Onte 926: O libro das xoaniñas, teoría e praxe, aquí e agora

lila_de_lilith_27-03-2014

Moito gustei das palabras de Encarna Otero na presentación que onte na Libraría Lila de lilith de Compostela dedicou a María Reimóndez e ao seu libro A alternativa está aquí. Comezou expresando a súa gratitude pola «ledicia que ofrece María» e por contar cun «libro para ler e para ter, un libro para reler como un obxecto material». Gratitude que estendeu á libraría Lila de Lilith, «un caso práctico da corresponsabilidade deste libro».

Definiu A alternativa está aquí como «un ensaio político ledo, esperanzador sobre o mundo de hoxe e de aquí, sobre qué facer agora e aquí en cada un dos espazos onde nos atopemos». Insistiu Otero en que «nada vai mudar se non o facemos nós», «esa idea que Reimóndez expresa no libro coas xoaniñas, recollendo o pensamento político de mulleres de todo o mundo para que hoxe actuemos en Galicia». «Este libro é teoría e praxe, o xeito de pensar o Norte dende o Sur para poder mudar a realidade das persoas e o seu comportamento todos os días». Referiuse a algúns contidos como o idioma e «o comportamento co galego como realidade política cotián que nos permitie vivir», o civismo e «a súa capacidade de transformación do exercicio do público en cotidianidade». Detívose Encarna na análise do concepto do «chamado minifundismo« como «base de cooperación e comercio de proximidade, dinamizador da economía local», «o libro de María demostra que é posible a soberanía alimentaria, pensemos nunha maceta na cociña, nunha terraza ou nos intersticios dunha urbana». Otero encadrou todas estes comportamentos na doutrina do funcionamento cotián que propón o libro de Reimóndez: se os facemos en vez dunha xoaniña, seremos moitas xoaniñas, capaces de construír unha sociedade chea de felicidade».

Rematou o seu discurso facendo unha referencia ao Grupos de Axuda Mutua (GAM) que permiten asimilar a experiencia xerada no Sur. Por último, Encarna Otero definiu o libro como «un manual de teoría e praxe para mudar o mundo dende unha óptica feminista. Este é un libro imprescindible, igual que foi aqueloutro titulado Que facer?, dende agora e dende aquí».

Onte 925: Como cho digo :-)

Outra vez a CTNL ofrece unha campaña modélica e moi atractiva de normalización da lingua galega, desta volta co obxectivo de visibilizala nos medios de comunicación. Colectivos profesionais, sociais e cidadáns, ademais de persoas a nivel individual, promovemos esta campaña coa intención de reclamar aos medios de comunicación o dereito a que non agochen a nosa lingua, algo tan doado coma escasamente frecuente, o de non sermos traducidas cando realizamos declaracións ou é solicitada a nosa opinión. O galego utilízase moito máis do que hoxe aparece nos medios de comunicación. Unha situación que é posible reconducir, se cada unha das persoas e colectivos que o utilizamos decote reclamamos o noso dereito a sermos respectadas. Unha mensaxe clara, expresada por persoas procedentes de eidos profesionais diversos (xudicatura, profesorado, investigación, cultura, deporte, xornalismo…), recollida nun fermoso deseño audiovisual, abonda para viralizar a campaña nas redes sociais e procurar o apoio popular. O éxito semella garantido. Coma sucedera con «Gústame o galego» e Agasallo.eu, o presentado onte é outro modelo a emular por outras iniciativas (tan necesarias) que pretendan aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. A nosa gratitude para os membros da CTNL, especialmente para Nel Vidal, primeiro promotor da campaña, por ser capaces de compartir e contaxiar tantas doses de entusiasmo e optimismo en tempos dificiles. Beizóns para «Como cho digo :-)».

Onte 924: Pecha Torga

10014938_688247394546771_413305879_nTorga anuncia o peche da súa libraría da rúa da Paz e a súa continuidade na rede. Pérdese así un espazo fulcral para o libro (e disco) galego e portugués en Ourense, unha libraría de referencia en Galicia para os lanzamentos e presentacións literarias durante as dúas últimas décadas. Cónstame que Xavier Paz ensaiou nos dous últimos anos un modelo de libraría integrado con outros produtos culturais e de comercio xusto. Mais semella que a crise deflaccionaria arrasa con todo tipo de pequeno comercio, sen facer diferenzas cos establecementos culturais e cos seus modelos alternativos. A perda dunha libraría de libro impreso é unha catástrofe para a súa comunidade de lectores, a xente que acudía a coñecer as novidades en fonte limpa, aproveitando para facer alí a súa tertulia arredor dos libros e do agarimo da súa libreira. Mais tamén é unha desfeita para os editores que perdemos outro punto de venda, esoutro anaquiño de visibilidade e de posibilidade de socialización para as nosas obras. Onte choramos por Torga, coma fixemos no seu día por Cervantes en Vigo, Michelena de Pontevedra, Abraxas de Santiago, Colón, Nós ou Couceiro da Coruña, e tantas outras, librarías arrasadas nos últimos anos pola tormenta perfecta que bate sen piedade sobre o mundo do libro (e con especial violencia sobre o libro galego). Os mellores desexos para Torga no novo vieiro que abre; ben sabemos que azos e talento a Xavier Paz e ao seu equipo non lles han faltar.

Onte 923: Mortes esquecidas

violencia-generoEntre tanta gabanza a Adolfo Suárez, puido pasar desapercibida unha resposta do Goberno a unha interpelación dunha deputada na que o executivo sostén «que o asasinato dunha prostituta a mans dun cliente non pode considerarse violencia de xénero ao non existir un vínculo afectivo entre o agresor e a vítima». Cando lin semellante barbaridade quedei de pedra. Pareceume vergoñento que se lle roube a estas persoas a súa condición de mulleres para reducilas ao de putas, apenas vítimas da violencia machista de terceira ou cuarta categoría. Estas putas asasinadas non computarán nas estatisticas estatais de vítimas mortais por «violencia de xénero», esoutro holocausto silencioso do que tan pouco se fala que nos tres primeiros meses de ano provocou a morte de vinte mulleres, cinco na última semana. Son mortes esquecidas, algunhas mesmo invisibles para as estatísticas gobernamentais. Terrible e desolador.

Onte 922: Carlos Núñez co pergamiño Vindel

1979655_10152012078138807_1841363744_n[1]

Camiñando polas Avenidas atopamos onte a Carlos Núñez. sobre quen Faro publicaba una longa reportaxe sobre a súa xira nos Estados Unidos. Non puiden evitar preguntarlle sobre a experiencia de ter consultado o Pergamiño Vindel, a alfaia das cantigas de Martin Codax do que este ano celebramos o centenario do seu descubrimento. Contounos que está gardado nunha cámara acoirazada e soterrada da Pierpont Morgan Library en Manhattan, sen formar, polo tanto, parte das pezas expostas ao público. Confesounos a súa emoción ao poder consúltalo, “saltáronme as bágoas“, e a súa sorpresa polo seu tamaño, máis grande do que agardaba, e pola súa textura rugosa, onde se poden identificar as diversas modificacións dos copistas. Carlos contounos a experiencia emocionado, mais tamén decepcionado coas institucións culturais do país noso incapaces de poner a disposición da cidadanía galega esta primeira peza do seu patrimonio literario e musical cando se cumpren cen anos da súa descuberta. Un síntoma do grave desleixo cultural institucional no que vivimos. Chama a atención que estes días se inaugurase na Cidade da Cultura o que semella unha interesante e custosa exposición, Auga doce, da que prefiro descoñecer os custes de produción. Bo sería saber cales son os criterios de programación utilizados polos responsables das nosas institucións culturais.

Onte 921: «Funambulistas» de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa

Lugo_22-03-2014_Praza_Maior

Viaxamos a Lugo (ía frío) para participar na reunión do xurado do Premio Ánxel Folle de narrativa convocado polo concello de Lugo. Marica Campo, Olga Novo e máis eu decidimos outorgar o premio, entre as sesenta e dúas obras participantes (si, 62), á ultima das presentadas, a identificada co número 62, Funambulistas (lema «Piñata«), que resultou ser de Mercedes Leobalde (@Brancasombra). Como sucedeu outras veces nas que participei nun xurado literario, lamento que ademais da gañadora non puidésemos ter premiado ademais un par de obras de excelencia e grande interese, coma nesta ocasión foron as presentadas cos lemas «Luca Pacioli» e «Jane Doe», para as que agardo a mellor fortuna.

Funambulistas, a gañadora, é un libro de vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas un par de páxinas, algúns entremesturados, que finalmente acaba conformando unha novela sobre a fraxilidade contemporánea, na que todas as persoas dunha ou doutra maneira vivimos na corda frouxa, ao fío das consecuencias do inagardado ou do fortuíto. Escritos nunha prosa esencial, depuradísima, sintética, moi cálida e divertida (lembroume a de Carlos Casares), empregando unha diversidade de voces (con preferencia pola primeira) e de procedementos narrativos, Funambulistas denuncia un tempo de desigualdade e violencia cos humildes, sobre todo coas mulleres, mais no que é posible enxergar a esperanza e o inconformismo ganduxado cos fíos dun humor moi sutil e da proximidade do cotián. Relatos inesquecibles pola potencia da súa brevidade centraminada como «Negrón», «Tatoo» ou «Amencer», co que pecha o orixinal, combinánse con outros como «My sweet love», «Lúa contra o baleiro» ou «O Porsche e o caracol», onde se vai densificando o relato nas marxes do concepto de novela. Non é casual que nun dos relatos, «Declaración de amor do xadrecista», a voz narradora diga: «Porque todos somos funambulistas nesta vida, pero a vós me enfronto, case infecta, porque asumo que nalgún momento da partida, se esta paga a pena, a guerra a grande escala é inevitable». Unha frase de «espírito funambulista», case anticipatoria do sucedido onte en Madrid, onde millóns de persoas participaron na Marcha da Dignidade.

Tempo haberá para debullar devagariño esta marabilla que é Funambulistas, unha obra que aventuro terá unha gran acollida da crítica e dun lectorado interxeracional, que rematará emocionado e rendido a súa lectura. Ledicia, ademais, incrementada pola posibilidade que este premio supón de incorporar ao noso catálogo a unha nova narradora, Mercedes Leobalde, á que apenas coñeciamos polo Facebook, tras a publicación do seu primeiro libro de poemas, Chamádeme Eva, gañador no 2012 do VII Premio de poesía erótica Illas Sisargas, convocado polas edicións Caldeirón e o Concello de Malpica. Parabéns por este Funambulistas, que moito os merece.

Onte 920: Noite da Edición 2014

Gala AGE 2014. Premiados

A situación crítica do sector editorial galego e o temor provocado no sector do libro educativo polo anuncio da Xunta de Galicia de experimentar a «dixitalización completa» nalgúns centros do último ciclo de Primaria e do primeiro da ESO estiveron moi presentes nas intervencións da Noite da Edición que celebramos onte en Betanzos, no fermoso edificio que fora concibido para Arquivo do Reino de Galicia. Porén, máis alá destas treboadas, ás que cómpre facerlles fronte con serenidade e firmeza, a noite dos premios dos editores galegos constituíu unha excelente oportunidade para comprobar a calidade, rigor, excelencia e diversidade que a pesar destes tempos difíciles mantén a edición en galego. Unha inxección de autoestima e responsabilidade gremial, que boa falta nos facía.

Polo que correspondeu a Xerais, celebramos os premios recibidos por Vento e chuvia de Manolo Gago, como mellor libro educativo do ano, e Tastarabás de Antón Cortizas, como mellor obra editorial, senllas obras ao coidado do noso compañeiro Ramón Domínguez, que amosan as moitas posibilidades que o proceso de hibridación ofrece. Como tamén celebramos o recoñecemento a Berta Dávila, como autora do ano, tras a sorpresa que supuxo a publicación do poemario A raíz da fenda, do que estamos preparando a terceira edición, e o posterior premio de narrativa curta O derrardeiro libro de Enma Olsen. Mención á parte merece o premio para Carme Couceiro e Pepe Díaz, os libreiros da Libraría de Couceiro da praza do Libro da Coruña, co que recoñecemos, cando chegan a súa xubilación, o seu compromiso co libro galego durante máis de tres décadas. Premios ben merecidos como os recibidos por Alvarellos, Galaxia e Kalandraka no resto das categorías.

Lonxe de calquera conformismo paralizante, os editores galegos amosamos onte que hai razóns para a esperanza e para a recuperación do sector do libro.

Onte 919: Xornalismo vocacional

1888823_736152143084870_1444954366_o

A presentación de Sete Caveiras, a novela de negra de Elena Gallego, no impresionante Museo Manuel Torres de Marín, volveu ser un acto de reivindicación do xornalismo vocacional. Reclamouno a presentadora da novela, a escritora Asun Estévez, que gabou a Elena Gallego »por ser a primeira muller que fai en galego unha novela do xénero negro». «Esta historia, ademais de entreternos, convídanos a facer unha lectura social, a do acoso laboral, ademais de facer unha reivindicación polo xornalismo profesional e vocacional, onde non vale todo, onde se pon en valor o papel das hemerotecas e o traballo dos xornalistas». Reivindicación que, como en presentacións anteriores, corroborou a autora, que insisitiu ademais na súa «intención de implicar aos lectores nesta obra de misterio coa que quixen facer unha homenaxe a Agaatha Christie e os seus Dez negriños». O xornalista xubilado Anxo Carregal, coordinador do Club de Opinión Portocelo, organizador do acto, sinalou tamén a homenaxe que Sete Caveiras fai o xornalismo vocacional, «unha novela protagonizada por unha xornalista, Marta Vilas, o que non é unha casualidade ao ser escrita por unha xornalista». Xornalismo vocacional que Carregal, veterano profesional da información durante máis de tres décadas, traballou en medios como La Voz de Galicia, Faro de Vigo, e Diario de Pontevedra, continúa desenvolvendo no seu blog «Cousas de Carregal», onde segue puntualmente a actualidades política e cultural de Marin. Excelente presentación de Sete Caveiras que o repetiremos o venres 28 de marzo na Libraría Miranda de Bueu.

Onte 918: A alternativa de María Reimóndez

a_alternativa_esta_aqui_19-03-2014

Presentamos onte na libraría Andel A alternativa está aquí, o libro politico de María Reimóndez.  Correspondeu a glosa do ensaio a Emilio Martínez Rivas que comezou lembrando a Xesús Jares e definiu o libro como «compacto», «unha presada de temas actuais para a reflexión», «un libro de intervención política, da política que non ven dos partidos políticos», «un libro feito dende os movementos sociais, do activismo, da cooperación para o desenvolvemento e dende o feminismo», «non hai eufemismos, María Reimóndez chama as cousas polo seu nome». Salientou despois catro temas do libro. Primeiro, a experiencia das Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento; segundo, as propostas de comercio xusto e de proximidade; terceiro, a cuestión da lingua e as contradicións das ONGDS a este teor; e cuarta, a perspectiva feminista que abrangue todo o libro, anque se dedica unha parte específica aos Grupos de Axuda Mutua (GAM) xerados en sociedades como a India. Rematou Emilio Martínez insistindo na idea de que «é difícil mudar o mundo se non mudamos os comportamentos das persoas» e convidando a escoitar a Aline Frazão, a quen María Reimóndez cita no libro.

Na súa intervención María Reimóndez sinalou que a escritura do libro foi ao mesmo tempo complicada e doada. «O libro foi complicado de escribir xa que asumín un desafío de síntese para abordar con brevidade e profundidade moitos temas, ademais de atopar unha linguaxe correcta para comunicar e incitar á reflexión dende a experiencia e o traballo». «Porén -continuou– foi un libro fácil, xa que está baseado na experiencia, en cousas do día a día». «Abordo o tema da cooperación ao desenvolvemento e propoño que reflexionemos que a desigualdade que vivimos aquí a levamos xenerando dende hai tempo noutros lugares». «O feminismo é a miña óptica vital que o abrangue todo, presente en todas estas páxinas, nas que me sentín acompañada polas pensadoras, activistas e membros dos Grupos de Axuda Mutura, fonte inagotable de experiencia e esperanza». «Tratei de ofrecer unha visión global das cousas e da maneira de entender ás outras e de entendérmonos nós». Antes de ler as páxinas iniciais e o epílogo do libro, María Reimóndez insistiu na necesidade das políticas de conexión, afirmando a súa convicción «no traballo de profundidade máis ca no de superficie».

Onte 917: Bibliotecas galegas á baixa

1345141792_377956_1345145215_noticia_normalCoñecimos onte o documento que sobre as bibliotecas galegas publicou o Observatorio da Cultura Galega. Entre outros datos, é salientable o aparente paradoxo existente entre a redución dos investimentos públicos nestas institucións culturais básicas, que baixan de 5,5 millóns de euros en 2008 ao 1,3 millóns en 2013 (un recorte do 76,00 %), co incremento do número de usuarios inscritos na súa rede, que no mesmo período pasa das 872.116 persoas en 2008 ás 1.029,856 de 2012 (unha suba do 18,00 %). Un paradoxo, menos recursos con máis usuarios, que explica o papel social e cultural imprescindible das biblioteas públicas no entorno da crise e dos recortes das políticas públicas (Xunta e administracións locais) en materia de lectura. Non deixa de ser aínda máis desacougante que Galicia sexa a antepenúltima comunidade autónoma no uso das bibliotecas, xa que apenas o 16,3 % da poboación declara acudir decote a elas. Como tamén o é que neste período, que coincide coa mudanza do goberno, se perdesen 45 bibliotecas dun total de 505. O das bibliotecas é outro motivo de grave preocupación sobre o estado da cultura en Galicia.