentes”.

A conversa comezou sobre a forza do personaxe de Inés, a protagonista da novela. Diego confesou que quixo que o personaxe principal da novela fose unha muller, sendo consciente que “dentro do xénero da novela negra non se lle fixo demasiada xustiza ao pepel da muller”. Salientou que “Inés ten unha enfermidade, vive unha situación familiar límite e busca unha solución para evitar entrar na cadea. Pretendín que o personaxe non fose tratado con ningún tipo de diferenza se fose un home”. Despois Lorenzo e Ameixeiras abordaron a utilización dos tópicos da novela negra. Para Diego “a posibilidade de etiquetar unha novela como negra non é relevante á hora de comezar a escribir unha novela”, porén recoñeceu que “teño sempre a obriga de intentar que o meu seguinte libro sexa mellor co anterior”. “As miñas primeiras novelas, as protagonizadas polo detective Horacio Dopico, especialmente a primeira, Baixo mínimos, agora reeditada e escrita en 2002, considéroas de aprendizaxe, mesmo un axuste de contas con moitas novelas negras que lera daquela, como me comentou Andreu Martín, un dos mestres da novela negra europea, que el fixera. Unha vez que te liberas dos tópicos e convencións do xénero, vas procurando os teus propios camiños. É o que intentei e intento facer dende entón”.

Proseguiu a conversa, preguntando Lorenzo sobre se os diálogos da novela, moi cribeis e nada banais, podían ter que ver co coñecemento de Ameixeiras do medio audiovisual, así como sobre o exercicio tan complexo de “expresar o máximo co mínimo”. Diego recoñeceu que non “podía negar a influencia do medio na escrita dos diálogos”. “Pretendín que toda a información se achegase por medio dos diálogos. Estou convencido -dixo- que es mellor escritor polo que calas que polo que escribes. Cómpre deixar espazo á intervención do lector. Ademais, para o escritor é moi importante escoitar como fala a xente. Como buscar a esencia do que queres dicir con poucas palabras. Isto para min é clave”.

Finalizou a conversa, abordando a cuestión dos nexos existentes entre a novela negra e a actualidade. Diego recoñeceu que “quixen sempre que esta novela tivese unha dimensión tráxica, mais que non existise unha liña divisoria entre o que está ben e o que está mal”. Por último, adiantou a primicia de que rematara unha primeira versión da próxima novela na que introducirá “temas de moita actualidade como o dos bancos”.

Onte 503: Soberanía

A aprobación por unha maioría clara do Parlament de Catalunya da Declaración de Soberanía supón un fito no proceso histórico de autogoberno de Catalunya. No entanto, hoxe non é doado doado enxergar cales poden ser as consecuencias dun acto político protagonizado polo Parlament (como institución que representa a vontado do pobo catalán) que procurou os seus alicerces e a súa lexitimidade nos dereitos históricos do pobo catalán e na súa vontade democrática de “iniciar o proceso para facer efectivo o exercicio do dereito a decidir o seu futuro político colectivo”. Nin tampouco é doado albiscar qué implicacións pode ter para o futuro de España, do País Vasco ou de Galicia, concibido coma un taboleiro dinámico, polo movemento dunha das súas pezas. Máis alá das reaccións que poida suscitar no Goberno de Rajoy, a declaración terá unha apreciable repercusión internacional, o primeiro efecto que procuraban os seus promotores. Cataluña activou o seu proceso de soberanía.

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 502: Pardo de Cela

O achado do testamento do mariscal Pardo de Cela cuestiona a lenda de quen foi considerado pola historiografía galeguista como o derradeiro noble galego resistente. Segundo o historiador Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, o mariscal nin foi partidario de dona Xoana a Beltranexa nin foi irmandiño nin foi degolado o 17 de decembro de 1483 (senón o 3 de outubro do mesmo ano) e, por riba, deixou un fillo bastardo. Mi madriña! Esváense así entre a brétema da historia algúns dos compoñentes principais do mito forxado arredor do heroe decapitado na praza Maior de Mondoñedo (por mandato do gobernador do Reino nomeado polos Reis Católicos), case un mártir do que sería unha Galicia tardomedieval independentista dirixida pola súa nobleza. Mito acuñado, en boa medida, polos historiadores románticos do século XIX, primeiro por Benito Vicetto (Los hidalgos de Monforte) e logo Manuel Murguía, recollido no século XX por Vicente Risco, Castelao, Leiras Pulpeiro ou por Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte na súa traxedia en verso O Mariscal, e que chega aos nosos díasNo obstante non debemos chamarnos a engano, xa hai tempo, o historiador Carlos Barros puxera en evidencia algunha das falsidades que se teceron sobre a figura do mariscal como dalgúns outros mitos da historiografía galeguista alicerzados no tránsito decisivo entre a Idade Media e a Moderna. Abandonar de vez o enfoque decimonónico (mítico) da historia política de Galicia e ofrecer un relato alternativo baseado en datos e fontes contrastadas é unha condición imprescindible para desenvolver no século XXI o discurso de Galicia como nación europea.

Onte 501: Día George Orwell

Sempre tiven presente que foi George Orwell quen propuxo crear un ministerio da verdade en 1984. No seu ensaio Politics and English Language, no que estudaba as viaxes de Gulliver (1946), afirmaba que «a linguaxe política –que a pesar doutras diferenzas é igual en todos os partidos, desde os conservadores aos anarquistas– está deseñada para facer que as mentiras semellen veraces e respectablemente asasinas». Sentenza que non perdeu, magoadamente, actualidade ningunha e que coincide coa celebración do primeiro Día de George Orwell, creado pola Asociación Premio George Orwell e a editorial Penguin para lembrar cada 21 de xaneiro o pasamento do autor de A revolta dos animais. Unha historia fantástica (edición galega de Positivas, 1992) ou Homenaxe a Cataluña, entre outras obras memorables. Un autor que merece ser recuperado.

Onte 500: Independencia

O barómetro político de inverno de Catalunya amosa que un 60 % dos cataláns enquisados están de acordo en que o Parlament aprobe unha declaración soberanista.  Mais ollo! Un 56,9 % están de acordo en que Catalunya se independizase de España e se convertise nun novo estado dentro da Unión Europea, mentres que un 35 % se declara en desacordo. Diante destes resultados parece cada vez máis claro que o debate político catalán do futuro se centrará non tanto no debate sobre a constitucionalidade da consulta de autodeterminación (como insiste o PP e a prensa madrileña) como en cal é a maioría suficiente para declarar a independencia. Estas porcentaxes amosan que o proceso social está en marcha. A cidadanía catalá empuña as rendas do seu futuro.

Onte 499: Fina académica

Aledeime da elección de Fina Casalderrey como membro da Real Academia Galega. Unha magnífica noticia para a institución de Tabernas 11 que reforza o seu plenario cunha recoñecidísima escritora do xénero infantil e xuvenil, ao tempo que recupera o número de académicas de 2010, o que debería supoñer tamén o inicio do seu imprescindible proceso de feminización.

Casalderrey ten méritos de máis para asumir a súa condición académica. Nas dúas últimas décadas, nas que tiven a grande fortuna de colaborar con ela como editor, desenvolveu un catálogo narrativo para lectores de todas as idades nas que aborda temas esenciais da condición humana, nalgúns casos moi pouco frecuentados pola literatura infantil. A morte, a soidade, a emigración, a exclusión, a diferenza, a vellez, a doenza son algunhas das cuestións abordadas por Fina en libros inesquecibles como O estanque dos parrulos pobres (unha das miñas obras preferidas) ou Eu son eu, pequenas alfaias da narrativa galega. Fíxoo, ademais, empregando procedementos narrativos complexos e unha prosa de coidadosa sinxeleza, consciente de que con eles contribuía á formar un criterio literario nos seus lectores e lectoras novas. Mestra comprometida coa galeguización educativa, formidable narradora oral, ocupouse tamén da escrita de textos dramáticos, que nun principio preparou para representar cos seu alumnado de Moraña, e máis recentemente do guión e da dirección cinematográfica. Sen esquecer que durante este período traballou co seu compañeiro Mariano García na investigación da gastronomía popular galega, recollida en volumes como O libro da empanada ou Repostería en Galicia, por citar os máis veces reeditados.

Fina achegará á Academia o seu talento como ficcionista todo terreo e a súa actitude agarimeira e integradora, a súa defensa inquebrantable da lingua e o seu coñecemento profundo da escola galega e da infancia, o seu traballo educativo renovador e o seu talento didáctico capaz de conectar con todo tipo de públicos. Parabéns á Academia por tan oportuna elección. Beizóns a nosa benquerida e admirada Fina.

Onte 498: Galerna

A de onte lembroume a aquelas tardes de galerna da miña infancia. Horas de choiva e ventada tras as que chegabamos a casa pingando coma pitos para logo secar os gorilas enchoupados diante da estufiña de butano. Sei que a memoria é mentireira, xa que cadaquén a constrúe sobre episodios que fan verosímil e coherente o relato continuo da propia vida. Seino. Mais a pesar diso, estas tardes viguesas de choiva violenta son a chave que abre con maior facilidade aqueloutras saudades dos días da miña escola primaria dos anos sesenta. Coma os días secos nos que vai moito frío son os que mellor enganchan coa memoria daqueloutras xornadas universitarias na casa da Pontepedriña, ao pé da estación, onde descubrimos a The Police no dial de Radio 3. A memoria é mentireira. Seino. Mais serve para saber quen somos e de onde vimos. Non che é pouco.

Onte 497: Fervenzas literarias 2012

Por sexto ano consecutivo Fervenzas Literarias fixo públicos os seus premios anuais elixidos por case cincocentas tarxetas de votación. Este premio dos lectores e lectoras de literatura galega na rede consolídase como o primeiro referente de cada xeira anual de recoñecementos a obra editada, ao tempo que pola súa continuidade e diversidade (xa que valora todos os xéneros da edición como actividades arredor da lectura) como un dos máis prestixiosos no noso sistema editorial e de lectura. Agradezo moi sinceramente a todas as persoas que participaron nestas votacións os apoios que proporcionaron aos libros publicados por Xerais, que obtiveron excelentes resultados. Outrosí pola súa xenerosidade, outro ano máis, con estas bretemas escollidas como mellor blog. Uns recoñecementos que constitúen para nós un aliciente xeneroso para proseguir o traballo diario. As miñas beizóns para Fervenzas Literarias e para os seus lectores e lectoras.

Onte 496: -26,37 %

O adianto das cifras de rexistros do ISBN da edición realizada en 2012 polas editoras privadas (sen incluír os de autores-editores) confirma a tendencia da aceleración da diminución do número de títulos e do volume das tiradas. Os editores en España publican menos títulos e menos exemplares de cada un deles. No caso da edición en Galicia, a pesar do aumento da edición dixital, que en 2012 supuxo o 12,7 % da nova oferta editorial (280 títulos), as editoras privadas publicaron 2.190 referencias, unha cifra que nos sitúa moi lonxe dos 3.384 de 2011, a pesar de que nesa cifra estivese incluída a edición pública e a realizada por autores-editores. Outrosí sucede na edición privada en galego que se reduce nun 26,37 %, xa que pasa dos 1.820 títulos de 2011 aos 1.340 de 2012, unha diminución moi significativa (480 referencias menos), xa que en 2011 o número de títulos en galego diminuíu nun 16,30 %. Non é un disparate estimar que nos dous últimos anos a edición privada en galego reducíu nun 40 % o número dos seus títulos. E, se a esas cifras descontásemos o incremento que supuxeron os títulos dixitais, non é difícil estimar que no furacán destes dous anos de crise a edición privada impresa en galego se reducise á metade. Datos para a reflexión do sector e das administracións públicas sobre as políticas actuais de lectura e de promoción da lingua galega.