Pareceume magnífica a sesión literaria na casa da Matanza con motivo do cento setenta e seis aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Comezou coa Alborada interpretada por Pepe Ferreiros, mestre gaiteiro das Terras Iria e fundador de Milladoiro. Tras a benvida agarimeira de Anxo Angueira, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, sucedéronse quince intervencións nas que representantes de diversas institucións glosamos brevemente algún aspecto rosaliano e leron cadanseu fragmento de Cantares gallegos.
Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, expresou o compromiso dos libreiros galegos con Rosalía de Castro, «como expresión primeira da nosa identidade e fundadora do libro galego». Eu mesmo, como presidente da Asociación Galega de Editores, referinme a relación de Rosalía e Manuel Murguía co seu editor, Juan Compañel, no proceso de edición de Cantares gallegos. Elisa Fernández, en representación da AIEG, salientou «a necesidade de proxección internacional da obra rosaliana». Luís González Tosar, presidente do PEN Clube Galicia, definiu a Rosalía como «o alento, o facho, o símbolo da galeguidade». Xesús Alonso Montero, director do Instituto de Estudos Rosalianos, iniciou a súa intervención presentando a pegada rosaliana na obra do poeta Federico García Lorca e aconsellando despois «seguir lendo a Rosalía para que o millo medre».
Escoitar a voz gravada de Kathleen March foi un dos momentos máis emocionantes da sesión. Para a veterana rosaliana estadounidense «a voz de Rosalía é a porta principal para entrar na casa de Galicia. A súa voz e o seu berro son os dunha Galicia ceibe, xusta, con pan para todas as bocas. Rosalía é dona do imaxinario colectivo galego». Charo Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, chamou a participar no Congreso sobre Rosalía (presencial e virtual), convocado polo CCG, salientando a importancia de «sermos unha literatura fundada por unha voz feminina». Xosé Henrique Costas, vicerreitor da Universidade de Vigo, anunciou algunhas das accións rosalianas que puxo en marcha a UDV, como «a tradución dalgúns dos seus poemas a cincuenta linguas, dende o ucraíno ao bengalí, amosando que Rosalía é mundial, canta en todos os idiomas». Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, comezou as súas palabras lembrando o poema «El desdichado» de G. Nerval, considerándoo coma un precedente dos poemas de Rosalía sobre os labregos sen terra, especialmente, as mulleres dos labregos sen terra». Ferrín sumouse a petición da Asociación de Escritores en Lingua Galega de recuperar o acceso libre da cidadanía galega á tumba de Rosalía de Castro. Despois de ler un fragmento de «Nasín cando as fores nasen», Ferrín afirmou que «toda a humanidade, a proximidade de Rosalía están neses versos humildes pero grandes».
Tras as intervenciós dos alcaldes de Ames, Santiago, Vigo, Padrón e do conselleiro de Educación e Cultura, pechou a quenda de intervencións a lectura dun poema a cargo da presentadora, María Solar, luminosa e agarimeira como ela sempre adoita. Despois, Uxía e Sergio Tannus interpretaron tres temas moi emocionantes, «Paseniño», «A Rosalía» e a «Alborada» sobre o texto de Cantares gallegos. Unha coda musical moi brillante para unha sesión literaria excelente.